Ir al contenido principal

III DOMINGO DO ADVENTO

En tempos de crise, o anuncio da Boa Nova chámase Solidariedade

SIGNO: A terceira folla do trevo, na que escribimos ACOLLER.

PÓRTICO

Ás veces, recorremos ás caretas para que os demais non descubran a nosa face ou para dende o anonimato mostrarnos como non somos. Hai caretas de todo tipo: de terror, de personaxes coñecidos, de tristura, de felicidade. Pero na nosa vida, aínda que non poñamos caretas, si somos artificiais nas nosas relacións, coa risa fácil, co chiste ocorrente, con tal de rir un pouco e así proliferan na televisión e na radio os programas deste tipo. Non nos damos de conta de que cada persoa é diferente e cada sorriso é propio, como propia e a alegría de cada un.

Neste domingo que se nos fala da alegría, descubramos a alegría da nosa fe. Non somos uns cristiáns murchos, nin frustrados, nin miméticos, somos uns cristiáns libres que expresan a felicidade de seguir a Xesús.

O PERDÓN

v Polas veces nas que facemos as cousas só para que nos gaben, e non poñendo nelas o noso esforzo e o noso alento coma unha condición indispensable do noso sermos cristiáns, SEÑOR, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.

v Porque preferimos estar sentados comodamente sen que a realidade e as persoas inflúan na nosa vida e no noso actuar, CRISTO, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.

v Porque pechamos os oídos, a vista e o corazón ao Espírito, que segue querendo abrir camiños de renovación e esperanza en cada un de nós. SEÑOR, ALUMEA AS NOSAS TEBRAS.

REMUÍÑO

Ø Unha das concrecións fundamentais do proxecto de Deus é a chamada para que vivamos a salvación, non como un abstracto irrelevante, cheo de medo e de ritualismo baleiro, senón como un deixarnos levar polo Espírito, para curar os “corazóns destrozados”. Nós ben sabemos que ao noso redor son moitos os “corazóns rotos e sen esperanza”. A dureza e as dificultades da vida vanse concretando en situacións de soidade, perda de traballo, violencia, explotación, falta de respecto aos dereitos fundamentais da persoa... Pois nestas situacións, Deus, solidario con estas persoas, maniféstase de moitos xeitos e maneiras. Unha delas é a través da nosa mediación. El non nos deixa solos, e o texto de Isaías lémbranolo. No Servo están presentes tantas persoas que non poden facer o camiño da vida desde a dignidade que posúen. Por iso correspóndenos a nós, saber poñer nestas vidas rotas afecto, sinceridade, consolo... cercanía.

Ø Como Xoán, tamén nós estamos hoxe chamados a ser testemuñas da luz. Esa luz que é Cristo. Poderíamos estar preguntándonos se de verdade no noso xeito de dicir e facer as cousas, somos verdadeiras testemuñas de quen é luz, esperanza e salvación. O mesmo que Xoán, nós tamén estamos chamados a ser forza e man que leve auga a tantos desertos, aparentemente oasis, pero que camiñan na dificultade e a tristura. Desertos que levan a moita xente a vivir sen medios, na ruptura familiar, na dor da enfermidade, no fracaso e a desilusión por non ter cumprido as expectativas da súa vida. Son, entón, moitas as secas nas que viven tantas persoas, e que chaman por nós para concretar na vida o que cremos; levando a auga que dea verdadeira dignidade. Deste xeito, solidariedade, gratuidade, e entrega serán tres actitudes ás que nunca debemos renunciar os seguidores de Xesús. O Advento é un bo momento para revisar a nosa vida e as actitudes coa que enchemos de auga o nosos pozo.

Ø E todo isto sen esquecer que os demais non teñen que tropezar e descubrirnos a nós, senón que a través noso teñen que descubrir o rostro de Xesús. Xoán tíñao claro. Non se arroga falsas identidades: non é o Mesías, nin Elías, nin tampouco o profeta. Recoñece que el é só unha voz que grita no deserto. Non pretende primeiros postos nin palacios, proclama o que ten que anunciar e a quen ten que anunciar, simple e sinxelamente. Pero… que difícil nos resulta!. Que lonxe estamos disto, tanto a Igrexa como institución (que parece que máis que predicar a Deus predícase a si mesma: tantas leis, tantos decretos, tantas palabras ferintes falando no nome de Deus, coma se El fose intolerante, racista ou xenófobo) como cada un/unha de nós (que vivimos das apariencias, que nos gusta que nos gaben, que demandamos o noso minuto de gloria e nos consideramos o embigo do mundo).

Ø Que este Advento nos axude a sermos mensaxeir@s dun Deus amor, dun Deus pai/nai, pois somos medios, nunca fins.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Chamad@s a preparar o camiño ao Señor, respondamos dicindo xuntos:

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

* Pola Igrexa, para que nunca teña medo dos profetas, de calquera persoa que anuncia algo novo que pon en crise o noso vivir concreto, e así no caia nunca máis na tentación de acusalas de sementar desconcerto, difamándoas, excomungándoas ou facéndoas vivir na sospeita e no silencio, OREMOS.

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

* Para que cantos formamos as nosas comunidades saibamos estar ao lado de tantas persoas que viven no deserto e esperan que a Igrexa sexa o oasis que lle dea solidariedade e amor, OREMOS.

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

* Por cada un e cada unha de nós, para que conscientes de sermos elixid@s por Deus para unha misión, nunca renunciemos a ser testemuñas da Boa Nova alí onde esteamos: familia, traballo, comunidade…. OREMOS.

QUE A VIDA A FAGAMOS SOLIDARIEDADE

Señor, pómonos na túa man. Que esta oración que compartimos esperte en nós o camiño da solidariedade.P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Un día chegou un home con maxia na voz,

con calor nas súas palabras e cunha mensaxe engaiolante.

Un día chegou un home coa ledicia nos seus ollos,

a liberdade nas súas mans e o futuro nos seus feitos.

Un día chegou un home coa esperanza nos seus xestos,

coa forza do seu ser, cun corazón enorme.

Un día chegou un home que tiña o Espírito,

coa felicidade no seu padecer, co sentido no seu morrer.

Un día chegou un home co tesouro do seu ceo,

coa vida da súa cruz, coa resurrección na súa fe.

Un día chegaches Ti…

Vén agora, tamén,Señor.

CANTOS

Entrada.- Ven axiña a visitarnos

Lecturas.- Veña o teu reino

Ofertorio.- Na nosa terra

Comuñón.- Volve, Señor

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...