Ir al contenido principal

Sagrada Familia 2008

Ser familia desde a pluralidade de vivencias e situacións: saber acoller

Pórtico

         Logo da celebración do Nadal, a liturxia sitúa a festa da Sagrada Familia. Pode ser este un bo momento para que tod@s botemos unha ollada a como cada un de nós vai colaborando para que nas nosas familias se poida vivir o sentido cristián: se nos queremos, se nos escoitamos, se somos capaces de crear un clima de respecto e confianza... porque só se somos quen de vivir nas actitudes da familia de Nazaret, poderemos levar con dignidade o nome de cristiáns. O bautismo introdúcenos no camiño, pero é na vida de cada día onde de verdade se vai mostrando que aquela auga que un día recibimos ao presentarnos os nosos pais e padriños á comunidade é auga que nos chama a responder ao mandato de Xesús de saber crear verdadeiros fogares que respondan ao que El foi capaz de vivir no fogar de Nazaret.

         Que a celebración de hoxe nos axude a tomar conciencia de que tamén nas nosas familias estamos chamad@s a vivir como amigos e seguidores de Xesús.

Perdón

§     Porque moitas veces non somos nas nosas familias vínculo de unión, SEÑOR, AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.

§     Por tódalas veces nas que esquecemos que formar parte dunha familia é tamén esforzarnos para crear nela espírito de colaboración e participación, CRISTO,AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.

§     Polas veces nas que non nos temos sentido na nosa comunidade membros da familia cristiá, SEÑOR, AXÚDANOS A SENTÍRMONOS FAMILIA.

Remuíño

         A dispoñibilidade de Abrahán, o seu vencer os medos e poñerse en camiño, abriu unha nova xeira para Israel. Unha xeira na que non se van sentir nunca solos: Deus cumpre a súa palabra. É o seu pobo, preocúpase del. A súa Alianza é un camiño cheo de esperanza e proxectos para Israel... e tamén para nós, porque o si que deron nosos pais o día do noso bautismo, incorporounos á familia dos seguidores de Xesús. E esta expresión non pode ser algo baleiro e rutinario, coma se non supuxese nada na vida de cada un de nós. Parémonos a pensar un pouco sobre o que significou para os nosos pais e para nós a súa decisión de entrar a formar parte da familia dos seguidores de Xesús. Non é un introducirnos nun conxunto de prácticas e ritos, senón que é querer vivir no seo da familia de Xesús, convértenos en familia cristiá, é dicir, en persoas marcadas co signo da presenza de Cristo en cada un de nós. E se Cristo está en cada un de nós, nin a violencia, nin as desconfianzas, nin os enganos, nin os ciumes, nin...poden ser actitudes e comportamentos presentes nas nosas relacións. Parémonos a pensar nisto por si tiveramos que darlle un novo horizonte ao xeito no que estamos entendendo e vivindo o ser familias cristiás.

         Abrahán, Sara e Isaac souberon poñer a súa confianza en Deus. E non lles foi nada fácil, ao contrario, atopáronse con moitas dificultades; pero souberon vencelas, porque para eles pesaba moito máis a fidelidade a Deus que os atrancos que ían atopando na súa vida. Sabían que estar dispostos a dicir si a Deus non é doado, que supón moitas dificultades, que pode levar moitas veces a ter que ir contracorrente, a quedarse só, a ter que vivir no illamento, pero paga a pena, porque as modas pasan, os utilitarismos rematan na nada, pero a confianza en Deus é pulo para seguir adiante e superar atrancos. É forza na loita diaria de cada día, inda que nos poida parecer a nós, ou lle pareza a outros que non ten sentido ou está pasado de moda. Non caiamos nunha visión fácil, superficial e efémera da familia, aprendamos a confiar en Deus e vivamos a nosa relación coma un espazo de confianza e axuda mutua, disposta a rachar con canto nos impida crecer e dar froitos de alegría sincera e transformadora das nosas relacións entre os membros da familia.

         E deste xeito, con normalidade e sen ningún tipo de estridencias nin extravagancias, aprendamos a afrontar a vida de cada día, sabendo que haberá días bos e días non tan bos; que haberá momentos de tensión e momentos de ledicia; que atoparemos situacións nas que pensaremos que somos bechos raros, porque ninguén nos entende, e situacións nas que teremos que ser nós os que abramos mans e corazóns para acoller a outros que chaman nas nosas portas desorientados e buscando calor humano, cercanía de corazón e sinceridade para escoitar. Nestas situacións que saibamos volver os nosos ollos á familia de Nazaret, ela tamén se sentiu estraña e soa en moitas ocasións, pero seguiu confiando naquel que sabían que non os ía deixar solos. E deste xeito crecían en amor, confianza, liberdade e compromiso a favor dos outros, especialmente dos máis necesitados. Que tamén nós, desde o noso ser membros dunha familia, saibamos crecer nela con confianza, sabendo querernos e respectarnos nas diferenzas, colaborando no que uns e outros necesiten e superando a tentación de converter a familia nunha pensión. A familia de Nazaret buscou o entendemento, que tamén nós saibamos facelo así, e nos deixemos de discutir sobre cuestións que nos fan perder o tempo e non responden aos dous valores que temos que ir construíndo nas nosas familias, como tamén se esforzaron en facelo María, Xosé e Xesús: amor e capacidade de comprensión. Non trabuquemos o rumbo!.

Oración da comunidade

         Deus invítanos hoxe a ir poñendo esforzo e cariño para ser unha verdadeira familia cristiá. Na pluralidade que as familias mostran, presentemos a nosa oración agradecendo o amor que as fai camiñar cada día, e digamos xunt@s:

                            QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA

ö Pola Igrexa, para que abandone a belixerancia e volvendo os seus ollos a Cristo, saiba acoller e valorar que é no amor como se constrúen as familias, Oremos.

              QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.

ö Polas nosas comunidades, para que saibamos vivir e compartir como verdadeira familia a mensaxe de Xesús, esforzándonos en poñer paz onde haxa enfrontamento, e amor onda haxa odio, OREMOS

              QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.

ö Polas nosas familias, para que saibamos admitir a súa pluralidade e non caiamos na tentación de impoñer unha única maneira de manifestarse e configurarse, OREMOS

              QUE A FAMILIA CREZA NA CONFIANZA.

         Grazas,Señor, por abrirnos os ollos e o corazón a descubrir que non son os papeis, senón o amor e cariño duns para cos outros, o que vai facendo que xermolen familias cristián.P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Sagrada Familia de Nazaret, comuñón de amor de Xesús, María e Xosé, modelo e ideal de toda familia cristián, a ti confiamos as nosas familias.

Fai de cada familia un santuario no que se acolla e se respecte a vida: unha comunidade de amor aberta á fe e á esperanza, un fogar no que reinen a comprensión, a solidariedade; e no que se viva a ledicia da reconciliación e da paz.

Concédenos que todas as nosas familias teñan unha vivenda digna na que nunca falten o pan suficiente e o necesario para unha vida verdadeiramente humana.

Abre o corazón dos nosos fogares á oración, á acollida da Palabra de Deus e ao testemuño cristián; que cada unha das nosas familias sexa unha auténtica Igrexa doméstica na que se viva e se anuncie o Evanxeo de Xesucristo. Amén

Cantos

Entrada.- Que ledicia

Lecturas.-Escoita ti a palabra de Deus

Ofertorio.- Eiquí están, Señor

Comuñón.- Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...