Ir al contenido principal

NADAL 2009

FRONTE AO UNIFORMISMO, DIVERSIDADE

(Campaña de Nadal de Cáritas)

PÓRTICO

Porque o nacemento dun neno non era unha festa para tod@s; porque á meirande parte das persoas a vida resultáballes unha triste e penosa escravitude; porque un poder tiránico asoballaba a liberdade dos pobos impoñendo leis inxustas, unha paz muda e unha cultura uniforme; porque a dignidade da persoas medíase pola forza, a riqueza ou a sorte; porque a humanidade vivía nunha crise desesperanzada e deprimente; e porque só Deus podía salvar ás persoas,... quixo o Fillo de Deus facerse home.

O nacemento de Xesús foi un exceso de amor e misericordia. Non veu deslumbrar nin conquistar nada... só corazóns. Veu para devolverlle á persoa a súa dignidade e fermosura. É coma se Deus dixera: "Quero estar contigo, porque te quero; limparei o teu corazón e abrirei os teus ollos para que recoñezas a túa grandeza e dignidade".

O amor de Deus pon de manifesto a diversidade de dons que nos regalou para poñelos ao servizo dunha nova sociedade, dun novo tempo. A que esperamos?.

O PERDÓN

  • Pai, Ti déchesnos ao teu Fillo para facernos fillos e fillas teus, revestíndonos de divindade; PERDOA A NOSA INHUMANIDADE.
  • Cristo, Ti fixécheste home para facernos irmáns e irmás, vivindo en comuñón; PERDOA AS NOSAS DIVISIÓNS, DESIGUALDADES E INSOLIDARIEDADES.
  • Espírito Santo, Ti unxiches e enviaches a Xesús para evanxelizar aos pobres; PERDOA QUE NON SAIBAMOS ACHEGARNOS E ALEDAR AOS POBRES.

REMUÍÑO

Os emperadores rexían o mundo a base de decretos e lexións. Decrétase que Roma ha ser a Cidade, o centro do mundo, e as lexións recorrerán a xeografía para implantar o selo romano. Decrétase que as únicas leis que valerán serán as aprobadas polo Senado Romano ou as que dite o emperador. Decrétase que todos os súbditos do imperio han ter papeis romanos e pagarán impostos con moeda romana.

Por un deses decretos, unha parella nova tivo que desprazarse cara á Belén a pesares do embarazo avanzado da muller. Non tiñan a documentación en regra nin tampouco lles sobraban os denarios; pero ela pariría nunha manxadoira á meirande xustificación e riqueza das persoas. Porque ese neno traía paz, tenrura, xenerosidade. E atopou unha manxadoira, uns cueiros e un par de corazóns acendidos que tremían diante do misterio.

Roma e Belén son todo un contraste: Roma é o poder dun home endeusado, Belén é a pequenez dun Deus humanado. Roma é o triunfo da forza, Belén é o triunfo do amor; Roma é un canto de gloria, Belén é un signo de marxinación. Roma é imposición, Belén é respecto. A Roma conflúen os ríos das finanzas, Belén é unha fonte de deprendemento. Roma é un resume da inhumanidade, Belén é o comezo dunha nova humanidade.

  • Tres sinais nos que descubrimos a Deus

Descubrimos a presenza de Deus en tres sinais do evanxeo que proclamamos na Noiteboa: un neno, unha manxadoira, uns capizos.

  • Un neno: expresa a preferenza de Deus polo pequeno, polo desvalido. É unha manifestación da súa tenrura. Evócanos protección, confianza, futuro, esperanza, desenvolvemento, promesa, responsabilidade.... O neno sorrí ao futuro, con el renóvase a esperanza da humanidade.
  • Unha manxadoira: Nin palacios, nin tesouros, nin riquezas, senón pobreza e marxinación. Xesús nace e vive na austeridade, no despoxo e na desinstalación. Fixo opción polos pobres e identifícase con eles. Desde que El nace nunha manxadoira, todos os pobres son lugar teolóxico, sacramento e sinal da presenza de Deus.
  • Uns capizos: Deus faise necesitado dos nosos servizos, quere deixarse axudar. Os cueiros significan xesto de servizo e axuda aos demais: roupa, menciñas, pan compartido, bico, sorriso, esmola, compaña.... sempre realizados con tenrura e respecto.

Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega chama na nosa porta. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ve-la luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude. Porque a luz xa chegou, invitémola a pasar, sentémola á nosa mesa, compartamos con ela o noso pan. Porque esa luz móstrasenos cada día nos pobres e pequenos do lugar onde estamos. Por iso no nacemento da nosa parroquia non hai anxos nin pastores, senón que están os pobres e pequenos do noso mundo: nenos escravos, parados, mulleres maltratadas, anciáns abandonados, enfermos, inmigrantes, famentos..... dun xeito especial queremos que sexa tamén para eles Nadal, que a través do noso esforzo, da nosa oración, do noso traballo compartido, eles tamén poidan ver a salvación de Deus, porque....Xesús xa está aquí, recoñezámolo!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

No día no que se manifestaron a bondade e o amor de Deus a todas as persoas, pedímoslle a este Deus Amor que coide de nós dicindo:

AMÉN

  • Para que ninguén desespere, porque hoxe naceu un Deus que nos quere, OREMOS.

AMÉN

  • Para que haxa respecto e paz entre todas as persoas e entre todos os pobos, porque naceu a Paz na terra, OREMOS.

AMÉN

  • Para que ninguén sexa explotado, excluído ou torturado, porque naceu o Defensor dos pobres, OREMOS.

AMÉN

  • Para que prevalezan a alegría e a esperanza en todas as persoas, porque tamén hoxe é NADAL, OREMOS.

AMÉN

  • Para que tod@s nós, que celebramos este misterio de nadal sexamos testemuñas do amor misericordioso de Deus cara todas as persoas, porque sempre ha ser Nadal, OREMOS.

AMÉN

Pai, Ti que amaches tanto ao mundo que lle deches ao teu Fillo, fai que saibamos crer e vivir a dimensión divina do humano e a dimensión humana do divino.PXNS. Amén

PARA A REFLEXIÓN

UN BELÉN DIFERENTE

De Belen_2009

Este ano poñeremos un nacemento diferente,
sen anxos, sen pastores, sen reis,
porque na miña aldea xa case non existen,
e nenos e adultos non entenden que estean contigo
só os que non vemos nas rúas.
No seu lugar poñeremos figuriñas do presente.

De Belen_2009
Un parado, vítima de todas as multinacionais,
coas mans cheas de callos e con enrugas na fronte.
Ten vergoña e doe miralo.
De Belen_2009
Un inmigrante
, sen patria, sen fogar, sen papeis,
de cor, con cheiro e fame.
Quizás esta noite o acubille alguén.
De Belen_2009
Unha muller maltratada
, coa mirada triste e tenrura latexante,
usada e xulgada por case toda a xente.
Quizás esta noite rencontre a súa dignidade.
De Belen_2009
Un neno escravo
, sen perspectivas de futuro,
porque nesta terra non ten presente.
Quizás esta noite vexa a estrela da súa vida.

De Belen_2009
Un famento, vítima da nosa sociedade consumista

que non ten prexuízos á hora de pisotear aos demais.
Quizás esta noite lle chegue a súa xustiza.

De Belen_2009
Un enfermo, separado, illado coma unha peste,
deitado nun leito sen futuro e case sen presente.
Quizás esta noite alguén se achegue a el e lle dea un biquiño.

De Belen_2009
Un ancián abandonado porque xa non é útil,

só e illado dun mundo que non quere trastos vellos.

Quizás esta noite alguén lle faga un rato de compaña.

Xa sei que non están todos,

De Belen_2009
por iso tamén hai unha figuriña cunha interrogación;
pero se me atrevo a poñerme eu,
e non me esquezo de colocarte a Ti,
este Belén non será de Herodes.

CANTOS

Panxoliñas

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...