Ir al contenido principal

2 Pascua

FELICES NÓS, SE CREMOS SEN VER

SIGNO

Facemos da fonte bautismal o signo central da Pascua. Ao lado dela colocamos o cirio pascual, para seguir traballando a partir dos símbolos que utilizamos na noite de Pascua: auga e lume. Collemos a auga para a aspersión que substitúe á petición de perdón ou que pecha o rito penitencial de cada domingo.

Durante o tempo pascual, despois do remuíño, tamén renovaremos as promesas bautismais.

PÓRTICO

    As persoas que nos consideramos crentes vivimos a miúdo, coma os discípulos do Evanxeo, "ao anoitecer", "coas portas pechadas", "cheos de medo".... Estamos inmers@s na vella creación, non miramos nin experimentamos ao Resucitado, a humanidade nova parece ausente das nosas vidas. As nosas comunidades están ás veces repregadas, ocultas, sen dar testemuño. É coma se non tiveran alegría, perdón e vida que transmitir. A pesares de ser "o primeiro día da semana", o primeiro da nova creación, nós seguimos ancorados ao vello, ao de antes. Precisamos que o Señor se nos faga presente e recoñecelo nos seus signos.

    Hoxe, a nosa celebración invítanos a descubrir algúns deses sinais da presenza do Resucitado entre nós. a doazón da paz, o sopro creador que infunde alento e vida, a experiencia do perdón e a comunidade.

    Que esta celebración faga que atopemos a fonte da salvación no peito aberto de Xesús, o celme do mundo ferido que arela a resurrección.

O PERDÓN

(Aspersión)

  • Porque moitas veces somos incrédulos ante os teus sinais e cústanos recoñecerte nos demais, especialmente naqueles que poden comprometernos ou queren de nós tempo e esforzo, SEÑOR, SACUDE O NOSO MEDO.
  • Porque non cremos que Ti poidas actuar por nós e non poñemos interese en escoitar aos demais nin en acollelos, CRISTO, SACUDE O NOSO MEDO.
  • Porque andamos a meter a man nas feridas dos demais para abrilas, non para curalas, SEÑOR, SACUDE O NOSO MEDO.

REMUÍÑO

  • O IMPOSIBLE FEITO NOVIDADE: Neste día sería bo que nos preguntásemos se somos capaces de sorprendernos, se na nosa vida deixamos un sitio para a sorpresa, para romper a monotonía que moitas veces nos vence. Porque que somos tan previsores, temos todo tan medido, que non deixamos sitio para ningunha novidade. E isto non quere dicir que non planifiquemos, que non pensemos nos pros e nos contras das nosas accións. Quizás sexa unha defensa que temos ante fracasos coas persoas ou con proxectos que nos impiden ter esperanza en que algo novo pode suceder, en que non todo está escrito. O que nos quere dicir o feito da resurrección, é que rompamos o medo ao descoñecido, que nos deixemos sorprender polas persoas, polo que elas nos poidan aportar, polo que elas teñan que dicir: na Igrexa, na comunidade, na familia. Acaso a resurrección de Xesús no foi unha novidade?. Non foi un feito que cambiou as vidas dos apóstolos?. Aínda que iso non quere dicir que non lles custase entendelo. Temos o exemplo de Tomé que ten que "ver" para crer, ten que palpar para darse conta de que é Xesús.
  • A NOVIDADE QUE É CAMIÑO: Pero esta novidade da resurrección non trae xa todo definitivo, non despexa tódalas dúbidas. É un camiño que temos que facer, como o fixo a primeira comunidade. Aínda que a lectura de hoxe fala de conversións masivas e de entusiasmo na predicación, iso non quitou a dúbida, o rexeite da persecución e o medo por parte dos cristiáns. Acaso o exemplo do apóstolo Tomé non é o noso moitas veces?. Necesitamos a forza do Resucitado que a atopamos na súa palabra feita vida, no seu corpo feito alimento e na comunidade reunida que é expresión unánime da nosa fe.
  • UN CAMIÑO QUE IMOS FACENDO ENTRE TOD@S: Porque sabemos que o mundo de hoxe; ese que tantas veces criticamos e queremos superar, volve as costas á Igrexa. A xente nova cada día é menos crente, cada vez desconfía máis da Igrexa. Non abonda con culpar aos outros. Hai que erguer, no medio do mundo signos cribles da presenza de Deus, do amor entrañable de Xesús por toda a xente, comezando polos últimos da terra. Ese é o signo que se está a pedir: non un Evanxeo feito de rebaixas e de compracencias, senón de bens compartidos, pero, por riba de todo, de compartir a vida, o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que queremos. Esta é a forza dunha comunidade que quere renacer da fonte do bautismo e das feridas da humanidade de hoxe que están a procurar unha vida nova.


 

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

(A poder ser, desde a fonte bautismal)

Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo


 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua. O teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Por iso, agradecidos e confiados, dicímosche:

GRAZAS POLA FONTE DA VIDA

  • Pola Igrexa, para que este tempo de Pascua a cuestione a mirarse a si mesma con sinceridade, preguntándose se o abandono masivo de tantos cristiáns e cristiás non se deberá a que a resurrección só é unha palabra ritual, e non forza que dinamiza a vida da sociedade, OREMOS.

GRAZAS POLA FONTE DA VIDA

  • Polas nosas comunidades, para que o tempo de Pascua sexa de verdade un camiño novo no que sexamos quen de pechar vellas feridas, de esquecer antigas xenreiras e desencontros, de desinstalarnos dun pasado que xa non é, OREMOS.

GRAZAS POLA FONTE DA VIDA

  • Grazas porque no noso interior, a pesar do cansazo e o desánimo que nos cercan por veces, atopamos a túa voz que nos anima, a túa auga que refresca a nosa existencia, o teu sangue que se converte en nós en pulo de vida e de esperanza. OREMOS.

GRAZAS POLA FONTE DA VIDA

Grazas, Pai, porque segues a confiar en nós, porque segues a facerte presente na nosa vida para alentala e darlle forzas. PXNS. Amén


 

REFLEXIÓN

Porque Cristo resucitou, cremos na vida para sempre.

Porque Cristo resucitou, non cremos na morte, en ningunha morte, para quen queira vivir.

Porque Cristo resucitou, cremos que as persoas somos un proceso ilimitado e que podemos conseguir aquilo que nos propomos.

Porque Cristo resucitou, cremos Nel.

Porque Cristo resucitou, a forza do presente é o futuro.

Porque Cristo resucitou, o mundo está en marcha e non o deterán nin as conquistas logradas nin os intereses dos vencedores.

Porque Cristo resucitou, hai que construír unha cidade sen clases, na que as persoas sexan compañeiras e irmás.

Porque Cristo resucitou, hai un amor e unha casa para todas as persoas.

Porque Cristo resucitou, cremos nunha terra nova.

E porque cremos e esperamos, non temos nada que conservar;

e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo é perdelo todo por unha soa cousa: o Reino de Deus.


 

CANTOS

  • ENTRADA: Unha xuntanza de amor
  • ASPERSIÓN: A auga do Señor
  • GLORIA: Gloria ao Pai....
  • LECTURAS: Canta Aleluia
  • OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas

COMUÑÓN: Ti es o pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...