Ir al contenido principal

5 pascua 2010

Un tsunami de esperanza: construír o Reino, testemuñar a vida

PÓRTICO

O tempo de pascua vaise desenvolvendo pouco a pouco, case sen darnos conta, como quen vai pasando de puntillas e sen facer moito barullo. Pero neste non facer balbordo, vainos deixando a súa pegada. Si, porque como quen non quere a cousa, insiste na importancia de dar testemuño de canto cremos e celebramos, na necesidade de ir perdendo os nosos medos, na insistencia en que só desde a esperanza poderemos entender e vivir a pascua como unha experiencia gozosa, alegre e transformadora da nosa vida e das situacións que necesitan cambio e empuxe no noso contorno. Podemos dicir que o tempo de pascua é un verdadeiro tsunami de esforzo por construír o Reino, e de facer que o testemuño de cantos nos chamamos cristiáns non quede reducido á celebración do domingo ou á rutina dunhas oracións que non falan da vida.

Poñámonos en actitude de permitir que este alento de forza positiva irrompa na nosa vida.

Perdón

(Aspersión)

· Porque as veces o noso amor está baleiro e só pensa no ter, no acaparar e no aproveitarse, SEÑOR,QUE A TÚA BONDADE INUNDE A NOSA VIDA.

· Porque non acabamos de descubrir que a terra e os ceos novos temos que ilos construíndo nós coa nosa alegría e o noso saber abrir mans e corazón a quen o necesite, CRISTO, QUE A TÚA BONDADE INUNDE A NOSA VIDA.

· Porque desexamos ser querid@s, escoitad@s, comprendid@s, valorad@s, respectad@s e alentad@s mentres que nós non estamos dispost@s a mover o noso corazón e a facer o mesmo polos demais, SEÑOR,QUE A TÚA BONDADE INUNDE A NOSA VIDA.

REMUÍÑO

· Crer en Xesús é unha invitación constante a loitar contra a pasividade, contra o deixarnos ir sen facer nada positivo para nós e para os outros. No texto da primeira lectura, Feitos dos Apóstolos, cóntasenos cómo a vida daqueles primeiros grandes misioneiros da mensaxe de Xesús era una vida plena, chea de dificultades; pero tamén de moitas satisfaccións. Se lemos o texto cun pouquiño de tranquilidade e paz, descubrimos cómo estaban verdadeiramente ilusionados e felices por facerlle presente a cantos non a coñecían aínda a mensaxe de Xesús. Sabían cal era a súa misión, e nela empreñaban a súa vida. E en absoluto protestan, se queixan ou consideran que están a facer algo fora do común. Non, para eles aquilo era o que tiñan que facer, sen darlle máis voltas.

Tamén nós deberíamos actuar así, testemuñando aquilo que nos enche, aleda, fortalece, axuda… no ir desenvolvéndose da nosa vida. E tiñamos/teriamos que facelo con normalidade e naturalidade, sen facer moito barullo, convencidos de que crer en Xesús é o máis grande e importante que nos puido pasar na vida. Máis que calquera outra cousa; pois desde este facerlle oco a Xesús na vida imos orientándoa e tomando as decisión que nos van facendo sentir mellores persoas, máis solidarios e felices. A fe é una experiencia persoal, pero ha de abrirse e mostrarse comunitariamente aos demais. Deste xeito descubriremos que non estamos solos; que somos un verdadeiro tsunami de construción do Reino.

· Coma Xoán, tamén somos invitados a imaxinar un mundo mellor, a superar a tentación de dar por bo o que temos, o que estamos a vivir, o que nos está a pasar. Imaxinar que outras cousas: mundo, sociedade, paz, democracia, familia,comunidade… son posibles, significa que os ceos novos e a terra nova das que nos fala Xoán na segunda lectura non é una frase feita, non é un texto do pasado, non é una cantinela que escoitamos moitas veces e á que non lle facemos caso. Non, significa tomar conciencia de que está nas nosas mans comezar a unir vontades, corazóns, mans, ideas, proxectos… sen excluír a ninguén –todos somos importantes– para que ese mundo novo vaia comezando xa. Entón entenderemos por que se nos di que “Deus acampará no medio de nós, e seremos o seu pobo, e el será o noso compañeiro”.

· É esta a novidade que fai novas tódalas cousas: saber que Deus nos elixiu. Que o seu mandato de amarnos non era una frase feita, non foi una recomendación do pasado, non é un bonito recurso literario, senón tan real como cada un de nós, como a nosa vida –con luces e sombras-; e se El foi capaz de amarnos, e amounos primeiro, agora tócanos a nós seguir o seu camiño: amar aos demais. Porque só así entenderemos nós, e entenderán os que nos vexan, que verdadeiramente somos os seus discípulos. Non fagamos do amor una frase puramente poética, poñámoslle vida, actitudes, preocupación polos demais, proximidade, solidariedade, capacidade de escoita, tempo compartido con quen o necesita… Poñamos a Xesús na nosa vida, e abrámolo, coa nosa vida, aos demais. Se nós somos capaces de amar, quen nos vexa será capaz de descubrir quen é e por que dixo Xesús o que dixo: amádevos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Neste tsunami do Reino que é o amor, poñamos a nosa vida como testemuño sincero de que é posible ilo construíndo entre tod@s, e digamos xuntos:

QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS

· Na Igrexa, na que moitas veces , a rutina, os costumes e a desgana lévana a esquecer que ten que ser testemuño da mensaxe de Xesús, é necesario que o noso papa, bispos, curas e diáconos nunca esquezan onde está o importante, e non o confundan co secundario, Oremos.

QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS

· Polas nosas comunidades, para que co noso compromiso no aquí e no agora: acompañando a quen está só, escoitando a quen está triste, visitando a quen está enfermo, alentando a quen está desesperanzado, sexamos conscientes de que construímos un ceo e unha terra novos, OREMOS.

QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS

· Polas nosas nais, por todas as mulleres que están a levar adiante o coidado da vida, escoitando a voz do Señor e dando a luz unha sociedade nova, máis humana, máis xusta, máis fraterna, OREMOS.

QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS

· Por tod@s nós, para que non teñamos medo a renovar o noso corazón, a deixarnos querer polos demais, ofrecendo o noso tempo e esforzo para que ninguén se sinta só, desesperanzado, esquecido, nin oprimido, OREMOS:

QUE AMÁNDONOS TE AMEMOS

Grazas, Señor, por ofrecernos a capacidade de descubrir que desde o amor é posible facer da nosa vida una experiencia de alegría e entrega xenerosa aos demais.P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Señor, ensínanos a amar.

A amar coma Xesús,

empezando polos máis pobres,

polos excluídos do mundo,

por aqueles que non lle preocupan a ninguén;

pero que si que lle importan, e moito, ao noso Deus.

Amar coma Xesús,

sentindo compaixón pola outra persoa,

comprometéndose coa dor allea,

facéndose próximo de quen sofre e está abandonado.

Amar coma Xesús,

con paciencia e paixón,

con coraxe e valentía,

con xestos e actitudes,

de palabra e de obra,

coa vida e coa entrega.

Amar coma Xesús,

percorrendo camiños,

saíndo ao encontro,

dando o primeiro paso,

denunciando o que está mal,

anunciando o que Deus quere para todas as persoas,

mostrando coas obras o rostro do Deus da vida e da xustiza.

Amar coma Xesús,

na práctica concreta e real de cada día,

amando hoxe e agora,

amando a todas as persoas,

a través do servizo,

a doazón

e a entrega do mellor de cada persoa para o ben dos demais. Amén.

CANTOS

§ ENTRADA: Eu soñei

§ ASPERSIÓN: A auga do Señor

§ GLORIA

§ LECTURAS: Douvos un mandado novo

§ OFERTORIO: Quédate Señor, connosco

§ COMUÑÓN: O amor é o meirande


Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...