Ir al contenido principal

3 Pascua 2010

Non o dubides, El si está ao teu lado

SIGNO:
Seguimos co signo neste tempo de pascua: aspersión da comunidade e a renovación das promesas bautismais

PÓRTICO

Paz e ben. Xesús Resucitado vaise manifestando na horta, no camiño, na casa... Este domingo maniféstase nunha xuntanza de amigos (na comunidade), na noite (que dá medo e tristura), no mar (que é perigoso), no traballo solidario (duro e difícil), na fatiga de cada día (tantas veces aparentemente inútil), no medio da frustración (tanto esforzo para nada)....

Porque o Señor é imprevisible. O mesmo aparece no norte que no sur, na noite que no día, cando amañece e cando atardece, cando se reza e cando se come, cando se descansa e cando se traballa, cando se goza e cando se sofre, na agonía da Madalena, no desencanto dos camiñantes de Emaús, nas bágoas de Pedro, na carraxe de Saulo.... faise presente o Señor.

E o mesmo na nosa vida: sempre camiñamos acompañados por El. O problema está en que ás veces non sabemos descubrir a súa presenza ao noso carón. Pero é El quen nos envía, quen nos dá unha mensaxe, quen nos comunica a forza, quen prepara a mesa cos nosos pobres peixes. Se se sempre o tiveramos presente... a nosa vida sería unha Pascua perpetua. Que esta celebración nos axude a non esquecelo.

PERDÓN

(Aspersión)

  • Aínda que ás veces non nos esforzamos por recoñecerte nas cousas pequenas de cada día, e non traballamos para facelas ben, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.
  • A pesares de que nos cremos mellores que os demais, que non aceptamos que as persoas poidan cambiar, que levamos conta das ofensas que nos fan os irmáns e que non damos oportunidades para o cambio, CRISTO, TI SABES QUE TE QUERO.
  • Pese a que moitas veces preferimos unha fe que nos aliena, que non compromete a nosa vida, que nos adormece e que remata ao saír dos templos, SEÑOR, TI SABES QUE TE QUERO.

REMUÍÑO

  • A invitación que hoxe nos fai Xesús no evanxeo a botar as redes, mal interpretada, pode levarnos a caer nun proselitismo erróneo que tantas veces unha boa parte da nosa Igrexa utilizou e mesmo utiliza e que tan malos resultados lle deu e lle está dando. Botar as redes para que o Señor as encha significa achegarse, confiad@s en que El camiña connosco, a todas as persoas para ofrecerlle o que somos e o que temos, o noso esforzo e a nosa axuda para ir construíndo entre todos comunidade, Igrexa, Reino… Pero ollo, non desde a imposición ou desde a obediencia cega, senón desde a invitación. Porque temos que desenganarnos: no medio dunha sociedade que se esquece e mesmo ás veces parece querer matar a Deus, a Igrexa, que non o esquezamos, somos tod@s nós, seremos cribles se coas nosas accións, coas nosas palabras, cos nosos xestos… nunha palabra, se, co noso talante estamos dispost@s a ser testemuñas daquel que, o día de Xoves Santo que tan fresco temos na nosa vida, nos invitou a pasar polo mundo sendo servidores de todos.
  • Polo tanto non se trata de berrar moito, de dicir palabras fermosas, de laiarse de que outro tempo pasado foi mellor… trátase máis ben de mirar cara adiante co optimismo e coa ledicia de sabérmonos querid@s e agarimad@s por un Deus que é amor e que nos invita a facelo presente no mundo sendo, coa nosa vida, homes e mulleres sementadores de esperanza e de ilusión. Porque, con qué criterio predicamos a Deus e non acompañamos aos nosos irmáns e irmás cando sofren?. A fe, malia que lle pese a demasiados, non é só cuestión de culto, de templo, de sancristía, senón que tamén ten unha dimensión social que en demasiadas ocasións esquecemos, porque compromete a nosa vida a xornada completa. Certamente é importante non faltar á celebración do domingo, orar diante do Santísimo, rezar o rosario… pero non é menos importante non explotar ás viúvas cobrando estipendios inxustos, dar conta dos cartos da comunidade, acompañar a quen sofre a perda dun ser querido, alentar a quen se sente precisado do noso tempo, do noso sorriso, da nosa man.... Iso tamén forma parte da vida de fe. E esas son as redes que se nos invitan a botar hoxe: a rede da proximidade, do diálogo, da escoita, do agarimo, da xustiza, da compaña....
  • Así é como daremos razón da nosa esperanza: se temos sempre presente que non podemos disociar a vida e a fe, o que cremos do noso actuar, o que rezamos do que facemos… Non temos a posesión absoluta da verdade, temos que confiar na xente, dar oportunidades… coma fai Xesús hoxe con Pedro. A pesares de telo negado tres veces, hoxe o Señor volve darlle unha nova oportunidade. Que nós tamén, nesta nova oportunidade que se nos abre co tempo pascual, saibamos facer presente ao Resucitado ao noso redor dende as redes evanxélicas.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS

(A poder ser, desde a fonte bautismal)

Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:

  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Cantas veces, Señor, queremos botar as redes e enchelas sen contar contigo, de aí que as recollamos baleiras. Porque necesitamos da túa axuda, dicímosche:

SI, QUEREMOS SEGUIRTE

SI, QUEREMOS SEGUIRTE

SI, QUEREMOS SEGUIRTE

SI, QUEREMOS SEGUIRTE

Señor, o tempo da pascua é un tempo no que nos mostras o testemuño daqueles que decidiron e responderon si coa súa vida á túa invitación. Que nós tamén venzamos medos e prexuízos, e saibamos presentar a nosa vida coma testemuño da invitación que nos fas a seguirte. Por Xesucristo o noso Señor. Amén.

CANTOS

PARA A REFLEXIÓN

(Preparamos fotocopias para repartirllas á xente e rezámola tod@s xunt@s)

Señor, Ti sabes que sempre te quixen,

e que sigo queréndote;

Ti sabes que te quero.

A pesares da miña soberbia e do meu orgullo,

a pesares dos meus medos e infidelidades,

Ti sabes que te quero.

A pesares do cansazo e do abandono de tantos días,

a pesares da miña cachola de pedra,

Ti sabes que te quero.

A pesares de que me custa adiviñarte entre a xente,

a pesares do torpe que son para verte vestido de pobre,

Ti sabes que te quero.

A pesares das miñas dúbidas de fe,

da miña esperanza vacilante,

do meu amor posesivo,

Ti sabes que te quero.

A pesares das bravuconadas dalgúns días,

da apatía e da desgana doutros,

a pesares dos meus pés cansos,

das miñas mans sucias,

do meu rostro desencaixado,

Ti sabes que te quero.

A pesares de que me custa quererme a min mesmo,

a pesares de que non sempre te entendo,

a pesares das liortas nas que me meto,

Ti sabes que te quero.

Quérote, Señor,

porque Ti quixéchesme primeiro,

e non renegaches de min,

a pesares de ser zote e fráxil.

Quérote, Señor,

porque sempre confías nas posibilidades que teño de ser,

xunto contigo,

aquí, no meu posto,

servidor fraterno.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...