E O TEU TDT.... COLLE A SÚA ONDA?
SIGNO:
Seguimos co signo neste tempo de pascua: aspersión da comunidade e a renovación das promesas bautismais
PÓRTICO
Paseniñamente imos debullando este tempo de Pascua. Hoxe chegamos xa ao cuarto domingo, tradicionalmente coñecido coma o domingo do bo pastor. As persoas que temos a sorte de ter nado nun medio rural, sabemos ben de qué fala o Señor cando di que as ovellas coñecen e recoñecen a voz do seu pastor. E é que esta imaxe de pastor serve para expresar a relación de Deus co seu pobo. Fronte aos dirixentes, que non serven nin se preocupan da xente, Xesús móstrase coma aquel que coñece o seu rabaño, condúceo aos pastos, deféndeo dos perigos, entrégase totalmente e dá a súa vida por el. Nunha palabra: a súa autoridade vén da adicación que lles presta.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a ter os oídos ben abertos para non deixarnos engaiolar por cantos de sereas que só queren confundirnos e que nos fan infelices.
O PERDÓN
(Aspersión)
- Porque non lle prestamos atención á túa voz, que nos fala nas persoas enfermas, nas que precisan alento, nos maiores, nas desesperanzados, nas que requiren do noso tempo, SEÑOR, ARREDA DE NÓS O FANATISMO.
- Porque moitas veces andamos sen rumbo, como borregos, deixándonos levar polo que pensa, di e fai a maioría, para non ter que tomar nós decisións propias e que comprometen a nosa vida, CRISTO, ARREDA DE NÓS O FANATISMO.
- Porque, créndonos persoas distinguidas e devotas, pensamos que só nós temos a posesión da verdade, e non estamos dispost@s a deixarnos contaminar por quen pensa distinto, SEÑOR, ARREDA DE NÓS O FANATISMO.
REMUÍÑO
- A lectura do libro dos Feitos dos Apóstolos que vimos de escoitar, reflicte un problema antigo, un problema que xa xorde nas primeiras comunidades cristiás e que, despois de dous mil anos, segue vixente dentro da nosa Igrexa: o fanatismo ou integrismo. Si, porque se cadra hoxe máis ca nunca hai demasiadas persoas que seguen facendo leiv motiv da súa vida aquilo de "ou comigo ou contra min", e que non son capaces de abrirse ao novo, ou mellor dito, non son quen de discernir os sinais dos tempos e de descubrir as pegadas de Deus na historia.
O problema que se presenta (a universalidade da salvación) segue a ser unha ferida aberta para moitas persoas dentro da nosa comunidade eclesial. E é que en demasiadas ocasións sentímonos identificados coas señoras distinguidas e devotas que, incitadas polo poder xudeu, usadas na súa ignorancia como pobres cabezas de turco, verten toda a súa frustración e incompetencia sobre Paulo e Bernabé por teren perdido o seu tempo cos xentís. Sóanos familiar o conto?. Quizais se facemos unha traslación e cambiamos algún detalliño, de seguro que se nos fai tremendamente coñecido.... Como pode ser que alguén non se axeonlle na consagración?; a comuñón hai que recibila na boca e hai que evitar recibila dalguén que non sexa sacerdote; como unha celebración da palabra dirixida por unha persoa seglar pode substituír a unha Eucaristía?; como aquela persoa ou aqueloutra pode ir comulgar cos pecados que ten?; como pode haber un viacrucis que non siga o esquema tradicional?; como se nos ocorre falar dun Deus PaI-Nai que nos quere a todas as persoas se, como ben sabemos, Deus premia aos bos e castiga aos malos?; como se pode ser bo veciño ou bo cidadán se non temos a referencia de Cristo?; como hai catequistas que nunca fixeron uns exercicios espirituais?; como.....?. Se sempre se fixo así!!!!!!. Con tanta modernidade, acabamos con todo!.
Nunha palabra, perdémonos en integrismos e fanatismos estúpidos e inútiles pasando por alto a misericordia de Deus, esquecendo que, como ben di a Palabra que proclamamos, a salvación é universal, obviando a importancia da inculturación da fe, que aquilo que nos serviu hai anos agora xa non ten sentido e hai que renovalo e abrir as ventás para que marche o tufo a naftalina, incenso e reseso.
Os xudíos practicantes, as señoras distinguidas e devotas eran... e son....os de sempre: os que están seguros de si mesmos, os que non teñen nada que aprender, os que teñen fío directo con Deus, os que non dubidan de nada, os que o saben todo e viven ben...
- Por iso cómpre ter os ollos, os oídos e sobre todo o corazón ben abertos para saber recoñecer a voz do Señor que nos vai falando a través da vida e da historia. Non vaia ser que esteamos tan atentos ao accesorio, á rixidez da letra e ao doutrinalmente seguro que deixemos de lado o fundamental: a cercanía, o diálogo, a xustiza, a comprensión, o poñerse no lugar do outro.... nunha palabra: O AMOR!. Esa é a boa onda que o TDT no noso corazón está chamado a sintonizar. Seremos capaces de cambiar o noso chip integrista?.
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
(A poder ser, desde a fonte bautismal)
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
- Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
- Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
- Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
- Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
- Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí a agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Señor, sabemos que Ti queres ser para cada un e cada unha de nós auga que limpe o noso corazón do fanatismo e luz que alumee unha salvación universal. Porque estamos dispost@s a estar atentos á túa voz, dicímosche:
SEÑOR, QUE OS NOSOS PASTORES NON NOS IGNOREN
- Para que na Igrexa os seus pastores se esforcen e comprometan a súa vida para servir, e non para situarse e impedir a pluralidade, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS NOSOS PASTORES NON NOS IGNOREN
- Hoxe, na nosa oración queremos ter presente dun xeito especial ao noso novo bispo, Luís. Para que sempre sexa un pastor cercano, agarimoso e caracterizado pola súa capacidade de servizo cara a todas as persoas que constituímos a súa nova diocese, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS NOSOS PASTORES NON NOS IGNOREN
- Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por crecer en confianza, dispoñibilidade e colaboración de tod@s: pastores, leig@s e consagrad@s, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS NOSOS PASTORES NON NOS IGNOREN
- Por todos e todas nós, que nos xuntamos para escoitar a Palabra e compartir o pan da vida; para que nunca deixemos que a soberbia do fanatismo e do integrismo, de crernos mellores e superiores aos demais aniñe no noso corazón, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS NOSOS PASTORES NON NOS IGNOREN
Grazas, Señor, porque a pesares de que moitas veces nos cremos superiores, Ti segues chamándonos á igualdade e á fraternidade. Dános azos para que ese sexa sempre o noso compromiso. PXNS. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Aquí estamos, Señor,
con fame e sede de vida.
Pero amando só a sorbos,
para non crear lazos;
rebaixando o evanxeo,
para facelo cómodo....
Soñando utopías sen realidades,
camiñando detrás das túas pegadas,
sen romper lazos que nos escravizan.
E a nosa fame e a nosa sede non desaparecen.
Asubía, Señor, a túa canción,
coma un bo pastor;
que se escoite por outeiros e montañas,
pradeiras e desertos.
Espértanos desta sesta.
Sacúdenos de tanta indolencia.
Deféndenos de tanto fanatismo.
Condúcenos cara ós pastos da túa terra.
Dános, Señor, vida verdadeira.
CANTOS
- ENTRADA: Pedras vivas
- ASPERSIÓN. A auga do Señor
- GLORIA
- LECTURAS: Canta aleluia
- OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
COMUÑÓN: O amor é o meirande
Comentarios