Ir al contenido principal

19 domingo TO 2011

SUPERAR A SOBERBIA DO FARAÓNICO, AXÚDANOS A VER A DEUS NO PEQUENO E SINXELO

Pórtico

    A sociedade occidental, á que nós pertencemos, é unha sociedade marcada fundamentalmente por dous elementos: a dúbida diante de todo e todos e o afastamento de Deus. E a pouco que o pensemos, as dúas están en moi estreita relación; xa que se sobre todo se dubida e nada hai de certo sobre o que asentar principios, valores ou actitudes; e se non temos certezas, se os principios están ao servizo do que conveña ou non en cada momento, e se as actitudes todas son iguais e valen o mesmo, para que ter a Deus como referente?. Xa nos valemos nós mesmos para facer, desfacer, alentar ou desalentar momentos, situacións e circunstancias. Este escepticismo que respiramos en occidente vai facendo que crezamos planos e sen horizontes. E xa sabemos, se na vida non hai horizontes máis alá do que vemos e tocamos, todo se nos volve sen sentido e innecesario.

Porén, no Evanxeo de hoxe, Xesús invítanos a non deixarnos afogar polo presentismo nin polos acontecementos faraónicos, senón a descubrilo no pequeno, no cotián, no sinxelo. Verdade que paga a pena?. Verdade, entón, que non todo vale nin dá o mesmo?. Verdade que a nosa tarefa é descubrilo no que facemos?. Aprendamos logo a encher a vida de sentido, entusiasmo e esforzo por cambiar para ben.


 

Perdón

  • Para que nunca esquezamos que a túa misericordia invítanos a valorar a quen está ao noso lado e a tenderlle a man cando o necesite, SEÑOR, QUE OS IRMÁNS SEXAN O PRIMEIRO.
  • Para que non renunciemos nunca a poñer o noso esforzo para axudar a quen preto de nós está e se sente necesitado, CRISTO, QUE OS IRMÁNS SEXAN O PRIMEIRO.
  • Para que nunca deixemos afundir a quen se sinta triste, desacougado e sen esperanza, SEÑOR, QUE OS IRMÁNS SEXAN O PRIMEIRO.


 

Remuíño

  • Nun tempo de relacións humanas tan difíciles e marcadas, moitas das veces, pola rixidez, a dureza e o simple interese material, achegarse á Palabra de Deus volve ser un momento de acougo e alento no camiño cotián de ir facendo da vida unha experiencia de encontro e solidariedade. Non é entón de estrañar a invitación do Salmo a esforzarnos por atopar no medio deste mundo complexo a misericordia e a salvación que Deus nos ofrece, e que vai manifestando a través do actuar, honesto e desinteresado, de tantas persoas que non están dispostas a deixarse manipular e para as que a indignación diante dos que queren convertelas en cousas inertes e manexables, pasa a volverse acción e compromiso para non quedar pasivos ante os abusos e enganos; ao contrario, espoldrarse e unirse a cantos non están dispostos a que as cousas as sigan marcando os de sempre: os que mandan, os ricos e poderosos. Só desde esta iniciativa seremos capaces de descubrir como a misericordia e a salvación de Deus se van esparexendo no bo facer limpo e liberador de tantas persoas nas nosas parroquias, nos nosos centros de traballo ou nos nosos contornos. Por iso, o mesmo que o salmista, tamén nós podemos loar e agradecer a misericordia e a salvación do Deus ao que lle rezamos e en quen confiamos.


 

  • E engadimos esta idea do compromiso e a acción por cambiar e mellorar, desenmascarando enredos e enganos, coas palabras de Apóstolo Paulo na súa carta aos romanos. Todo paga a pena cando se fai a prol e ao servizo dos demais. Non por tranquilizar a conciencia ou por romper a nosa comodidade, non; a razón é moito máis fonda: porque compartimos a mesma irmandade, e polo tanto é o mesmo Deus o que nos une e serve de tronco e raíz común, desde a que facer as cousas que nos fan medrar coma persoas e facilitan unha vida moito máis humanizadora e gozosa aos demais, que na visión cristiá se chama: fraternidade. Só desde a fraternidade de quen sabe que é o mesmo Deus o que alenta e acompaña, podemos atopar razóns que nos leven a minguar nós, para que crezan os demais. Morrer ao noso eu, para que medre a alteridade, que nos leva a pensar e actuar desde o nós.


 

  • Deste xeito xa non nos pasará coma aos Apóstolos, a quen a dúbida e a desconfianza levábaos ao fracaso dos seus plans, dos seus proxectos, de canto facían. Do mesmo xeito pasa con nós, e así, cando as nosas seguridades esmorecen, os proxectos xa non son cribles porque nos falta confianza neles, polo que a posibilidade de levalos adiante é escasa. O Evanxeo de hoxe chámanos a poñer a nosa convición en quen non esmorece nin pasa coas modas, senón que é raíz e tronco: Xesús. Sabéndoo e confiando, as cousas teñen outros horizontes e outro sentido. O que ocorre é que a nós, coma os Apóstolos, tamén a dúbida acaba ocupando máis espazo que a confianza, polo que a nosa inseguridade nos impide vivir con gozo as nosas capacidades, e o noso esforzo por saír da rutina e traballar pola creatividade de evanxelizar para que se nos entenda cando falamos e actuamos, superando a tentación de seguir vivindo do pasado, da tradición, do que foi, esquecendo que a evanxelización hoxe pasa polo aquí e agora da presenza salvífica e misericordiosa de Deus entre nós. A mensaxe é a mesma, pero ás veces esquecemos que a maneira de presentala cambia, porque cambian os tempos e máis as persoas. Se o entendemos, seguro que superaremos a tentación da dúbida e desconfianza, para poñernos a camiñar na solidariedade confiada de quen se compromete por facer do lugar onde estea un berce de esperanza.


 


 

Oración da comunidade

    Falar de misericordia é falar de corazón grande e sinxelo. Que aprendamos a vivir con grandeza e sinxeleza de corazón cada día e en todo momento, por iso che dicimos:

QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO

  • Que a Igrexa se esforce cada día non en organizar grandes acontecementos nin construír obras faraónicas, senón en traballar cóbado con cóbado con quen se pon ao servizo dos pequenos e excluídos do noso mundo, Oremos.

QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO

  • Que nas nosas comunidades non esquezamos nunca que facer as cousas ben, con compromiso e actitudes éticas, non é ser parvos nin mixiricas, senón persoas que saben poñer a honradez e a honestidade ao servizo do ben común, Oremos.

QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO

  • Por nós, para que saibamos beber na fonte da túa Palabra, Palabra de alento, xustiza e liberdade, para poder levarlla a quen é perseguido inxustamente, a quen é excluído por non ceder ás presións dos máis fortes, a quen e esquecido por non querer entrar no xogo da corrupción e o engano, Oremos.

QUE TE RECOÑEZAMOS CAMIÑANDO SOBRE AUGAS REVOLTAS DO NOSO MUNDO

Señor, que sempre deixemos que agrome en nós o compromiso de aprender a camiñar sobre as augas que non nos deixan na dúbida, o desconcerto e a falta de valores, para deste xeito sentirte como amigo e compañeiro da nosa andaina de cada día.Por Xesucristo o noso Señor. Amén.


 

Reflexión

Pai/Nai, santificado sexa o teu nome sempre, pero especialmente:

  • Cando non cedo ás presións da corrupción.
  • Cando non cedo á xustificación do engano e a mentira.
  • Cando non cedo á negación de canto axuda a acompañar a quen está solo e triste.
  • Cando non cedo á tentación de defender a quen é agredido, enganado ou utilizado por quen ten poder.
  • Cando non me avergoño de manifestar a miña fe cos meus feitos e as miñas palabras,


 

Diante de quen:

  • Abusa dos máis débiles
  • Engana aos indefensos
  • Explota aos pobres
  • Atemoriza aos sinxelos
  • Violenta aos pequenos
  • E se ri de cantos coa súa solidariedade fan que o sorriso poida chegar aos beizos dos que menos teñen e máis necesitan. Amén.


 

Cantos

  • ENTRADA: Amigos nas penas e na festa amigos
  • LECTURAS: Sede o sal
  • OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova

COMUÑÓN: Non leves para o camiño

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...