Ir al contenido principal

20 domingo TO 2011

UN DEUS INCLUÍNTE QUE NON EXCLÚE A NINGUÉN

Pórtico

    Escoitamos dicir moitas veces, ou mesmo ata podemos chegar nós a pensalo, que o Evanxeo pouco ou nada pode aportar ao mundo e á cultura de hoxe. Que é algo do pasado, que valeu pero xa non vale. Porén, unha vez máis a Palabra de Deus, que non a actuación e maneiras de Papa, bispos, curas ou cristiáns, vén rebater esta afirmación e preséntasenos coma unha Palabra, e polo tanto como unha mensaxe fresca, renovadora e incluínte. Todo o contrario do que ocorre hoxe na nosa sociedade occidental, na que nos queremos únicos e na que nos imos esforzando en poñer dificultades a quen vén de fóra ou se mostra distinto.

É unha mensaxe incluínte porque non discrimina; incluínte porque acolle; incluínte porque non diferenza; incluínte porque volve proclamar a súa universalidade: é para todas as persoas, non só para unhas poucas, elixidas e de clase alta. Por iso dicimos que indo contracorrente ás modas que hoxe tanto priman, a mensaxe cristiá non exclúe, separa nin parcela; ao contrario, ábrese a tod@s sen distingos. Se o noso Deus se nos manifesta así, como nós non imos sentírmonos tremendamente orgullosos de compartir esta fe e de experimentar a cercanía con quen, sexa da cor, cultura ou país do que veña, descubre a fraternidade ao ter por Pai ao mesmo Deus?.

Perdón

  • Porque son demasiadas as veces nas que utilizamos o teu nome en van para cangar os ombreiros dos irmáns e das irmás con pesados fardos que non son máis ca un reflexo da nosa intolerancia e do noso medo, dicímosche coma a muller cananea: SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.
  • Por ter convertido a nosa oración non nun diálogo contigo, senón nunha listaxe de peticións, coma se foses unha grande superficie comercial na que atopamos de todo, pedímosche coma a muller cananea: CRISTO, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.
  • Porque seguimos considerando ás mulleres coma o sexo débil, porque seguimos sen ter en conta a súa opinión, a súa voz, o seu criterio á hora de tomarmos decisións dentro da Igrexa, berrámosche coma a muller cananea: SEÑOR, TEN COMPAIXÓN DE NÓS.

REMUÍÑO

  • Nuns tempos nos que rapidamente nos poñemos nerviosos ao falar ou escoitar falar de emigración, pois crémonos donos do mundo e pensamos que ninguén debe entrar nos nosos cotos vedados se nós non llo permitimos, a Palabra de Deus volve de novo na nosa axuda para tentar clarificarnos e mostrarnos cal é o camiño que, aqueles que queremos levar con dignidade o nome de cristiáns e cristiás, debemos ir realizando. O profeta Isaías, nun contexto non moi distinto ao noso, no que os israelitas se crían superiores, únicos, mellores e escollidos, clarifica as cousas e exerce de pedagogo para ensinarlles que o Deus ao que lle rezan, agradecendo ou pedindo, é un Deus que non exclúe a ninguén; ao contrario: acolle e busca achegar, por moi afastados que estean ou de moi lonxe veñan.: "aos estranxeiros traereinos ao meu monte santo". É dicir, ninguén ha sentirse inferior, tampouco superior, a ninguén. A dignidade e igualdade é a mesma en e para todas
    as
    persoas. As exclusións non son máis que formas de soberbia e falsa superioridade, xa que tod@s valemos e temos calidades. O que necesitamos é que nos dean as mesmas oportunidades; cousa que namentres Deus si fai, nós nos negamos a facer cos demais, especialmente se estes de fóra, falan outras linguas ou teñen outra cor. Os nosos propios medos fannos construír teorías que xustifican, pero non demostran, que os de fóra son atrasados, delincuentes ou incultos. E unha vez feita a teoría, non nos queda máis que crela para xustificar as nosas actitudes de rexeitamento e exclusión. Non paramos a pensar que entre nós, os que temos nacido no culto, rico e poderoso occidente, tamén hai delincuentes, incultos e aproveitados. As xeneralidades fannos cometer sempre erros, e cando estes erros se refiren a persoas, os males realizados, moitas veces, acaban por non ter remedio.
  • Quen si entendeu isto moi ben foi Paulo. El descobre que o Deus de Xesús é o mesmo Deus que a el lle transmitiran cantos tiñan colaborado na súa formación. E que en Xesús se mostra en totalidade a imaxe dese Deus que ofrece unha proposta de amor universal e de salvación para todas as persoas, sen exclusións nin recortes de ningún tipo, presentándose el mesmo como apóstolo de tod@s, dos "xentís". Bieito XVI, que tan ben coñece os textos de Paulo, vén de lanzar unha proposta que os crentes, en cada un dos ámbitos nos que nos atopemos, non deberiamos deixar que caese en saco roto, pois o que el chama "o patio dos xentís", quere ser un foro de diálogo, escoita, reflexión e compromiso na acción, para cantos, por riba de diferenzas de calquera tipo, seguen crendo que o que define ás persoas non é o que posúen, senón a dignidade que teñen e comparten. A laicidade á que tantas veces se ten referido, e que desde dentro da Igrexa moitos se esforzan por non comprender, é un dos camiños abertos polos que se ha camiñar para poder conseguir que o diálogo cos que non comparten a fe, ou téndoa, non é a mesma ca nosa, ten que axudarnos a abandonar prexuízos e dispornos a construír múltiples ágoras de colaboración. As conversas -quizais diálogo é palabra moi rimbombante-, deben ser unha prioridade para os cristiáns. Aquí está o verdadeiro don da universalidade da fe.
  • E a andar por este mesmo camiño quere invitarnos Xesús desde o Evanxeo. A protagonista é: muller e cananea; é dicir non tiña poder nin mandaba –como lle ocorría ás mulleres– e era tamén estranxeira, e polo tanto doutra relixión. Pero Xesús nin a aparta nin se aparta. Ao contrario, achégase e no seu diálogo vainos mostrando como é posible rezar xunt@s, camiñar xunt@s e buscar canto une, e non marcar a diferenza no que separa, dando unha lección de que a oración non poden ser nin palabras baleiras nin xestos estéticos e superficiais, senón palabra compartida de encontro, humildade, confianza e acollida do irmán e da irmá..

Oración da comunidade

Poñémonos agora nas mans amorosas e abertas de Deus Pai-Nai e dicímoslle xunt@s:

GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS

  • Para que a Igrexa se esforce por crear lugares de acollida, encontro e diálogo con quen se sente distinto e non comparte a mesma fe e conviccións, Oremos.

GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS

  • Para que nas nosas parroquias non practiquemos nunca a discriminación e o desprezo con quen non comparte as nosas ideas nin a nosa visión da vida, Oremos.

GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS

  • Por cada un e cada unha de nós, que nos xuntamos nesta mañá de domingo celebrando e agradecendo a universalidade da fe, para que nunca nos deixemos levar da uniformidade nin da intolerancia, que non fan máis que matar a creatividade e a frescura do Evanxeo, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON TODOS E CON TODAS

Grazas, Señor, porque unha vez máis déixasnos claro que na túa casa hai sitio para tod@s. Que as nosas actitudes reflictan esa universalidade á que ti nos chamas. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Grazas

polas persoas que aman no concreto

e fan do amor martelo para romper barreiras establecidas.

Grazas

pola xente que sofre porque ama

e converte o sufrimento en camiños de esperanza.

Grazas

polas persoas que cren e esperan

máis alá de calquera límite interesadamente posto.

Grazas

polas persoas que teñen palabra humilde e convencida

para facer triunfar as solidariedades.

Grazas

polas persoas que resisten e aguantan,

a proba de fracasos, os seus amores todos.

Grazas

por todas as nais dolorosas,

que aman e loitan sen límite para que os seus fillos e as súas fillas teñan vida.

Grazas

por aquela muller descoñecida, chamada a cananea

e por todas as cananeas do mundo, de onte e de hoxe.

Grazas

polos grupos e pobos

que quixeron coller o teu estilo

para que a vida, a túa vida, triúnfe e soleza

nos corazóns e nas casas dos máis pequenos.

CANTOS

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Camiñar
  • OFERTORIO: Ide e pregoade
  • COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...