Ir al contenido principal

29 Domingo TO A

CANDO A NOSA INCOHERENCIA NOS SACA AS CORES, NON QUEDA ESPAZO PARA COMENENCIAS

Pórtico

Tense acusado moitas veces aos que forman a xerarquía (parte da Igrexa pero non toda a Igrexa), de facer política e de meterse a lexislar cando eles non foron elixidos polo pobo, e polo tanto non lles corresponde. E isto moitas veces ten ocorrido así, pero non sempre. Noutras ocasións a voz da xerarquía ergueuse/erguese para denunciar inxustizas de gobernantes e poderosos, abusos de poder, corrupción, engano... e non para gobernar por eles ou ocupar o seu lugar, senón para poñer de manifesto que a fe non son só palabras sen incidencia na vida, senón que é esforzo, compromiso e loita para facer un mundo máis amigable e xusto:un mundo humano. E cando actitudes e valores que nos falan de respecto, igualdade, xustiza, ben común, participación solidariedade, caridade política... nin se respectan nin están na base do xeito de gobernar, é necesario denuncialas, erguer a voz –calar sería ser cómplices– contra estas situacións. A isto non se lle pode chamar facer política partidista, senón Evanxeo. O Evanxeo que non reúne aquí esta mañá e nos invita a participar desta celebración que agora comeza.

Perdón

  • Por xustificar abusos e calar diante de inxustizas, SEÑOR, ESPERTA EN NÓS O EVANXEO.
  • Por favorecer comportamentos e actitudes de prepotencia, soberbia e desigualdade, CRISTO, ESPERTA EN NÓS O EVANXEO.
  • Por participar de situacións que defenden, oprimen e silencian a quen abusa da súa situación de poder e superioridade, SEÑOR, ESPERTA EN NÓS O EVANXEO.

Remuíño

  • Temos escoitado moitas veces dicir nos medios de comunicación aos políticos, dun e doutro ámbito ideolóxico, segundo lles conveña ou non o que os bispos din, que estes non teñen que falar de política, que o seu é falar das cousas espirituais: liturxia, oración, novenas, procesións... pero que non deben tratar de cuestións que teñen que ver co que eles chaman a política. Ben, iso dito dese xeito e sen engadir nada máis non é de todo certo; e non o é porque se queremos que a oración dos cristiáns sexa verdadeira, fiel á mensaxe de Xesús e enraizada no que lle pasa aos homes e mulleres da nosa sociedade, ten que partir do que se vive e da situación política, cultural, económica... do momento. E por que?. Porque todo aquilo que lle pasa ás persoas, ten que ser tamén preocupación para aqueles que se chaman seguidores de Xesús, pastores e non pastores. E se nun determinado momento, non buscando rendibilidade para ningún partido político concreto, é necesario denunciar comportamentos corruptos, engano aos cidadáns, falta de respecto á dignidade das persoas ou non respecto dos dereitos humanos, non só deben falar e denunciar esas cuestións, senón que facelo convértese nunha esixencia da súa propia fe e do mesmo ministerio episcopal. Non dicimos que son pastores?. Non afirmamos que deben preocuparse do que pase e lle pasa aos fieis?. Logo, non poden calar cando valores fundamentais que emanan do Evanxeo son suprimidos ou non son respectados. E aí dirixe Xesús as súas palabras no Evanxeo de hoxe. "Dar ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus", supón e esixe que sen pretender nin os bispos xogar a políticos nin os políticos xogar a bispos, que as leis e o xeito de gobernar non poden ter máis centro, obxectivo e razón de ser que a defensa da persoa e da súa dignidade. Cando isto, e non só nas ditaduras, non é posible, a voz dos bispos, tamén a dos demais cristiáns, ha erguerse para que o silencio non dea por boas inxustizas, mentiras, enganos e canto se opón a esa centralidade e respecto que en todo e sobre todo merece a persoa.
  • A Moral Social, e dentro dela a Doutrina Social da Igrexa, teñen este cometido de esforzarse por desentrañar a dimensión social da fe, para evitar que esta se reduza a ser un narcótico que infantiliza, xustifica ou se alía cos que mandan e teñen poder. O concilio Vaticano II, nunha das súas constitucións –documentos máis importantes– a Gaudium et Spes, busca que o diálogo da Igrexa co mundo non sexa un diálogo que mira para outro lado diante dos problemas e dificultades da sociedade, senón que chama a tod@s os que nos dicimos crentes –Pobo de Deus– a non calar cando a persoa non sexa cerne do que acaece; chama a aprender a descubrir e comprender os signos dos tempos e a superar unha ética individualista e pechada sobre un mesmo, para camiñar na busca dunha ética comunitaria que se asente no ben común, a participación, a solidariedade e o amor como único xeito de poder constituír sociedades xustas e ao servizo de tod@s. Non
    se fai política –entendida esta como de facer as cousas dun partido- cando se alza a voz para denunciar o que non vai ben, chamando a non permitilo, senón Evanxeo; evitando así confundir a Deus co César. É necesario que canto se ofrece a Deus se faga desde o coidado de canto El creou. E de todo o que fixo, non esquezamos, somos os seres humanos, feitos á súa "imaxe e semellanza" o máis importante. Deste xeito iremos avanzando para que a fe, o amor e a esperanza estean sempre ao servizo de Deus desde o amor e o respecto ás persoas, por riba da súa condición social, económica, política, racial, cultural ou relixiosa. Non se fai política de partido, ou polo menos non debera facerse, pero si que canto ocorre ao noso redor ten que ocuparnos e preocuparnos. Non será aos bispos, senón aos segrares a quen lle corresponderá, entón, a través e por medio da súa presenza en partidos, sindicatos, movementos, asociacións... que eles consideren que defenden mellor dereitos e dignidade das persoas, os que traballen para que os grandes principios da mensaxe de Xesús se vaian concretando no acontecer político de cada país. facendo posible que Deus e César estean sempre ao servizo do ser humano.

Oración da comunidade

Compartimos agora a nosa oración diante do Deus que nos quere libres, xustos e iguais e dicimos:

QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS

  • Para que na Igrexa traballemos sempre sen medo nin vergoña por defender a dignidade de todas as persoas, principalmente das que senten ameazadas os seus dereitos como cidadáns dun mundo que creaches para tod@s, OREMOS.

QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS

  • Para que nas nosas parroquias saibamos sementar canto une e supón traballo a favor de tod@s, especialmente dos que teñen menos e se valen peor, OREMOS

QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS

  • Para que nós, que levamos con alegría e honra o nome de cristiáns e cristiás, non calemos nunca cando valores e dereitos que dignifican e fan medrar á persoa sexan suprimidos e recortados, OREMOS.

QUE NON CALEMOS DIANTE DAS INXUSTIZAS

Señor, acolle, anima e alenta esta nosa oración comunitaria. P.X.N.S.Amén.

PARA A Reflexión

Cremos posible unha Igrexa onde a autoridade

reside na Comunidade como opción do Espírito ;

con sentido de subsidiariedade e participación

e na que todos e todas participamos na toma de decisións.


 

Cremos posible unha Igrexa onde a Natureza

se recrea, se transforma , se valora se disfruta,

porque ela é a "Casa común".


 

Cremos posible unha Igrexa ecuménica,

onde a diversidade de Igrexas e de relixións

poidan entrar en diálogo recíproco e respectuoso,

sabéndonos unidade na diversidade.

Cremos posible unha Igrexa de iguais,

onde todos e todas somos acollidos e participamos,

onde todos os agora excluídos

sexan totalmente recoñecidos e recoñecidas.


 

Creemos posible unha Igrexa onde a realidade social e a Historia

nos interpelan e nos demandan un compromiso firme

na defensa dos Dereitos Humanos, a xustiza e a solidariedade.


 

Cremos posible unha Igrexa onde a Revelación de Deus

está inculturada no hoxe dos Pobos .

Onde todas e todos poidan expresar o seu rostro,

recoñecendo e celebrando a diversidade.


 

Cremos posible unha Igrexa onde os ministerios

son expresión de servizo ás comunidades

e son exercidos por homes e mulleres en igualdade,

sen discriminación polo seu estado de vida.

    

Con e entre os Pobres da terra,

por todas as xeografías, culturas e linguas,

anunciando ao Xesús do Evanxeo, fillo de María,

muller do Pobo, memoria e expresión viva da Trindade.

(Da corrente "Somos Iglesia" de España. 2000.)

Cantos

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: Aclama ao Señor terra enteira, aleluia
  • OFERTORIO: O amor é o meirande
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...