Ir al contenido principal

31 domingo TO A

COIDADO COS PEDESTAIS!... SE CAES, DOE!

Pórtico

Acostumados a ver xente que é capaz de deixar atrás privacidade, dignidade ou respecto por un minuto de gloria no alto do pedestal, resulta polo menos curioso, escoitar o que nos di Malaquías na primeira lectura sobre o fráxil e perigoso que é estar subido nun pedestal. Si, porque as alturas, en ningún campo da vida, tampouco no eclesial, son boas, e deixan pegada, triste pegada. Son tantas as veces nas que ao querer estar nas alturas esquecemos que ninguén é máis ca ninguén, que acabamos traizoando ao irmán que confía e necesita de nós.

Que non nos deixemos levar dos cantos de serea, e poñamos todo o noso interese en ser sinxelos e cercanos, sen buscar nin poder nin aplauso, senón coherencia e fidelidade a aqueles valores que queremos sexan eixo da nosa vida.

Perdón

  • Porque moitas veces somos orgullosos e non renunciamos a estar nos pedestais da soberbia e a superioridade, SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN SINXELO.
  • Porque en demasiadas ocasións deixámonos levar de actitudes de poder e dominio, esquecendo que Xesús nos invita a ser servidores, CRISTO, DANOS UN CORAZÓN SINXELO.
  • Porque nos falta fondura humana e nos sobra superficialidade, SEÑOR, DANOS UN CORAZÓN SINXELO.

REMUÍÑO

Como nos custa que as palabras, que tan facilmente saen das nosas bocas, se convertan en vida. Que difícil nos resulta que compartir, dar, axudar... se fagan realidade e deixen de ser simplemente palabras. E así nos loce o pelo.... Porque o fariseísmo que Xesús denuncia e que por desgraza se está a converter nunha actitude permanente na nosa Igrexa é un aviso para que coidemos de caer nesta deformación relixiosa. Lembremos que non foi a xente considerada pecadora e proscrita a que se opuxo a Xesús, senón precisamente os máis piadosos e relixiosos do pobo. É este un fenómeno frecuente cando a fe se transforma en fanatismo cego ao servizo da lei, do culto, do dogma ou da institución, traizoando o espírito relixioso. Colocamos entón ideas e estruturas por riba do amor, chegando ao desprezo do máis sagrado e importante: as persoas. Sóanos o conto?.

Nun tempo no que a mediocridade parece que é un valor á alza, tamén dentro da igrexa, cómpre que tomemos nota do recadiño que hoxe nos manda o Mestre. Tres son as acusacións que Xesús lles fai aos escribas e aos fariseos de onte e de hoxe:

  • VANIDADE: Pasean pomposamente enfundados nas súas roupaxes, comprácense nas reverencias e nos saúdos por parte da xente, no acaparamento dos postos de honra nos banquetes e nas asembleas, no saíren nos papeis, en que falen deles... A relixión é só hábito vistoso que cobre intereses persoais máis ben baixos, mera aparencia... A práctica relixiosa úsase con fins egoístas. Instrumentalízase a Deus co fin de construírse o propio monumento. Todo é finximento, puro exhibicionismo, para que as persoas recoñezan a súa autoridade e o seu prestixio. Buscan chamar a atención do pobo, sempre crédulo diante das aparencias. Cómpre, pois, modestia e discreción. Converterse de que o hábito non chega para cubrir o baleiro, que debemos ser recoñecidos polos valores que levamos dentro e non polos que nos "botamos" enriba. Que un "portador de hábito" non é necesariamente un "portador de Deus".
  • HIPOCRISÍA E INCOHERENCIA: Devoción ostentosa, baseada na cantidade e na duración das oracións, feitas como espectáculo para lograr a estima e a admiración do pobo sinxelo... pero non fan o que din. O que din non é falso... pero as súas obras desminten as súas palabras, e ao fin e ao cabo... a árbore coñécese polos seus froitos.
  • DOBRE RASEIRO: Legalismo opresor para os demais e indulxencia e escapatoria para si mesmos. Autocomplácense na súa propia moral externa e baleira, mentres agonían e culpabilizan á xente co peso da lei. En vez de axudar aos pobres, pequenos e indefensos non dubidan en explotalos dun xeito descarado, aproveitándose deles e da súa boa fe. Mentres para nós e para os nosos o xustificamos todo, o entendemos todo, o desculpamos todo... para os demais, aqueles que non son da nosa corda, non temos escrúpulos en poñer sobre os seus ombreiros pesadas cangas.

Atopamos así unha relixiosidade baleira, arrogante, formalista, caracterizada pola exterioridade e o legalismo cruel (que é o coñecemento de todas as leis agás a do amor) dominada por persoas ávidas de poder, honores e triunfos... Unha relixión na que as teimas persoais acaban por volverse obsesións que non serven para nada máis que para perder tempo e enerxías, deixando un pouso de tristura e desalento. Dá a impresión de que nos sobra tempo e como non temos en que investilo, dedicámonos a perdelo en cuestións superficiais... como se a vida non tivese moito no que poder traballar e comprometerse para buscar a felicidade... pero, claro, iso supón sacrificio, esforzo, renuncia....Porque non nos enganemos: para ocupar cargos e honras nunca faltarán candidatos; o difícil é achar persoas dispostas a gastar e desgastar a súa vida a prol dos demais, sen máis pretensións que seguir o camiño de Xesús. Esta é a verdadeira grandeza, posto que estas son as persoas verdadeiramente necesarias.

Fronte desta esquizofrenia, Xesús volve facer a súa proposta dunha Igrexa: unha comunidade na que non hai inchados posuidores da verdade, senón humildes e apaixoados buscadores; na que hai abundancia de "ministros da paciencia de Cristo", na que os responsables reivindican o privilexio de servir; na que a grandeza está medida pola pequenez; na que a carreira está determinada pola caridade; na que quen exerce a autoridade non escurece e non ten pretensión de substituír ao único Mestre, senón que o fai visible, case sensible, coa súa transparencia e a súa capacidade de discreción; unha comunidade na que ninguén pretende controlar e manipular e na que os únicos títulos válidos son "aprendices" na fe, no servizo e no amor. E nós, onde nos situamos?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Porque non queremos estar en ningún pedestal, senón servir acompañando desde a igualdade, presentamos agora a nosa oración e dicimos xunt@s:

SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS

  • Para que sempre teñamos presente que a ledicia do servizo, e nunca do aproveitamento dos demais, é a que nos fai seguidores de Xesús, Oremos.

SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS

  • Para que nas nosas comunidades non nos sintamos nunca nin superiores nin mellores ca os demais, senón servidores de quen nos necesite, Oremos.

SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS

  • Para que cada un e cada unha de nós non esquezamos nunca que a soberbia, o orgullo e a superioridade non son valores, senón contravalores moi afastados do evanxeo, Oremos.

SEÑOR, QUE NON LLE POÑAMOS CANGAS PESADAS AOS IRMÁNS

Que esta oración compartida nos abra os ollos e nos dispoña a participar na vida da comunidade, rexeitando a tentación de quedar á marxe. P.X.N.S. Amén.

Reflexión

Cristo, para poder servirte mellor,

dáme un corazón nobre,.

Un corazón forte

para tender a ideais altos

e non a opcións mediocres.

Un corazón xeneroso no traballo,

vendo nel non unha imposición

senón unha misión que me confías.

Un corazón grande para o sufrimento,

sendo valente soldado diante da miña propia cruz

e sensible cireneo para a cruz dos demais.

Un corazón grande para co mundo,

sendo comprensivo coas súas fraxilidades

pero inmune ás súas seducións.

Un corazón grande para as persoas,

leal e atento para con todos

pero especialmente servizal e delicado

cos pequenos e humildes.

Un corazón nunca centrado sobre min,

sempre apoiado en ti,

feliz de servirte e servir aos meus irmáns, meu Señor,

tódolos días da miña vida. Amén.

(Ignacio Larrañaga)

Cantos

  • ENTRADA:
    Andarei
  • LECTURAS: Señor Xesús, bendito sexas
  • OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
  • COMUÑÓN:
    Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...