Ir al contenido principal

XORNADA DO DOMUND 2011


ASÍ VOS ENVÍO EU

PÓRTICO

Bos días. A Igrexa, baixo o lema "así vos envío eu", celebra hoxe a xornada mundial das misións, o DOMUND. É un bo día para que tomemos conciencia da nosa tarefa evanxelizadora, que non é máis que concretar no aquí e no agora de onde estamos as palabras que Xesús nos dirixe no evanxeo: o mandamento principal é o amor. É este un reto que nos implica a tod@s, todo e sempre. A TOD@S: pois a Igrexa enteira, xerarquía, relixios@s e segrares, estamos chamad@s a ser axentes evanxelizadores. Ningunha persoa crente pode sentirse estraña a esta responsabilidade. TODO: Porque nada queda fóra do ámbito misioneiro: o que está lonxe e o que está preto; os países en vía de desenvolvemento e empobrecidos e os grandes núcleos urbanos dos países ricos, nos que Deus é un descoñecido, é ignorado ou está excluído; os nenos que se inician na vida e as persoas adultas que buscan o sentido da a súa existencia. SEMPRE: porque a misión afecta a toda a humanidade en todas as súas dimensións, e non está limitada por tempo nin espazo... senón que chega ata a plenitude dos tempos.
E todo isto, por que?. Pois para facer realidade o mandado do Señor: ide e anunciade a boa nova: Deus quérenos, ocúpase e preocúpase por nós. Que a celebración que agora comezamos nos faga sentir máis cerca, co corazón e coa vida, de aquelas persoas que precisan o pan quente da nosa solidariedade integral e que só desde o primeiro mundo lles podemos ofrecer.

O PERDÓN

  • Porque co noso xeito de vida consumista e materialista somos cómplices dun mundo no que as desigualdades sociais e económicas abren unha fenda cada vez máis grande entre as persoas, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
  • Por ter renunciado a ser testemuñas do teu amor diante de quen se sente so, desprezado, utilizado ou desesperanzado, CRISTO, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.
  • Porque son demasiadas as veces nas que na nosa Igrexa empreñamos do aire, reducindo a fe a unha cuestión cultual e evitando o compromiso co mundo e no mundo, SEÑOR, QUE NUNCA NOS FALTE O AMOR.

REMUÍÑO

  • A Palabra que vimos de proclamar, concretamente o evanxeo, pode dicirse que o coñecemos desde pequenos, cando aprendiamos a coro os mandamentos nas filas da catequese (aínda que daquela chamábase catecismo), cando repetiamos: "Estes dez mandamentos encérranse en dous: amarás a Deus sobre todas as cousas e ao próximo coma a ti mesmo". E quizás de aí provén o noso mal: somos capaces de lembrar e de saber... pero non somos capaces de vivir. Se se tratara de pasar un exame, poderiamos dicir que tod@s coñecemos as grandes liñas do cristianismo e o xeito de comportarnos como tal. Somos uns grandes teóricos mais iso non chega; non chega con dicir: temos que facer, a fe non é un desexo, senón facer amando. Velaí o cerne da cuestión: trátase simple e sinxelamente de AMAR. AMAR A DEUS, poñer a nosa vida nas súas mans de Pai-Nai, confiar nel, esperar nel, contar con El.... El que nos crea e que sostén a nosa vida, que se fai compañeiro de camiño, caxato nas nosas andainas, auga fresca nos nosos resecos, pan quente nas nosas fames, colo agarimoso nos nosos desenganos, man que enxuga as nosas bágoas.... e, como expresión deste amor de Deus..... AMAR AO PRÓXIMO coma a nós mesmos. O amor de Deus é o fundamento, pero só se pode fundamentar o amor practicado e realizado. Xesús, onte e hoxe, quere que non empreñemos do aire, que non andemos na póla, que aterremos na vida e no mundo. Xa está ben de tanto "buenismo" e de tanta "falsa piedade" que non fan máis que esconder a nosa mediocridade, a nosa falla de compromiso, a nosa preguiza, a nosa frustración... sen dar cabida á caridade, á xustiza, á solidariedade e á búsquea do ben común. Non se pode amar a Deus cando se lle fai imposible a vida aos demais. Non se ama a Deus cando non se move un dedo para dignificar a vida de todas as persoas. O amor ao próximo: ese será o termómetro que nos indique se amamos e en que medida amamos a Deus.
  • Hoxe tamén, e se cadra máis ca nunca, son demasiadas as persoas que imos marxinando para aproveitarnos delas e da súa debilidade. Ás veces é no terreo económico, outras no cultural, outras no laboral, se cadra outras no relixioso ou no afectivo, mesmo tentando de pensar e mandar sobre el@s.... pero sempre pagan uns cantos a usura, a preguiza e a ambición doutros. A dignidade da persoa queda entón humillada, e Deus toma como cousa propia esta humillación. Nunca está de máis que tamén aos "cristiáns bos" se nos lembre que o amor é unha mensaxe vella e sempre nova e que os exemplos que aparecen na primeira lectura seguen a ter actualidade: o desamparo de tantas e tantas mulleres maltratadas, obrigadas a prostituírse ou silenciadas; o aproveitamento dos inmigrantes coma man de obra barata; o enriquecemento de uns a costa do empobrecemento dos máis pobres; a explotación de tantos e tantos inocentes, a marxinación, a soedade e o silencio ao que se vén abocados tantos maiores.... A ameaza de Deus é forte: "se se queixan a min, escoitareinos, porque eu son misericordioso".
  • Hoxe, no día do DOMUND, somos invitad@s a botar unha ollada ao noso mundo e a traballar para que xustiza, igualdade e desenvolvemento deixen de ser unha utopía e pasen a converterse nunha realidade. O día das misións é unha chamada de atención para que nós, cidadáns do primeiro mundo, deixemos de lado esa falsa solidariedade que nos fai dicir "pobriños" e nos leva a darlle as migallas que caen da nosa mesa, para traballar pola xustiza. Porque o amor só é posible entre irmáns e irmás. Entre desiguais pode darse a piedade, a beneficencia, a dependencia, o sometemento, a imposición do noso... e a isto non lle podemos chamar nunca amor. E nós, que levamos inscrito no noso corazón o "xen" do amor, temos que descubrir que este é un alegato ineludible a favor da igualdade entre persoas e pobos e en contra de toda discriminación, acepción de persoas ou xerarquización de seres humanos. Porque El nos envía, estamos chamados a facer realidade a tarefa deste envío que Xesús nos encomendou cando nos dixo: "Ide e anunciade".Tod@s, entón, somos enviad@s, non só quen deixa a súa terra, a súa casa ou as comodidades do noso primeiro mundo. Non o esquezamos.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Deus quérenos e sabe ben o que precisamos cada un e cada unha de nós. Agradecid@s e confiad@s, abrímoslle o noso corazón para dicirlle:
QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR
  • Polos bispos, curas, diáconos e axentes de pastoral, para que coiden sempre a formación integral e misioneira da Igrexa, espertando nela o envío á misión, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR
  • Polos misioneiros e misioneiras esparexid@s por todo o mundo, para que o amor a Deus e ás persoas sexa sempre a forza e o único criterio das súas actividades, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR
  • Polas nosas comunidades, para que sexan verdadeiramente misioneiras, levando a todas as persoas, e dun xeito especial ás máis afastadas e marxinadas, a tenrura, a atención, a acollida, a compaixón e a dispoñibilidade que Deus nos pide, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR
  • Por cada un e cada unha de nós, para que nunca renunciemos á nosa misión de traballar a prol da dignificación de todas as persoas, erguendo a nosa voz para que se respecten sempre e en todo lugar os seus dereitos, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SEXA UN CANTO DO TEU AMOR
Acolle na túa misericordia a oración que che presentamos para que coa nosa vida sexamos quen de manifestar a Boa Nova do evanxeo. P.X.N.S.Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Cantamos tod@s
xunt@s a terceira estrofa do canto "Amigos nas penas" como expresión do noso compromiso misioneiro.
Amigos nas penas e na festa amigos;
amigos por sempre querémolo ser (bis).
IDE POLO MUNDO ENTEIRO
ANUNCIANDO O QUE EU VOS DIXEN (bis).
EU SON A VOZ DOS QUE ELIXEN
SER DE CRISTO COMPAÑEIRO (bis).
Amigos nas penas e na festa amigos;
amigos por sempre querémolo ser (bis).

CANTOS

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
  • LECTURAS: Ide e pregoade
  • OFERTORIO: Todos xuntos
  • COMUÑÓN: O amor é o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...