Ir al contenido principal

32 Domingo TO A

SABIOS?. SI; PERO SEMPRE EN HUMANIDADE

Pórtico

    Nos tempos de crise, e cando todos falan de cartos, números e estatísticas, as lecturas de hoxe volven lembrarnos que a verdadeira sabedoría non está no ter, senón no ser: ser persoa, ser crente, ser cidadán, ser solidario... ser home ou muller de esperanza. E que lonxe estamos desta chamada!; e que pouco entendemos a palabra que constantemente se nos dirixe!...Nós seguimos insistindo no posuír, no dominar, no obter e executar o dominio sobre os demais, cando a cousa é moito máis sinxela, inda que non acabamos de prestarlle atención: é buscar canto nos fai máis humanos, sensibles, responsables e prudentes. Non son os títulos, senón a fondura de humanidade, o que nos descubre sabios. Prestemos atención a esta chamada.

Perdón

  • Por deixar que a nosa sabedoría creza na busca de prestixio e poder, e non no servizo, SEÑOR, QUE A SABEDORÍA SEXA HUMANIZADORA.
  • Por andar a enredar en sedes que só falan de poder, dominio e imposición, CRISTO, QUE A SABEDORÍA SEXA HUMANIZADORA.
  • Por permitir que a desinformación constrúa en nós imaxes de Deus afastadas da fe e contrarias ao amor, SEÑOR, QUE A SABEDORÍA SEXA HUMANIZADORA.

Remuíño

  • Raiolante e perenne. Son estas dúas palabras que serven ao autor da primeira lectura para cualificar a sabedoría... E é verdade. Coma unha raiola de claridade que cada día asoma na nosa vida podemos considerar á sabedoría. Desde ela descubrimos o mundo, crecemos na responsabilidade, maduramos en prudencia, abrímonos á solidariedade... socializamos cuns e outros e máis co mundo. Por iso é raiola que nos saca da tebra e da negrura na que ás veces caen os nosos pensamentos ou viven as nosas experiencias. E é unha raiola, inda que a nós non nolo pareza, que nunca esmorece, non morre, non desaparece, senón que aniña en nós e vainos acompañando ao longo da vida, inda que moitas veces nos custe recoñecela. Non se esconde, pero os nosos ollos moitas veces están pechados para descubrila, por iso sae ao noso encontro para que nos atopemos con ela, e vainos dando un sentido da vida que impide que perdamos o rumbo, ou que equivoquemos a trazada. A sabedoría, e nós sabemos que tras dela se esconde o Deus sobre o que desenvolvemos a vida, é o mellor garante de que nada está perdido e sempre hai novos horizontes nos que orientar o noso horizonte persoal e colectivo.
  • Desta sabedoría ten sede a nosa alma, como nos di o Salmo. Unha sede que non se apaga con auga, senón con canto nos vai facendo mostrar, e tamén descubrir, a presenza de Deus na nosa vida. Unha presenza que moitas veces nos negamos a ver porque nos esixe renunciar ao que nos é máis cómodo, ao que nos custa esforzo, ou ao que nos pide cambiar de esquemas de pasado para comezar a ver con esquemas de presente, de hoxe. Porque é no hoxe que está a pasar, e non no onte que xa pasou, onde temos que buscar e descubrir a presenza de Deus. E do mesmo xeito que Paulo lles dicía aos tesalonicenses que non quería que estiveran desinformados, pois é caldo de cultivo para o engano, tamén nolo segue a dicir a nós no aquí e agora de cada un e de cada unha dos nosos días. Como cristiáns temos que esforzarnos por formarnos, crecer coñecendo, aprender a razoar e discorrer buscando fundamentos e deixando atrás costumes, tradicións ou ditos que antes ou despois acaban levando á superstición. O cristián non pode ser supersticioso nin poñer a súa confianza na maxia. Iso só serve para que uns cantos aproveitados abusen da boa fe e máis da ignorancia de quen non fixo o esforzo por formarse. Deixemos atrás os medos e construamos a vida de fe no coñecemento, a reflexión e a razón. Nela e desde ela somos invitados a levar a cadaquén o diálogo no mundo e co mundo.
  • Formarnos e esforzarnos para que esta formación sexa integral –abarque toda a vida, e non se quede só en rezos, sen raíz no que estamos a vivir- evitará que caiamos na imprudencia das virxes atoladas; ás que as présas as levaron a non prepararse como conviña para cando chegara o noivo. Tamén a nós a chegada do noivo pode atoparnos sen preparar, confundidos ou enredados en cousas que distraen, pero non axudan a vivir o evanxeo de Xesús no mundo de hoxe. A présa e a falta de madurez das virxes atoladas pechoulles as portas. Tamén pode ocorrer que nós, demasiado ocupados dentro dos templos, non esteamos preparados cando chegue o noivo –o Señor– e facéndose presente na vida de quen está parado, no alento para con quen está enfermo, na compaña a carón de quen está so ou na palabra de quen defende a quen é explotado ou tratado inxustamente ao negarlle ou recortarlle dereitos... non nos atope onde tan necesarios somos para quen está a pasar por esta situación, e acabe dicíndonos: non vos coñezo. Inda que lle presentemos ringleiras e ringleiras de rosarios rezados, novenas e horas de sagrario. A prudencia das virxes sensatas levounas a non separar o rezar do vivir, por iso cando El chegou estaban preparadas. E nós, como estaremos?.

Oración da comunidade

    Agasallemos a Deus coa nosa oración comunitaria, e digamos xunt@s:

QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE

  • Que a túa sabedoría, Señor, alente sempre canto rezamos e vivimos, para facer do noso testemuño crente unha expresión de entrega e doazón a quen necesita da nosa man para crecer no difícil e duro camiño da vida, Oremos.

QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE

  • Que a túa confianza creza en nós para que a esperanza aniñe sempre nos nosos proxectos e nas nosas ilusións, esforzándonos por non deixarnos derrotar polas dificultades, Oremos

QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE

  • Que saibamos estar sempre vixiantes, para evitar que a deixadez, a falta de solidariedade, o individualismo e máis o engano agromen na nosa vida de fe, laboral, familiar ou formativa, Oremos.

QUE O NOSO ACTUAR NON SEXA ATOLADO, SENÓN PRUDENTE

Señor, que esteamos sempre preparados para ser sabios en humanidade, sen deixarnos vencer nin pola preguiza nin o desánimo. P.X.N.S.Amén.

Reflexión

Cando vexas escuro o teu camiño

e non teñas apoio ao teu redor;

cando sintas incerto o teu destino,

espera no Señor.

Cando sopran con forza os trebóns

e brúe contra ti a tempestade,

e te rodeen espesos nubarróns,

espera na súa bondade.

O universo enteiro está na súa man,

todo obedece á súa potente voz;

El, de ceos e terra é soberano.

Espera no Señor.


 

(Confianza. Manuel Araújo )

Cantos

  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: Sede o sal
  • OFERTORIO: Pan do ceo
  • COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...