Ir al contenido principal

3 domingo TO B


SOMOS PERSOAS VOCACIONADAS: XUNTÉMONOS E VAIAMOS
PÓRTICO
Hoxe, a nosa celebración ten como eixo fundamental o da vocación. Podemos dicir, sen medo a equivocármonos, que a presenza de Xesús, a forza da súa palabra, a orixinalidade dos seus comportamentos, o atractivo de toda a súa persoa, foi facendo que houbese xente contemporánea súa, que decidise seguilo no que facía e dicía. Hoxe, vinte séculos despois, cabería preguntármonos se nós tamén o seguimos polo que nos aporta ou se estamos diante dun seguimento meramente costumista, sen ningún peso na nosa vida.
Porque, certamente, con algúns dos seus discípulos e discípulas, Xesús recorreu vilas e aldeas de Galilea, anunciándolle á xente un xeito novo de entender a Deus e de facer vida en comunidade. Pero onte, coma hoxe, non se trata só de falar: hai que achegarse á xente do pobo, principalmente a aquela que ten a vida máis ameazada e diminuída por pobrezas, enfermidades, marxinacións, desesperanzas ou depresións. A comunidade nova de Xesús é unha comunidade de xente vocacionada para facerlle a vida máis agradable aos demais.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a vivir esta vocación ao servizo desde a diversidade de dons e carismas.
O PERDÓN
«  Porque son demasiadas as veces nas que carecemos de iniciativa, ilusión e imaxinación á hora de botar as redes, caendo na imposición e na vulgaridade, SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
«  Porque moitas veces o noso individualismo, a nosa autosuficiencia e o noso afán de protagonismo fan que se rompa a unidade nas nosas familias, nas nosas comunidades, cos nos@s veciñ@s, CRISTO, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ.
«  Porque son moitas as cousas que na nosa vida nos atan e escravizan, impedíndonos dar pasos cara adiante no teu seguimento, SEÑOR, QUE VIVAMOS A NOSA VOCACIÓN CRISTIÁ. 
REMUÍÑO
  • O Deus revelado por Xesús é o Deus do Reino: bo, misericordioso, cércano aos pobres e aos necesitados de xustiza. Nós, coma seguidores seus, somos as súas mans, e debemos actuar do mesmo xeito cos nosos irmáns. Velaí a vocación á que tod@s nós estamos chamad@s. Porque moitas veces ao escoitar a palabra vocación rapidamente pensamos na vocación ao sacerdocio ou á vida consagrada; e así, mesmo dentro da nosa Igrexa estamos afeit@s a pedir polas vocacións.... fundamentalmente polas vocacións sacerdotais, escudándonos en que cada vez son menos os varóns (?) que escoitan e deciden responder libre e responsablemente á chamada á pertencer á xerarquía. E logo que pasará, que non haberá máis que unha vocación verdadeira?. Cando falamos de que alguén ten vocación para un determinado traballo, de que alguén ten vocación de casad@ ou solteir@, é unha vocación de segunda categoría?. A Palabra, que a diferenza de nós, está libre de prexuízos, indícanos que a vocación cristiá é universal, que Deus chama por todas as persoas (lembrábasenos a pasada semana) indistintamente de xénero, estado civil ou profesión... o que ocorre é que esa vocación vívese e exprésase de xeito diferente segundo a situación persoal, familiar, social, laboral de cadaquén; pero tod@s estamos chamad@s a ser nós mesmos, a vivir unha existencia humana e humanizadora, libre e liberadora polo camiño do servizo. Convén que non o esquezamos: a Igrexa é unha comunidade plural na que todas as persoas temos a mesma importancia e a mesma dignidade.
  • Pois só desde unha actitude de coherencia e compromiso fondo con aquel no que cremos, só se realmente a fe pinta algo na nosa vida, só se somos e actuamos como persoas vocacionadas, seremos quen de facer que os demais se cuestionen pola relixión, se cuestionen por Deus. Ás veces a Igrexa converteu a expresión e a chamada que escoitamos hoxe no evanxeo a sermos “pescadores de homes”, en sinónimo de imposición, facendo valer aquilo de que o importante é contar con moito número, sexa ao prezo que sexa. Deixamos entón de ser pescadores e pasamos a sermos arponeiros. Porén, o camiño nunca pode ser o da obediencia cega, nin o do medo ou a obriga, porque ademais de ser vieiros contrarios á mensaxe de Xesús, son tamén armas que se volven na súa contra co paso do tempo. O camiño pasa logo pola invitación, non pola imposición; polo cuestionamento e pola fondura das nosas conviccións e non pola obediencia cega, o adoutrinamento ou o cumprimento de normas sen sentido; pola decisión libre, madura e autónoma, e non pola obriga, o infantilismo e o prestixio.
  • E todo isto vén coma anel no dedo nunha semana na que pedimos pola unidade. Unidade de todos os cristiáns, pero tamén unidade dentro da nosa Igrexa e mesmo dentro das nosas comunidades parroquiais. Unidade que non podemos confundir con uniformidade, pois somos conscientes da existencia de diferentes xeitos de pensar, de actuar, de distintas posibilidades, de distintos xeitos de expresar a vocación cristiá.... e somos conscientes tamén de que isto é algo que nos enriquece. Porén, moitas veces atopámonos con que a nosa intolerancia e a nosa autosuficiencia impiden que camiñemos na unidade evanxélica. Parapetámonos na nosa verdade e non estamos dispostos a escoitar e moito menos a aceptar aos que non pensan ou non actúan coma nós. En definitiva, tod@s queremos ser “machos dominantes da manada”, sen caermos na conta de que a mensaxe de Xesús non separa entre dominantes e dominad@s, senón que integra, acolle e ábrese a todas as opcións que respecten a dignidade da persoa. Hoxe é un bo día para mirar dentro da nosa vida, da nosa parroquia, da nosa Igrexa e botar fóra todo aquilo que supoña división, enfrontamento ou ruptura.

 ORACIÓN DA COMUNIDADE
Cando Xesús chama, faino para que sexamos felices. Poñamos entón a nosa vida nas súas mans, para que a alente e a acompañe, e digámoslle:
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Pola Igrexa para que deixando atrás os vellos e rancios tempos da imposición, saiba ser no medio do mundo testemuña do Deus amor e misericordia, tendendo a súa man, aberta a acoller a todas as persoas, sen exclusións de ningún tipo, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Polas nosas comunidades parroquiais, para que polos camiños evanxélicos do diálogo e do perdón, da tolerancia e da colaboración, da variedade e do compartir, sexamos quen de superar prexuízos e atrancos e cheguemos á verdadeira comuñón, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Por nós, para que con ilusión e coas redes do amor, da esperanza e do servizo aos irmáns, sexamos ante o mundo mensaxeir@s do novo xeito de vida que vén dado pola chegada do Reino, OREMOS.
QUE CAMIÑEMOS NA UNIDADE
Grazas, Señor, por descubrirnos que construír o teu Reino é empeñarse en mellorar as cousas, e facer do lugar onde esteamos a casa de tod@s. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor, ti chamas por min
e eu teño medo a dicirche que si.
Búscasme, e eu tento esquivarte;
insistes, e calo;
achégaste, e resístome;
e así non acabo de entender que desexas de min.
Ti esperas de min unha entrega sen reservas,
chea de ilusión e de xenerosidade.
Eu, ás veces, estou disposto a realizala...
pero as mais das veces,
cando me dou conta do que teño que sacrificar,
de que teño que nadar contracorrente,
de que teño que renunciar ás miñas seguridades,
dubido, desconfío, plántome.
Señor, sufro na ansia, combato na noite.
Ás veces dubido; outras, quero.
Son así, Señor.
Ti sábelo.
Dáme forzas para non rexeitarse.
Ilumíname na vocación á que Ti me chamas.
Estou disposto, Señor.
Oriéntame e guíame.

CANTOS
·        ENTRADA: Amigos nas penas
·        LECTURAS: Amóstrame, Señor, os teus camiños
·        OFERTORIO: Canta o sol, canta o mar
·        COMUÑÓN: Todos xuntos

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...