Ir al contenido principal

5 domingo TO B


O ERMO DUNHA VIDA SEN ESPERANZA

PÓRTICO
            Cando unha cousa está erma non nos serve, non ten nada que poidamos obter dela, deixámola de lado. Na nosa vida de fe, ocorre que moitas veces tamén estamos ermos: non sentimos nada e somos incapaces de poñer en relación canto rezamos co que facemos cada día. Deste xeito, pouco a pouco, váisenos apagando a chama da fe e convertemos todo o que di relación con ela en puro e simple costume, acto social ou tradición, inda que ás veces o queiramos revestir de cultura para poder mantelo.
         Fronte desta situación, os textos que hoxe imos proclamar chámannos a non deixarnos caer nesta tentación, a esforzarnos por non deixar que esmoreza a esperanza, a aprender a gozar do moito que nos enriquece e aporta a fe. Non imos solos, temos un amigo ao noso lado: Xesús. Deixemos que nos acompañe.

PERDÓN
  • Porque nos deixamos levar polo derrotismo e a preguiza, SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
  • Porque poñemos atrancos ao noso medrar en madurez e compromiso solidario, CRISTO, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
  • Porque renunciamos a anunciar o Evanxeo cos nosos feitos, SEÑOR, QUE NON SEMENTEMOS EN BALDÍO.
REMUÍÑO
A imaxe de Xob da primeira lectura atráenos, sobre todo, porque en maior ou menor medida, tod@s nos vemos retratad@s nela. Xob perdeuno todo: fillos, posesións, saúde.... un tras doutro derrubáronse todos os seus puntos de apoio, e parece que xa non lle quedan razóns para seguir confiando. A nós, en demasiadas ocasións, tamén nos pasa, un día ou outro, o mesmo. Ben sexa porque nos asaltan a dor ou a enfermidade, porque nos fallan as persoas que considerabamos amigas, porque os problemas nos agonían... o caso é que o desalento chama á nosa porta e instálase dentro de nós, facendo que nos pechemos aos demais e ao mundo. Parécenos entón que Deus se esqueceu, que marchou, e ata ás veces mesmo nos preguntamos se existe.
A resposta relixiosa ao problema do mal, ao que tod@s somos moi sensibles, inflúe moi directamente na imaxe que nos formamos de Deus. Por iso convén purificar algunhas concepcións totalmente erróneas, non vaia ser que, de tanto escoitalas ou mesmo dicilas, vaiamos a telas por certas. Velaquí algunhas:

  • o mal é un castigo: Xesús intervén para curar, non para converter a un en coxo ou cego. Deus non castiga.
  • o mal é un aloumiño de Deus; porque El proba a quen ama: no evanxeo non atopamos nin rastro de semellantes aloumiños.... O que fai Deus é darnos a súa forza nas probas, El nunca nos proba coa dor e o sufrimento.
  • Deus quíxoo así: certamente, Deus Pai-Nai non quere o sufrimento.
  • hai que ter paciencia e resignación: Deus chámanos a traballar para eliminar o sufrimento; non quere persoas resignadas pasivamente.
  • Deus permíteo: Deus puxo o mundo nas nosas mans e nós somos responsables del. Non lle botemos a El a culpa dos nosos erros. El toma partido polas persoas que sofren e por aquelas que tentan aliviar o seu sufrimento.(Mt. 25, 31ss)
Fronte destas concepcións erróneas, a pasaxe do evanxeo de Marcos que vimos de proclamar, coma outras moitas, achéganos á realidade verdadeira: Xesús é liberador:
- a sogra de Pedro queda libre da súa enfermidade
- moitos outros enfermos quedan libres das súas doenzas
- moitos endemoñados quedan libres da súa escravitude
- moitas persoas reciben a Boa Nova e quedan libres de toda mala noticia
E nós?: Certamente cando estamos ben é moi doado dicirlle á xente que sofre unhas palabras ou frases de consolo, moitas veces rutinarias, frías e indiferentes, do tipo: tranquilízate, ten paciencia, cálmate, non sufras.... Así, aos amigos de Xob, que non comprendían a súa dor, resultáballes fácil xulgalo e acusalo de pecador, pois segundo a mentalidade daquela, as desgrazas viñan porque se cometía algún pecado.
Só quen viviu na súa propia carne o suplicio da soedade, do sufrimento, do desánimo.... e experimentou os aloumiños de Deus, poñéndoo de novo en pé de vida, entende ben do que falamos. Entón, xa non pode calar. Iso foi o que lle pasou a Paulo, por iso afirma: “Ai de min se non anuncio o Evanxeo!”. Quen recibiu esta graza ten que gritalo, e ese grito é crible, porque vén de alguén que pasou antes pola proba.
Que facer?: En primeiro lugar, temos que ser conscientes do problema, saber poñernos no lugar da outra persoa e lembrar o que facía Xesús con aqueles que tiñan problemas. Agora Xesús segue no medio das persoas, actuando por medio da comunidade cristiá. A nós correspóndenos, polo tanto, actuar e responder coma El aos problemas das persoas; responder aos problemas dos irmáns que teñen fame; responder aos problemas dos irmáns que están solos; responder aos problemas das persoas que viven pobres e marxinadas..... porque esa é a liberación que Cristo nos trae: do egoísmo e da fame, da soedade e da desesperación, da opresión e do desánimo, da morte e da dor.
Somos loitadores, non sufridores. Non o esquezamos. Haberá suficiente amor no mundo para redimir o sufrimento e a miseria?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Querendo ser curadores de tantas persoas que imos atopando ao noso lado e necesitadas da mellor das curacións: que as recoñezan e traten como persoas con dignidade, compartimos agora a nosa oración comunitaria e dicimos:
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Pola Igrexa que formamos tod@s e que tantas veces sementa dor e sufrimento na vida das persoas cargando os seus ombreiros cunha manchea de obrigas e normas; para que se libere dos seus prexuízos e saiba dar unha resposta de alento e comprensión a quen a precisa, OREMOS.
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
 Para que entre nós, nas nosas parroquias e barrios, aprendamos que a mellor das medicinas é o amor, a preocupación polo outro, non os cartos nin o tempo pagado, senón gratuíto, Oremos.
QUE A NOSA MEDICINA SEXA O AMOR
Por cada un e cada unha de nós, para que saibamos descubrir a Deus que nos interpela nos rostros das persoas que morren de fame, nas que son escravas da dor, nas que non teñen acceso á cultura, nas que viven baixo calquera tipo de opresión, nas que están marxinadas por calquera causa, nas que ven pisoteados os seus dereitos fundamentais, OREMOS.
Señor, poñendo en ti a confianza, dispómonos a non deixarnos levar por todo aquilo que non faga pasivos, conformistas e preguiceiros. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Onte a ti, Señor,
diante da carne doente da persoa enferma,
diante da carne esquecida da persoa marxinada,
diante da carne esgotada da persoa anciá,
diante da carne necesitada da persoa discapacitada,
diante da carne cansada da persoa parada,
diante da carne arruinada da persoa famenta,
diante da carne sometida da persoa escrava,
diante da carne corrompida da persoa leprosa,
diante da carne aflixida da nai,
diante da carne deshabitada do mozo....
conmovéronseche as entrañas,
deuche un golpe o corazón
e non puideches quedar á marxe.
Hoxe atopámonos cunha realidade máis triste.
Fai, Señor, que os nosos corazóns se movan
para non quedarmos á marxe.
Fainos persoas compasivas e tenras,
para sermos persoas dignas
e poder sementar na historia esperanza e misericordia. 
CANTOS
§  ENTRADA: Amigos nas penas
§  LECTURAS: O Señor é o meu pastor
§  OFERTORIO: Acharte presente
§  COMUÑÓN: No colo da miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...