PORQUE
SEMPRE NOS COLLES DA MAN E MESMO NOS LEVAS NO TEU COLO.................... GRAZAS, SEÑOR!!!!!!!!!!!!!!!
PÓRTICO
A tod@s nos ten pasado que en momentos importantes, mesmo
decisivos da nosa vida, cando tiñamos que dicir e expresar o que pensabamos, o
xeito de abordar unha cuestión ou a necesidade de mostrar a desconformidade
diante dunha cuestión que nos ocupaba, temos calado. Si, demos a calada, o
silencio, por resposta, converténdonos en acomplexados, cómplices ou
colaboradores dunha situación coa que non estabamos de acordo. Verdade que nos
ten pasado así?. Pois ben, a celebración de hoxe móstranos a Xesús
manifestándose como o Mesías, o enviado de Deus, o Fillo que comeza a facer
publica a encomenda do seu Pai. E faino sen medo, consciente de cal era a súa
tarefa, e sen ningún tipo de medos nin complexos. Todo o camiño que nos abriu
para que o seguiramos!. Que canto hoxe celebremos e compartamos neste momento
de oración, nos axude a manifestar con ledicia a misión recibida no bautismo
alí onde nos atopemos.
O
PERDÓN
- Axúdanos a perder complexos e medos, SEÑOR, AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.
- Empúrranos cando nos chegue a tentación de abandonar
e deixalo todo, CRISTO, AGARÍMANOS
COA TÚA COMPAÑA.
- Aléntanos para non deixar que o pesimismo creza no
corazón e na vida, SEÑOR,
AGARÍMANOS COA TÚA COMPAÑA.
REMUÍÑO
- O Señor prefírenos. Para el somos importantes e
ocupamos un lugar de preferencia. A dignidade coa que nacemos é o mellor
sinal de canto estamos a dicir. E quérenos porque é Pai/Nai que acompaña,
educa, alenta e corrixe. Faino sen necesidade de chamar a atención, sen
publicitarse. Non inviste en campañas de publicidade, senón que se fai
presente de xeito silandeiro en cada un dos pasos da nosa vida; unha
presenza que moitas veces non queremos ou non conseguimos descubrir, pero
que está, o que leva a que non nos perdamos diante da “marabunta” de sons
que se escoitan ao noso redor. Bendita presenza!. Si, bendita porque nos
agasalla cunha amizade que moitas veces non sabemos nin descubrir nin valorar.
Desde o día do noso bautismo, esa presenza vai con nós, nos trebóns e na
brisa da nosa vida, que de todo hai. El sempre está, inda que nós non
sexamos capaces de facerlle oco. Como é testán, e a pesares das nosas
teimosías, non nos deixa de lado, non se esquece, non nos falla. Pero nós,
e son moitas as veces, si lle fallamos a El. Non estaría de máis que hoxe
nos preguntaramos por que.
- A presenza do Espírito móstranos a un Xesús que nos
chama a preguntarnos pola fidelidade ás convicións que van asentando na
nosa persoa. Fai que nos preguntemos si temos prezo, se somos capaces de
deixar atrás o que son principios profundos á hora de estar e actuar no
mundo por un prato de lentellas en forma de prestixio, relevancia, poder,
aburguesamento... para que non pensen que eu son un/ha mixiricas. Cantas veces nos ten
pasado!. E tamén, cantas veces o temos esquecido e repetido. Aquilo de,
“se queres acalar ao veciño, dálle un carguiño”. Entón nin Espírito, nin
principios, nin convicións, nin... deixámonos ir, inda que logo nos
arrepintamos, pois case sempre é tarde. O Espírito está, pero nós témolo
secuestrado, amestrado á nosa comenencia. Como molesta e fainos revisar
onde temos posto o eixo da nosa vida, preferimos aparcalo, escondelo,
sacarlle o volume...silencialo. Pero facémolo nós, non El, que segue
presente inda que non nos guste.
- Canto vimos dicindo non son máis que consecuencias
do noso bautismo. Si, xa sei que podemos saír afirmando que a nós
bautizáronnos, que eramos pequenos, que nos meteron no club sen pedirnos
opinión... pero tampouco debemos esquecer que hoxe, no aquí e agora de
cadaquén, ninguén nos obriga a ser crentes, a confesar a fe, a participar
nas celebracións, e moitas máis cousas en relación coa nosa fe. Pero se o
facemos, non podemos esquecer todo canto iso nos compromete e esixe. Ser
cristián no medio do mundo, con criterio, con racionalidade, con
capacidade de facer escoitar a voz e non deixarse enganar nin manipular
polo interese persoal, non é doado. Xa o sabemos, pero se queremos selo,
non queda outra que facelo de maneira coherente, responsable e libre. Como
o fixo Xesús, e como estamos chamados a facelo nós. O bautismo non é máis
ca un sinal de que alí comezamos un camiño que temos que ir facendo cada
día, nunca solos, senón en comunidade; tampouco en gueto, senón no medio
do mundo e sabendo da pluralidade que nel hai. Este é o reto. Seremos
capaces de acollelo?.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Coma Xesús, coma Pedro, coma Isaías, coma tantas e tantas persoas que nos
transmitiron a fe que profesamos e cremos, poñémonos nós tamén nas túas mans
amorosas de Nai e dicímosche:
GRAZAS, SEÑOR,
POR CHAMARNOS
- Para que na Igrexa saibamos ter sempre actitudes de
respecto, liberdade, coherencia e responsabilidade, desterrando a
tentación de crernos mellores e superiores aos demais, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR,
POR CHAMARNOS
- Para que nos esforcemos para que nas nosas
comunidades agromen experiencias de cercanía, axuda, preocupación polos
demais e acompañamento a quen se senta necesitado, como un dos xeitos de
facer visibles as consecuencias do noso bautismo, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR,
POR CHAMARNOS
- Alenta, Señor, na nosa vida o esforzo constante por
dicir si a toda acción e comportamento que nos faga mellores persoas, máis
cercanos, menos egoístas, e nunca autosuficientes, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR,
POR CHAMARNOS
Grazas, Señor, por esta invitación comunitaria e renovar as esixencias do
noso bautismo. P.X.N.S. Amén.
Reflexión
Meu fillo, miña filla,
que estás no mundo.
Ti es a miña gloria
e en ti está o meu reino.
Es a miña vontade e o meu querer.
O teu nome é o meu gozo cada día.
Quérote.
Elévote e sostéñote.
Douche todo o que é meu:
o pan, os irmáns, o Espírito.
Quero a túa felicidade
e que axudes a vivir aos demais.
Perdóoche sempre
e pídoche que ti fagas o mesmo.
Non teñas medo.
Eu librareite de todo mal.
Día e noite penso en ti,
meu fillo,
miña filla.
CANTOS
- ENTRADA: Camiñando pola vida
- LECTURAS: A auga do Señor
- OFERTORIO: Que ledos hoxe estamos
- COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas
Comentarios