CANDO A PERSOA OCUPA UN LUGAR SECUNDARIO, TODA RIQUEZA É CORRUPCIÓN
PÓRTICO
Porque o Espírito sopra por onde
quere e non se prega ao uniformismo que dá seguridade, pero non convición e
confianza, a nosa vida é plural en manifestacións e en formas. Unha pluralidade
que nos fai aparecer coma unha comunidade cristiá na que, a pesares dos agoiros
que todo o ven catastrófico, negativo e sen esperanza, vive sabendo transmitir
a ledicia de estar no medio do mundo coa misión de facer presente a mensaxe de
Xesús sen imposicións nin coaccións, senón a través do desenvolvemento do
traballo ben feito, a compaña desinteresada ou a solidariedade que non ten por
que saír nos medios de comunicación, senón que se fai sen balbordo, de xeito
constante e sen pretender acadar ningún récord “guiness”.
Porque estamos a favor das persoas e
non buscamos o recoñecemento superficial de quen sae nos xornais con grandes
titulares, esforcémonos por facer da celebración de hoxe un momento de encontro
comunitario, aberto á participación e no que saibamos agradecer que no camiño
de cada día a presenza do Espírito alenta canto facemos e reforza as nosas
convicións e a nosa esperanza.
O PERDÓN
*
Por ter esquecido que non son as
prohibicións, senón as convicións maduras as que logran que as cousas muden ou
deixen de facerse, SEÑOR, NON NOS DEIXES
CAER NA TENTACIÓN.
*
Porque seguimos sen apostar por un comercio
xusto e un consumo responsable, estragando e despilfarrando moito, sen pararnos
a pensar que detrás hai explotación, miseria, escravitude e manipulación, CRISTO, NON NOS DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
*
Por non dar entendido que na vida as
dificultades son motivo de maduración e crecemento persoal, e non camiño de
desesperanza e abandono, SEÑOR, NON NOS
DEIXES CAER NA TENTACIÓN.
REMUÍÑO
ð Porque o Espírito sopra por
onde quere, é dicir de xeito aberto, plural e innovador, non temos dereito a
secuestralo e poñelo a dispor da nosa comenencia e do noso único interese. E
inda que isto, por pouco que o pensemos, vémolo claro e lóxico, logo, na nosa
vida e na relación con Deus, non acabamos de entendelo. De aí que nos vaiamos
facendo unha vida de fe á nosa imaxe e semellanza, modulando e facendo de Deus
o que nos gusta e convén en cada momento, coma se fose un monicreque que
movemos coas mans e lle facemos dicir o que nós queremos. E isto pásalle tanto
aos que confunden goberno con poder e autoritarismo dentro da Igrexa, como aos
que pensan que eles son os únicos que están e teñen a verdade, e quen non se
identifique con eles está fóra da Igrexa, e se non está, hai que botalo. E se
sempre foi así –tampouco imos agora rachar as vestiduras por iso-, dun tempo a
esta parte a cousas parece que vai collendo máis forza. Parece que volve o medo
no canto da liberdade, e a imposición en vez da proposta. Isto leva a que a
imaxe de Deus como quen escoita, anima, quere e invita á confianza e ao
amor, se torne de novo no ollo acusador
que castiga e condena, coma se foramos nenos pequenos cheos de medo e
inseguridade. Diante disto, é necesario volver ás fontes, e a mellor, por non
dicir a única, é a Palabra de Deus. Nela imos vendo como non é o “todos en fila
e a formar” o que a move e alenta, senón o sopro do Espírito que dá lugar á
pluralidade de formas, maneiras e concrecións múltiples do facer dos cristiáns
no medio do noso mundo. Un facer que debe partir da reflexión e da capacidade
que cada un de nós temos para, de xeito autónomo, maduro e responsable, sen
necesidade de “carabinas que nos vixíen” dar resposta á nosa tarefa de ser
testemuñas da presenza de Deus no medio do mundo. E isto non se pode facer máis
que na confianza e no diálogo, especialmente neste momento de tanta dificultade
e no que tantas persoas perden traballo, dereitos e mesmo recoñecemento da súa
dignidade por mor dun liberalismo egoísta e insolidario que só busca o ben dos
poderosos e esquece a dignidade dos empobrecidos. Non son logo os celos, senón
a confianza o que Deus nos ofrece e invita a vivir. Ninguén ten o monopolio da
verdade.
ð As palabras de Santiago
volven insistir en que se as persoas, imaxe e semellanza de Deus, non son razón
e tarefa do noso actuar, todo canto fagamos non é máis que abuso, manipulación
e mentira. Cando esquecemos que a dignidade do outro faino igual a min, canto
fagamos vólvese contra nós e empórcanos as mans e o pensamento, pois o que
facemos é para o noso propio interese e desde o egoísmo máis radical. De aí que
Santiago nos lembre onde teñen que estar os centros non só das nosas
convicións, senón do noso actuar e da razón que nos leva a facelo. Que
actualidade teñen estas palabras neste momento!. E Santiago non fai política,
senón que se limita a aplicar á realidade as palabras de Xesús en defensa dos
que son maltratados e utilizados como cousas e non como persoas. Acaso
hoxe non se pagan xornais de miseria, se
recortan dereitos, se minte para os que xa gañan máis sigan facéndoo a custa
dos explotados ou se xustifican, se pechan empresas ou se recortan plantillas
só por non gañar tanto coma hai ben pouco?. Logo non vemos como, no nome de non
sabemos moi ben que, se suprimen axudas e servizos aos maiores, medios para a
sanidade ou para a educación?. Vemos logo que inda que pasaron vinteún séculos,
a cobiza do ser humano é a mesma, polo que as palabras da carta que hoxe lemos
como segunda lectura, non só seguen a ter actualidade e vixencia, senón que, se
cabe, hoxe téñenma máis ca nunca. E por que pasa isto?. O mesmo Santiago nolo
di ao final do texto: porque as persoas esquecemos o que somos, e cebamos os
nosos corazóns nos praceres para o día da matanza, condenando ao xusto, e
aproveitándonos del no nome do progreso e dos beneficios.
ð Se queremos estar non contra
Xesús senón con El, xa é tempo de que nos paremos a pensar se o noso actuar,
que dicimos de cristiáns, responde a esta palabra que sempre quere estimular e
alentar a nosa vida. E se somos pedra de escándalo pola nosa maneira de facer
as cousas, non nos queda outra que virar o rumbo e encarar canto facemos e
dicimos coa claridade e fondura que nos ofrece o evanxeo, sabendo que se
queremos estar con El, e sen ser doado o camiño, temos que poñernos a camiñar
xa.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
A este Deus que nos chama a non ser nunca
neutrais diante da inxustiza e o abuso que sofren as persoas, dirixímoslle a
nosa oración comunitaria dicindo:
SEÑOR,
QUE O NOSO ACTUAR SEXA XUSTO E SOLIDARIO
Para que na
Igrexa non calemos nunca nin permitamos que as persoas sexan utilizadas polos
poderosos, como se fosen números dos seus balances económicos, OREMOS.
SEÑOR,
QUE O NOSO ACTUAR SEXA XUSTO E SOLIDARIO
Para que
nas nosas comunidade esteamos sempre dispostos a defender a dignidade das
persoas que están sendo maltratadas e esquecidas neste momento de grave crise
moral, económica e social, OREMOS
SEÑOR,
QUE O NOSO ACTUAR SEXA XUSTO E SOLIDARIO
Para que
cada un de nós no actuar de cada día no traballo, na parroquia, na familia, cos
amigos... saibamos tender pontes de confianza e solidariedade, non deixando que
o silencio, a rutina e a pasividade vaian facendo que esquezamos que as persoas
son máis importantes que os axustes, OREMOS.
SEÑOR,
QUE O NOSO ACTUAR SEXA XUSTO E SOLIDARIO
Señor, neste
momento de dificultade social tan grande, aléntanos para que non desfalezamos
nin nos desanimemos á hora de unirnos para loitar pola defensa da dignidade dos
seres humanos que puxeches en cada un de nós. P.X.N.S. Amén.PARA A REFLEXIÓN
Señor, son moitas as persoas que deixaron pegada en min,
moitas as que me axudaron a descubrirme,
a espertar , a cambiar e a enriquecerme.
Aquela persoa que, inesperada e oportuna, soubo escoitarme con comprensión.
Aquela que, aínda estando lonxe, sentín preto.
Aquela que, coa súa bondade, fíxome ser sinxelo.
Aquela que, corrixíndome con agarimo, esixiume camiñar.
Aquela que, experimentando a súa debilidade, fixo que me sentira pobre.
Aquela que, coa súa experiencia de gratuidade, me abriu un mundo de relacións fraternais.
Aquela que, coa súa vida incansable, invitoume a loitar.
Aquela que, coa súa necesidade de min, fixo que me sentira único.
Aquela que se atreveu a dicirme: quérote.
Aquela que anunciou en min a boa nova de que Ti me queres.
Son o que son grazas a moitas persoas, pequenas e grandes, amigas e anónimas.
Déixame darche as grazas por elas, que me marcaron para sempre coa súa vida e frescura.
Déixame darche as grazas, cantarche e louvarte por todas elas, fillas túas, irmás miñas.
CANTOS
*
ENTRADA: Amigos nas
penas* LECTURAS: Benaventurados
* OFERTORIO: Señor Xesús, bendito sexas
* COMUÑÓN: O amor é o meirande
Comentarios