Ir al contenido principal

Domingo 24 TO B

A DUREZA DO CAMIÑO INVITA Á COLABORACIÓN
Pórtico
Temos repetido e mesmo escoitado ao longo da vida moitas veces a frase da carta de Santiago que hoxe imos ler, e na que se nos di que a fe sen obras esmorece porque non dá froito. Isto ponnos na pista da necesidade de vivir sempre de maneira activa, creadora, nova e sen deixarnos ir por vieiros de desasosego e rutina. A mensaxe de Xesús é sempre fresca e actual, e temos que sabela poñer en relación con cada momento que nos toca vivir. Isto fainos ver que temos que estar sempre á espreita, en actitude de descubrir presenza e o rostro de Deus a través e no medio do que pasa cada día. E neste momento de crise, dificultade, empobrecemento, paro, engano, manipulación e sufrimento polo que tantas persoas pasan, non podemos quedar calados e deixar que as cousas pasen diante de nós sen facer nada. O camiño da vida, ese camiño que todos temos que ir facendo cada día e que nos vai levando cara á plenitude do encontro definitivo con Deus, nin podemos facelo solos nin como se ao noso redor non pasara nada; ese non é o xeito de actuar que quere Xesús. Necesitámonos uns aos outros, e só colaborando poderemos acadar a meta final.
O PERDÓN
  • Para que non nos deixemos levar da tentación da autosuficencia e de pensar que podemos prescindir dos demais, volvéndonos insensibles diante do que lles pasa aos irmáns e ás irmás, SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
  • Para que diante da tentación de solucionar as cousas coa violencia, nos esforcemos por escoitar o que outros nos din ou propoñen, CRISTO, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
  • Para que non prescindamos nunca das obras, e non fagamos da fe unha ideoloxía ao servizo dos poderosos, SEÑOR, QUE TE DESCUBRAMOS NA NOSA VIDA.
REMUÍÑO
  • Camiñar na presenza do Señor non é sempre doado; é máis, nunca é doado. E non o é non polas dificultades do camiño, senón pola tendencia que todos temos á comodidade, a adecuar as esixencias da fe á nosa comenencia, a facer do feito de crer un “bunker”, un coto, o noso, privado, no que nos sentimos seguros porque facemos o que queremos, o que nos gusta ou o que menos esforzo esixe... pero non o que Deus nos propón e invita a desenvolver. Cando actuamos así, e facémolo todos e moitas veces, estamos a quitarlle á fe o que ten de proposta nova e enriquecedora para a nosa vida, deixando que o insulso e o repetitivo, o de sempre, as formas, o externo, o superficial … entren na nosa vida como se fosen resposta ao que Deus nos pide. Que enganados estamos!. Camiñar na presenza do Señor é encher a vida de froitos que se volven saborosos cando poden ser degustados polos demais en forma de xustiza, colaboración, diálogo, denuncia de todo engano, participación, igualdade, e todo canto leve a descubrir que seguir a Xesús e ser cristián hoxe non é unha liga que se xoga nos grandes estadios compostos pola fermosura das nosas igrexas e das nosas imaxes, senón nos campos que están máis alá das portas das nosas igrexas, e que fan que nos atopemos con persoas que só poderán descubrir quen é e que entendemos por Deus grazas ao noso xeito de actuar, ao noso comportamento. Somos conscientes disto?.
  • A clave de todo canto vimos dicindo témola hoxe na carta de Santiago. Cando el escribe o texto está a correr entre os cristiáns un run-run, ao que moitos facían caso, de que non pagaba a pena ser honestos, ser responsables, ser xustos, denunciar inxustizas, esforzarse por facer ben as cousas e pensar sempre nos demais. Que o único e verdadeiro era confesar, crer en Xesús e esperar a que chegase o final para volver estar con El. E este run-run ía cada día tan a máis que moitos dos cristiáns acabaran por separar a súa vida -o que facían e como se comportaban cada día- da súa fe -do que crían e rezaban-; o que dera lugar non só a un total desconcerto entre as comunidades, senón a un afastamento da mensaxe que Xesús tanto se esforzara, e o manifestara coa súa vida, por mostrar, ensinar e vivir. De aí que Santiago se vexa na obriga de lembrarlles a aqueles cristiáns da primeira hora que se non son capaces de darlle xeito e forma en comportamento ao que rezaban e crían, todo acabaría por converterse en ermo e baldío. Algo así parece que nos está tamén a pasar hoxe a nós. Dá a impresión de que non temos claro que o que celebramos dentro dos templos e os sacramentos que recibimos se os separamos da vida acaban por converterse en simple suma de ritos e costumes, sen forza ningunha na nosa vida. E neste século XXI, os cristiáns ou saímos ás rúas, e co noso actuar mostramos que nos supón e esixe crer, ou dificilmente as xeracións máis novas poderán descubrir e entender quen foi e que fixo Xesús de Nazaré.
  • E a resposta volvemos atopala no Evanxeo que vimos de proclamar. Tamén a nós se nos pregunta en quen cremos e por que cremos , e temos que saber responder de xeito sinxelo e claro; pois a resposta ha ser froito da fondura e da riqueza dunha vida vivida desde o seguimento e a fidelidade á mensaxe do Reino, non só coa palabra e coas fórmulas dogmáticas, canónicas e teolóxicas; moitas das veces incomprensibles e moi afastadas da vida e dos problemas que cada día nos toca vivir, e polo tanto moi fóra do mundo dos homes e mulleres de hoxe. Que o noso confesar que El é o Mesías, saibamos expresalo non con seguridades que se escriben nos papeis pero logo non se cren, entenden nin viven, senón con actitudes, comportamentos e valores que convencidos van modulando a nosa vida e facendo de nós verdadeiras testemuñas de Cristo Resucitado.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Achegámonos agora ao altar da oración comunitaria e unimos palabra e corazón para dicir xunt@s:
QUE AS NOSAS OBRAS ENRIQUEZAN A TÚA MENSAXE
  • Para que cantos están/mos á fronte das comunidades cristiás non esquezan/mos nunca que a fe non se reduce a un conxunto de verdades teóricas e moitas veces sen conexión cos problemas e dificultades da vida, senón que é un compromiso persoal e comunitario de converter en vida as palabras de Xesús, Oremos.
QUE AS NOSAS OBRAS ENRIQUEZAN A TÚA MENSAXE 
  • Para que nas nosas comunidades non reduzamos a fe a unha ideoloxía que nos mantén na seguridade dos ritos, pero que se afasta da frescura que dá a vida convertida en seguimento da mensaxe de Xesús, OREMOS.
QUE AS NOSAS OBRAS ENRIQUEZAN A TÚA MENSAXE 
  • Para que cada un/ha de nós saibamos facer autocrítica e non nos deixemos levar por actitudes de autosuficiencia e superioridade por saber moita teoría, pero sen acabar de descubrir que a fe é confianza e diálogo vivo con Deus desde o que vivo, sinto e comparto, OREMOS.
QUE AS NOSAS OBRAS ENRIQUEZAN A TÚA MENSAXE
Grazas, Señor, por acompañar este momento de oración comunitaria. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Un día calquera,
nun momento calquera,
a tempo e a destempo,
sen aviso previo
lanzas ti a pregunta:
E ti, quen dis que son eu?

Eu quedo a medio camiño
entre o correcto e o que sinto,
porque non me atrevo
a correr riscos
cando Ti me preguntas así.

Equivócome de novo
e pídesme silencio
para que escoite o teu latexo
e siga o teu camiño.
E pouco despois volves á carga:
E ti, quen dis que son eu?.

Ensíname como sabes.
Lévame ao teu ritmo polos camiños do Pai
e polos vieiros marxinais que tanto che gustan.

Corríxeme,
cánsame.
E vólveme explicar os teus proxectos
e quen es.

Cando na túa vida toda
atope o sentido
para os trazos da miña vida rota;
cando no teu sufrimento e na túa cruz
atope o valor de todas as cruces;
cando faga da túa causa a miña causa,
cando xa non busque salvarme
senón perderme no teu amor...
Entón, Xesús, volve preguntarme:
e ti, quen dis que son eu?
CANTOS
  • ENTRADA: Camiñarei na presenza do Señor
  • LECTURAS: Xesús é Señor
  • OFERTORIO: Canta o sol
  • COMUÑÓN: Ide e pregoade
 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...