Ir al contenido principal

Domingo 25 TO B

HAI PERSOAS QUE SERVEN UN DÍA E SON BOAS. HAI OUTRAS QUE SERVEN UN ANO E SON MELLORES. OUTRAS SERVEN MOITOS ANOS E SON MOI BOAS... PERO TAMÉN HAI AS QUE SERVEN TODA A VIDA: ESAS SON IMPRESCINDIBLES E IMPORTANTES

PÓRTICO

Na nosa sociedade é importante o home de prestixio, seguro de si mesmo, que acadou o éxito nalgún campo da vida, que sobresae por riba dos demais. Asemade, é importante a muller estupenda fisicamente, bela (aínda que só sexa por fóra), que acapara portadas das revistas, que ten ao seu lado un home “relevante”, con poder e con cartos.... 
Porén, a Palabra volve insistir unha e outra vez en que eses non son criterios morais válidos para catalogar á xente como “importante”. Segundo o criterio de Xesús son importantes eses miles e milleiros de homes e mulleres anónimos, de rostro descoñecido, a quen non se lles fará nunca ningunha homenaxe nin se lles adicará ningunha portada de revista; pero que se desviven no servizo desinteresado aos demais, ocupándose e preocupándose da felicidade doutras persoas.
Que a celebración que agora comezamos nos axude a espertar do soño no que estamos mergullados para descubrir que servir é ledicia.

O PERDÓN

  • A pesares de non termos descuberto que a túa novidade consiste en facer grande o pequeno e o insignificante, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
  • A pesares de que seguimos perdendo tempo, enerxía e esforzo en discusións inútiles que non fan máis que amargar a nosa vida e a dos demais, CRISTO, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.
  • A pesares de que non acabamos de entender que seguirte a Ti, supón e esixe sinxeleza, compromiso,dispoñibilidade e servizo e non boato, beatería, prácticas baleiras e ambición de poder e prestixio, SEÑOR, NON NOS DEIXES DA TÚA MAN.

REMUÍÑO

A primeira lectura, do libro da Sabedoría, fálanos do difícil que é camiñar polo carreiro da xustiza. Si, porque ilustra moi ben dúas actitudes na vida e diante da vida: a dos xustos, é dicir, a das persoas que viven e queren vivir nunha sociedade de dereito, xusta, en paz, solidaria e respectuosa; e a das persoas para as que o fin sempre xustifica os medios (chantaxe, traizón, crítica despiada....), aquelas que non teñen escrúpulos, que burlan a lei, que buscan prebendas, que pisotean dereitos... Sóanos o conto?. Porque tod@s nós, en maior ou menor medida, en certos aspectos da vida, somos das persoas que nadamos entre dúas augas, arrimándonos ao sol que máis quenta. Na nosa vida, tamén na nosa vida de fe, ás veces somos coma botellas de refresco con gas: ao comezo, cando quitamos a cortiza, todo é forza, vitalidade, entusiasmo.... Pero, co tempo, na posta en práctica dos compromisos bautismais, nas decisións que debemos tomar, nas opcións que temos que sopesar.... chega un momento de proba: críticas ao redor, camiño diferente ao da meirande parte da sociedade, @s amig@s cada vez enténdennos menos, perdemos a tranquilidade..... e chega a sensación de fracaso, a apatía, mesmo o baleiro. Xurde entón a idea de que non pagou a pena ter dedicado tempo, esforzo, ilusións.... Perdemos o gas e deixámonos ir polo de sempre, polo que fan todos, polo que se leva.... esquecendo dúas cousiñas importantes. Por unha banda o feito de que cando unha sociedade vai mal (como está ocorrendo agora mesmo), fai falla un cambio desde a raíz, cómpre volver comezar, porque non se pode aprender xustiza nunha sociedade inxusta; non se pode aprender a ser solidarios nunha sociedade que explota; non se pode amar a paz nun mundo cheo de violencia física e verbal; non se pode aprender a ser persoa nun mundo inhumano.... xa que aprendemos do que vemos e vivimos e cando o que se di está en contradición co que se fai, aprendemos tamén a mentir e a enganar, a explotar e a matar. Doutra banda, non menos importante, esquecemos que Deus non nos deixa sol@s, senón que vai pondo no noso camiño persoas que nos tenden a man e que nos axudan a erguernos demostrándonos que nos queren, que se preocupan por nós, que non nos abandonan... o que fai que a pesares das dificultades e das cruces da vida non deberiamos nunca perder o norte: Deus. El invítanos a ver a realidade con outros ollos e danos forza e alento para volver comezar de novo.
Un recomezar sempre desde a tolerancia, o respecto e o diálogo. Moitas veces non somos capaces de entender e asumir que os cristiáns e as cristiás somos un grupo dentro da sociedade, dentro dunha sociedade plural e democrática chamada a construírse desde o respecto dos Dereitos Humanos, e iso fainos caer na tentación da imposición e da intolerancia, que levan a enfrontamentos, descualificacións e a crear un clima de crispación que non é bo para ninguén, e menos para as persoas que nos consideramos seguidoras de Xesús de Nazaré, que deberamos ter como compromiso facer do mundo a casa de tod@s. Parapetados na nosa verdade, autosuficientes, non estamos dispostos a escoitar, e moito menos aceptar a quen pensa, reza, opina, ama ou actúa dun xeito distinto ao noso. En definitiva, pásanos o mesmo que lles ocorría a aqueles aos que lle escribía Santiago: tod@s queremos ser “machos dominantes da manada” e, desde esta perspectiva, comezamos a ver o resto do mundo coma un obstáculo a eliminar ou coma alfombra sobre a que pisar. Xorden entón as divisións, as loitas, os ciumes..... Hoxe é un bo día para recomezar desde a óptica de que “o froito da paz é a xustiza” e que acoller o Reino é acoller á persoa de Xesús. Se non conseguimos entender isto estaremos sempre na disputa, na tensión, no enfrontamento e na división que tanto dano fan.
Só así aprenderemos, tamén nós, a responder á pregunta que Xesús lle fai aos seus discípulos: de que falabades polo camiño?. Certamente non era de servizo, de entrega ou de compromiso. Non, tristemente eles tamén se deixaran embaucar, tamén se deixaran ir e falaban de prestixio, poder, importancia.... Que pouco cambiou o conto despois de dous mil anos de historia!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!! Non entenderan nada... Non entendemos nada. E Xesús, explicóullelo e explícanolo hoxe a nós: “quen queira ser primeiro, que se faga último e servidor”. Estamos tan afeitos a escoitar esta frase que é pouca a impresión que nos causa, a pesares de que non entendemos moi ben que para ser primeiros teñamos que ser últimos. E non o entendemos porque nos falta fe, porque non confiamos de verdade en Xesús. Por se acaso preferimos ter os nosos propios medios, os nosos propios recursos, as nosas reservas e as nosas seguridades para non quedar de últimos, porque iso sería unha catástrofe, unha traxedia....Xesús propón como modelo aos nenos, símbolo das persoas pequenas, daquelas que o mundo non ten en conta: pobres, parados, marxinados, enfermos, desposuídos, escravos....e tantas e tantas persoas ás que ignoramos ou miramos por riba do ombreiro por estar os nosos ollos pousados nos grandes e poderosos. Nestas palabras de Xesús resoa a parábola do xuízo final. O neno é o famento, o nu, o que está no cárcere, o marxinado... O que fai grandes non é dominar, senón servir aos máis pequenos e desprezados. Tod@s nós (xerarquía, relixiosas e leig@s), que formamos a Igrexa de Xesús debemos seguir con fidelidade as súas palabras e o seu exemplo se non queremos enredarnos nas formas mundanas de pensar e actuar. Calquera afán de dominio, de búsqueda de poder ou de prestixio; calquera afán de manipular ou de sobresaír sobre os demais ocultará o rostro de Cristo que debemos transparentar. Será un antitestemuño. Cando aprenderemos?.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Abramos o noso corazón á oración compartida, tendo nela presentes as dores, loitas e sufrimentos dos nosos irmáns e das nosas irmás, e digamos: 
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
  • Para que tod@s nós, que formamos a túa Igrexa, mostremos cos nosos feitos que vivimos para servir a todas as persoas, e non buscando prestixio, poder, loanza efémera ou recoñecemento, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
  • Polas nosas comunidades, para que deixemos de perder tempo, esforzo e ilusión en discusións estúpidas e baleiras e, pola contra, busquemos a paz que é froito da xustiza, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
  • Recén comezado un novo curso escolar, hoxe queremos ter presentes na nosa oración dun xeito especial aos nenos e aos mozos. Para que tomemos conciencia de que un pobo progresa cando sabe acoller, coidar e educar ben ás novas xeracións, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
  • Tamén pedimos polos educadores, que desgastan a súa vida, as súas forzas e os seus nervios xunto aos estudantes. Para que valoremos e agradezamos sempre a súa labor, que é unha das máis grandes para a construción dunha sociedade crítica, xusta e igualitaria, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
  • Por cada un e cada unha de nós, que queremos camiñar no seguimento de Xesús, para que o fagamos sempre con dispoñibilidade, esperanza, alegría e diálogo, manifestando na nosa vida a ledicia de sermos servidor@s, OREMOS.
QUE DESCUBRAMOS A LEDICIA DE SERVIR
Grazas, Señor por darnos a verdadeira sabedoría que brota do Evanxeo: para ser grande cómpre ser servidor de tod@s. PXNS. Amén.

PARA A REFLEXIÓN

Non digas que non. 
Ti, coma min, coma tod@s
tamén levas no teu interior esta pregunta:
quen é o máis importante?.
 
Porque para ti, para min, para case tod@s,
do que se trata é disto: de ser o máis importante.
 
Na escola ensínannos a ser os máis listos.
Na Igrexa ensínannos a ser os máis perfectos.
Na televisión ensínannos a ser os máis famosos.
Na casa ensínannos a ser os máis ricos.
Case ninguén quere os últimos postos.
Case ninguén acepta ser servidor dos demais.
 
Xesús si.
Xesús escolleu o último lugar: fíxose servidor de todos.
 
A xente de letras case nunca entendeu a Xesús.
A xente de Igrexa case nunca entendeu a Xesús.
A xente de poder case nunca entendeu a Xesús.
A xente dos cartos case nunca entendeu a Xesús.
 
E foi Xesús e colleu un neno,
e púxoo no medio coma sinal para toda a xente do mundo:
sinal da debilidade, á que é bo achegarse,
sinal da tenrura de Deus da que carecen moitos corazóns,
sinal da humildade coa que cómpre camiñar na vida,
sinal dos postos sen importancia que busca o seguidor de Xesús,
sinal de Xesús mesmo, morto e resucitado,
por unha melloría radical do mundo que nos acolle.
M. REGAL “Un caxato para o camiño” (pax. 226-227)

CANTOS

  • ENTRADA: Amigos nas penas
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Déixate querer
  • COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco


 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...