A SOLIDARIEDADE DE XESÚS FAINOS A TOD@S IGUAIS NA COMPLEMENTARIEDADE
Pórtico
Xesús é fonte de bendición para todo ser humano sen distinción de raza, cor, sexo, formación ou relixión. Esta bendición que nel recibimos fainos complementarios uns dos outros, xa que o que uns temos como limitación poden achegárnolo outr@s como complementariedade, de xeito que sempre nos necesitamos, á vez que evitamos caer na tentación de crernos superiores a ninguén. A fe pon de manifesto esta igualdade na complementariedade desde o mesmo xeito de facer e dicir de Xesús, para quen ser home ou muller non engade diferenza, tampouco superioridade, senón igualdade que enriquece desde a relación de uns cos outros. Mágoa que isto que para Xesús é pedra esquinal da súa proposta de salvación, os cristiáns, antes e agora, témolo esquecido moitas veces, dando lugar a diferenzas e enfrontamentos que nada reflicten o compromiso de ser as súas testemuñas no medio do noso mundo.
Que o que hoxe vimos compartir na celebración nos axude a descubrir que non son as palabras, senón os nosos feitos, o que dan credibilidade a canto nela comezamos agora a celebrar.
Perdón- Porque no noso día a día seguimos tendo prexuízos á hora de confiar e valorar que non é a discriminación, senón a igualdade a pegada que nos deixou Xesús, SEÑOR, AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
- Porque nos custa aceptar que o seguimento de Xesús faise desde a igualdade de tod@s, sen distincións nin superioridades, CRISTO, AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
- Porque á hora das responsabilidades seguimos lonxe do exemplo de Xesús, e non valoramos a complementariedade, SEÑOR, AFÁSTANOS DE CANTO NOS ENFRONTA.
- A presenza do Espírito na vida das comunidades vainas conformando ao xeito de que nelas se faga presente o dinamismo, a audacia, a ilusión... sempre desde a esperanza, verdadeiro motor desde o que os cristiáns encaran a súa vida e o seu camiño; o camiño de ir mirando cara adiante e non ter medo a asumir retos novos e tarefas ilusionantes. Camiñar facendo sitio ao Espírito no desenvolvemento da vida das comunidades, lévanos a non quedarnos laiando polo que noutro tempo foi, tampouco nos invita a vivir nun presentismo sen saída nin avance cara diante, senón que nos impulsa, de xeito continuo e permanente, a facer do presente ámbito desde o que mirar ao futuro, sen esquecer nunca nin as raíces nin a identidade. Por iso falamos tanto, e con tanta forza, da importancia e do lugar do Espírito no quefacer cotián das nosas comunidades. Deixemos que ese Espírito reborde para que tamén a nosa vida sexa testemuño ilusionado do anuncio do Deus que salva!.
- Deixarnos levar polo camiño que nos vai mostrando o Espírito, pide de nós superar actitudes de exclusión e rexeitamento dos que non pensan coma nós, ou teñen outros xeitos de facer as cousas. E iso é así porque o Espírito sopra de xeitos e maneiras diversos. Non é uniforme, tampouco nos chama á uniformidade, senón que nos abre a unha amplitude que sempre supón acoller, coñecer, abrir novos campos nos que evanxelizar, mostrar as múltiples e variadas maneiras de dicir si a Deus desde un mundo no que sobran os mestres: os que o saben todo, os que se consideran na verdade e na fidelidade ao dogma, os que non cansan de afirmar e reafirmar, ás veces, parece mesmo que con certa soberbia, que a única verdade é a deles, esquecendo que a Verdade é Deus, e desde El vaise despregando en tod@s aquel@s que nos consideramos imaxe e presenza súa. Sen exclusivismos e sen necesidade de que ninguén teña que ir fóra buscando o que nesta casa que chamamos comunidade cristiá, Xesús nos mostra constantemente o que podemos dar, ofrecer e compartir. Faltan moitos por vir, pero non sobra ninguén. A forza do Espírito ten que alentarnos e non deixar que cansemos na consecución desta tarefa.
- E todo o anterior lévanos a entender mellor canto Xesús manifesta no Evanxeo que vimos de proclamar: a pluralidade existente dentro das comunidades é froito da complementariedade das persoas que as conformamos. Unha conformación na que homes e mulleres, en igualdade, imos construíndo, aportando, reflexionando e tomando decisións, sen que ninguén se crea superior ou inferior a ninguén. Somos iguais en dignidade e tod@s merecemos o mesmo respecto. Un respecto que non vén dado por ter esta ou aquela responsabilidade, que non poder nin imposición, senón por compartir que somos imaxe e semellanza de Deus. Isto lévanos a esforzarnos para non permitir nunca que actitudes de discriminación, non recoñecemento ou minusvaloración de quen posúe outro xénero, ou outra condición sexual, sirvan para ferir e facer dano, mesmo apartar ou ridiculizar de tarefas de responsabilidade e servizo na vida das comunidades. Tomar en serio que somos comunidade cristiá e espello a través do que mostremos que segue a ser posible vivir o Evanxeo de Xesús no mundo de hoxe, lévanos a buscar tender sempre cabos que acheguen e non redes que atrapen e afoguen aos que conformamos as nosas comunidades. Porque Deus téndenos o cabo para unir, que non sexamos nós os que non permitamos collelo a quen o queira, porque na Igrexa ninguén sobra, e tod@s somos importantes.
Oración da comunidade
Diante do Deus que nos crea iguais e corresponsables da vida e desenvolvemento do Evanxeo no noso mundo, presentamos entón a oración e dicimos:
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
- Invítasnos, Señor, a vivir na pluralidade de modos, formas e xeitos de expresar e vivir a fe. Para que nunca adoptemos actitudes que separan e discriminan, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
- Chámasnos a que fagamos das nosas comunidades parroquiais fogares onde saibamos escoitarnos, acollernos e perdoarnos. Para que nunca fagamos oídos xordos á túa chamada, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
- Queres que as nosas actitudes sexan cribles superando a tentación do quedar ben ou facer cousas sen sentilas. Para que saibamos potenciar na vida de cada día, desde a familia, os barrios, as parroquias e o traballo todo canto supoña unir e colaborar, OREMOS.
PORQUE AS COMUNIDADES SON PLURAIS, QUE VALOREMOS O TRABALLO DE TOD@S
Señor, que esta oración que hoxe compartimos nos axude a vencer prexuízos, para poder camiñar sempre na igualdade e a colaboración de tod@s. P.X.N.S. Amén.
ReflexiónPensei e recei,
temín darche as chaves do meu corazón.
Seguín pensando e rezando,
seguín vivindo,
e por fin dei o paso
e entregueiche as chaves do meu corazón.
Mais
toda a miña loita foi en vano,
ti non querías as chaves.
Volvíchesmas dar,
e dixéchesme:
Ti es o dono,
manda e goberna.
Eu estou contigo.
(Manolo R., As chaves do corazón, en Chorimas, 63 )
Cantos- ENTRADA: Amigos nas penas
- LECTURAS: Canta o sol
- OFERTORIO: Gracias, Señor, na mañá
- COMUÑÓN: Eu soñei
Comentarios