Ir al contenido principal

Trindade C


UN MISTERIO QUE SE MOSTRA COMO COMUÑÓN DE PERSOAS E SOLIDARIEDADE DE CORAZÓNS

PÓRTICO

Ao falar da Trindade, na teoloxía e na pastoral atopámonos cun problema de linguaxe, e como consecuencia, tamén de comprensión. Na nosa cultura, e desde os nosos conceptos, resúltanos difícil iso de que son tres pero só un; por iso é necesario renovar a linguaxe para poder comprender o que dicimos e celebrar canto queremos conmemorar na festa deste domingo.

Esta renovación ten que levarnos a clarificar o que é o importante, o fundamental, o que nos pode axudar a entender que queremos dicir ao falar da Trindade. E sen escarvar en moitas disquisicións teolóxicas, diremos que a festa de hoxe quere mostrarnos que somos comuñón uns para cos outros; e que esta comuñón non pode vivirse máis que de xeito comunitario.

Deus váisenos manifestando no tempo de maneiras diversas: como Pai que acompaña ao seu pobo nas dificultades e nos logros; como Fillo que abre camiños de encontro, fraternidade e amor; e como Espírito que anima, alenta e fortalece á Igrexa no seu estar no mundo de xeito activo, dialogante e servizal.

Que a celebración que agora comezamos nos axude a entender, vivir e celebrar esta mostra de amor do Deus que sempre vai ao noso lado.

 

O PERDÓN
  • Comparte, Señor, con nós o recoñecemento de que moitas veces rompemos a comunicación e o diálogo nas nosas comunidades, SEÑOR, ÁBRENOS SEMPRE AO DIÁLOGO.
  • Comparte, Señor, con nós o recoñecemento de que na nosa vida poden máis as ansias de destruír que o gozo de unir e colaborar, CRISTO, ÁBRENOS SEMPRE AO DIÁLOGO.
  • Comparte, Señor, con nós, as limitacións que nos levan a non escoitar, senón a tentar impoñer sempre o noso criterio, SEÑOR, ÁBRENOS SEMPRE AO DIÁLOGO.

REMUÍÑO

* Nos textos da biblia, as referencias a Deus vanse presentando a través da utilización de simboloxía, linguaxe figurado e imaxes sinxelas, sacadas da realidade cotiá e que puideran ser comprendidas por aqueles aos que os textos se dirixían. Un exemplo disto que vimos dicindo témolo na primeira lectura do libro dos Proverbios que acabamos de escoitar. Deus é presentado como a Sabedoría; pero non unha sabedoría calquera, e ao modo da cultura grega, senón que El é a sabedoría tal e como a entendían os xudeus: experiencia, paciencia, reflexión, dominio de si, dignidade, acollida, capacidade de escoita … Todas estas actitudes encerraba a sabedoría para eles. E todas elas se lle atribuían a Deus. Como sabedoría, facía que xermolara a vida, a natureza, o respecto, a igualdade de uns para cos outros. Deus era para eles aquela Sabedoría que facía posible que xurdiran os froitos das boas obras na humanidade, xa que esta participaba dela. Por iso, antes de que a terra existise, Deus, a Sabedoría, xa tiña un proxecto. Mellor, o seu proxecto de amor para a terra e cantos a conforman; un proxecto que non se esgota, senón que se renova e se vai mostrando na comunicación, no diálogo, na comuñón duns cos outros, e de tod@s co mundo que puxo ao noso dispor. Cómo botamos en falta esta capacidade de confrontarnos coa realidade hoxe!. Si, porque temos tomado un camiño distinto, ou mellor dito, o camiño oposto, no que o progreso se entende como destrución; a calidade de vida, como consumismo e o dispor das cousas, a modo de dominio e control. Desexamos a sabedoría que humanice, que nos faga sentir e experimentar que os demais e canto nos rodea son/mos importantes. Non somos cousas nin útiles dos que nos aproveitamos, senón comuñón que se encontra, participa e enriquece mutuamente ao reafirmar os lazos da solidariedade e o achegamento duns para cos outros. Esta Sabedoría de Deus é a que hoxe queremos poñer de manifesto na celebración da festa da Santísima Trindade. Non é o noso perdernos en disquisicións teóricas, filosóficas ou conceptuais de alta escola. Non, senón que o que buscamos é descubrir como Deus, no seu amor sempre sabio, nos vai tendendo pontes que nos achegan, nos fan participar nos proxectos cos outros; e nos invita a buscar canto nos une e non a permanecer no laio permanente do que nos separa ou diferenza.
* A festa de hoxe quere ser un canto para que cantos buscan no noso mundo podían atopar e atoparse, impedindo que camiñemos no individualismo pechado que nos incomunica e non deixa que agrome o froito da terra boa sementada e regada pola sabedoría de Deus. Só tendo isto en conta poderemos dicir e entender a aclamación que nos lembra de xeito permanente o admirable e gozoso que é o nome de Deus en toda a terra. Unha admiración que se vai mostrando desde a mensaxe que esa sabedoría de Deus deixou no Fillo que nos fala de misericordia, paz, xustiza e liberdade, como as mellores sementes para poder ir construíndo o seu reinado entre nós. É tamén a mesma sabedoría que coa forza do Espírito no medio das nosas comunidades impide que nos veñamos abaixo nas dificultades; renunciemos ante a presión dos que, unha e outra vez insisten no baleiro de crer en Deus hoxe; ou fronte ao antitestemuño de moit@s dos que falando no nome deste Deus que é comunicación e comuñón, impoñen cangas pesadas sobre os ombreiros, moitas veces cansos e desesperados, dos que teñen loitado, traballado, e non acaban de ver os froitos de tanto esforzo.
* Xesús deixou dito que non estaríamos nunca solos. A súa forza e a súa presenza iríanse manifestando no día a día cando foramos percibindo e descubrindo que ao noso lado están os demais membros da comunidade que nos tenden a man, que se achegan para compartir, que se unen para que ninguén se sinta abandonado, que non teñen medo a ser voz dos que non teñen voz, e o corazón de quen as dificultades e atrancos llo foi endurecendo. E iso non podería ser doutro xeito máis que desde a comuñón que Pai, Fillo e Espírito Santo constitúen como sinal e xermolo do que está sempre chamada a ser a nosa vida. Por iso a fe ten que ser sempre anuncio e vida transformados en compromiso por facer do mundo, do local e global, unha casa de comuñón salvadora plena de todo ser humano.

ORACIÓN DA COMUNIDADE

Na comuñón de corazóns, ideais e loitas solidarias á que no invita a festa de hoxe, presentamos a oración comunitaria e dicimos xunt@s:

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN

Para que na Igrexa saibamos converter en vida canto hoxe celebramos e así os criterios de vida e presenza non sexan nin o autoritarismo nin a imposición, senón a comuñón, OREMOS.

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN

Para que nas nosas comunidades fomentemos sempre o diálogo, que escoita e evita diferenzas e malos entendidos, e non a crítica que destrúe e fire, OREMOS.

QUE A TÚA MAN, SEÑOR, TOQUE O NOSO CORAZÓN

Para que entre tod@s, na nosa vida de cada día, nos esforcemos por construír desde o que temos en común, favorecendo así a creación de redes de encontro, fraternidade e achegamento entre uns e outr@s, OREMOS.

Grazas, Señor, por este recendo de esperanza e comuñón ao que, unha vez máis, nos invitas. P.X.N.S. Amén.

 

PARA A REFLEXIÓN

Porque El é sempre comuñón, non cansa de dicir:

Se ninguén te ama, Eu non te deixo
Se choras, estou desexando consolarte
Se es débil, dareiche a miña forza e a miña enerxía
Se te sentes inútil, eu non podo prescindir de ti
Se estás baleiro, o meu amor rebordará en ti
Se tes medo, lévote ás miñas costas
Se me chamas, veño sempre
Se queres camiñar, irei contigo
Se te perdes, non durmo ata encontrarte
Se estás canso, son o teu descanso
Se me pides, son don para ti
Se me necesitas, dígoche: "Estou dentro de ti”
Se te resistes, non quero que fagas nada á forza.
Se es infiel, eu son fiel.
Se me miras, verás a verdade do teu corazón.
Se estás en prisión, eu voute liberar.
Se andas ás escuras, son lámpada para os teus ollos.
Se te manchas, non quero que salves as aparencias.
Se estás excluído, eu son o teu aliado.
Se non tes a ninguén, eu estou ao teu lado.
Se es silencio, a miña Palabra habitará no teu corazón.
Se ninguén te necesita, eu búscote.
Se tes fame, son o teu pan.
Se pecas, son o teu perdón.
Se me falas, trátame de ti.
Se queres falar, eu escoito sempre.
Se tod@s te esquecen, as miñas entrañas estremecen lembrándote.

CANTOS

ENTRADA: Vinde axiña

LECTURAS: Contade as marabillas do Señor

OFERTORIO: Eu sei de quen me fiei

COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...