Ir al contenido principal

Ascensión C


PÓRTICO
Hoxe é a festa da Ascensión. Nesta celebración quéresenos invitar aos crentes a tomar conciencia de que a vivencia da fe non pode ser doutro xeito máis que asentándose no mundo. Só quen é capaz de entender que a plenitude en Deus pasa pola plenitude e o compromiso coas causas xustas que moven ás persoas, conseguirá entender por que, no tramo final do tempo de Pascua, celebramos a festa da Ascensión. Si, tamén nós aspiramos a entrar en diálogo e comuñón con Deus; tamén nós sabemos que o sentido final de canto facemos, rezamos e compartimos ten o seu punto de chegada nese encontro total e definitivo con Deus, ao final do noso camiño. Pero antes de gozar del, necesitamos ancorarnos ben no aquí e agora da historia que cada un de nós, xunto cos que con nós a comparten, imos construíndo e desenvolvendo. De aí que, como nos di a palabra de Deus, non podemos quedar mirando ao ceo agardando o final, senón que estamos chamados a facer da nosa vida oferta de disposición a traballar en todas aquelas causas nas que o ser humano se ve inmerso. Só desde este xeito activo de estar no mundo poderemos entender por que a plenitude de todo e a meta non pode estar máis que no encontro final con Deus. Dispoñámonos a celebrar facendo presentes na oración os problemas e tamén as esperanzas de cantos nos esforzamos, coa nosa presenza e traballo, para que o mundo siga avanzando e non se estanque.
O PERDÓN
* Renuncias a mirar desde fóra a Igrexa, coma se non fose contigo, para sentirte corresponsable e protagonista da súa tarefa?. SI, RENUNCIO.
 
* Renuncias a pensar que ser cristián e cristiá é cumprir unhas leis e uns preceptos que están lonxe da realidade e das persoas que pasan por nós día a día, descoidando así a gratuidade do amor de Deus?. SI, RENUNCIO.
 
* Renuncias a deixarte levar polo balbordo e o estrés presentes na nosa sociedade para buscar tempiños que adicar ao diálogo e á interioridade con Deus?. SI, RENUNCIO.

REMUÍÑO
Malia que nos pese, a Igrexa tamén se configura coma unha estrutura de poder. Nela atopámonos cun escalafón de títulos e cargos de honra que rodean aos que din ostentar o poder divino: irmán, reverendo, monseñor, súa eminencia… A pesares de que a constitución LG refírese á Igrexa como pobo de Deus e corpo de Cristo, a realidade moitas veces pon de manifesto non só que non somos un pobo de irmáns e irmás, senón que neste corpo non todos temos a mesma importancia, seguindo plenamente vixente a estrutura piramidal que o Concilio Vaticano II desbotou... para desgraza dunha parte da nosa Igrexa.
Conclusión: tamén na Igrexa funciona aquilo, tan común na nosa sociedade, de querer ascender. Así, o que adoita esperarse dunha persoa é que vaia pouco a pouco mellorando, ascendendo, situándose mellor: un carguiño, unha delegación, unha parroquia na cidade e non no rural…. Descender, é dicir, que vaian pasando os anos e non esteamos estratexicamente situad@s sona a fracaso.
Que fría e dura é a mirada da Igrexa institución cara ao seu redor!. Que perdoavidas e trepas son algúns dos seus membros, fundamentalmente unha parte dos “funcionarios da fe”. Porque se pensamos así é que non temos comprendido nada do proxecto de Xesús!. A súa vida foi un progresivo descenso: descendeu do ceo (non cobizou ser igual a Deus), foise baleirando, fíxose pobre, foi perdendo postos, amigos, influenzas… viviu sempre rodeado de pobres, de xente da periferia da vida. Enfrontouse co capital, denunciou a utilización do nome de Deus e a dobre moral á que tan afeit@s estamos… Condenárono a morte e descendeu ata o inferno.
Pero…. Deus glorificouno, ascendeuno, levantouno sobre todo e concedeulle o nome sobre todo nome. É a festa que celebramos hoxe, unha festa que nos enche de esperanza, que nos lembra que o descenso inxusto non ten a derradeira palabra, que hai futuro a pesares de todo. Por iso nós, que levamos o apelido cristián/cristiá debemos comprender que para ascender ao ceo, para sentar ao carón de Deus, temos que descender ao fondo da existencia e ao fóra de xogo de tant@s marxinad@; descender ata a morte para que esas persoas senten na mesa da dignidade e da vida. Porque Ascensión significa relevo, chamada á acción. É a quenda da Igrexa, a nosa quenda. Xesús invítanos a erguernos e camiñar, a saír da nosa casa, da quentura do fogar, dos nosos guetos á intemperie, ás prazas e rúas… ata o derradeiro recuncho da terra coa súa mesma mensaxe.
Queda entón terminantemente prohibido cruzarse de brazos, mirar o embigo, arranxar e coidar só a nosa casa, preocuparnos só de nós mesmos e “dos nosos”. Por iso se nos pregunta: que facedes aí plantados no inmobilismo, na carraxe, no pasotismo, no medo, na intolerancia, na prepotencia, no derroche, no materialismo, na ostentación, na imposición….?. Trátase de responder do que temos visto sen mentir, de manifestar o que cremos desde a esperanza, de vivir con alegría desde as actitudes que descubrimos na persoa de Xesús, de facer da fe unha forza que nos leve a encarar  a vida e o que ela nos vai presentando. E isto facémolo sen crernos superiores a ninguén... pero tampouco inferiores. Non estamos perseguidos... pero tampouco debemos ser perseguidores. Non queremos impoñer; pois nin a indiferenza nin a pasividade responde á súa invitación de sermos testemuñas.
Hoxe é o día da exaltación d@s humillad@s, “enaltece aos humillados”. María tiña razón, fíxose xustiza. Deus sentouno á súa dereita… e así fará con cada un e cada unha de nós.

RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.

 

ORACIÓN DA COMUNIDADE

A Deus, que é Pai agarimoso e sempre disposto a acoller e escoitar canto vén de nós, presentámoslle a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

·         Para que todos cantos formamos  a Igrexa, nos esforcemos por ser voz que non cala diante das inxustizas e os esquecementos que os poderosos queren facer das persoas, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

·         Que a presenza dos cristiáns nos medios de comunicación sexa sempre para defender aos máis esquecidos e silenciados, e nunca para ser altofalantes dos poderosos e opresores. OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

·         Para que nunca esquezamos que a invitación de Xesús é a de que sexamos testemuñas gozosas e esperanzadas da súa mensaxe alí onde nos atopemos, coas nosas palabras e os nosos feitos, OREMOS.

GRAZAS POR CONTAR CON NÓS

Pai bo e xeneroso, grazas por este recanto de fondura espiritual que nos aporta a oración vivida e celebrada desde o compartir comunitario. P.X.N.S. Amén.

PARA A REFLEXIÓN
Señor, pídesnos que testemuñemos,

saíndo das nosas comodidades,

afrontando riscos,

para vivir en estado de misión.

Ide, para anunciar o Reino e a súa presenza,

para ser sinais do Evanxeo, irmáns e irmás de todas as persoas.

Ide, é a túa ensinanza,

abrindo camiño para o paso do sementador, que xa está connosco.

Ide, é o teu exemplo,

camiño compartido, vivencia comunitaria, testemuño fraterno, aprendendo xuntos.

Ide, aínda que sexades poucos, porque o Reino é lévedo.

Ide, atentos e preparados, porque haberá conflitos e dificultades, presenza da cruz.

Ide, con sinxeleza, empobrecidos polo Reino, aprendendo a confiar.

Ide, invítasnos mirando ao corazón e descubríndonos que podemos,

se nos animamos, se nos xuntamos, se nos desinstalamos das nosas seguridades

para vivir, coma Ti, en estado de misión.

 

CANTOS


·            ENTRADA: Bendito Ti, Xesús resucitado

·            GLORIA

·            LECTURAS: Deixade esta terra

·            OFERTORIO: Non vou so

·            COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...