Ir al contenido principal

Pentecoste C


PÓRTICO
Hoxe, domingo de Pentecostes, remata o tempo de Pascua. Ao longo dos cincuenta últimos días fomos acompañados polos textos da Escritura que nos narraban todo canto foran experimentando os Apóstolos logo da resurrección de Xesús: o paso da incredulidade, a incertidume, o desconcerto e desconfianza á confianza, á ilusión, ao sentido de descubrirse comunidade, á alegría de ir tomando conciencia de que Xesús seguía entre eles, que a morte non fora o seu final; que todo aquilo que lle foran escoitando e foran vendo no seu actuar seguía presente entre eles. Nunha palabra, que o fracaso non entraba nas súas vidas. E toda esta pluralidade de situacións anímicas e vivencias, descubriran tamén que era necesario dalas a coñecer, compartilas, comunicalas, para que outras persoas puideran sentir a mesma alegría e o gozo deles. É esta segunda experiencia a que tamén fomos seguindo ao longo do tempo de Pascua coa lectura dos textos do libro dos Feitos dos Apóstolos: as dificultades, problemas, inseguridades; a necesidade de estar xuntos, de colaborar de preocuparse uns polos outros... foron vivencias e situacións que a Palabra de Deus foi achegándonos.
Hoxe remata este camiño coa festa de Pentecostes. Alí os apóstolos perderon e medo e descubriron a importancia de dar a coñecer canto crían e vivían. Que tamén nós saibamos testemuñar con alegría esta experiencia de fe que temos recibido, e que cada domingo compartimos.
O PERDÓN
  • Para que non esquezamos que o Espírito segue a alentar a nosa vida, SEÑOR, QUE VIVAMOS NO TEU ESPÍRITO.
  • Para que deixemos atrás os medos e vivamos a fe con alegría, CRISTO, QUE VIVAMOS NO TEU ESPÍRITO.
  • Para que non deixemos que as nosas comunidades caian na rutina e no ritualismo baleiro, SEÑOR, QUE VIVAMOS NO TEU ESPÍRITO.
REMUÍÑO
  • Unha das expresións que utilizamos moitas veces cando alguén nos conta algo que ten moito de imaxinación e pouco de realismo é aquela que di “o falar non ten cancelas”. Que unha cousa é contar, imaxinar e inflar as historias da nosa vida, e outra moi distinta é facer as cousas sen necesidade nin de que nolas recoñezan nin de que estean en todo momento recordándonolas. Non. Un cristián debe facer as cousas non buscando facerse importante, senón convencido de que canto fai o vai axudando a vivir máis feliz e de xeito máis humano. E para iso necesitamos estar convencidos, non deixarnos levar pola superficialidade do recoñecemento que pasa e nada deixa. A diferenza disto, dinos o libro dos Feitos dos Apóstolos que aqueles primeiros seguidores non falaban por falar; tampouco de memoria, senón que se sentían impulsados pola presenza e a forza do Espírito que os levaba a contarlles aos que non eran do seu grupo o que lles pasaba, como lles ía cambiando a vida e de que xeito ter coñecido a Xesús lles tiña dado un horizonte cara onde ir e un camiño polo que achegarse. Sabían que non estaban solos, recoñecían que as cousas cambiaran para eles, e que a percepción da realidade xa era outra. Parecémonos en algo aos Apóstolos?. Percibimos e deixamos que actúe en nós o Espírito?. Que mellor que buscar respondernos a estas preguntas!!!!!!!!!!!!!!


  • Porque o Espírito move a nosa vida, deixarnos levar por El vainos axudando a descubrir que formamos parte dun mesmo corpo, dunha mesma comunidade, dun mesmo e único proxecto que Deus foi/vai poñendo ao noso dispor: a Igrexa. Non imos ao noso aire, non camiñamos de xeito individual, non nos pechamos aos demais. Pola contra, descubrimos unha necesidade: porque somos Igrexa, temos moitas cousas en común que debemos compartir, poñer a dispor uns dos outros, realizar xuntos. Somos Igrexa, e nela cada un de nós ten a súa responsabilidade (L.G.) para que dea os mellores froitos. Uns froitos que non son ideas, dogmas ou disciplinas canónicas, senón boas obras. Obras a través das cales imos mostrando que Deus é verdadeiramente para nós sentido, horizonte e razón pola que paga a pena estar no mundo cunha actitude aberta, activa e de participación. Deixémonos levar e mover polo aire que nos trae o Espírito!.


  • Xesús entrégallo aos Apóstolos, e neles tamén a cada un de nós. El envíaos, e envíanos co mellor dos compañeiros para desenvolver esta misión. A partires de agora as dificultades van ser as mesmas, os problemas seguiran chegando, o fracaso non vai deixarnos en moitos dos proxectos que fagamos....Pero en todo isto, o resultado non será a nada, o sen sentido e a desesperación. Todo o contrario: a presenza do Espírito faranos tomar conciencia de que ser comunidade supón disposición para estar xuntos, compartir dores e arrimar o ombreiro en tarefas que posibiliten que fronte á dificultade, a unión e a presenza da comunidade vai axudándonos a non virnos abaixo e a abrir as mans para acoller a quen nos necesite. Pentecostes dinos que a fe non nos fai inmunes aos problemas, pero si que nos pode axudar a non afrontalos solos. Que o valor da comunidade non se mide en categorías económicas nin políticas, senón humanas. Que somos persoas, que valemos por riba de que teñamos cartos, prestixio, poder ou recoñecemento social. A fe axúdanos a tomar conciencia do que somos e de onde estamos. Por iso neste domingo, diante deste agasallo que nos deixa Xesús, podemos dicir que a plenitude da Pascua chegou a nós coa presenza do Espírito, neste novo Pentecostes que nos abre a volver a ilusionarnos con todo proxecto que mova corazóns, non cale diante das inxustizas e se convenza da necesidade de camiñar sempre xuntos.
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovamos agora as promesas que o día do noso bautismo fixeron por nós os nosos pais e padriños. Sentímonos comunidade viva que se reúne para escoitar a palabra, repartir o pan e renovar a súa esperanza. Por iso, pregúntovos:
  • Credes no Deus da luz e da auga, que ilumina o noso camiño, limpa canto nos luxa e renova a nosa confianza nel; que é Pai que nos agarima co seu amor, e nos acompaña coa súa presenza?. Si, creo.
  • Credes en Xesucristo, o seu Fillo, que, enviado polo Pai, pasou polo mundo facendo o ben, compartindo tristezas e ledicias, que se erixiu na voz dos sen voz, no defensor dos pobres e excluídos, e que desde o amor nos deixou as benaventuranzas como camiño a percorrer por cantos nos chamamos seguidores seus?. Si, creo.
  • Credes no Espírito Santo, fonte de vida e presenza viva que vai actuando na nosa vida, enfortecendo as nosas comunidades e invitándonos a non deixarnos levar da desgana e do derrotismo?. Si, creo.
  • Credes na Igrexa, comunidade nacida en Pentecostes e que ao longo de dous mil anos, non sen dificultades, e caendo moitas veces na escuridade, ten desenvolvido no medio do mundo a misión recibida de Xesús, que a envía a anunciar a súa Boa Nova, sendo a súa man, o seu corazón e a súa voz?. Si, creo.
  • Credes na esperanza da resurrección, que compartimos e actualizamos en cada celebración, facendo presenza viva de Deus entre nós, o Deus que nos invita a ser construtores do Reino, no aquí e agora do noso tempo, e nos abre á plenitude do encontro con El e para sempre, onde compartiremos en totalidade a esperanza que nos leva a vencer a morte?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.


ORACIÓN DA COMUNIDADE
Achegamos ao Señor, neste día de Pentecostes, a nosa oración da comunidade que se reúne no seu nome para compartir, celebrar e agradecer a fe. Facémolo dicindo:
QUE O ESPÍRITO ANIME A NOSA COMUNIDADE
  • Para que na Igrexa nos esforcemos sempre por camiñar xuntos, buscando o que nos une, o común, e afastándonos do que nos diferenza, OREMOS.
QUE O ESPÍRITO ANIME A NOSA COMUNIDADE
  • Para que nas nosas parroquias fagamos o esforzo por renovarnos, por coñecer máis e mellor a mensaxe de Xesús, e ser así cristiáns de convición e non de costume, OREMOS.
QUE O ESPÍRITO ANIME A NOSA COMUNIDADE
  • Para que neste Pentecostes, Señor, deixemos que o Espírito aniñe nos nosos corazóns e na nosa vida, para poder sentir o gozo e a alegría de crer visitando aos enfermos, escoitando a quen está solo e consolando a tantas persoas que se senten tristes e cos ánimos decaídos, OREMOS.
QUE O ESPÍRITO ANIME A NOSA COMUNIDADE
Grazas, Señor, por ofrecernos un novo Pentecostes de ilusión, renovación e creatividade pastoral para ser verdadeiras testemuñas da túa mensaxe no medio do mundo. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
Vén Espírito Santo!.
Vén ás nosas comunidades e enchóupaas de audacia e creatividade
para vivir con auténtica e verdadeira paixón
o testemuño de ser construtores do teu reinado alí onde esteamos.
Vén, Espírito Santo!.
Renova a nosa esperanza,
axúdanos a camiñar nos conflitos,
ensínanos a fidelidade ao Evanxeo nestes tempos difíciles.
Queremos construír o Reinado,
ofrecer ao mundo os froitos da túa presenza.
Deus da Vida
danos o teu Espírito,
para que nos faga novos;
para que nos impulse á misión;
para que sexamos testemuñas, irmáns e mensaxeiros;
para que vivamos no Espírito de Xesús
e El nos mostre as pegadas do seu Reinado
na sociedade na que vivimos. Amén.


(Sobre unha Idea de Marcelo A.Murúa)

CANTOS
  • ENTRADA: Vinde axiña
  • GLORIA
  • LECTURAS: Manda o teu Espírito
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Non vou so

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...