Ir al contenido principal

27 Domingo TO C

A TRANSFORMACIÓN DO CORAZÓN NON VÉN DO SABER TEÓRICO, SENÓN DA CAPACIDADE DE PARARNOS E ESCOITAR.
QUE NON DECAIAMOS NA TAREFA, SEÑOR!

PÓRTICO
Saber escoitar é sempre un don que hai que poñer en activo. É verdade que non todo o mundo ten esta capacidade. Hai persoas que ao falar con outras non escoitan, só buscan respostas; outras non se paran porque teñen moita presa; algunhas, aínda que se paren, non entenden o que se lles di. Hai tamén algunhas persoas que inda que se paren e parezan escoitar, o que buscan é poder dicir o que elas pensan, sen preocuparse do que poden pensar os demais. Finalmente, si, tamén os hai, están aquel@s que non pasan de longo, senón que paran, miran aos ollos, xeran confianza e sempre están dispost@s a poñer ledicia, esperanza, ánimo, consolo... alí onde non o hai. Como vemos, de todo hai na viña do Señor!. E nós, onde nos situamos?, a que grupo coidamos que pertencemos?. Aos pacientes ou aos impacientes?

Que a Palabra de Deus que hoxe imos escoitar e compartir, esperte en nós a forza necesaria para revisar as nosas actitudes  e para ver de cambialas, se fora preciso.

O PERDÓN
*    Por desconfiar da paciencia de Deus, SEÑOR, NON CANSES DE ACOLLERNOS.

*    Por non esforzarnos en botar o pesimismo derrotista das nosas vidas, CRISTO, NON CANSES DE ACOLLERNOS.

*     Porque as nosas présas non deixan que vexamos aos irmáns abandonados na beira do camiño, SEÑOR, NON CANSES DE ACOLLERNOS.

Remuíño
û  Deus non cansa. Cansamos nós. E cansamos moito, tanto que moitas veces esta falta de paciencia desespéranos, desequilíbranos e fainos dicir o que non queriamos. Algo así é o que lle pasaba ao profeta Habacuc. A súa desesperación facíalle perder a confianza en Deus; era incapaz de ver a súa presenza no día a día da súa vida e isto facía que estivera constantemente pedindo contas: ata que día?, por que?... respóndeme. A súa cegueira impedíalle descubrir, atopar e gozar do encontro con Deus. Oxalá que a nós se nos caian as escamas para non camiñar dando paus de cego!. Só así entenderemos por que o salmo nos di: se escoitásedes hoxe a súa voz!. Non endurezades o voso corazón!

û  A clave na que nos fala Paulo é a do testemuño. Só quen é capaz de converter o que cre e reza en vida, é capaz de entender as palabras que lle dirixe a Timoteu. Ser testemuño, ir facendo presente o evanxeo nas cousas de cada día, lévanos a non conseguir responder á tarefa que Xesús, na persoa dos apóstolos, nos encomenda: “ide“. Pero... como ir se non coñecemos?. Como ir se non o mostramos cos feitos á hora de consolar a quen o necesita, visitar a quen está enfermo, acompañar a quen está solo...?. Son os xestos, non as grandes palabras nin os grandes discursos dogmáticos ou disciplinares, os que fan visible, transparente e verdadeiramente humanizadora a mensaxe de Xesús. A nós correspóndenos, e en nós está o reto de facelo hoxe visible para que, a través de nós, cantos nos vexan poidan dicir: é verdade, coa súa vida transmiten e viven o que cren. Vaiamos tamén nós. Ese é o noso reto hoxe. Sobran palabras, documentos, discursos, pontificais... e faltan xestos firmes de credibilidade e achegamento aos que sofren, están solos e necesitan de mans que os agarimen. E isto nunca pode ser motivo de vergoña, senón de orgullo. O orgullo de ser seguidores de quen puxo o amor por riba das modas e prexuízos do seu tempo!.
 
û   Entendemos pois por que Xesús, diante da insistencia dos apóstolos de que lles aumente a fe –tamén eles pensaban, como nos pode pasar a nós, que a frescura da fe depende das horas de rezos e non da nosa capacidade de pararnos, escoitar e amar aos demais– responde dicindo que a forza e a fondura da fe non é algo externo que nos conceden desde fóra, senón que implica e esixe a nosa resposta e implicación persoal. Que a fe creza en nós vai depender moito da capacidade que teñamos de vivir a compaixón co irmán. Unha compaixón na súa dobre vertente: ter paixón polo irm@n, botando fóra medos e mediocridades; e asemade ter a sensibilidade necesaria e suficiente para acompañar e asumir a dor e a tristura dos que nos necesitan, teñen menos e van sendo deixados de lado polos poderosos. A compaixón define a profundidade da fe de cada un de nós. Teremos que preguntarnos se verdadeiramente somos compasivos nos nosos xestos, nas nosas palabras e na nosa vida. Ser compasivos vivindo a paixón da fraternidade, lévanos a descubrir que na vida o camiño está no servizo, a alegría, o acompañamento e a solidariedade. A paixón, como nos di Xesús, non pode levar a ningún outro sitio máis có amor. Aí está toda a fondura da fe á que nos chama, desde a nosa vida, Xesús. Como non imos intentalo, e que mellor servizo!. Amar e ser amados. Aquí está o cumio da fe á que nos chama a palabra que hoxe temos proclamado. Poñámonos ao choio!.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Abramos o corazón para compartir a nosa oración comunitaria, e digamos xunt@s:
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR

ü  Señor, que deixemos de laiarnos de tempos pasados, que non mellores, e comecemos a ser unha Igrexa sinxela, servidora e fraterna para todas as persoas, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR

*        Señor, que co esforzo de tod@s construamos comunidades cristiás nas que saibamos querernos, axudarnos e respectarnos uns aos outros, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR

*        Señor, que saibamos facer de nosa vida un testemuño de presenza do teu evanxeo, acompañando a quen está solo, animando a quen se sente defraudado polos fracasos e dificultades da vida, esperanzando a quen ve rotas as súas ilusións pola enfermidade e a dor, OREMOS.
QUE A NOSA VIDA SE ENCHA DO TEU AMOR

Grazas, Señor, por espertar en nós a forza da esperanza que nos chama a non esquecer que a fe non é a suma de ritos, senón a calidade das conviccións compartidas cos irm@ns. P.X.N.S. Amén.

Para a reflexión
Xesús,
ensínanos a quererlle moito 
aos nosos pais, ás nosas nais,
aos nosos fillos, ás nosas fillas,
a todos os nosos.

Que ese amor que lles teñamos
sexa a escola diaria
onde aprendamos a quererte a ti,
por riba de todo. 

Ensínanos a cargar coa cruz,
coa nosa e co pedaciño da cruz dos demais
que a nos toca.

Ensínanos a seguirte,
sen medo, sen covardías,
sen volver a vista atrás.
 

Ensínanos
a perder a vida por ti,
pola xente,
polo teu plan entre a xente,
pola clase traballadora.

Ensínanos a descubrirte e acollerte
na xente que a diario
chega á porta das nosas casas
ou cruza con nós no camiño.

Ensínanos
a darlle aprezo, coma ti,
ás cousas pequenas
que nos fan os veciños
ou que nós lle facemos tamén
a calquera dos máis pequenos.
 

Xesús,
ensínanos a sermos dign@s de Ti.

(Oración para ser digno de Xesús, Un caxato...94-9 )

CANTOS
ö  ENTRADA: Amigos nas penas/Camiñando pola vida
ö  LECTURAS: Escoita ao Señor
ö  OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
ö  COMUÑÓN: Eu soñei/Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...