Ir al contenido principal

Domingo 23 TO C



A BO ENTENDEDOR....

PÓRTICO
Resúltanos difícil conxugar o que nos di a Palabra que proclamamos coa vida que vivimos. Temos moi claro que Xesús fálanos de paz, amor, xustiza, perdón... pero nós empeñámonos en vivir no enfrontamento, o odio, a inxustiza ou o rancor.
Ata cando vai ser así?. Deixemos de ser teóricos do Reino, para comezar a ser vida, onde o corazón saiba amar, a cabeza descorrer e as mans traballar.
Que a nosa oración comunitaria de hoxe nos axude a conseguilo.

O PERDÓN

  • Por todas as veces nas que non quixemos unir o que rezamos e o que vivimos, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR
  • Por todas as veces nas que renunciamos a vivir a fraternidade, empeñándonos en buscar o enfrontamento, CRISTO, AXÚDANOS A CAMBIAR
  • Por todas as veces nas que somos teóricos do Reino, vendedores de fume, sen comprometer a nosa vida no teu seguimento, SEÑOR, AXÚDANOS A CAMBIAR


REMUÍÑO
Pouco a pouco, o avance da ciencia e da técnica vannos facendo crer que as persoas podémolo todo, que elas respostan a todas as nosas preguntas e non hai ningún interrogante que se lle resista. Dun xeito equivocado, cremos que Deus é alguén de quen podemos prescindir, pois somos persoas autónomas, maduras e libres que non precisan de Deus na súa vida. Pero paradoxalmente a isto, atopámonos que cada vez son máis as persoas que recorren a magos, adiviños, astrólogos... buscando respostas no medio dunha sociedade tan avanzada como triste. Porque si hai dúas características que definan a nosa sociedade son: crispación e tristura. Desgrazadamente, o progreso técnico non sementou igualdade, xustiza, respecto... senón que, pola contra, cada día medran máis o desamor e a desconfianza diante de todo e de todos. Poderemos entón prescindir daquel que se presenta como sentido, paz, acollida, misericordia.... AMOR?.
* Pois só sabendo vivir a vida como experiencia de fraternidade, poderemos entender a mensaxe dun Deus que en Cristo nos fai irmáns e irmás, o que esixe de nós saír da indeferenza e do egoísmo que nos levan a preocuparnos e mirar só para o noso embigo para abrírmonos á ocuparnos e preocuparnos polo que lle pasa a quen comparte con nós o camiño da vida. Que ben o entendeu Paulo e que ben llo transmite a Filemón cando lle pide unha segunda oportunidade para o seu escravo Onésimo, facéndolle ver que o tempo dos prexuízos é algo pasado, que temos que acoller a todos, que temos que servir a todos; pois “por riba das nosas distancias hai unha fe que nos une” e que nos invita a non esquecer que todos temos a mesma dignidade.
* Porque tal e como nos lembra Xesús no evanxeo que vimos de proclamar, ser discípulo conleva unha vida chea de riscos. Por iso antes de dar un si que vai cambiar e orientar a nosa vida, cómpre examinar paseniñamente os pros e as contras e decidir en consecuencia. Calcular os gastos é un elemento de todas as invitacións a entrar no Reino. Non podemos actuar por arroutadas, senón que temos que reflexionar, ponderar, examinar a nosa realidade persoal. Non se constrúe como é debido nin se traballa con posibilidades de éxito se non se coñecen os efectivos. O seguimento de Xesús non pode, entón, depender dun impulso fácil, dunha necesidade de seguridade, dunha herdanza e moito menos dunha rutina. Non é un xogo. Tampouco un conxunto de verdades nin unha colección de dogmas. É unha decisión que non se pode facer á lixeira. É unha resposta persoal, situada no aquí e agora concreto... por iso é tamén unha resposta realista, que ten en conta as nosas limitacións e as nosas capacidades. El invítanos a escoller o mellor; pero, a diferenza de nós, non obriga, só ofrece e invita. E con claridade fala dos custos... Oxalá teñamos oídos e corazón abertos para escoitar a súa chamada e, desde unha opción persoal, responder con coherencia... e coa vida.

ORACIÓN DA COMUNIDADE
Abrámonos á fraternidade do Deus amigo que nos invita a vivila desde o esforzo de ir cambiando o corazón humano, e digamos:

QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE
·         Pola Igrexa, pobo de Deus en camiño de fraternidade e perdón, para que cant@s a formamos non esquezamos que estamos chamados a ser sal e luz, OREMOS
QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE
·         Para que desde as nosas comunidades cristiás nos esforcemos por superar a teoría das palabras baleiras, para camiñar na vivencia dos feitos que nos levan a vivir na igualdade, a liberdade e a fraternidade de Xesús, OREMOS.
QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE
·         Por tod@s e cada unh@ de nós, para que desde a mirada limpa e xenerosa, saibamos descubrir que o Deus da fraternidade está nos enfermos, os inmigrantes e nos maiores, tantas veces compañeiros do noso camiño, Oremos.
QUE SEXAMOS CONSTRUTORES DE FRATERNIDADE

Señor, dános azos, para superar a tentación de ser consumidores de palabras, e poder vivir desde as actitudes que nos achegan a Ti e aos irmáns. P.X.N.S. Amén.


PARA A REFLEXIÓN
O noso equipaxe será lixeiro, para poder avanzar rápido.
Teremos que deixar tras de nós a carga inútil:
as dúbidas, que nos paralizan e non nos deixan mover;
os temores, que nos impiden saltar ao baleiro contigo;
as cousas que nos encadean e nos dan unha seguridade falsa.
Teremos que deixar tras de nós o espello de nós mesmos;
o “eu” como únicas gafas,
as nosas palabras ruidosas.
E levaremos todo aquilo que non pesa:
moitos nomes coa súa historia,
mil facianas no recordo,
a vida no horizonte,
proxectos para o camiño,
o valor que Ti nos dás,
o amor que cura e non esixe.
Ti como guía e mestre
e unha oración que te faga presente:
“A Ti, Señor, levantamos a nosa alma,
en Ti confiamos, non nos deixes.
Ensínanos o teu camiño.
Mira o noso esforzo.
Perdoa as nosas faltas.
Ilumina a nosa vida, porque esperamos en Ti”. Amén.


CANTOS
ENTRADA: Con ledicia vimos 
LECTURAS: Contade as marabillas do Señor 
OFERTORIO: Señor Xesús 
COMUÑÓN: Eu soñei

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...