Ir al contenido principal

26 Domingo TO C

NIN SERVOS NIN ESCRAVOS, SENÓN SERVIDORES DUN TESTEMUÑO EN IGUALDADE
PÓRTICO
As persoas non somos cousas que pertenzamos a alguén que pode facer de nós canto queira. As persoas somos presenza viva de Deus en nós, e polo tanto posuíumos dignidade, identidade, liberdade e capacidade para tomar decisións e darlle á vida a orientación que cada un queiramos ir construíndo. Isto que parece claro e non admite dúbida desde o punto de vista racional, non o é tanto á hora de aplicalo á praxe, á realidade, aos feitos de cada día. E non o é, porque aí xa aparecen intereses, diferenzas e ansias de poder que podemos ter uns e outros. A pesares disto, a fe cristiá segue a proclamar que non somos nin escravos nin servos, que non estamos sometidos a ninguén máis cá liberdade que nos fai elixir un camiño ou outro. Nesta elección, para os que nos chamamos crentes, aparece Deus. Non para tomar as decisións por nós, senón para facerse presente e darnos forza nese momento tan importante no que queremos darlle un sentido e unha orientación á vida. Se temos isto claro, entenderemos ben a razón pola que como seguidores de Xesús temos que clamar contra calquera intento de someternos, dominarnos ou manipularnos, que teñen moitas veces os poderosos e os que son capaces de enganar con engaiolamentos diversos ás persoas sinxelas e sen retranca. Abrámonos a acoller, unha vez máis, esta chamada que se nos fai desde a palabra proclamada para non deixarnos dominar por ninguén, evitando así perder o don máis grande que Deus puxo en nós: a liberdade.
O PERDÓN

  • Para que non pechemos os ollos á realidade, na que tantas persoas necesitan do noso tempo e das nosas mans, SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE. 
  • Para que revisemos se no noso actuar de cada día, o amor, a xustiza e a piedade son actitudes que nos levan a seguir a Xesús, CRISTO, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.
  •  Para que non caiamos na tentación materialista de buscar só o útil e o que dá ganancia, esquecéndonos das persoas, SEÑOR, DÁNOS UN CORAZÓN SENSIBLE.

Remuíño
Temos escoitado moitas veces, mesmo quizais o teñamos pensado, que a fe é unha cuestión que se pecha na relación individual entre Deus e mais un, sen que inflúa nin teña que preocuparse nin do mundo nin no que nel poida pasar. Diante disto, que a forza de repetilo moita xente acaba por crelo, os textos que acabamos de proclamar na liturxia da Palabra dinnos todo o contrario. Sendo o seguimento de Xesús un camiño de salvación e esperanza, esta non poderá ser plena se non vai expresada desde as actitudes –a maneira coa que nós reaccionamos e nos comportamos diante das situacións que nos acaen- que van pondo de manifesto a credibilidade das nosas conviccións e a coherencia do noso actuar. E se ben é verdade que a meta á que nos leva a fe é a da resurrección, non menos verdade é tamén que esa meta final necesita da verificación do actuar en relación con ese fin cara onde tod@s nós anceiamos dirixir a nosa vida, polo que sen realidade cotiá, sen achega aos problemas e situacións que se van dando na nosa vida e na dos demais non hai vivencia nin expresión de fe. Paulo na 1ª carta que lle escribe a Timoteu, tal e como acabamos de escoitar, sinala tres actitudes fundamentais que nunca poden estar ausentes no actuar de alguén que quere ser, alí onde estea, seguidor activo, e non simple consumidor de ritos e practicas relixiosas aprendidas desde hai moitos anos e sobre as que non temos pensado a razón e o por que da súa realización. Estas actitudes das que fala Paulo teñen como cimento a fe; é dicir, a relación persoal, madura e cotiá con Deus desde o testemuño de vida de Xesús. É unha tríade que nos fai poñer os pés no chan e preguntarnos de que maneira, cada un de nós, no día a día da nosa vida imos facendo posible que a xustiza, a piedade e a caridade aniñen e alenten canto facemos e dicimos. Cada unha delas non se pecha en si mesma, senón que se abre ás outras, para incidir, unha vez máis, en que a vida dos crentes non se pecha dentro dos templos, senón que ten que manifestarse, ser visible para os demais e para o mundo no actuar... e na coherencia dese actuar. Cómo falar de ser seguidores de Xesús se tratamos aos demais como se foran números, balances, datos ou estatísticas?. Cómo ser seguidor de Xesús, se no contacto con outras persoas agroman en nós sentimentos de rexeitamento, superioridade, imposición dos nosos criterios, sometemento dos máis débiles ou submisión inmoral diante dos poderosos?. Cómo querer chamarnos seguidores de Xesús se o odio, a xenreira, a violencia, o abuso ou a despreocupación polo que lle pasa aos demais, especialmente aos que temos máis próximos, nos vai facendo insensibles e convertendo o noso corazón de carne en pedra dura e fría?. Cómo non sentir vergoña ao querer chamarnos seguidores de Xesús cando na nosa vida nos volvemos materialistas, pragmáticos e só valoramos o que é rendible e aporta ganancias, excluíndo dela todo o que supoña empatía, solidariedade, transcendencia ou sentido da vida máis alá que o que vemos e percibimos a través dos sentidos?. Cómo, cómo, cómo... non reaccionar con rabia diante deste esquecemento e manipulación de algo tan grande, novo e esperanzado como é a tarefa que nos encomenda Xesús?. Unha tarefa que só ten unha raíz: a súa persoa e a mensaxe que nos chegou a nós a través da palabra recollida polos que del a escoitaron, e o testemuño, na maioría das veces contracorrente, de homes e mulleres que ao longo dos anos, nin tiveron medo nin vergoña de poñerlle accións, rostros, entrega e dispoñibilidade á fermosa tarefa de ir construíndo o Reinado de Deus. Que pensemos onde e con quen queremos xogar este partido: cos poderosos, que parece que todo o saben, e aos que logo o tempo vai pondo no seu sitio; ou cos sinxelos que saben que a súa felicidade está en traballar para que todos, uns e outros, non só uns poucos poidan ser felices?. Que por non ter pensado sobre isto nos pase coma ao rico do evanxeo, quen incapaz de ver a presenza da esperanza e do amor no cotián de cada día, buscaba, cando xa era tarde, grandes sinais que puideran convencer aos que tiñan os ollos pechados e a vista cansa para ver que só na realidade concreta se pode actuar e transformala para mellorala e facela casa de tod@s, sen necesidade nin de grandes sinais nin de grandes eventos. Na brisa dos feitos de cada día que se fan presentes nos irmáns, é onde estamos chamados a descubrir a presenza, que non ausencia de Deus. Que prestemos oídos e ollos, para ver os lázaros que nolo mostran constantemente.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Presentemos agora, na confianza e no desexo de ser verdadeiras testemuñas de xustiza e caridade para cos demais, a oración comunitaria, e digamos xunt@s:

QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN

*        Para que a Igrexa non consinta na tentación de moverse por afáns materialistas de poder, imposición e dominio, esquecendo que Xesús nos invita sempre a dar testemuño de servizo. OREMOS.

QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN

*        Para que nas nosas comunidades aprendamos a vivir desde as actitudes ás que nos chama o actuar constante e continuo de Xesús: a xustiza, a solidariedade, o non abandono dos máis débiles e a gratuidade do amor, OREMOS.

QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN

*        Para que nós, na normalidade da vida de cada día: familia, traballo, amigos... nos esforcemos por poñer en práctica a fondura do testemuño co que Xesús nos invita a descubrir cal é o sentido que temos que darlle á nosa existencia, OREMOS.

QUE A RIQUEZA MATERIAL NON EMPOBREZA A RIQUEZA DO NOSO CORAZÓN

Señor, aquí presentamos a nosa oración comunitaria. Queremos compartila entre nós e contigo, para poder sentir sempre ao noso lado a forza da túa presenza. P.XN.S. Amén.
Para a reflexión
PETICIÓNS NON ESCOITADAS

Eu pedíralle a Deus poder para ser amado,
e atopeime co amor para non precisar ser poderoso.
Pedíralle a saúde para facer grandes cousas,
e atopeime coa enfermidade para facerme grande.
Pedíralle a riqueza para ser feliz,
e atopeime coa felicidade para poder vivir na pobreza.
Pedíralle leis para dominar aos outros,
e atopeime liberdade para liberalos.
Pedíralle admiradores para estar rodeado de xente,
e atopeime amig@s para non estar só.
Pedíralle ideas para convencer,
e atopeime respecto para convivir.
Pedíralle cartos para mercar cousas,
e atopeime persoas para compartir os meus cartos.
Pedíralle unha relixión para gañar o ceo,
e El só me deu ao seu Fillo para acompañarme pola terra.
Pedíralle de todo para gozar na vida,
e El deume a vida para que goce de todo.
Pedíralle ser un deus,
e El só puido facerme persoa...

(José Antonio García-Monge)
CANTOS
ENTRADA: Camiñarei
LECTURAS: O amor é o meirande
OFERTORIO: Sementar, sementarei
COMUÑÓN: Ide e pregoade

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor