Ir al contenido principal

Pedro e Paulo testemuñas

DEUNOS AS CHAVES NON PARA PECHÁRMONOS CON ELAS E FACER DEFENSAS NUMANTINAS, SENÓN PARA ABRIR PORTAS E VENTÁS QUE FAN POSIBLE O DIÁLOGO CUN MUNDO PLURAL NO QUE TOD@S SOMOS IMPORTANTES...AÍNDA QUE NINGUÉN É IMPRESCINDIBLE
Descarga o arquivo
Lecturas
ESCOITA ACTIVA
A imaxinería relixiosa sempre representa a Pedro cunhas chaves na man. Esta representación ten a súa orixe no Evanxeo que hoxe imos proclamar na celebración: Xesús entrégalle as chaves. Pero contra o que moitas veces se ten interpretado, estas chaves non son para pechar portas e ventás e atrincheirarse fronte ao mundo, senón todo o contrario: son as chaves que abren portas e ventás para permitir o diálogo, o encontro e a comunicación con outras maneiras de pensar, con outras concepcións antropolóxicas ou con outras propostas morais. O Evanxeo, porque é alegría e gozo, ofrécese sempre como camiño de encontro e entendemento, é comunicación e diálogo. Que mellor día ca hoxe, no que celebramos a festa de Pedro e Paulo, para tomármonos conciencia de que o noso ser cristi@ns é unha chamada a saír ao encontro e comunicar coa nosa vida e feitos que Deus chámanos a construír unha sociedade asentada sobre a rocha, non da imposición, senón do diálogo, a fraternidade e a colaboración!.
Dispoñamos logo o noso corazón a participar desta celebración con este ánimo que nos une a achega uns aos outros.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Porque moitas chaves na nosa vida serviron para pecharnos nos nosos medos, e non para abrirnos a colaborar cos demais, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI.
û   Porque facemos pouco para achegarnos e preocuparnos uns polos outros, CRISTO QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI,.
û  Porque nos sobran prexuízos e nos falta capacidade de unir, perdoar e traballar xunt@s, SEÑOR, QUE NOS DEIXEMOS RENOVAR POR TI,.
PALABRA ENRAIZADA
*        UN DEUS QUE NOS COIDA: A celebración deste día debe axudarnos a que nos preguntemos si de verdade a imaxe que temos de Deus é a que nos presenta o Evanxeo ou é máis ben unha imaxe herdada e chea de prexuízos e falsas comprensións de Deus. Unha das cousas que mellor nos axudan a entender que se esconde detrás da palabra Deus non son os ritos nin tampouco os costumes, senón a lectura e a escoita, repousada e atenta, dos textos da Palabra que proclamamos nas celebracións. Deus non aparece como aquel que o sabe todo, que o quere todo ou que o pode todo. Non, todo o contrario. Deus preséntasenos como un “alguén” (é importante distinguir aquí que non é algo, senón alguén; un Deus persoal) que terma e coida de nós. Vén sendo ese Pai/Nai capaz de agarimar, escoitar, comprender e acompañar aos seus fill@s. Un Deus, que coma a maioría dos nosos pais e nais, son capaces de respectar as nosas decisións -inda que moitas veces non lles gusten– porque valoran a liberdade e a capacidade de elixir sobre o intento, a tentación, de dirixir, mandar ou impoñer o seu propio criterio. Desde mesmo xeito que entendemos a nosa relacións cos nosos pais/nais, así debemos tamén entender a nosa relación con Deus. Cóidanos, quérenos, preocúpase..., pero deixa que sexamos nós os que tomemos as propias decisións; mesmo se nos equivocamos. El invítanos a seguir un camiño; pero é unha invitación, non impón. Tócanos a nós responder si ou non. Os primeiros cristiáns foron entendéndoo, inda que tamén lles custou. A lectura do libro dos Feitos dos apóstolos vainos mostrando como é esta pedagoxía de Deus: unha pedagoxía que segue a ter vixencia porque non pasou de moda. Deixémonos educar por ela, e non permitamos que ninguén, nin no nome de Deus nin no nome dos homes, nos domestique. Segue a haber moitos Herodes no mundo de hoxe!

*        UN DEUS QUE ACOMPAÑA: Quen é capaz de coidar de alguén non pode desentenderse do que pasa ao seu redor, do que lle pasa aos que quere, do que precisan. Por iso, outra das imaxes que axuda a entender que queremos dicir os cristiáns cando utilizamos a palabra Deus, é a de que é compaña. Si, non nos deixa solos, está ao lado, camiña ao noso paso, non busca adiantarse para chegar antes. Con isto queremos afirmar que o Deus que se nos revela en Xesús é un Deus sen a pretensión dos seres humanos. Nós loitamos por ser os primeiros, por destacar, por presentarnos coma os mellores, por... Porén, El limítase a estar acompañando, a facer con nós o camiño, a non pasar de largo –“queda connosco” dixeron os de Emaús-. Esta experiencia viviuna Paulo na súa propia carne. El, que se presentaba na súa seguridade coma o que tiña todo moi claro, vive unha experiencia transformadora que leva a que a súa intolerancia dea paso á constancia e á sinxeleza, a verse necesitado dos demais, e sentir como aqueles mesmos aos que perseguía para denuncialos, eran os mesmos que na súa limitación ao quedarse cego, coidaban del e se preocupaban por axudalo. Este testemuño foi o que levou a Paulo a saír da súa pretendida seguridade para poñerse no camiño do risco, da dificultade, mesmo da incomprensión dos que ata había ben pouco foran dos seus. O que o fai madurar e comprender, de aí que sexa este o testemuño que lle transmite ao seu discípulo Timoteu, cando o invita a non precipitarse, senón a ser paciente e perseverante, porque as présas non son nunca boas compañeiras na viaxe das decisións que temos que ir tomando na vida. Só quen é capaz de entender isto será tamén capaz de descubrir que a vida non ten o final no efémero dos aplausos que logo se esquecen, senón na coroa de xustiza e plenitude que nos ofrece Xesús. E para isto..., tampouco o medo é bo compañeiro!

*        UN DEUS DE DON E GRATUIDADE: E coidado e compaña non poden darse senón é na gratuidade e no don. Son estes dous aspectos fundamentais na vida de quen queira levar con dignidade o nome de seguidor de Xesús. El non garda para si, comparte a súa experiencia. Pona ao servizo de quen queira acollela e vivila. Pero entendamos ben, compártea, non a impón. As chaves que lle entrega a Pedro son unhas chaves que, desde o don e a gratuidade que El ofrece, pasan a ser chaves que abren e invitan a entrar. Non son chaves que serven para pecharse na intolerancia e no fundamentalismo de quen se cre mellor cós outros, e vai xulgando e condenando a quen non pensa, non di ou non fai coma el. Xesús non pide que sexamos imitadores -imitador é quen repite o que outro fai–. El pídenos que sexamos seguidores creativos, renovadores e sempre dispostos a poñer a orella en disposición de escoitar o que outros poidan dicirnos. Só así poderemos, tamén nós, abrir as pechaduras coas chaves que fan que o reinado de Deus se vaia desenvolvendo xa desde aquí co gozo de facer do Evanxeo vida chea de esperanza. Aos ollos de Deus nós non somos xuíces, senón irmáns. O xuíz xulga e dita sentencia. O irmán e a irmá escoitan, axudan, perdoan... e sempre tenden a súa man.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos como Igrexa que se sabe en comuñón co proxecto de salvación que nos ofrece Xesús, e digamos xut@s:
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE XUSTIZA E MISERICORDIA
*        Para que a Igrexa de Xesús, hoxe presidida na comuñón polo Papa Francisco, estea sempre disposta a abrir portas que traian aire de renovación e creatividade pastoral, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE XUSTIZA E MISERICORDIA
*        Para que saibamos tamén nós renovar as nosas comunidades parroquiais, ofrecendo propostas ilusionantes, novas e renovadoras, que sirvan de testemuño para os que están afastados pola nosa falta de convencemento e de alegría evanxélica, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE XUSTIZA E MISERICORDIA
*        Para que non calemos diante das inxustizas que vemos cada día ao noso redor, e non deixemos que novos manipuladores volvan enganarnos con mensaxes que só buscan xogar con nós como se fosemos monicreques, aproveitando sacar á nosa conta os mellores réditos para eles, OREMOS.
QUE ABRAMOS PORTAS Á ESPERANZA COAS TÚAS CHAVES DE XUSTIZA E MISERICORDIA
Señor, que as chaves que lle entregaches a Pedro sexan sempre chaves que abran portas e renoven o aire das nosas comunidades, e nos forcen a tomar iniciativas pastorais novas, solidarias e non excluíntes. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Estás nas mans de Deus. Por que perdes a paz?. Teslle medo a El?. Onde poderías estar máis seguro?. Esperta a túa confianza. El está en todo momento. Sínteo: o Señor sostenme (Sal.3). El vela por min (Sal 30).El coida de min (Sal 39).
          Tes amigos. Persoas que te queren. Goza da súa compaña e amizade. Pero ti sabes que Deus é o mellor que tes. Repíteo unha e outra vez: Ti es o meu ben (Sal.15).Ti a defensa da miña vida (Sal 26).Ti es a miña forza salvadora (Sal 17).
De cantas cousas te preocupas. Todo é pouco para sentirte ben. Só en Deus atoparás paz. Con El nada che falta (Sal 22). El sabe o que o teu corazón desexa. Fala con El: Canto te quero, Señor (Sal 17). Só ti me fas vivir tranquilo (Sal 4).
Mira o futuro con confianza. Que che poden facer?. Que é o peor que che poida pasar?. Abandónate a Deus. Ninguén te quere coma El: Señor, nas túas mans poño a miña vida (sal 30).
              (J.Antonio Pagola, Salmos para rezar desde la vida, p.43)
CANTO GOZOSO
*      ENTRADA: Pedras vivas
*      LECTURAS: Como che cantarei?
*      OFERTORIO: Misioneiro

*      COMUÑÓN: Todo o mundo unha familia

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...