Ir al contenido principal

Corpus A



BEBAMOS DA FONTE DA EUCARISTÍA, FONTES DE DEREITOS E DIGNIDADE COMPARTIDA
ESCOITA ACTIVA
Na celebración desta mañá, celebración do Corpo e Sangue do Señor, o pan da Eucaristía faise de novo presenza e compromiso. Presenza porque Deus volve querer quedar entre nós dun xeito vivo e real: no pan ofrecido e acollido para ser logo compartido con quen o necesite. Compromiso porque canto celebramos non queda dentro das paredes do templo, senón que ten que movernos a ser pan para quen o precise. Pan de xustiza, pan de fraternidade, pan solidario, pan de visita aos enfermos, pan de acollida a quen está só, perdido ou desorientado... pan, sempre pan que se converte en alimento que afasta de nós a tentación de que endureza pola nosa preguiza, pola nosa indiferenza ou pola nosa falta de ilusión e esperanza. O Deus convertido en pan chámanos a abrir o noso corazón para que canto fagamos sexa sempre acción en defensa daqueles que menos teñen, máis necesitan e aos que ninguén lles presta atención porque os consideran de menos. O amor de Deus que hoxe se manifesta coa celebración deste día é amor de presenza e dignidade; sacramento de encontro e recoñecemento do Deus que non só non nos deixou solos, senón que nos deu o mandado do amor para que vaiamos e pregoemos a súa nova; nova que non pode ser outra ca da fraternidade que tod@s conformamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
  • Neste día do teu Corpo e Sangue, que loitemos contra a indiferenza diante do sufrimento dos demais, SEÑOR, RENOVA EN NÓS O COMPROMISO DE CARIDADE.
  • Neste día do teu Corpo e Sangue, que non caiamos na tentación de volver a cabeza diante da inxustiza na que viven os que están máis preto de nós, CRISTO, RENOVA EN NÓS O COMPROMISO DE CARIDADE .
  • Neste día do teu Corpo e Sangue, que non deixemos que a cegueira diante de inxustiza e a explotación sexa promovida polos nosos comportamentos, SEÑOR, RENOVA EN NÓS O COMPROMISO DE CARIDADE.
PALABRA ENRAIZADA
*    ALIMENTO: Nunca coma hoxe houbo tanta comida no mundo. Pero tamén nunca coma hoxe son millóns as persoas que non teñen pan para comer e alimentarse cada día. É máis, neste primeiro mundo do que disque nós formamos parte, son cada vez máis as persoas que non teñen que comer. Escoitamos unha e outra vez novas que se refiren a nenos aos que as súas familias non poden alimentar; escoitamos como servizos sociais e organizacións solidarias fan campañas para recadar cartos ou alimentos cos que poder paliar as carencias de, cada vez máis familias que por non ter traballo non teñen nin para comer. Acostumados a escoitar isto unha e outra vez, volvémonos indiferentes e non lle prestamos atención. Pero detrás destas novas atopamos persoas de carne e oso coma nós, ás que a dureza da vida vai facendo sentir que a fraternidade da que tantas veces falamos os cristiáns, non é tal. Por iso nunca tanto coma hoxe urxe que tomemos conciencia da nosa misión de ser alimento para os irm@ns. Alimento de pan, pero tamén alimento de canto supoña que a dignidade é igual para tod@s, inda que moit@s non acaben de crelo; que a xustiza , inda que tarde, sempre chega e pon a cada quen no seu sitio; que a solidariedade non é unha palabra baleira e desgastada de tanto usala, senón unha actitude permanente e sincera das persoas que seguen crendo que as cousas poden cambiar....que outra Igrexa, que outras parroquias, que outr@s cristiáns son posibles. E non esquezamos que ser alimento suponnos deixar de mirar atrás e camiñar cos pés na terra e construíndo futuro; decatándonos de que falar de cambios na Igrexa é falar de cambios en nós; cambios na maneira de comportarnos, cambios en volver ao Evanxeo -o importante-, e non vivir das rendas de ritos e costumes, que na maioría dos casos non entendemos, non chegan ao fondo dos corazóns, pero seguimos mantendo por unha cuestión puramente rutinaria e estética: sempre se fixo así, e que preciosos son!. Se ao falar de outras realidades da vida ofreceramos este argumento, seguro que aínda estariamos a lavar no río, a acender a luz de carburo ou a bañarnos quecendo a auga na lareira. Pero non: nestas cousas tod@s queremos cambiar e aproveitar o que nos favoreza a vida. Por que nos custa tanto seguir este mesmo argumento cando falamos da nosa vida de fe?. Poñamos o oído atento á Palabra de Deus, e esforcémonos por ser alimento ante tantas fames como atopamos ao noso redor neste mundo tan tecnoloxizado, pero que cada vez reduce ás persoas á máis absoluta das soidades.

*    COMPARTIDO E REPARTIDO: Pero este alimento ten que ser compartido ou non será. E ha ser así porque o que nos define e identifica aos cristiáns é o ser comunidade. Isto supón poñer en común posibilidades, capacidades e medios, para que tod@s poidamos gozalo. A dificultade vén de que levamos tantos anos sen pensar nisto nin prestarlle atención que nos resulta estraño. Mesmo coidamos que non ten nada que ver coa fe, á que reducimos a oracións memorizadas ou celebracións sen vida. Paulo, na carta aos corintios que acabamos de escoitar, lémbranos algo que deberiamos coñecer en profundidade: formamos un só corpo. Pero é un corpo conformado por moitos membros, e cada un deles é igual de importante. Como importantes son cada unha das persoas que estamos no mundo. A grandeza deste día do Corpo e Sangue de Xesús está na chamada que se nos fai a ter altura de miras para que este corpo que conformamos sexa corpo vivo e solidario; corpo que loita pola xustiza e non cala diante do engano; corpo que non se deixa dominar polo poder nin polos poderes que buscan acalarnos ou entreternos para quen non tomemos conciencia da realidade do mundo. Se cada un dos que celebramos esta festa deixaramos a un lado o puramente folclórico e comezaramos a pensar desde as persoas que xa chegou o tempo de dicir basta, a festa do Corpo e Sangue do Señor sería verdadeira revolución evanxélica ao servizo da xente, e non dos intereses dos que mandan e gustan que calemos. Compartir e repartir fainos caer na conta de que xunt@s somos capaces de acadar moito. Separad@s e cada un ao seu, non só non acadamos nada, senón que seguimos favorecendo que os de sempre se enriquezan á conta nosa.

*    NUNHA EXPERIENCIA DE AMOR: A toma de conciencia de todo isto vémola no significado da Eucaristía: pan ofrecido, compartido e repartido. Non pan para sacarlle ao que menos ten. Tampouco pan para ofrecelo como esmola por parte de quen ten moito e dá do que lle sobra, senón pan que se reparte porque o amor é o guieiro que nos leva a recoñecer ao irmán que o necesita. Un amor que non xulga, senón que sae ao encontro para ofrecerse e darse. Este si que é verdadeiro alimento!.

FRATERNIDADE ORANTE
Neste día do Corpo e Sangue de Xesús. Festa da presenza de Deus con nós, unámonos nesta oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE NOS DECHES
*        Para que cantos formamos a Igrexa non renunciemos nunca a traballar por defender a vida e a dignidade que puxeches en nós ao facernos fill@s, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE NOS DECHES
*        Para que nas nosas comunidades parroquiais non lle deamos as costas ás familias que neste momento de crise e falta de traballo necesitan da nosa axuda e da nosa colaboración para poder subsistir, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE NOS DECHES
*        Neste día rezamos tamén polos milleiros de voluntari@s que, desde distintas Caritas das parroquias, traballan para que a dignidade das persoas que están a sufrir as consecuencias da falta de traballo nin se vexa nin ameazada nin roubada, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE NOS DECHES
*        Para que cantos hoxe queremos celebrar esta festa do Corpo e Sangue do Señor non esquezamos nunca que a fe non se reduce a meterse nunha igrexa media hora cada semana, senón en esforzarse e traballar para que a salvación que nos ofrece Xesús teña o rostro de cant@s necesitan ser escoitados, acompañad@s e axudad@s, OREMOS.
QUE NON DEIXEMOS QUE NINGUÉN NOS ROUBE A DIGNIDADE QUE NOS DECHES
Grazas, Señor, por lembrarnos que temos que ser memoria viva da túa presenza humanizadora e solidaria, ofrecendo o corazón e tendéndolle a man a quen puidera necesitarnos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Quen ten ollos para ver e oídos para oír
descobre seguramente
indiscutibles signos de esperanza.
Os débiles descobren que se fan fortes e invencibles
na medida en que se xuntan,
en que se unen:
non para pisar os dereitos dos demais,
senón para impedir que sexan pisados
os seus dereitos fundamentais…,
que non son un agasallo dos gobernos,
nin dos poderosos, senón un agasallo do Pai.
Helder Cámara
CANTO GOZOSO
*    ENTRADA: Ti es camiño e verdade
*    LECTURAS: Acharte presente na vida
*    OFERTORIO: Salve, Santo Sacramento
*    COMUÑÓN:  Pan do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

Santos 2024

  Tódolos Santos. 2024 Camiñando na comuñón do Pai, do Fillo e do Espírito Santo Cantos Entrada.-  Benaventurados  ( 118) Lecturas.-  O amor é o meirande  ( 119) Ofertorio.-  Quédate, Señor, connosco   ( 63 ) Comuñón.-  Non vou so   ( 60 )   Ollos para ver          As persoas cristiás celebramos hoxe a festa da esperanza. Non é nin a festa dos disfraces nin a festa do medo, é a festa do agradecemento polo testemuño de vida que nos teñen deixado homes e mulleres, os santos da porta do lado, como diría o papa Francisco, que foron quen de construír comunidade en comuñón. Sabendo unir, escoitar, acompañar e mostrar que na vida, o que nos fai verdadeiramente felices é facer o ben, e non rosmar e estar permanentemente facendo crítica e vendo so o negativo das demais persoas.          E hoxe entón a festa da comuñón no Pai, no Fillo e no espírito...

4 advento 2024

    HUMILDES CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA SINXELEZA ACOLLEDORA SINAL DE ADVENTO Completamos o noso berce.   CANTO GOZOSO o    ENTRADA:  Volve Señor (Nº 90) o    LECTURAS:  Vén axiña visitarnos (Nº 86) o    OFERTORIO:  Recibe, Señor (Nº 31) o    COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   OLLOS DE ESPERANZA              Belén era unha aldea pequeniña, un lugar que pasaba totalmente desapercibido e que semellaba pouco ou nada importante. Ata que unha noite converteuse en lugar de salvación e acollida, porque alí naceu o Fillo de Deus. Neste cuarto e derradeiro domingo do Advento, Belén quere ser para todas e todos nós un recordatorio claro de que Deus está no sinxelo, no humilde, na xente máis esquecida e que, ao igual que Belén, é moitas veces invisibilizada e marxinada.    CORAZÓN MISERICORDIOSO ·      ...