Ir al contenido principal

A Trindade

CON AMOR E POR AMOR, DEUS MANIFÉSTASE E PON DIANTE NOSA UN PROXECTO NO QUE IR DESENVOLVENDO ESE AMOR
Descarga o ficheiro
Lecturas
ESCOITA ACTIVA
Nunha sociedade na que as redes sociais, en cuestións de segundos,  son quen de poñer en contacto a milleiros de persoas dun cabo a outro do mundo e de mobilizar e convocar a xente que, malia non coñecerse, comparte uns mesmos ideais; atopámonos co feito de que moita xente, moitas familias viven hoxe na máis absoluta das incomunicacións: comparten a mesma casa, a mesma mesa, o mesmo espazo…pero pouco falan e non se coñecen entre eles. Son incapaces de abrir o corazón para compartir desánimos, plans, proxectos ou ilusións.
Porén, a festa que celebramos hoxe, a Trindade, vén dicirnos que o Deus que se manifesta en Cristo e que envía o Espírito para alentar a nosa vida non quere camiñar só e incomunicado, senón que entra en comuñón con nós. Que non pechemos o corazón á súa chamada.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Porque moitas veces negámonos a abrir o corazón cando precisamos que nos escoiten, preferindo afogarnos na desesperanza e no desánimo, SEÑOR, QUE O TEU AMOR CAMBIE A NOSA VIDA.
û  Porque maldicimos moito, e esquecémonos de bendicirte, CRISTO, QUE O TEU AMOR CAMBIE A NOSA VIDA.
û  Porque pedimos moito e agradecemos pouco, SEÑOR, QUE O TEU AMOR CAMBIE A NOSA VIDA.

PALABRA ENRAIZADA
*    Moisés non se deixa ir, non queda quieto, senón que se move. E faino cunha dirección crara e ben determinada: camiña cara Deus. No seu fondo e pleno encontro con Deus, Moisés sentíase tocado pola súa man e pola súa presenza, por iso non ten medo, e non se deixa levar da tentación máis doada: mirar cara atrás, cara Exipto e queixarse. Para el o paso xa estaba dado, a confianza xa estaba posta en Deus, non era tempo nin de nostalxias nin de laios. Se Deus non falla, como non ían seguir confiando nel?. Por iso non se deixa levar do desánimo e a tristura. Tamén nós hoxe deberiamos poñer a nosa mirada nesta actitude de Moisés, que é fondamente pedagóxica e madura. E debemos facelo así porque no momento no que todo vai ben é moi fácil dicir si, seguir o que fan todos ou deixarnos levar da retórica do que non compromete nin nos esixe nada...Pero cando as cousas se torcen, só aqueles que de verdade teñen as cousas ben asentadas –Moisés era destes- son capaces de facerlle fronte ás dificultades e problemas que se van presentando, sen deixarse levar do que fan todos, nin do abandono sen antes terse esforzado.

*    A isto mesmo nos invita Paulo desde este fragmento da carta que lle escribe aos corintios. Só quen entende o que significa estar alegres –que non é disimulo nin sorriso falso– é capaz de entender a Xesús e a súa proposta de vida. Unha alegría que ten que ir enchoupando canto somos e tamén o noso xeito de facer as cousas. Porque a fe non se reduce a un ascetismo moral nin tampouco a unha actitude mística de alta escola de espiritualidade. Os seguidores de Xesús estamos chamados a facer de cada paso que damos e de cada palabra que sae da nosa boca, unha experiencia de encontro cos demais; de paz ofrecida; de solidariedade compartida e de encontro sincero e fraterno con quen, coma nós, sabe recoñecer nos outros a presenza dun igual, dun coma nós, dun irmán... non polo sangue, senón pola esperanza compartida no amor con Aquel que é todo El amor.

*    E o broche a todo isto pono Xoán ao recoller no evanxeo que vimos de ler a síntese na que podemos resumir a mensaxe de Xesús: o amor de Deus foi total e tan grande que nin gardou para si ao seu Fillo, senón que o entregou para que se fixese un de nós; pois só así a ese amor pleno se lle podía poñer rostro. De aí que o rostro de Cristo, un coma nós, é rostro de esixencia, participación, unión na procura da xustiza ou paz de igualdade e respecto. E isto non se pode facer vida e realidade se andamos constantemente coa escopeta cargada para dispararlle a quen é distinto, a quen pensa e actúa diferente a nós, a quen non busca poder senón servizo e dispoñibilidade; a quen non mira ao pasado, senón que constrúe futuro asentándose con forza no presente de cambio e transformación. Nunha palabra: non será posible darlle rostro, vida e realidade ao proxecto de Xesús se sempre andamos xulgando, e non somos nunca capaces de escoitar nin de poñernos no lugar do outro. Iso que agora se chama intelixencia emocional. Sen ela, a salvación quédase en rito, e a fraternidade e beneficencia.
FRATERNIDADE ORANTE

Na festa da Santísima Trindade, a festa do amor en comunicación e apertura aos demais, Deus convócanos e invítanos a rezar xuntos dicindo:
QUE SEXAMOS COMUNIDADE EN COMUÑÓN
*        Para que nos esforcemos por ser unha Igrexa de comuñón, que sabe respectar a pluralidade e buscar camiños que leven a facer proxectos xuntos, OREMOS.
QUE SEXAMOS COMUNIDADE EN COMUÑÓN
*        Para que construamos parroquias onde a relación sexa sempre desinteresada, evitando xulgar e criticar aos demais, OREMOS.
QUE SEXAMOS COMUNIDADE EN COMUÑÓN
*        Para que nos esforcemos por facer da vida unha experiencia que saiba transmitir alegría, paz, respecto e igualdade de uns cara aos outros, OREMOS.
QUE SEXAMOS COMUNIDADE EN COMUÑÓN
Grazas, Señor, por invitarnos a vivir o amor como relación de comuñón de uns cos outros, seguindo a comuñón que nos mostras co Fillo e no Espírito Santo. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Non lle teñas medo aos que agochan a verdade,
ou, créndose donos dela,
manipúlana, dosifícana e véndena.
Rebélate,
manifesta en todos os sitios,
en todo momento,
a tempo e a destempo,
a túa fe na vida e na irmandade
adquirida ao amparo do Pai,
ao lado de Xesús,
á sombra do Espírito,
no seo da comunidade.
Fíate de Xesús,
responde á súa chamada;
fíate do Pai,
descansa no seu colo;
fíate do Espírito,
loita e se libre.
Estás investindo a vida
no proxecto máis grande e venturoso
posto nas nosas mans.
Non teñas medo!.
Confía en Deus!.
CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Pedras vivas
  • LECTURAS: Benaventurados
  • OFERTORIO: Misioneiro
  • COMUÑÓN: O amor ó o meirande

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...