Ir al contenido principal

22 Domingo TO A



POR QUE, INDA QUE NOS DIGAMOS CRISTIÁNS, SEGUIMOS LAMENTÁNDONOS? BOTEMOS FÓRA CANTO NOS FAI DESCONFIAR DE DEUS E COMECEMOS A CONSTRUÍR A VIDA SEN CONVERTER A DEUS NA BANCA QUE NOS DÁ RENDIBILIDADE
ESCOITA ACTIVA

Estamos tan afeitos a escoitar moitas veces as mesmas cousas que acabamos por crelas sen esforzarnos por discernir, reflexionar ou contrastar. E isto lévanos a facernos crédulos diante do que máis insistencia pon á hora de dicir as cousas. Porén, Deus ten outro xeito de ver a realidade e de invitarnos a seguila. Para El o importante non é canto podemos gañar co que facemos, senón como podemos ser mellores persoas e máis felices. Verdade que a diferenza é clara?. Pois nin Xeremías nin Pedro, dos que hoxe nos falan os textos que imos proclamar, o entenderon. Eles estaban noutras cousas, namentres o Deus Pai en Xesús buscaba abrir novos camiños cos que seguir cara adiante, sen ter que dar sempre voltas e máis voltas á vida convertida en redonda. Preguntémonos, tamén nós, con quen queremos estar.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque apostamos moito polo efémero, e esquecemos o que é importante: o que nos humaniza e outorga felicidade; SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A VIDA EN CANSAZO.
Para que non nos deixemos engaiolar polos que só pretenden enganarnos e sacar de nós interese; CRISTO, QUE NON CONVERTAMOS A VIDA EN CANSAZO.
Porque nos sobra boa vontade, e nos faltan esforzo e constancia; SEÑOR, QUE NON CONVERTAMOS A VIDA EN CANSAZO.
 
PALABRA ENRAIZADA
Os medos de Xeremías, xunto con todas as súas inseguridades aparecen na lectura que acabamos de escoitar. Non era capaz de entrar polo vieiro que Deus fora abrindo ao longo do tempo a través do testemuño dos que acolleran a súa Alianza –“serei o voso Deus, seredes o meu pobo”-. Por iso a palabra resultáballe dura e esixente, ata tal punto que fai o posible por rexeitala. A súa debilidade acaba por levalo a confundir o importante co efémero, co secundario, con aquilo que non debe incidir en nós para marcarnos e influírnos á hora de buscar horizontes e sentido a canto facemos. E do mesmo xeito que lle pasaba a Xeremías, tamén nos pasa a nós moitas veces: andamos desnortados. E ao perder o norte non é só que confundamos as cousas, senón que xa non temos claro que é o que paga a pena e cal é o camiño que debemos seguir para acadalo. E aquí temos, todos nós, o gran reto neste momento no que a sociedade avanza moi ás presas e sen ser consciente da necesidade de tempo para reflexionar, discernir, diferenciar e valorar o que é irrenunciable daquilo que non paga a pena porque nin nos aporta nada nin nos axuda a tomar conciencia da situación na que nos atopamos. Crer, abrirse á trascendencia, recoñecer que o materialismo é recorrente –cansiño- e volve unha e outra vez sobre o mesmo; pero que non avanza, é unha opción que temos que tomar nós. Ninguén o pode facer usurpando a nosa liberdade. E sen ter que botarlle as culpas a outro, de nós vai depender ser protagonistas da nosa vida ou simples “palmeiros” do que outros fan e deciden, de maneira paternalista ou autoritaria, por nós. Non deixemos logo que ninguén nos secuestre o don máis grande que temos: a liberdade. Porque a Palabra de Deus nunca pode ser oprobio, senón liberación.

Nela é onde atopamos a mellor de todas as fontes: a fonte que nos aporta a auga que vai facendo que a nosa secura se vaia atenuando. E... de que temos secura, poderiamos preguntarnos. Con só pararnos a pensar un pouco en como vivimos e no mundo que entre todos imos construíndo, iremos atopando a resposta. Temos secura de todas esas cousas que nos fan persoas tristes, amargadas, violentas, envexosas, egoístas, insolidarias... e cantas cousas máis que poderiamos enumerar e das que nós somos moitas veces responsables directos; e outras moitas indirectos ao mirar para outro lado, ou non querer afrontalas. Pois ben , de todas esas cousas nos vai curando a sede a Palabra de Deus que quere ser auga, acougo, paz, aceptación de nós mesmos, encontro, perdón, misericordia... liberación. Co salmista, con Israel cando se reunía para rezar este salmo, con tantas persoas que queren que a súa sede sexa atendida, tamén nós estamos chamados a ser vaso que leve a auga a quen necesita calmar a súa sede; pero tamén sabemos moi ben que non é posible facelo se primeiro non somos capaces de curar a nosa sede. Fagamos, logo, este esforzo para poder ser vaso solidario para os irmáns.

Facendo este esforzo, estaremos dando resposta á invitación que nos fai Xesús de seguilo. Só quen dedica tempo a preguntarse que busca e cales son os camiños a seguir para acadar iso que busca é capaz de entender a lóxica de Xesús, e de confrontala coa lóxica do efémero, do progreso sen límite ou do crecemento sen pensar na persoa, no ser humano de xeito integral. De que nos vale ter moito se iso é a custa de explotar aos demais, de sentírmonos solos, de deixar polo camiño sufrimento, morte ou violencia?. De que nos vale?. Se é para saír nos medios de comunicación, para que falen de nós, ou para que nos consideren importantes, non temos que pagar, por isto, un prezo demasiado alto?. Xesús achégase ao mundo con outros ollos, polo que a súa mirada é moi distinta. Chámanos a renunciar a nós mesmos –e todos sabemos que non é fácil...pero tampouco é retórica ou palabra recurso– para comezar a ver aos que están ao noso redor. Só así poderemos entendelo, e poñernos en camiño para seguilo. Queremos ser felices?.Velaí o camiño.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus reúnenos neste día para calmar a nosa sede de tristura e desacougo coa auga da súa Palabra. Abramos o corazón para deixarnos enchoupar dela e digamos xunt@s:

QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA

*        Para que entre tod@s conformemos unha Igrexa evanxélica e libre que nunca cale diante do que oprime e explota aos máis empobrecid@s, OREMOS.

QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA

*        Para nunca cansemos nin nos desanimemos na tarefa de visitar aos enfermos, consolar aos tristes e compartir ou con quen non ten e necesita, OREMOS.

QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA

*        Para que cando sintamos a secura da tristura, o desacougo, a preguiza ou a indiferenza busquemos sempre a fonte da túa auga que se fai presente nas persoas de corazón grande que nunca cansan, inda que ninguén valore o seu traballo, OREMOS.

QUE A TÚA AUGA REFRESQUE AS SECURAS DA NOSA VIDA

Señor, que esta oración que temos compartido esperte en nós o desexo de non deixar que a secura da nosa vida murche as nosas ilusións e proxectos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
A Igrexa é unha comunidade difícil... é plural, heteroxénea, aberta, universal, ecuménica. Por iso é don do Señor: “pedímosche humildemente Pai, na mediación do teu Fillo, que o Espírito Santo nos congregue na unidade...”. E que nós non decaiamos na constante tarefa de orar, persoal e comunitariamente, para coller forzas que nos leven a comprometernos, ao lado de outras mans, outros corazóns, pero coas mesmas ilusións, que loitan e se entregan para poñer sorrisos nos ollos que están tristes e e paz nas vidas magoadas. Porque só así descubriremos a necesidade que temos de curar as chagas de tantos irmáns que se senten solos. Amén.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Non vou so

LECTURAS: Déixate querer

OFERTORIO: Misioneiro

COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...