Ir al contenido principal

19 domingo TO A

POR QUE NOS EMPEÑAMOS EN DICIR DEUS CANDO O QUE QUEREMOS DICIR É VINGANZA E VIOLENCIA?

DEUS ESTÁ NO RECANTO DA BRISA
Descarga o arquivo
ESCOITA ACTIVA
Un dos dez mandamentos di que non debemos tomar o nome de Deus en van. Cantos provimos dunha educación católica, sabemos o que iso significa. Porén, cantas non teñen sido as veces nas que temos ignorado este mandamento?. Moitas: todas aquelas nas que fomos violentos, vingativos, soberbios, egoístas, duros e esixentes cos demais ata a extenuación,....e pensabamos que o faciamos para agradar a Deus. Este recurso pola vía negativa tan utilizada, acaba por facernos crer que podemos facer un Deus a nosa maneira e xeito, esquecendo que, por moito que o intentemos, El non é manipulable, aínda que nós así o pensemos.

Comecemos, xa que logo a celebración, tomando conciencia de que se queremos atopar a Deus -El sempre está-, teremos que achegarnos a canto fai posible que as persoas sintan a súa dignidade e posibilita que sexan felices. Todo o que fagamos en sentido contrario, poderemos pensar que si, pero debemos estar seguros de que alí nunca atoparemos a Deus. El só pode estar na “airexadiña suave”.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Por intentar moitas veces manipularte ao noso antollo, SEÑOR,QUE A TÚA FIDELIDADE E MISERICORDIA NOS ATOPEN.
û  Por facer moitas veces da nosa vida unha mentira, CRISTO, QUE A TÚA FIDELIDADE E MISERICORDIA NOS ATOPEN.
û   Por dubidar de Ti, e confiar só nas nosas forzas, SEÑOR, QUE A TÚA FIDELIDADE E MISERICORDIA NOS ATOPEN.
PALABRA ENRAIZADA
  • O medo a quedarnos fóra desta nosa sociedade post-materialista e de usar e tirar, fainos moitas veces renunciar a conviccións que teñen dado sentido e horizonte á nosa vida. A pretensión de aparentar diante dos demais para non pasar pola situación de dar razón do que é importante para nós, lévanos moitas veces a aceptar e permitir que entren na nosa vida xustificacións de comportamentos que sabemos claramente que son unha aberración, un abuso ou un verdadeiro atentado contra a dignidade das persoas. Os silencios cómplices, as xustificacións nerviosas, as miradas desconfiadas... non son máis que mostras de canto estamos a dicir. Elías, no texto que lemos como primeira lectura, afánase por atopar a Deus onde non está. É o que nos ocorre a nós moitas veces ao renunciar a ter a Deus como sentido e referente da vida: unha vez afastados del, coidamos que podemos crear os nosos propios deuses ao noso xeito, para deste modo manipulalos segundo o noso propio interese. Cremos así que El pode estar no balbordo dunha vida sen límites, no renunciar a tomar decisións en conciencia, no poñer en practica a lei do funil –o ancho para min e o estreito para os demais– e noutros moitos xeitos de actuar e xustificar esa actuación. Porén, Deus non está aí, polo que acaba producindo en nós baleiro, angustia e desesperanza. E Deus non está aí porque a El só o poderemos atopar no “murmurio da airexiña”; é dicir, en todo e canto faga que a persoa sexa sempre fin e non medio para ser utilizado como unha cousa. A “airexiña” de Deus é o actuar buscando o ben común, o colaborar uníndose na participación en proxectos para todos, a busca do que une e non do que separa e enfronta, no saberse aceptar a un mesmo coas súas limitación, pero tamén coas súas calidades. Si, nesta airexiña é onde podemos atopar a Deus. Por iso no canto de estar laiándonos constantemente... por que non facemos un esforzo por deixar que a vida pare de xirar ao noso redor e comece a xirar tamén desde a relación sa e sandadora cos demais?.É verdade que non é tarefa doada; pero se non o intentamos, nunca saberemos se o poderemos conseguir e nunca seremos tampouco capaces de romper o círculo vicioso no que nos movemos.
  • Paulo tiña isto claro, por iso apela á súa conciencia -ámbito de decisión e responsabilidade desde onde as persoas non nos deixamos levar das presións, as modas ou as comenencias- para non degradar nin rexeitar a aqueles cos que ata facía ben pouco compartira raíces e credo. Non os rexeita porque sabe que proveñen da mesma raíz; aínda que se estanquen por non ser capaces de superar os muros que os separan para poder así comezar a construír pontes de diálogo e unión con aqueles primeiros cristiáns. Tamén a nós nos pasa que a dogmatización das ideas e o inmobilismo conservador no que adoitamos movernos –por medo a perder seguridade, non por convencemento– impídennos moitas veces deixar de mirar atrás para comezar a abrir camiños de futuro, camiños de renovación e diálogo con aqueles que, coma nós, posúen tamén a mesma dignidade. Gústanos facer muros, cústanos derrubalos e tender pontes. Pero xa é hora de cambiar. Se queremos ser fieis ao evanxeo; se queremos volver a el, non nos queda outra que mudar o noso xeito de facer e percibir as cousas. Xesús non ten medo, mira cara adiante, non se atrincheira no pasado. Porén, nós somos duros de oído para escoitar a voz de Deus na airexiña do mundo do que formamos parte.
  • Xesús, que disto sabía moito, non se deixa levar só polas primeiras impresións, senón que busca asentar as súas propostas e os seus feitos na conversa tranquila e sinxela en que converte a súa relación con Deus Pai. Non actúa ás carreiras, senón que pensa e reza. É dicir, pon no seu diálogo con Deus as súas decisións. Busca momentos onde, sen présa, reflexiona as cousas, analiza as situacións e toma decisións, non movido polo medo ou o que dirán, senón polo convencemento de que iso é o que Deus Pai lle está a pedir. Os seus momentos de oración e diálogo fraterno e sinxelo con Deus vanlle axudando a clarificar pensamentos e a actuar co convencemento de que o seu comportamento non é froito dun “arrouto” senón da reflexión. E ben o vemos no texto do evanxeo. A contraposición atopámola en Pedro, home bo pero arroutado que, sendo todo corazón, non pensa nin os pasos que dá nin as consecuencias que supoñen. Fáltalle fe. E nós, con quen nos identificamos, con Pedro ou con Xesús?. Pensémolo con tranquilidade e busquemos dar respostas, porque, ao mellor, a pesar de levar moitos anos con misas, funerais, novenas, promesas... somos arroutados coma Pedro. E o arrouto non nos dá seguridade, senón que nos afunde.
FRATERNIDADE ORANTE
Recemos desde a confianza e a sinceridade de quen sabe poñerse nas mans de Deus para sentir o seu agarimo e a súa confianza, e digamos xunt@s:
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
*        Para que as comunidades cristiás que conformamos a Igrexa non deixemos que os medos e as inseguridades nos afasten da urxencia de loitar e defender a dignidade de quen non é tratado con respecto, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
*        Para que nas nosas parroquias nos caiamos na tentación de crear clans que defenden, inda que non teñan razón, a quen actúa desde o abuso, a violencia e a falta de respecto aos demais, e non se compadecen dos que son vítimas desta situación, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
*        Para que non deixemos que os nosos medos e as nosas desconfianzas nos vaian afastando de Xesús e da súa mensaxe, para caer nunha existencia baleira e falta de esperanza, OREMOS.
QUE NON NOS DEIXEMOS AFUNDIR POLA TEBRA DA DESESPERANZA
Señor, compartimos contigo esta oración comunitaria, sabendo que a pesar de que moitas veces as nosas decisións nos afunden, Ti non deixas que nos vaiamos ao fondo, rescatándonos a través das mans amigas que imos atopando no noso camiño. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Porque xa non tes pés que percorran os camiños,
avanza hoxe, Señor, se queres cos meus.
Porque os teus ollos non poden acariciar o mundo,
contempla, observa e ama tomando a miña mirada.
Porque hoxe non tes beizos que griten a túa palabra,
aquí tes os meus, a túa boca prolongada.
Porque non viven as túas mans para deixar a terra transformada,
traballa coas miñas e déixaas gastadas.
Con todo o que son, como instrumento,
contempla hoxe, Señor,
fala, traballa, acaricia, camiña e ama...
a través de min.
(Do libro, Peregrino, coñeces a túa ruta?)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Fagamos da Misa unha festa
LECTURAS: Cantade ao Señor
OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova
COMUÑÓN: Acharte presente na vida

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...