Ir al contenido principal

20 Domingo TO A


EN TEMPOS DE ULTRALIBERALISMO HUMANO E INMORAL, NECESITAMOS VOLVER OS OLLOS Á XUSTIZA DE DEUS, QUE NOS FALA DA IRMANDADE LIBERADORA
Descarga o arquivo


ESCOITA ACTIVA
            Neste agosto no que os medios de comunicación, a falta das trafulcas entre políticos, ocupan o seu espazo con sensacionalismos inútiles, chega o Señor e fálanos de compaixón e acollida. Que paradoxo, non si?
          Cando todo se reduce a falar de custos e macroeconomía, namentres as persoas seguen a ter dificultades para poder comer todos os días; cando parece saír do corazón dalgunhas persoas o peor que puideramos imaxinar, chega Xesús e pon diante nosa unha actitude que non está nas “modas do que máis se practica”, pero que é unha actitude que nos fai recuperar as raíces do que somos. Porque só as persoas somos capaces de sentir compaixón polo outro, pois nese outro recoñecemos a Deus. O berro da muller cananea do evanxeo de hoxe é o berro de cada vez máis persoas que ven como a súa dignidade é excluída, esquecida e asoballada no nome de grandes declaracións que agochan puros intereses políticos, económicos ou estratéxicos.
          Non caiamos nós no mesmo e, desde o pequeno do que nos rodea, aprendamos a practicar a compaixón que nos recoñece coma irmáns.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Pola nosa falta de compaixón, SEÑOR,CÚRANOS DA DUREZA DE CORAZÓN.
û  Pola nosa incapacidade para entender a quen non pensa coma nós, CRISTO, CÚRANOS DA DUREZA DE CORAZÓN.
û  Polas nosas actitudes excluíntes e intrasixentes, SEÑOR,CÚRANOS DA DUREZA DE CORAZÓN.


PALABRA ENRAIZADA
*   Cumpride o dereito e practicade a xustiza”: A afirmación do profeta Isaías que escoitabamos na primeira lectura invítanos a revisar cales son os eixes sobre os que imos asentando o noso xeito de ver e actuar na realidade na que vivimos. O profeta non nos di que practiquemos o noso dereito nin a nosa xustiza; é dicir, que fagamos o que nos peta ou o que primeiro se nos ocorre. A súa chamada –berro poderiamos dicir- é para que cambiemos o enfoque do noso xeito de ver as cousas. Nós non somos o centro, polo que non é desde o que nós pensamos como temos que actuar e facer as cousas. Se nos deixaramos levar deste principio, caeriamos no desprezo máis absoluto para cos demais, enrocándonos nun individualismo egoísta e insolidario. Pero como este non é o xeito de pensar ao que nos chama e invita Deus, a xustiza vaise vivindo e compartindo desde a fraternidade que nos recoñece irmáns e iguais, a solidariedade que nos leva a repartir o que temos desde o criterio do amor, non da cobiza. Se nos esforzamos por facelo así, iremos descubrindo que somos capaces de entender o que queremos dicir cando falamos de salvación. Non é algo abstracto e incomprensible, senón o gran proxecto que Deus nos ofrece para realizar xunto cos outros, e que desemboca no gran mar do encontro pleno e definitivo con El. Si que podemos salvarnos; pero non a calquera prezo. O prezo pono Deus, e chámase vivir humanamente facendo que os demais humanamente vivan.
*   Neste gran templo de humanización ao que El nos chama, a desigualdade, a diferenza por mor da cor, a lingua, a cultura ou o xénero non existen. Con El, por El e Nel tod@s somos iguais. E isto que seguro temos repetido tantas veces, resúltanos sempre moi difícil de vivir e concretar. É máis doado, porque esixe menos, construír na desigualdade que construír, aprendendo a renunciar, na igualdade. Resúltanos máis fácil consumir tempo en rezos e promesas, que poñer ese tempo e esas promesas ao servizo de quen non é tratado con dignidade, e a quen a súa humanidade, os que poden e saben facelo, lla van minguando. Hoxe un copago, mañá unha compra de armas, pasado a supresión de axuda humanitaria ou a supresión de comedores comunitarios... a cuestión é facer que se vaia resentindo a humanidade desde a que Deus nos chama a estar no mundo. E deste xeito, será moi difícil que o “templo de Deus” –o mundo no que vivimos- se poida chamar “casa de oración para tódolos pobos”.
*   Paulo, entendendo moi ben a Xesús, dille aos romanos que Deus non rexeita, senón que acolle, sendo esta unha acollida de reconciliación; unha acollida que non mira atrás para pasar factura, senón que encara o futuro como proxecto e proposta de esperanza. A irrevogabilidade da chamada de Deus lévanos a atoparnos, e chámanos a poñer misericordia onde nós queriamos poñer enfrontamento ou distancia. A compaixón –apaixonarse con– de Deus fainos sentir a nosa cidadanía de homes e mulleres do mundo que non se pechan no seu propio recuncho, senón que nos abre, desde o servizo aos rostros e corazóns que temos máis preto, a apaixonarnos por toda persoa que sufra ou sexa esquecida por parte dos que toman decisións e inflúen na opinión pública. O Deus de Xesús non se encerra só cos seus, ábrese a tod@s –fronte á petición de despedir á muller cananea, Xesús escoita, acolle e actúa– para vivir a paixón co irmán de xeito que non quedemos tranquilos na nosa comodidade de ver as cousas a distancia, e así implicarnos e enredarnos en canto poida facer a vida máis visible, pública e coñecida ás persoas das que, os que poden e dominan, nos pretenden esconder. Se Deus non se agocha, por que as veces nós miramos para outro lado?.

FRATERNIDADE ORANTE

Diante do Deus da compaixón, oremos xunt@s dicindo:
SEÑOR, QUE SEXAMOS COMPASIVOS E MISERICORDIOSOS
*       Para que a Igrexa non sexa nunca insensible ao sufrimento e dor do noso mundo, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEXAMOS COMPASIVOS E MISERICORDIOSOS

*       Para que saibamos mostrar compaixón e solidariedade coas persoas que nas nosas parroquias está solas, enfermas ou necesitadas da nosa presenza e do noso tempo, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEXAMOS COMPASIVOS E MISERICORDIOSOS

*       Para que non lle deamos as costas á inxustiza e á inmisericordia do noso mundo, e nos convertamos á xustiza e á misericordia de Deus, que nos fala sempre desde o amor e a fraternidade, OREMOS.

SEÑOR, QUE SEXAMOS COMPASIVOS E MISERICORDIOSOS

Acompaña, Señor, a nosa tarefa de romper co corazón insensible que ás veces habita en nós, para camiñar na fraternidade misericordiosa á que nos invitas. P.X.N.S. Amén.

MIRADA DE ESPERANZA
Señor, a túa misericordia chega ao ceo,
a túa fidelidade ata as nubes…
Socorres ás persoas e aos animais;
que inapreciable é a túa misericordia, oh Deus!
Os humanos acóllense á sombra das túas ás …
e a túa luz fainos ver a luz. ( sal 35)
Aclamade ao Señor, terra enteira …
Sabede que o Señor é Deus:
El fíxonos, somos seus,
o seu pobo, ovellas que El apacenta.
O Señor é bo,
a súa misericordia é perpetua. (Sal 99)
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Amigos nas penas
LECTURAS: Benaventurados
OFERTORIO: Todo o mundo unha familia
COMUÑÓN: Acharte presente

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...