Ir al contenido principal

21 Domingo TO A

FRONTE AO AUTORITARISMO DE QUEN DOMINA, XESÚS ENTRÉGALLE A PEDRO UNHA MISIÓN CONSTRUÍDA SOBRE O SERVIZO, NON SOBRE O DOMINIO NIN A IMPOSICIÓN
Descarga o ficheiro
ESCOITA ACTIVA
            Cada mañá ao levantarnos móstrasenos como unha porta que temos que abrir para poder entrar por ela. A chave desa porta dánola Deus en forma de disposición para poñer no día que comeza ilusión, gañas, esperanza, capacidade para superar dificultades ou esforzo por non deixarnos levar da incomprensión de uns para cos outros. Si, a chave dánola Deus, e nós acollémola ou non, segundo a implicación de cadaquén á hora de acoller este gran agasallo que se nos fai e de darlle sentido e contido ao noso abrir os ollos. El ábrenos a porta porque é quen ten as chaves e nos invita a entrar.

Que saibamos ser agradecidos cara Aquel que non abandona a obra das súas mans, senón que a pon ao noso dispor para que sintamos que, desde a nosa liberdade e o noso compromiso, é posible ir construíndo camiños de humanización e encontro co noso actuar. E que mellor momento ca este no que xuntos nos sentimos comunidade que se reúne agradecida para dar grazas e compartir risos e bágoas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
û  Para que fagamos da nosa vida portas abertas de misericordia, SEÑOR, NON ABANDONES A OBRA DAS TÚAS MANS.
û  Para que non esquezamos nunca a chave que nos abre a porta do perdón ofrecido e concedido, CRISTO, NON ABANDONES A OBRA DAS TÚAS MANS.
û  Para que no noso corazón non agromen actitudes mesquiñas e autoritarias, SEÑOR, NON ABANDONES A OBRA DAS TÚAS MANS.
PALABRA ENRAIZADA
ü  Contra o que a primeira vista puidera parecer, mandar, dirixir, organizar aos demais non é nada fácil. E non o é porque mandar non é impoñer, someter, berrar ou torturar. Iso sábeno facer moit@s; pero en absoluto se identifica coas dotes e actitudes de mando das que nos fala Isaías na primeira lectura. Quen actúa así nunca está tranquilo, pois sabe que aqueles sobre os que exerce o mando están á espreita para poder botalo fóra. Isto é o que lle pasa a moitos dos dirixentes dos países, democráticos ou non. Porén, mandar é buscar canles de escoita, diálogo, respecto cos demais; valorando o que se fai ben, alentando... e corrixindo, sen necesidade de infravalorar ou facer de menos aos demais naquilo que non se fai como se debera. Podemos dicir que mandar é unha arte para a que non todas as persoas están preparadas. Por iso o profeta Isaías denuncia a aqueles que no nome do autoritarismo impoñen e esmagan aos que terían que servir, sexa no ámbito que sexa: relixioso, político, económico, social... porque ninguén debe arrogarse a capacidade de decidir sobre as vidas e a liberdade dos demais nunca. Nin no nome de Deus nin no nome dos homes. Que lonxe están as nosas practicas desta proposta que nos fai Deus tamén a cada un de nós para que alí onde esteamos, sen necesidade de ser “grandes dirixentes” saibamos exercer o mandato como servizo e colaboración!. Só así poderemos acadar a chave que El nos ofrece, abrir a porta e entrar sen medo a ser nin represaliados nin sometidos, porque se Deus é liberdade, tamén temos que favorecer esa liberdade cos que temos ao noso redor.

ü  Paulo volve dar mostra de esperanza diante do aparente fracaso co que vemos as persoas na realidade. En Cristo e con Cristo, guía e mestre, somos chamados a avanzar sen deixarnos levar nin da tristura nin da sensación de ser perdedores. Un cristián que loita e busca facer do evanxeo un estilo de vida ten sempre a Xesús como referencia, como guía, como meta. Como podemos logo falar de fracaso, desesperanza ou frustración?. É verdade que ninguén nos vai quitar a nosa limitación, a capacidade de equivocarnos, de sentir dor ou sufrimento, pero tampouco ninguén nos poderá ofrecer, nesas situacións, o que El nos pode ofrecer: a chave da súa comprensión e do seu acompañamento. E unha vez quitada a pechadura, a porta ábrese para que pasemos, non para recuar cheos de medo e angustia. Paulo, que o vivira e entendera, trataba de explicárllelo aos romanos. Pasaron anos, e moitos, hoxe tentan mesmo que nós non o entendamos.

ü  De novo as chaves volven saír no evanxeo. Xesús, como sinal de servizo delegado, entrégallas a Pedro. Non para que el faga delas pequenos cotos pechados onde só poden entrar os elixidos, senón para que abran pechaduras que posibiliten que as portas que estean pechadas se abran dunha vez e para sempre. Son estas as portas que fan da Igrexa non unha institución poderosa, manipuladora, aliada co poder e cos que mandan, unha Igrexa de cartos e nada transparente, que manipula conciencias e impide que as persoas crezan e se desenvolvan como seres libres, creados e queridos por Deus. Deus creounos libres e con autonomía, con capacidade de tomar decisións; mesmo equivocándonos!. En Pedro estamos tod@s nós. Non so os que mandan ou toman decisións namentres os demais calamos e obedecemos. Non. O que quere Xesús con este xesto é dicirnos que somos comunidade que vai camiñando e abrindo pechaduras que nos permiten achegarnos e invitar aos que xa están ou aínda non chegaron, non para berrarlles ou condenalos, senón para ofrecerlles a alegría do Evanxeo. Unha alegría que supón acoller, escoitar e poñer en practica a misericordia. E iso temos que facelo tod@s; papa, bispos, curas, segrares… e as veces que faga falta. Porque esas son as chaves que en Pedro nos entregou Xesús a tod@s nós, á Igrexa.

FRATERNIDADE ORANTE
Poñámonos en actitude de compartir e de sentírmonos comunidade en oración, dicindo xunt@s:
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
*        Para que nunca cansemos de ser unha Igrexa activa, alegre e disposta a dar testemuño do Evanxeo alí de onde todos marchan porque xa non lles é rendible nin lles outorga prestixio, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
*        Para que non deixemos que as nosas comunidades se enchan de rutinas e tradicións, esquecendo o fundamental que ti nos ofreces: un testemuño de entrega xenerosa e de acompañamento das persoas que senten como a vida lle trunca camiños e proxectos que noutro tempo os ilusionaron, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
*        Para que coas túas chaves, saibamos estar sempre dispost@s a abrir a porta a quen busca en nós tempo para compartir e construír actitudes solidarias que levan sorriso alí onde so hai tristura, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CAMIÑAR CON NÓS
Sentíndonos sempre acompañad@s pola túa presenza, celebramos, Señor, que nos fagas aledarnos de ser comunidade disposta a non deixar a ninguén nas beiras no difícil camiño da vida. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Illado, cada ser humano busca a súa propia noite.
As tebras pecharon os corazóns ao amor.
Pero, ti, Señor, acendes unha luz nova para guiar a todos os pobos.
Guíanos, Señor.
Abre os nosos ollos
para que todos os teus fillos e fillas
poidamos camiñar ao mesmo paso,
o paso das túas chaves
Chaves que abren as pechaduras do noso corazón,
que tantas veces temos pechado e cheo de óxido!
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Camiñando pola vida
LECTURAS: Señor Xesús
OFERTORIO: Cantádelle ao Señor unha cantiga nova

COMUÑÓN: No colo da miña nai

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...