Ir al contenido principal

Asuncion de María



HAI QUE CORTAR A ROUPA SEGUNDO AS MEDIDAS DA PERSOA....E NON AO REVÉS
ESCOITA ACTIVA
O máis importante na vida, nin tampouco dentro da Igrexa, non é ter éxito e superar aos demais. O verdadeiramente decisivo é ser unha persoa auténtica e saber medrar coma ser humano. Porén, moitas veces equivocamos o punto de partida e cremos que, para afirmar a nosa propia vida e asegurar a nosa pequena felicidade e liberdade, debemos necesariamente dominar aos demais, sobre todo se son mulleres. Insatisfeitos por non ter sempre o que queremos, temerosos de perder a felicidade e a liberdade, dominar aos demais convértese nunha necesidade. E así manipulamos e utilizamos a quen é máis débil ca nós, esforzándonos por mantelo ao servizo dos nosos intereses.
A festa que celebramos hoxe, a Asunción da Virxe, lémbranos que existen outros camiños para ser autenticamente grandes: aprender a servir sinxelamente desde unha postura de amor fraterno. As persoas que, como María, viven desde a xenerosidade, o servizo e a solidariedade son persoas que irradian unha autoridade única. Non precisan facer a pelota, adular, ameazar ou amedrentar. A súa vida é grande, precisamente, porque saben dala. Que ese sexa tamén o noso camiño.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Por ter renunciado a acompañar a quen precisa da nosa presenza, do noso agarimo, da nosa man, da nosa conversa, SEÑOR, ENSÍNANOS A VIVIR NO SERVIZO.
Por non ter valorado o papel que desenvolven as mulleres dentro da nosa familia, do noso barrio, da nosa comunidade, da nosa Igrexa, CRISTO, ENSÍNANOS A VIVIR NO SERVIZO.
Por non querer poñernos en camiño para sacudir o noso machismo, a nosa intolerancia, a nosa rutina, a nosa apatía, SEÑOR, ENSÍNANOS A VIVIR NO SERVIZO.
PALABRA ENRAIZADA
Na nosa Igrexa, no tocante ao feminino, vivimos nunha confusión que vén de lonxe, e que é moi difícil de clarexar:

o   Por una banda temos a Xesús esforzándose, coas súas palabras e xestos, por poñer de manifesto a igualdade do home e da muller; por destacar a necesidade de romper a concepción e os costumes dunha cultura na que a muller era pouco valorada e relegada a un segundo ou terceiro plano, sen asumir responsabilidades de dirección, sen capacidade para decidir, vivir e actuar con autonomía, cousa que aos homes si se lle concedía. Así, fronte este pensamento pechado El amosa unha mentalidade aperturista!. Porque non esquezamos que nunha sociedade coma a xudía, na que a muller pertencía ao grupo d@s marxinad@s, Xesús amosa, unha vez máis, un corazón quente, unhas altas miras, un amor que non entende de diferenzas de xénero. Entre o grupo dos discípulos había varias mulleres. As mulleres son están ao pé da cruz e,, pola súa fidelidade e constancia, son tamén as primeiras testemuñas da resurrección. Os evanxeos fálannos de numerosos encontros de Xesús coas mulleres: a pecadora pública, a samaritana, a muller cananea, Marta e María... e en todos os casos achégase a elas coa mesma sinxeleza e naturalidade coa que se achega aos homes.
o   Por outra banda, nos dous mil anos de vida da Igrexa, comunidade dos seguidores dese Xesús que traballa a prol da igualdade de xéneros, segue habendo moitos ámbitos nos que a muller non goza da mesma igualdade que o home. Así, ninguén se atreve a poñer en tea de xuízo que hai moitas responsabilidades que á muller non se lle conceden, e que pasarán anos en concedérselle, mentres que ao home, polo simple feito de selo, nunca lle negarán. É máis, en moitos casos á voz da muller esíxelle un plus para ser escoitada, pondo en tea de xuízo as súas opinións.
o   En terceiro lugar, atopámonos co feito de que ao longo do calendario litúrxico son varias as festas dedicadas á Virxe, querendo poñer de manifesto a grandeza do seu si, resposta que fixo cambiar o sentido e horizonte no que se ía desenvolver o mundo. E, o máis chocante é que a mesma xente que dentro da Igrexa tanto pon en dúbida e mesmo menospreza o papel e a voz da muller (seguramente desde un complexo de inferioridade), declárase profundamente mariana e sempre ten nos seus beizos (aínda que non no seu corazón), unha palabra para Ela, presentándoa como modelo, porta..... Coma se María tivese sido unha muller obxecto, e non o que foi: unha muller que, confiando en Deus, deu pasos cara adiante, sen deixarse asoballar, con voz e opinión propia e cunha vida coherente fronte dunha sociedade opresora; unha muller que “pasou” do que dirán e que entendeu e fixo vida a preferenza de Deus polos pobres e os últimos da terra, sobre todo se son mulleres.

E así as cousas, xuntámonos esta mañá para celebrar como comunidade crente a festa da Asunción da Nosa Señora. María é muller, nai, labrega, comprometida, voceira, anuncio, presenza, agarimo, servizo, sorriso, forza e alento. Do mesmo xeito que ela non se rendeu nin recuou, tampouco nós, aínda que as cousas moitas veces sexan difíciles e non se acabe de ver a luz do final do túnel, habemos rendernos. Precisamos unha Igrexa mariana que, como di o Papa Francisco sexa Nai, que acubille, agarime, acariñe e estreite nos seus brazos aos seus fillos e fillas. Ningunha nai se comunica cos seus fillos a base de decretos, normas e documentos, senón que as nais camiñan ao carón dos seus fillos e das súas fillas. Non podemos, xa que logo, deixar que siga sendo a tradición e non a racionalidade, a que marque cal ha ser o papel das mulleres na Igrexa. O si de María foi revolucionario. O noso si tamén debe selo....para que a igualdade, da que sempre falaba e coa que sempre actuaba Xesús, se vaia facendo realidade no descorrer cotián da Igrexa. Traballemos por facer a roupa segundo as medidas da persoa, e non do seu xénero, valoremos a persoa en si, sen marxinar por cuestións de xénero, traballemos pola igualdade, traballemos pola coherencia, traballemos a prol dunha igrexa verdadeiramente mariana, con todo o que iso conleva.
FRATERNIDADE ORANTE
Como comunidade crente, alegre e esperanzada que celebra a festa na honra da Nosa Señora, presentamos a Deus as nosas peticións e dicimos:
QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE

Alenta o quefacer da túa Igrexa para que, superando todo tipo de marxinación e discriminación cara ás mulleres, saiba ser no medio do mundo sinal e presenza do Deus amor, que ama por igual a homes e mulleres, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE

Acompaña ás nosas comunidades, para que sempre saibamos valorar o traballo, moitas veces calado e sempre eficaz, de todas as mulleres que nelas expresan e viven a súa fe: cantoras, lectoras, catequistas, as que poñen as flores ou limpan a Igrexa..., OREMOS.
QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE

Dános a cada un e cada unha de nós humildade e ledicia para sabermos, coma soubo María, descubrirte nos irmáns e irmás e nas cousas boas que vas poñendo nas nosas vidas e nas de quen nos rodea, OREMOS.
QUE TRABALLEMOS POLA IGUALDADE

Grazas, María, por camiñar connosco. Que, coma Ti, sexamos quen de dar un si radical a Deus no servizo aos máis empobrecidos da terra. PXNS. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
CREDO DAS MULLERES
Creo en Deus, que creou á muller e ao home á súa imaxe e semellanza,
encomendándolles a ambos o coidado da terra.
Creo en Xesús, Fillo de Deus, nado dunha muller, María;
que escoitaba e quería ás mulleres,
que entraba nas súas casas, que lles falaba do Reino.
Creo en Xesús,
que discutiu de teoloxía cunha muller
sentado á beira dun pozo, ao mediodía;
que foi unxido por unha muller en casa de Simón,
reprendendo aos invitados que a desprezaban;
que curou a unha muller en sábado,
dicíndolle que se erguera, porque ela tamén era un ser humano;
que se fixo acompañar polas mulleres, sentindo o seu amor
e encomendándolles a boa nova.
Creo en Xesús, que falou de Deus comparándoo cunha muller
que varría a súa casa para atopar o que perdera,
que puña lévedo na masa para fermentalo todo.
Creo no Resucitado,
que se lle apareceu en primeiro lugar a María Magdalena,
enviándoa coma mensaxeira da grande ledicia da Pascua.
Creo na plenitude do Salvador,
en quen non hai xudeu nin grego,
escravo ou libre, home ou muller,
porque todas as persoas somos unha nel.
Creo no Espírito Santo, espírito feminino de Deus
que nos cobre coas súas ás enchéndonos de vida.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Xa nos tes aquí
LECTURAS: Noraboa María
OFERTORIO: Camiñar sen Xesús
COMUÑÓN: Coa nosa naiciña do ceo

Comentarios

Entradas populares de este blog

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

2 Nadal 2026

  PERSOAS BENDICIDAS NA PALABRA ENCARNADA     CANTO GOZOSO           - Entrada: Que ledicia (nº 4)          - Lecturas: Con tódalas criaturas (Nº 22)          - Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36)    - Comuñón: Acharte presente (Nº 51)   A MAXIA DE ABRIR OS OLLOS Escoitaremos hoxe na proclamación da palabra que somos persoas bendicidas por Deus. Unha bendición que temos recibido na Palabra Encarnada que, como dicíamos o día de Nadal, faise dos nosos para que nós poidamos ser Del. Pero grazas á Encarnación non só somos persoas bendicidas, senón elixidas para facer do Deus Amor presenza viva a través do noso testemuño.  A isto se nos convida neste tempo de Nadal: no medio de tanto balbordo chámasenos a facer silencio dentro de nós para escoitar a súa chamada; no medio de tanto lucerío invítasenos a descubrir a Luz verda...