Ir al contenido principal

5 coresma B 2015



MORRER PARA DAR FROITO

Descarga o ficheiro


SINAL DE CORESMA: Poñemos as derradeiras follas da nosa cruz de Coresma.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Cando me colle a noite no camiño
LECTURAS: Como che cantarei?
OFERTORIO: O Señor é o meu pastor
COMUÑÓN: Non vou so

ESCOITA ACTIVA
Tod@s temos a experiencia de volver a comezar, de intentalo unha e outra vez, e sabemos o que iso nos custa e o difícil que nos resulta. En moitas destas ocasións desanimámonos e necesitamos de alguén que nos alente, anime ou acompañe. Pois ben, para os crentes a coresma quere ser ese tempo que nos dea folgos para superar os desánimos, a tentación de abandonar, de sentirnos derrotados.
Logo de catro semanas facendo ese camiño, o Señor dinos hoxe que para que poidamos dar froito temos que ir morrendo a todo canto nos vai encadeando, a todo canto fai que as cadeas da escravitude nos vaian quitando liberdade, a todo canto nos domina e non podemos controlar. Que esta celebración que agora imos comezar nos axude a pechar este camiño coresmal cheos de folgos e forza.
CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Pola dureza do noso corazón, que fai que sexamos insensibles diante do sufrimento de tantos e tantas irmáns e irmás nosos, SEÑOR, PON A TÚA LEI NO NOSO CORAZÓN
  • Porque non damos entendido que todo aquilo que non se dá ou non se comparte cos demais, pérdese, CRISTO, PON A TÚA LEI NO NOSO CORAZÓN.
  • Por ter sabido vivir a fe como unha experiencia liberadora, SEÑOR, PON A TÚA LEI NO NOSO CORAZÓN

PALABRA ENRAIZADA

  • O Señor volve saír ao noso encontro e a través de Xeremías, fálanos de esquecer o noso mal, as nosas inxustizas, as nosas incoherencias.... para facer con nós unha nova alianza, baseada no amor. Porén, nós non damos entendido, ou mellor non queremos entender, que esta nova alianza non está escrita sobre pedra, nin se reduce a un decálogo de normas ou leis, non será unha alianza de ritos, senón de realidades e estará escrita no noso corazón, tal e como nos di o salmo que vimos de proclamar. Porque somos escollid@s por Deus, porque nos quere, porque levamos gravada no noso corazón a súa lei, debemos dar testemuño na nosa vida cotiá daquilo que debe ser o máis importante: o amor de Deus.
  • Estamos, daquela, chamad@s a entregarmos a nosa vida por amor, sen facer cousas extraordinarias, senón humanizando os lugares onde vivimos, rezamos, traballamos, disfrutamos para que sexan ámbitos de encontro e de presenza de Deus. Trátase de botar unha man a quen a necesite, de acompañar a quen está só, de escoitar a quen está triste, de levar un sorriso aos beizos dos que non teñen motivos para vivir.... Cando deamos entendido iso, cando non reduzamos a nosa vida de fe a templos e sancristías, entenderemos aquilo que hoxe nos lembra Xesús no evanxeo: “o que se ama a si mesmo, pérdese”. Porque en realidade cómpre que deamos froito, cómpre que a nosa vida non sexa estéril e baleira, senón que, como luz e sal, estamos chamad@s a deixar pegada, a darlle sabor e ilusión á vida.
  • É, pois, tempo de sementar: As semementes teñen que dar froito. A nosa vida está chamada a que o froito sexan todas aquelas causas nas que o ser humano non sexa excluído, e non debemos ignoralas ou volver a cara para outro lado. Pasar a un segundo plano, para que outros poidan ver recoñecida a súa dignidade, fará que o noso testemuño, a nosa vida sexa a mellor concreción do Evanxeo, da Boa nova. Sen ser doado, este ten que ser sempre o enderezo do que fagamos. De que serviría chamarmos cristiáns, se renunciamos a que a nosa vida sexa un verdadeiro Evanxeo. Isto non é teoría, non pode selo. A vida de tantas persoas nestes dous mil anos de historia, ponnos de manifesto que é posible morrer a nós e que outros vivan , e que iso sexa motivo de gozo, de realización e  crecemento persoal. Quen non é capaz de xermolar e dar cada día novos froitos, volverase estéril, convertendo a súa vida nun sensentido. Para que vivir, se non é para dar froitos que alegren e dignifiquen aos demais, e enchan de sentido a nosa vida?.

FRATERNIDADE ORANTE
Dispoñamos a nosa palabra e o noso corazón, para expresar e sentir as nosas preocupacións e agradecementos ao Deus que nos invita a ser servidores, e digamos:
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
´ Para que vaiamos camiñando cada día no testemuño dunha Igrexa que sabe que ten como misión morrer a si mesma, para así poder nacer para o compromiso solidario e servizal cos máis pobres e excluídos do noso mundo, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
´ Como membros das nosas comunidades, que nos reunimos por sentirnos comprometidos na fermosa tarefa de ser para os demais, queremos pornos nas túas mans e nos deas folgos que alenten o compromiso de facerte presente no noso saber estar cos enfermos, os maiores e os que están solos, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
´ Para que non caiamos na tentación de desprezar aos que pensan ou actúan de forma diferente a nosa, porque nin o orgullo nin o desprezo son actitudes que poidan aniñar no noso corazón, Oremos.
QUE DEAMOS FROITOS DE AMOR
Grazas, Señor, por lembrarnos que nin somos únicos nin tampouco os mellores. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Somos gran de trigo que morre e que dá froito:
·        cando amamos, entendemos e servimos á xente da nosa casa, para facerlle a vida máis feliz e animosa;
·        cando nos preocupan os traballos e as penalidades dos demais e facemos canto podemos por axudalos;
·        cando deixamos algo a nosa casa e o noso tempo para visitar e acompañar a algunha xente veciña;
·        cando nos preocupamos polo que pasa no mundo e nos preguntamos que podemos facer nós para remedialo;
·        cando damos algo dos nosos cartos para aliviar as necesidades e miserias doutra xente;
·        cando imos a unha xunta parroquial e colaboramos en solucionar problemas que teñamos;
·        cando aceptamos cargos ou responsabilidades na política, no sindicato ou en calquera asociación solidaria;
·        cando imos a algunha manifestación, preocupados pola crise, pola paz, pola violencia de xénero ou polo lume;
·        cando nos arrimamos aos pequenos, aos que non teñen poder, para facer con eles unha terra de irmáns e de irmás;
·        cando nos apegamos á aldea cun soño grande de paz nas nosas vidas;
·        cando aceptamos morrer en paz e serenidade, confiad@s no Deus da vida que nos conforta e que nos salva.

(M. Regal “Xesús, un home da aldea” páx. 144)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Epifania 2025

A ESTRELA DE DEUS GUÍA O CAMIÑO CARA Á BELÉN DA SINXELEZA CANTOS:  Panxoliñas OLLOS ABERTOS Paz e ben. Hoxe é un día máxico e de maxia. Máxico porque Deus móstrasenos a toda a humanidade, sen distincións. El non repara na nosa condición social, na cor da nosa pel, no noso xénero ou na nosa idade. El é man aberta que acolle e abraza sen exclusións de ningún tipo. Pero tamén é día de verdadeira maxia, para pequenos e grandes: a maxia da ilusión e da capacidade de sorprendernos pola estrela do Señor, que guía a nosa vida. Con esta invitación a non perder nunca a maxia da ilusión, comecemos a nosa celebración de hoxe. CORAZÓN MISERICORDIOSO Señor, inda que Ti nos invitas á maxia da ilusión, nós confundimos o camiño e andamos no pesimismo, por iso che dicimos, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, Ti non cansas nunca de dicirnos que só quen ten capacidade de sorprenderse seguirá fiel no teu vieiro, por iso che pedimos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á MAXIA DO TEU AMOR. Señor, pol...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...