Ir al contenido principal

Celebración penitencial Coresma 2015


Descarga o ficheiro


CANTO: Benaventurados
No nome do Pai…

SAÚDO
        Benaventurad@s, cantabamos no comezo desta celebración. E, verdadeiramente, sómolo. Deus volve ofrecernos a graza da misericordia para lembrarnos que, inda que moitos poidan dicir o contrario, El sempre nos ofrece o seu perdón, dándonos novas posibilidades de deixar atrás canto non temos feito ben; canto ten suposto para nós o esquecemento dos demais, especialmente dos que máis precisan de nós; canto sabemos que tendo que facer, non quixemos facelo, permitindo comportamentos inxustos, agresivos, calumniadores ou mentireiros. El sabe das nosas debilidades, por iso non nos deixa da súa man, senón que, unha e outra vez, volve por nós para agarimarnos coa súa tenrura. Que mellor Pai e amigo ca este!. E namentres nós parece moitas veces que imos pasando factura de canto fixemos, el segue fiel e fai borrón e conta nova. Podemos volver comezar sen ter débedas permanentes que pagarlle! Sentindo esta benaventuranza, dispoñámonos a compartir, na sinceridade de cada un de nós, este momento de graza e misericordia. Acollamos logo, desde a escoita atenta, a súa palabra.
                                                                
PROCLAMACIÓN DA PALABRA

PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO LUCAS

Chegou Xesús a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías. Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O Espírito do Señor está sobre min
porque El foi quen me unxiu
para proclamárlle-la Boa Nova ós pobres.
Mandoume para lles anuncia-la liberación ós secuestrados
e a vista ós cegos,
para lles dar liberdade ós asoballados,
e proclama-lo ano de graza do Señor.
Pechando o libro, devolveullo ó encargado, e sentou. Tódolos ollos da sinagoga enteira estaban fixos nel. Logo empezoulles a dicir:
‑Hoxe cúmprese diante de vós esta pasaxe da Escritura.

                   Palabra do Señor
Gloria a Ti, Señor Xesús

CANTO: As túas palabras, Señor, son Espírito e vida.
REMOENDO

De novo somos convocad@s desde a misericordia de Deus para deixarnos enchoupar da súa tenrura. El invítanos a mirar cara dentro –por ter mirado excesivamente cara fóra, cara ao que fan os outros estamos hoxe aquí para recoñecernos pecadores e necesitados de cambio e renovación– e para que tomemos conciencia de que as nosas actitudes, que son as que van marcando os comportamentos, non teñen sido acordes coa chamada que El nos fai de ser sensibles e estarmos atentos a non poñer tristura nin cangas pesadas sobre os ombreiros dos demais, namentres imos xustificando todo canto nós facemos.

Como ocorría con Xesús, tamén o Espírito nos urxe a nós a conceder a perdoanza e a liberación a aqueles que temos ofendido co noso xeito de tratalos, coa nosa maneira de dicirlle as cousas, coa forma na que lle temos posto nos seus corazóns engano e esquecemento. Abrámonos entón a esta palabra que non quere ser proclamada ao aire, senón a cada un/a de nós, para que acolléndoa nos axude a ir descubrindo cales son as fendas que temos que ir tapando e cara onde temos que dirixir a nosa disposición a recoñecernos necesitados do perdón de Deus e dos irmáns, por ternos afastado Dun e doutros. O ano de graza do Señor ben pode ser o tempo de Pascua que xa albiscamos, e no que queremos que Xesús resucite dentro de nós, para converter o noso inverno interior en primavera que xermola traéndonos esperanza.

Deixemos logo que a acción do Espírito nos axude a converternos de todo aquilo que nos foi facendo indiferentes, insensibles e duros de corazón. Deus nunca cansa, ao contrario, somos nós os que moitas veces lle damos as costas e nos esquecemos Del ao ignorar e invisibilizar aos demais. Deixarnos reconciliar por El é unha chamada a vencer as nosas inercias e a nosa tendencia a botarlle a culpa do que nos pasa e do que lles pasa aos outros, como se nós non tiveramos nada que ver. Este xeito de entender e actuar é o que tantas veces ten convertido a nosa vida en rito e non en convicción; costume e non compromiso; engano e non sinceridade e cambio. Deus non cansa, pero nós si. Por iso vólvenos ofrecer, no remate deste tempo de coresma, e logo de ter ido revisando os nosos comportamentos e as nosas actitudes, a súa misericordia sen poñernos condicións nin dificultades. Por iso, coma no tempo de Xesús, volvemos dicir de novo: hoxe cúmprese aquí a súa palabra.

ACHEGÁNDONOS AO DEUS DA MISERICORDIA

·        Por tódalas veces nas que non temos deixado que a forza do Espírito entre na nosa vida e a saque das súas rutinas, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA MISERICORDIA.
·        Porque o noso xuízo é sempre máis esixente co que fan os demais que con nós mesmos, CRISTO, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA MISERICORDIA.
·        Para que esta celebración sexa unha verdadeira experiencia de renovación e cambio, sen convertela nin en tradición, nin costume nin en rito, SEÑOR, QUE NOS ABRAMOS Á TÚA MISERICORDIA.

REVISANDO ACTITUDES E COMPORTAMENTOS
          Revisemos en silencio e sen presas a nosa vida. Tentemos buscar cales son as actitudes e comportamentos que van roendo en nós e facéndonos persoas insensibles e duras de corazón. Abrámonos tamén á acción do Espírito que quere acompañarnos neste momento para que recoñezamos os nosos erros e non teñamos vergoña a pedir perdón e comezar de novo.

          A vida das persoas vai xirando ao redor de diferentes eixes, pero tres son, coido eu, os principais, xa que nos van poñendo en relación coas tres experiencias ás que nos enfrontamos cada día ao abri-los ollos. Estoume a referir á nosa vivencia da oración –somos crentes- á nosa relación familiar –desde a familia accedemos á fe– e á nosa vida laboral, cando a hai –o traballo é medio de sustento, pero tamén de humanización e encontro con persoas que poñen o seu esforzo ao servizo do ben común...ou así debera ser-.

·        Preguntémonos que lugar ocupa a oración no noso día a día. Como rezamos de xeito que vaiamos poñendo na man de Deus o día que cada xornada comeza; ou canto temos feito logo de moitas horas de brear con diferentes situacións. Somos dos que imos facendo da oración experiencia agradecida por todo canto imos descubrindo, atopando e realizando cada día? Ou limitámonos, o que de primeiras non está mal, a repetir frases sen pararnos a pensar no seu significado e na necesidade de ser concretadas en rostros e situacións achegadas?.
·        Temos descuberto a importancia e a necesidade de poñer a vida –canto gusta e tamén o que non vai como nos quereriamos– na man e no acompañamento de Deus? Sempre dicimos que cremos nel, que é importante na vida, que sentimos a súa forza, que... imos expresando e mostrando este xeito de dicir cos nosos feitos?.
·        A nosa oración lévanos a descubrir a necesidade -urxencia, neste tempo de tanto engano e corrupción– de ser honestos, xustos e sinceros coas persoas ás que tratamos?. Ou mais ben somos dos que nos xustificamos afirmando que como tod@s o fan así, nós non queremos quedar por parvos?. A oración, cando está sustentada no seguimento de Xesús, ten que axudarnos a superar este deixarnos ir que todo xustifica e relativiza. Esforzámonos para que sexa así e nos dea forza, ou caemos no de sempre, o que leva a que acabemos por deixala ao non entender que, nun mundo movido pola eficacia, non nos serve para nada?.
·        A familia é –debera ser– outro dos eixos sobre os que ir apuntalando a vida. Facemos todo o que está na nosa man para que sexa así? Esforzámonos por sumar, e non por restar e dividir, nas relacións coa xente da casa? Buscamos tempo para falar, escoitar e colaborar, ou somos dos que facemos da familia unha fonda? Sabemos educar repartindo tarefas, ou preferimos facelas todas, inda que iso supoña cargarnos de traballo e estar sempre botándolle en cara aos demais o bo@s que somos e o pouco que nos axudan? Non teremos tamén que preguntarnos se moita da culpa non será nosa por deixar que as cousas foran por eses vieiros? Somos dos que sabemos valorar que a boa relación –equilibrio– familiar nace da axuda e participación de tod@s nas tarefas comúns?.
·        No traballo, son capaz de valorar e recoñecer que o que fan outros me axuda a facer mellor o meu traballo? Esfórzome por non cangar de responsabilidade aos demais, deixando de facer o que me correspondía a min? Loito e fago o posible para que a dignidade e o respecto estean sempre presentes no lugar de traballo e na maneira de facelo? Son dos que non deixo que no nome das ameazas se trate ás persoas coma se foran cousas ou obxectos, perdendo a humanidade que sempre ha rexer no mudo do traballo? Comprométome en buscar sempre o que é xusto, sen permitir que aos máis débiles, aos que menos falan, aos que nunca din nada cando lles obrigan a facer o que outros non queren, acaben pagando as consecuencias da imposición dos máis fortes ou dos que mellor aparentan? Recoñezo que ao lado de todo dereito, que hai que pedir e esixir, están tamén as obrigas que van unidas a ese dereito que teño? Esfórzome por facer do lugar de traballo, onde paso moitas horas, ámbito de boa relación, participación e bo ambiente entre cantos o conforman?

PALABRA EFICAZ DE PERDÓN
Neste momento, e unha vez acadado o clima de reflexión, respecto e interiorización, realízase o momento de proclamar a palabra eficaz de perdón a través das palabras da absolución que o sacerdote, no nome de Deus e da Igrexa, pronuncia.
Para axudar a manter este momento de intimidade e silencio, debe acompañarse con música que soe de fondo, e manteña a forza e profundidade do momento.

GRAZAS POR ACOLLERNOS!
Damos grazas a Deus polo perdón concedido e celebrado comunitariamente, e dicimos xunt@s:
GRAZAS, SEÑOR, POR RENOVAR O NOSO CORAZÓN
·        Grazas por volver saír de novo ao noso encontro tendéndonos a man do perdón e da misericordia, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR RENOVAR O NOSO CORAZÓN
·        Grazas porque a forza do Espírito fíxose hoxe presente a través da túa palabra enchoupada de perdón e misericordia, invitándonos a deixarnos transformar por ela, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR RENOVAR O NOSO CORAZÓN
·        Grazas por quecer o noso corazón, tantas veces frío pola nosa soberbia, o noso individualismo e a nosa autosuficiencia, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR RENOVAR O NOSO CORAZÓN
·        Grazas porque diante da nosa insistencia en ignorarte e vivir a vida como se non existiras, Ti nin te vas nin nos deixas, senón que sempre camiñas ao noso lado agardando que volvamos para ofrecernos o agarimo do teu perdón, OREMOS.
GRAZAS, SEÑOR, POR RENOVAR O NOSO CORAZÓN
Señor, sentímonos ledos, non por celebrar un rito, senón por gozar da sinceridade e da confianza que segues a poñer en nós, facendo da misericordia o mellor bálsamo diante das feridas que nos produce a nosa indiferenza e o esquecemento de que debemos tomar en serio que todos somos irmáns, e polo tanto compartimos un mesmo Pai que nos quere e non se pon de costas aos seus fill@s. P.X.N.S. Amén.

PAZ
Logo da oración comunitaria, achegámonos uns aos outros para darnos a aperta da paz, coa que queremos mostrar a nosa disposición a superar muros e a tender pontes na nosa relación duns cos outros.

IMOS LEDOS E RENOVADOS
        Grazas, Señor, por este momento no que nos tes invitado a revisar os nosos comportamentos. Grazas por saír ao noso encontro e tendernos a túa man. Grazas por non ser coma nós e por seguir ofrecéndonos poder gozar da túa misericordia.
Grazas porque non cansas, unha e outra vez de dicirnos que para Ti, inda que nós teimemos por mostrar o contrario, seguimos sendo importantes, e nos queres. Grazas por esta nova oportunidade de saír desta celebración co ánimo renovado, co corazón transformado e coas esperanzas abertas para non deixarnos vencer nin pola nugalla nin polo pesimismo que nos invisibiliza uns aos outros, impedíndonos sentir e crer na forza do teu perdón e da túa graza.

CANTO FINAL: Gracias, Señor graciñas.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2024 B

ALÍ ONDE NOS NECESITAS, ABRIMOS CAMIÑOS Á ESPERANZA (CORPUS 2024) CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Baixo o lema “Alí onde nos necesitas, abrimos camiños á esperanza” celebramos a xornada da caridade, que nos convida a non esquecer que, sempre e en todo lugar, a Igrexa, cada unha das persoas que a formamos, estamos chamadas a ser servidoras e samaritanas, achegándonos para aliviar, acompañar, escoitar e erguer a tanta xente ferida e tirada nas cunetas da vida. O Señor, que hoxe sae ás nosas rúas, volve dicirnos: “Estou aquí, facendo o camiño contigo”. Abramos o noso corazón para escoitar a súa voz que, dun xeito alto e claro, convídanos a abrir camiños de esperanza. CO CORAZÓN FERIDO Ti convídasnos a abrir camiños de esperanza; pero nós moitas veces somos profetas de calamidades, por...

3 Coresma 2024

DIANTE DA TENTACIÓN DE MERCADEAR COA FE, PROPOÑAMOS GRATUIDADE CANTO GOZOSO o     ENTRADA .- Eu sei de quen me fiei  ( 64) o     LECTURAS .- Oh, Señor, escólleme ( 62 ) o     OFERTORIO.-  Grazas Señor na mañá ( 34) o     COMUÑÓN.-   Ti es camiño e verdade ( 57)   Sinal de Coresma.-  Engadimos unha nova parte do corazón roto que estamos a conformar.   ESPERTANDO Á RENOVACIÓN              As comunidades cristiás vanse conformando ao redor da persoa e a palabra de Xesús. Persoa e palabra desde as que se nos invita a interiorizar a fe, as conviccións, os valores e actitudes desde os que vivir. Pero ocorre que moitas veces, por razóns diversas, imos esquecendo estes dous aspectos fundamentais da fe para caer na inconsistencia das rutinas, os costumes, o aburrimento desde os que acabamos vivindo a fe. No evanxeo de hoxe escoitaremos co...

6 Pascua 2024

  CONSTRUÍNDO CASA COMÚN SEN FACER DISTINCIÓNS NIN PERDER A IDENTIDADE CANTOS ·        ENTRADA:  Con ledicia vimos todos ao altar (Nº 2) ·        LECTURAS:  Cantádelle ao Señor unha cantiga nova (Nº 23) ·        OFERTORIO:  O amor é o meirande (Nº 120) ·        COMUÑÓN:  No colo de miña nai (Nº 49)   AQUECENDO O CORAZÓN              Neste sexto domingo de Pascua invítasenos a prestar atención, poñendo corazón, ollos, mans, pensamento, pés... para vivir facendo do amor cerne da nosa vida. A isto chámanos o Evanxeo de hoxe. Non é doado, sabémolo, pero non podemos renunciar a tentalo, porque só quen se esforza pode recoller logo o froito do seu esforzo.          Cando Xesús fala do amor, non está a teorizar nin tampouco a dicir palabras pa...