Descarga o ficheiro
ESQUEMA
1) CANTO DE ENTRADA
2) ONDA TI NOSO PAI
3) ONDA TI QUE NOS LEVAS DA MAN
4) GLORIA
5) ORACIÓN COLECTA
6) PROCLAMACIÓN DA PALABRA
1ª Lectura: Ex
12,1-8.11-14
2ª Lectura: 1 Co
11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15
7) ONDA TI ACHEGÁMONOS CANSOS
8) CREDO
9) AXUNTÁMONOS PARA AGRADECERCHE
10) NOSO PAI
11) PAZ
12)COMUÑÓN
13) A LEDICIA DO DÍA QUE CAE
14) TRASLADO AO MONUMENTO
15)ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS
NESTA TARDE DE VIDA E DE FESTA, ONDE O AMOR É CERNE, ROMPAMOS AS INERCIAS
QUE ADORMECEN O NOSO CORAZÓN E FAGAMOS DA CELEBRACIÓN EXPERIENCIA NOVA E
TRANSFORMADORA PARA A NOSA VIDA
NESTA TARDE DE VIDA E DE FESTA: A
celebración é rica en contido, por iso consideramos que o único sinal podería
ser, ben unha palagana con auga diante do altar, ben un pouco de fariña e un
acio de uvas diante do monumento.
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Onda Ti, noso Pai á tardiña
GLORIA
LECTURAS: O amor é o meirande/Xesús é Señor
OFERTORIO: Grazas, Señor, graciñas
SANTO
PAZ: Douvos un mandato novo
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida
ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento
(Ao final da celebración sácanse
os manteis e déixanse os altares nus, para concentrar todo no lugar a onde
levamos a Eucaristía. Alí poñeremos o signo coresmal).
Onda ti noso
pai á tardiña
Comezamos dicindo que nos poñemos na man do Señor. Que
estamos onda El, que venceremos as nosas resistencias, e deixarémonos levar da
man do Señor. De verdade estamos sendo sinceros? De verdade nos estamos dando
conta do que cantabamos? De verdade que na nosa vida ímonos deixando levar da
man de Deus? Hoxe é Xoves santo, e para nós os cristiáns é o día no que
expresamos que o amor ten que ser a raíz da nosa vida en todo canto fagamos.
Entendémolo? Quizais diremos que si; pero, vivímolo? Porque se non somos
capaces de vivir os valores do seguimento de Xesús, de pouco ou nada nos vai
valer que veñamos á celebración, que nos chamemos cristiáns ou que afirmemos
que cremos en Deus. Pensemos en cal é o punto do noso camiño con Deus no que
estamos, e esforcémonos por vivir con esperanza, que non con amargura nin
rutina, que El quixera quedar con nós, para expresarnos o seu amor, a través
dun xesto tan sinxelo aparentemente, pero tan profundo no seu sentido, como é
un anaco de pan que poñemos sobre o altar e que logo compartimos.
É Xoves
santo, vivámolo como nos invita Xesús a vivilo: desde o amor.
ONDA TI QUE
NOS LEVAS DA MAN
·
Por ternos soltado da túa man e ter perdido o norte da nosa vida,
converténdonos en persoas inxustas e intolerantes, SEÑOR, PERDOA OS NOSOS ARROUTOS.
·
Porque as nosas mans non teñen servido para agarimar, senón para romper a
paz e crear situacións de violencia, CRISTO,
PERDOA OS NOSOS ARROUTOS.
·
Polas veces nas que non quixemos que o amor agromara nas relacións entre
uns e outros, deixando que as malas palabras, as mentiras e a falta de respecto
fosen os cimentos na maneira de relacionarnos entre nós, SEÑOR, PERDOA OS NOSOS ARROUTOS.
GLORIA
(Cantado)
LECTURAS
PROCLAMACIÓN
DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón:
- "Teredes este mes polo primeiro dos meses, o
mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día
dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. Se a familia é
moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa
casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ao que cada un
poida comer. O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año
coma un cabrito. Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco
dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o
sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer.
Comerdes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras
amargas.
Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as
sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do
Señor.
Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de
morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida
xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. O sangue será o sinal das
casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando
eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora.
Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa
ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións.
PALABRA
DO SEÑOR
CANTO: O amor é o meirande
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE
SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Irmáns e irmás:
Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós,
que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar
grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós;
facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a
copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a
bebades, facédeo en lembranza miña".
Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes
esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte.
PALABRA
DO SEÑOR
CANTO: Xesús é Señor
PROCLAMACIÓN
DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN
Antes da festa da
Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o
Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin.
E mentres ceaban -xa
o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-,
sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus,
ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela.
Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés ós discípulos
e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón
Pedro, este díxolle:
- Señor, ¿vasme lavar
os pés ti a min?
Xesús respondeulle:
- O que eu fago, ti
non o entendes agora; halo comprender despois.
Pedro replicoulle:
- Ti non me lavarás
os pés a min endexamais.
Xesús respondeulle:
- Se non te lavo, non
terás parte comigo.
Exclamou Simón Pedro:
- Señor, daquela os
pés, as mans e maila cabeza.
Dille Xesús:
- Quen se bañou, non
precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos,
aínda que non todos.
Sabía quen o había de
entregar: por iso dixo "non todos estades limpos".
Despois que Xesús
lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles:
-¿Comprendedes o que
fixen convosco?. Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e
dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés,
tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para
que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós.
PALABRA
DO SEÑOR
ONDA TI ACHEGÁMONOS CANSOS
· O libro do Éxodo vai narrando como Israel é capaz de
vencer as súas reticencias e medos para acabar poñéndose en camiño. Un camiño
que non é sen rumbo, senón que ten horizonte. Saben cara onde van; pero tamén
son conscientes das dificultades que van ir atopando: se antes, diante dos
exipcios, non eran poucas, as que quedan por diante non van ser menos. A
pesares disto toma a decisión que o vai marcar para sempre: Deus chámaos, eles
responden. Os problemas virán cando desde dentro do propio pobo comecen as
primeiras protestas, as críticas, a nostalxia da escravitude que deixaran atrás
–que para algúns era mellor que o risco de ter que ir superando problemas e
decepcións que ían aparecendo no camiño-. Verdade que non nos resulta estraño o
que lle pasaba a Israel?. Tamén hoxe, sabendo cal é o noso horizonte, a nosa
meta, segue a haber cristiáns que todo o critican, que non se conforman con
nada, e piden volver á nostalxia dos tempos pasados; sen darse conta de que o
que foi xa non volverá, e que as situacións da vida non se poden repetir; que o
importante é mirar sempre cara adiante, porque alí está a meta. As dificultades
e problemas cos que nos iremos atopando, inda que nos parezan grandes e
irresolubles, acabarán por ser superados. Para isto o que necesitamos non son
ritos, tradicións nin costumes, senón conviccións. E, moitas veces, estas son
as que nos faltan aos cristiáns. Botamos en falta o pasado porque sabemos que
non volverá, e custamos menos mirar atrás e pensar no que foi, que erguer a
mirada e buscar o novo, a creatividade, o que entre todos podemos preparar para
que cando chegue nos atope gozosos por gozalo e acollelo. Di o Papa Francisco
que non podemos ser cristiáns burócratas nin quedos agardando que nada cambie,
senón que a nosa fe e o seguimento de Xesús debe levarnos a arriscar. Sempre é
moito máis gratificante arriscar, inda que te equivoques, que permanecer quieto
e pasivo sen esforzarte en facer chegar o Evanxeo –Boa Nova– con modos, medios
e maneiras tamén novos e comprensibles para os que nos vexan e escoiten.
· Para Paulo a resposta ao seguimento de Xesús pasa pola
fidelidade ao profundo significado do xesto que nos deixou na Derradeira Cea:
pan e viño bendicidos e ofrecidos para compartir. Como pasaba con Paulo,
tampouco nós temos sido testemuñas directas do que alí ocorrera, pero ten
chegado ata nós pola fidelidade na transmisión e custodia dun xesto que pon,
para sempre, entre nós a Xesús. Non se foi, está! Segue na loita do día a día
ao noso lado. A súa invitación a facer o mesmo no seu nome é a que nos vén
reunindo cada domingo para celebrar e vivir comunitariamente que a súa presenza
é motivo de esperanza para a acción. Xesús non di repetide isto
individualmente, senón, “facede isto en memoria miña”, unha memoria que
actualizamos xunt@s e que nos chama a facer desde a presenza, sinal de amor e
entrega xenerosa a tódalas causas nas que a vida e dignidade das persoas se ve
ferida ou ameazada. A Eucaristía quere ser ese “hospital de campaña” onde nos
achegamos feridos buscando o bálsamo sandador da comunidade que acolle e
acompaña; e non o cuartel de uniformidade no que todo se fai por rutina e desde
o medo, e no que a obediencia escurece a confianza. Que, como fixo Paulo e nos
chegou a nós a través do testemuño de tantos homes e mulleres nestes dous mil
aos de vida da Igrexa, tamén nós saibamos transmitirllo aos que veñen detrás
non o rito, de nada vale, senón a riqueza que este xesto, sinxelo en aparencia,
significa: amor e presenza xenerosa e creativa.
· Os sinais son importantes, pero necesitan ser
comprendidos no contexto desde o que se realizan. Para moitos hoxe, que a un
lle laven os pés non ten moito significado. Nunha sociedade na que xorden
negocios de todo tipo, non estraña que xurda un no que se laven os pés, logo de
moito andar ou dunha xornada dura de traballo por un módico prezo. Porén, no
tempo de Xesús este xesto tiña un profundo significado, expresaba a actitude de
humildade, de abaixarse ata o último –os pés pisano todo, reciben o po, sudan...–
para significar que o cumio da súa misión non estaba nin nos centros de poder,
nin entre as clases altas e adiñeiradas. Tampouco no dominio e na posesión de
persoas e riquezas; senón no servizo. Si, na capacidade de poñerse ao servizo
dos que eran excluídos por parte dos que mandaban e tomaban decisións sobre as
vidas dos demais, e dos que Xesús se ía apartando. E iso non era ben visto pola
autoridade. Ao contrario, buscaban a quen facía tal cousa e acusábano de tolo e
desequilibrado. Pero no fondo da acusación o que aparece é o medo ante a
resposta que a maneira de actuar de Xesús, xunto coa capacidade de mover os
corazóns das persoas a escoitalo e seguilo, xerando un clima de novidade e
revolución pacífica, que puña moi nerviosos aos que mandaban. E naquel tempo
non había internet, nin tampouco se facían dossiers para mandalos á prensa; e
para nada se dispuña unha televisión na que poder acusar inda que fose sen
probas, pero si en momento de máis audiencia –calumnia que algo queda-. Non, no
tempo de Xesús non había nada diso, pero si o medo. Un medo que levou a que
decidisen collelo e facelo desaparecer. Quen? os que mandaban, aqueles aos que
Xesús lles parecía un atranco para poder seguir facendo o de sempre: aplastar
aos máis pequenos e indefensos. Por iso non dubidan en buscar testemuñas falsas
para acusalo. Verdade que, inda que outro contexto, todo isto hoxe nos resulta
familiar? A resposta de Xesús é sempre a mesma: o amor e o servizo. Estas dúas
son as claves que El nos deixou para estar e actuar no medio do mundo con
criterio de seguimento da súa mensaxe. O demais virá por medio do momento
histórico e cultural de cada tempo. Por iso non hai que terlles medo, porque o
importante non son as mediacións, que pasan e se esquecen, senón os principios
e as conviccións. E esta tarde o gran principio e convicción segue a ser o
mesmo que estaba tamén presente naquela cea: amade e servide. Tod@s, sen
excepción nin clase.
AXUNTÁMONOS
PARA AGRADECERCHE
Xoves Santo, Xoves do amor, a
solidariedade e o servizo. Tres valores fundamentais na vida dos que nos
chamamos cristiáns. Fagamos deles estrada pola que camiñar, e unámonos para
dicirlle ao Señor:
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR
SERVIZAL
1.
Para que como Igrexa non
practiquemos a indiferenza que esquece, exclúe e fai invisibles os problemas e
dificultades dos homes e mulleres cos que nos relacionamos cada día, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR
SERVIZAL
2.
Para que nas nosas parroquias non
deixemos que os comentarios, as medias verdades, a autosuficiencia ou os
comentarios malintencionados se convertan na maneira habitual de achegarnos ás
persoas que viven solas, experimentaron o fracaso, ou sen senten excluídas e
esquecidas por tod@s, OREMOS
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR
SERVIZAL
3.
Para que deixemos que entre en
nós a forza da Palabra de Deus que temos proclamado, e fagamos memoria viva e
actualizada da presenza de Xesús non só nas celebracións, senón tamén no
recoñecemento e trato digno para cos demais, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR
SERVIZAL
4.
Para que neste Xoves Santo, día
do Amor Fraterno, teñamos presente na nosa oración, e sempre no noso
recoñecemento, ás persoas que dan parte do seu tempo e da súa vida, a través das
institucións que traballan cos máis excluídos, como a mellor das maneiras de
concretar o seguimento e a mensaxe de Xesús, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR
SERVIZAL
5.
Para que as persoas que están ao
fronte das comunidades cristiáns realicen o seu labor pastoral desde actitudes
de escoita, achega e dispoñibilidade, facendo do seu ministerio sacerdotal un
verdadeiro e sincero servizo á causa de Xesús desde a atención aos membros das
súas comunidades, OREMOS.
QUE SEMPRE CONTIGO VIVAMOS A XENEROSIDADE DUN AMOR
SERVIZAL
Señor, somos fill@s do noso
tempo, e cústanos manternos fieis ao guieiro que nos propós para facer da vida
unha experiencia de acollida e misericordia. Axúdanos a non apartarnos da fonte
da túa palabra, para que a auga que dela brota sexa a que cure a nosa sede de
amor,servizo e solidariedade. P.X.N.S.
A LEDICIA DO DÍA QUE CAE
Hoxe é Xoves Santo. Un dos días que alumea máis ca o sol, dicían os nosos maiores. Un sol
dicimos nós, que se presenta como solidariedade, busca da xustiza, actitudes de
servizo e tempo ofrecido a quen pasa por momentos difíciles e necesita ser
escoitado, axudado e acompañado.
Hoxe é Xoves Santo. Non un día de vacación primaveral, senón para celebrar que a causa de
Xesús é tamén a nosa causa. Que o seu pasar polo mundo facendo o ben, marque o
noso paso para facermos o mesmo.
Hoxe é Xoves Santo. Día de acompañar coa nosa oración ás persoas, os nosos pastores, que
presiden e acompañan a vida das nosas comunidades. As ledicias e festas, e
tamén nos momentos nos que a a dureza da vida en forma de morte, dor ou
dificultade se fai presente. Hoxe rezamos con eles e por eles, e pedímoslle a
Deus que non se deixen corromper pola soberbia nin a autosuficiencia; que non
se deixen levar polo autoritarismo nin a imposición. Pedímoslle ao Señor que
manteña sempre viva no seu corazón a chama do servizo e acollida que os moveu a
dicir Si o día da súa ordenación.
Hoxe é Xoves Santo. O día no que o amor triúnfa sobre o abuso, os intereses individuais ou o
paternalismo infantil que nos impide crecer e madurar na fe. Que lle agradezamos
ao Señor este acto de amor que converte a Eucaristía en fonte e cumio do noso
vivir e celebrar sempre en comunidade. Amén.
Comentarios