Ir al contenido principal

13 Domingo TO B

-->
Nun mundo enchoupado de morte, a proposta do Deus de Xesús segue a falar de vida en abundancia
Descarga o ficheiro
-->

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS

  • ENTRADA: Que ledos hoxe estamos
  • LECTURAS: Canta aleluia
  • OFERTORIO: Eu soñei
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

OLLOS ABERTOS

Miremos cara onde miremos, imos percibindo que a realidade está enchoupada de situacións nas que a persoa non só non é o centro do que se di e fai, senón que moito diso que se di e fai o que busca é convertela nun medio para conseguir outros fins. Daquela, non é de estrañar a denuncia profética do papa Francisco na súa carta encíclica sobre a ecoloxía, cando nos reitera a urxencia de volver ao rego de poñer o importante no centro, por riba do inmediato. Si, porque se non poñemos ao ser humano no corazón de canto facemos, acabaremos facendo da corrupción, o engano, o abuso, a violencia, e calquera outra acción que faga ás persoas escravas dos que teñen poder, sexa este do tipo que sexa, camiño sen retorno.

Por iso nesta mañá a nosa celebración ten que movernos non á rutina nin ao costume, senón a saír dela co corazón transformado e coas gañas de non deixar que fagan das persoas monicreques cos que se ensaia como aproveitarse deles dando a impresión de que se lles serve.

O Deus de vivos e de vida aprémanos a non pasar por alto esta urxencia nun momento no que tanto se xoga cos seres humanos, e tanto se despreza a súa dignidade.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Por non facer da vida, propia e dos demais, unha experiencia de gratitude e solidariedade, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN DA RUTINA.
  • Por non querer poñer a dignidade das persoas, especialmente coas que tratamos, vemos e falamos cada día, no centro do noso actuar, CRISTO, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN DA RUTINA.
  • Por esquecer que nin somos únicos nin perfectos, senón necesitados uns da colaboración dos outros, SEÑOR, QUE NON CAIAMOS NA TENTACIÓN DA RUTINA.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

·      A sabedoría de Deus volve aparecer nas lecturas de hoxe como unha experiencia de vida e confianza, fronte a calquera visión que supoña medo, imposición ou morte. Cando falamos de Deus, a visión que nos vén á mente é a dun señor que manda e decide moito sobre os demais; un señor que, estando por riba do ben e do mal, decide, impón e controla a través do medo, aos demais, que aparecen neste noso imaxinario como inferiores, cando non submisos a súa vontade. Pois nada más lonxe esta idea do que é o Deus cristián. Non é o Deus sádico que goza facéndonos sufrir e poñéndonos, unha e outra vez, probas cada vez máis duras no noso camiño. Ao contrario, diante desta visión sádica, o Deus a quen rezamos e no que confiamos é un Deus que fai as cousas por e desde o amor. E quen actúa así non pode apostar polo sufrimento, senón pola compañía, pola liberdade, pola presenza de quen se aleda nas ledicias, e vive a dor e tristura nas dificultades. El é o Deus que está, e está con e desde nós. Non por riba de nós. Por iso a primeira lectura tenta ir clarificando que é a vida, non a morte o que guía o seu facer. Ser imaxe súa é ofrecernos a posibilidade de actuar desde o amor que se dá e entrega buscando o ben para aqueles que teñen saído das súas mans. El é un Deus que nos quere de pé e non de xeonllos! Non para morrer, senón para vivir na sinxeleza da xenerosidade, e non na vinganza do egoísmo.

·      Un Deus así, como nolo describe a primeira lectura, vai movendo o corazón da cada un de nós á loanza por non sentirnos solos, por querernos, por apostar pola nosa dignidade e liberdade; por facernos cerne e non póla que esgaza. A mágoa é que nós, que nos dicimos seguidores seus, moitas veces temos convertido a experiencia de Deus, a través da nosa acción cara aos demais, nunha experiencia de dor e esmagamento, ignorando e facendo todo o posible para non deixar que nolo recorden, que no nome de Deus nin a guerra, nin o abuso, nin a utilización das persoas ten cabida nin pode servir de loanza. Loámolo sabéndonos acompañados por El e chamados a querernos, respectarnos e axudarnos uns a outros. E para iso é fundamental a xenerosidade, como ben lle lembraba Paulo aos corintios. Sen ela a vida fainos robots, máquinas sen corazón e dirixidas por quen non busca nin o ben nin o amor, senón o aproveitamento. Estamos nun novo tempo, vivimos unha nova xeira. Que os cristiáns non nos quedemos ao marxe dela, ao contrario, que saibamos, desde a xenerosidade que Xesús nos mostra e ensina, poñer tamén o noso esforzo a prol de canto faga da terra casa común e lugar no que todos nos poidamos sentir a gusto.

·      O que nos vai poñer no camiño de ser persoas agradecidas e nobres. Coma Xairo, o xefe da sinagoga do que nos fala o evanxeo de hoxe. El, que tiña poder e capacidade para exercelo, ao atoparse con Xesús non ofrece nin posesións nin medo, senón que desde a confianza diríxelle o laio tristeiro de quen está a piques de perder á súa filla, e pon en Xesús a súa confianza. De nada valen xa neste momento nin o poder, nin o prestixio nin nada que non sexa a confianza. E, a diferenza do que fariamos nós, Xesús non o humilla nin xoga ou abusa del, senón que lle devolve esa confianza en forma de acollida e atención. Non lle volve a cara nin fai oídos xordos, senón que vai con el. Responde acollendo e escoitando, sen producir medo nin mostrar o bo que é. Ao contrario, coa humildade de quen sabe estar ao lado e tender a man cando se lle necesita, acompáñao no camiño de volta. Cantas veces temos nós rexeitado esta compaña! Aprendamos que o Deus de vivos, que sabe chorar e sufrir ante a morte, ofrécenos gratitude e dispoñibilidade para que non fagamos o camiño solos. Acollámolo e prestémoslle atención nun momento eclesial tan esperanzador e gozoso, desde unha sociedade que necesita desta esperanza e deste gozo.

FRATERNIDADE ORANTE

Co Deus que nos ofrece esperanza e sentido para canto somos e facemos, compartimos a nosa oración comunitaria dicindo xunt@s:
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
*      Pola Igrexa, para que non renuncie a esta primavera evanxélica que a leva a poñer corazón, mans e reflexión no servizo ao mundo de hoxe, OREMOS.
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
*      Polas nosas comunidades parroquiais, para que saibamos ser testemuñas agradecidas de xenerosidade e colaboradoras na creación de vida en forma de traballo comunitario, axuda a quen o necesite e compromiso para non deixar que ninguén abuse dos máis débiles, OREMOS.
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
*      Por nós para que a nosa confianza estea posta no Deus dos vivos e da vida, e non da morte nin do sadismo, OREMOS.
QUE A XENEROSIDADE GUÍE AS NOSAS ACCIÓNS
Grazas, Señor, por esta confianza que vas poñendo en nós cada día e en cada momento. P.X.N.S. Amén.

OÍDOS ATENTOS

Non viñeches a xulgar os nosos erros

senón a buscar a quen anda perdido,

a defender a quen está acusado,

a liberar a quen está en catividade,

a curar a quen está ferido,

a acoller a quen está desamparado,

a lavar a quen está manchado,

a sandar a quen está enfermo,

a erguer a quen está caído,

a salvar a quen se sente culpable,

a devolverlle a dignidade a quen a perdeu.

Ti que cres en nós.

Ti que esperas de nós.

Ti que nos amas que nós mesmos.

Ti que es máis grande que todos os nosos pecados,
recréanos e danos un futuro novo e mellor.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Cristo Rei 2025

  UN REI DE SERVIZO NUN MUNDO PRECISADO DE ACOLLIDA E ESCOITA: XESÚS CRISTO CANTO GOZOSO   ·        ENTRADA .- Que ledos hoxe estamos (  ) ·        LECTURAS .- Moito me alegrei (  ) ·        OFERTORIO.-  Na nosa terra ( 36 ) ·        COMUÑÓN.-  No colo de miña nai   ESCOITA ACTIVA          Remata hoxe o ano litúrxico que comezabamos o primeiro domingo de Advento, hai xa un ano. Un ano de ledicias e tristuras, de esperanzas e desacougos, de loitas e cansazos, pero sempre guiados pola forza e a presenza de Xesús o Mestre, aquel que pasou facendo o ben e tendendo a man a quen ía atopando ao longo do camiño.          E hoxe, como remate deste camiñar, celebramos a festa de Cristo Rei coa que queremos poñer de manifesto que o seu r...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...