En tempo de dificultade e escaseza, a mesa
do altar segue a convocar na comuñón sempre solidaria
Descarga o ficheiro
CANTO GOZOSO
ENTRADA: Eu soñei
LECTURAS: Salve, Santo Sacramento
OFERTORIO: Ti es o pan do ceo
COMUÑÓN: Pan do ceo, pan de vida
ESCOITA ACTIVA
Xesús non quere quedar na Igrexa dentro do sagrario. El
sae ao noso encontro na rúa. Hoxe coas nosas pegadas mostrarémoslle ao Señor
que non sempre somos capaces de ir deixando pegadas de presenza xusta e
solidaria por onde pasamos, por iso queremos deixarnos acompañar por El para
emendar os nosos erros, os nosos esquecementos, as nosas ausencias e
invisibilidades cando nos teñen necesitado. A través dos nosos pés, das nosas
mans, das nosas palabras, das nosas... Xesús vólvenos dicir que non se quere ir
e deixarnos ao pairo; todo o contrario: El segue a camiñar con e entre nós. O
que pasa é que moitas veces, nós, máis alá das flores, non somos capaces de
poñer nada, esquecendo que El segue a insistir unha e outra vez: “facede isto
en memoria de min”. Desde a súa memoria celebrada e compartida fagamos da nosa
oración comunitaria memoria viva e solidaria de fraternidade, porque El está
aquí, non marchou.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Porque non somos
sacramento de verdadeira irmandade, SEÑOR,
QUE NOS CONVERTAMOS DA DUREZA DE CORAZÓN.
Porque deixamos que
o pan do perdón e da misericordia endureza nas lacenas do corazón, CRISTO, QUE NOS CONVERTAMOS DA DUREZA DO
CORAZÓN.
Porque non queremos
facer da Eucaristía mesa de encontro e comuñón, SEÑOR, QUE NOS CONVERTAMOS DA DUREZA DO CORAZÓN.
PALABRA ENRAIZADA
De lingua longa e
memoria escasa (“Faremos todo o
que dixo o Señor”, Ex 24,3-8): A primeira lectura do libro do Éxodo que
acabamos de escoitar invítanos, neste día do Corpo e Sangue do Señor –día que
para algúns é unha festa de moito colorido, pero de pouco compromiso– a
prestarlle atención á Palabra de Deus, non para pechala nas nosas íntimas
ensoñacións, senón para que nos axude a iluminar a nosa acción; é dicir, o que
facemos cada día alí onde estamos. Si, porque parece que a atención que lle
prestamos á Palabra de Deus non é moita, dado que canto ela nos vai mostrando
para que a nosa vida se enraíce no proxecto de salvación e achega ao mundo no
que vivimos nós convertémola en pedir o que faciamos en tempos pasados, sen ser
conscientes de que o que noutro tempo pasou, agora xa non é posible. E non o é
porque nin a sociedade na que vivimos é a mesma –hoxe somos máis libres para
elixir se queremos ou non confesar a fe, ninguén nolo impón nin nos obriga;
tampouco é unha sociedade de cristiandade, pechada e na que o único centro sexa
o relixioso, ao contrario: a pluralidade na que vivimos fainos máis libres para
poder escoller, e como consecuencia actuar en función da escolla, sen que
ninguén teña que tutelarnos nin obrigarnos a actuar contra o que coidamos que
non é centro de interese para a nosa vida– nin tampouco os cristiáns somos nin
os mesmos nin tantos coma eramos –o que non quere dicir que o número sexa
sinónimo da calidade dos que profesamos a fe en Xesús– nin tampouco os que
somos temos como única preocupación estar no interior dos templos. A fe pídenos
hoxe que a testemuñemos no medio do mundo –atentos aos “sinais dos tempos” nos
di o Concilio Vaticano II– e iso supón que quizais nos sobren ritos, que para a
gran maioría lles resultan irrelevantes por terse quedado niso, en simples
ritos ou costumes; e quizais nos falte ilusión, compromiso por facer cousas que
nos axuden a non deixarnos camiñar por vieiros de corrupción, xustificación de
mentiras, ausencia de vivencia ética no día a día da nosa vida, denuncia das
situacións de pobreza e esquecemento das persoa máis débiles... Aquí, neste
escenario, é onde temos que ir mostrando a forza das nosas conviccións de fe.
Non podemos pedir, cando non hai resposta, que repitamos o que noutro tempo foi
unha axuda para vivir a fe, pero que hoxe ademais de non servir, non axuda,
todo o contrario, a mostrar que Xesús segue sendo presenza no mundo e no
corazón das persoas. Facer o que nos di o Señor é saber estar cos ollos ben
abertos para descubrir onde é necesaria a nosa presenza e, desde ela, responder
co noso comportamento, no medio dos que nin pensan coma nós nin consideran
relevante que teñamos fe, á invitación de responder á chamada que Deus nos fai.
E para iso é importante ter a lingua curta e a memoria viva. Pois ao fin e ao
remate, a fe ao que nos chama é a facer memoria viva e presente, desde o aquí e
agora de cada tempo, no Deus que facéndose presente no mundo pasou, e invitou a
pasar, facendo o ben. Non é polo tanto Corpus unha festa para o folclore, senón
un espertar para estar no mundo buscando dar resposta ao que tantas veces ten
insistido Xesús: “cada vez que llo fixestes a estes máis pequenos, a min mo
fixestes”.
Porque cumprir
ritos é máis doado e cómodo que cambiar actitudes (“Cumprirei os
meus votos ó Señor” Sal 115,18): No salmo rezabamos que cumpririamos os nosos
votos –esixencias– ao Señor. Pero o cumprir do que nos fala esta oración non é
facer cousas por costume ou tradición, senón responder desde a nosa vida
–actitudes e comportamentos– a facer da nosa presenza testemuño vivo, real e
verdadeiro do que cremos e vivimos. Na vida de fe non contan as horas pasadas
dentro dos templos, senón o esforzo por levar fóra dos templos o que alí temos
vivido, compartido e celebrado. E iso non podemos reducilo a retóricas vellas e
doutros tempos, senón comportamentos renovadores, esperanzados e
transformadores das persoas –nós mesmos– e das realidades onde estamos.
Da pascua xudía á
Eucaristía cristiá (“Tomade, isto é o meu corpo”): E só así, o Corpo que
vén a nós como alimento e que temos recibido na Eucaristía, pode converterse en
memoria viva da presenza de Deus en nós e no mundo. O Corpo de Xesús é un corpo
de solidariedade, unión, xustiza, honestidade... Deste xeito entenderemos o que
supuxo o paso da pascua xudía –simplemente recordaban cun rito a saída de
Exipto- á pascua cristiá: presenza real, transformadora e gozosa de Xesús na
vida de cada día en cada un de nós. Non é o noso un Deus ausente, senón que
quen o facemos ausente somos nós, por reducilo a media hora de celebración
–moitas veces sen saber nin querer saber o que celebramos– e por non facer del
o motor e o alimento que nos vai axudar para non recuar diante das dificultades
que o día a día da vida nos vai presentando. Por iso, neste día da festa de
Corpus, preguntémonos tamén nós: Que teño feito eu polo meu irmán? O risco,
tamén a verdadeira satisfacción, está en saír ao encontro de quen nos necesite
e dicirlle: aquí estou para o que queiras.
FRATERNIDADE ORANTE
Cristo faise Pan; e nós somos invitad@s a compartilo ofrecéndollo aos
irmáns que non o teñen. Desde esta invitación dicimos xunt@s:
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS
QUE NON O TEÑEN
·
Para que toda a
Igrexa, que hoxe celebra a festa da túa presenza na mesa do noso mundo, non se
deixe intimidar polos que non queren que con voz alta e clara, fale na defensa
dos máis débiles, explotados e esquecidos, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS
QUE NON O TEÑEN
·
Para que deixemos
que canto temos escoitado, compartido e vivido
nas nosas celebracións parroquiais deste día, mova os nosos corazóns a
actuar sen medo ante as inxustizas e a non calar diante dos abusos que sofren
os máis débiles e indefensos das nosas parroquias, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS
QUE NON O TEÑEN
·
Polas persoas que traballan como Igrexa pola solidariedade, a xustiza e a
denuncia de calquera explotación das persoas máis indefensas, para que o seu
traballo sexa o espello no que sempre nos miremos á hora de actuar como
seguidores de Xesús, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS
QUE NON O TEÑEN
· Por cantos hoxe nos imos achegar á mesa da
Eucaristía para recibir a Xesús, alimento de benaventuranza, que atopemos nel a
forza para acompañar aos enfermos, alentar aos tristes e ofrecerlles o noso
agarimo aos que foron enganados, OREMOS.
SEÑOR, QUE O NOSO PAN SEXA ALIMENTO PARA OS IRMÁNS
QUE NON O TEÑEN
Fai, Señor, da nosa oración comunitaria fermento
que faga levedar o noso corazón na xustiza e na solidariedade. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A caridade comeza por abrir os ollos á realidade; pero a realidade
pódese mirar e valorar de diferentes maneiras. Podemos ver a realidade desde o
beneficio das grandes empresas, desde o fluír dos préstamos bancarios, desde os
intereses do mercado, desde a redución do déficit e os resultados
macroeconómicos ou podemos ler a realidade desde o número de parados, desde os
rexeitados polo sistema, desde a rendas mínimas, desde os índices de pobreza,
desde os recortes dos dereitos sociais... Nós queremos ver a realidade desde os
ollos de Deus, desde o lado dos pobres, como nos pide o Papa Francisco”. (Caritas,
Que fixeches co teu irmán? (Xen 4,9) p.356/7)
Comentarios