Ir al contenido principal

Santiago apóstolo 2015

SERMOS FIEIS Á NOSA FE PASA POR SERMOS FIEIS Á NOSA TERRA 

Descarga o arquivo

CANTO GOZOSO

  • ENTRADA: Vinde axiña
  • LECTURAS: O amor é o meirande
  • OFERTORIO: Na nosa terra
  • COMUÑÓN: Grazas, Señor, graciñas

ESCOITA ACTIVA

A festa de hoxe, a festa de tod@s @s galeg@s, lémbranos que o único camiño para ser grande é renunciar ao desexo de poder e aprender a servir desde o amor. As persoas que viven desde a xenerosidade, o servizo e a solidariedade son persoas que irradian unha autoridade única. Non precisar dar coba, adular ou ameazar: a súa vida é grande, precisamente, porque saben dala.
Que a festa de Santiago Apóstolo, que non tivo medo nin vergoña de confesar ao Señor, neste noso día de Galicia, sexa un estímulo para nós crentes, na tarefa de facer do noso país un lugar fraterno, solidario, xusto e acolledor sempre desde o servizo e o amor.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Porque son moitas as ocasións nas que sentimos vergoña á hora de rezar ou expresarnos na nosa lingua, SEÑOR, QUE TEÑAMOS OS PÉS NA TERRA.
  • Porque a nosa autosuficiencia e a nosa soberbia fan que nos creamos superiores aos demais, CRISTO, QUE TEÑAMOS OS PÉS NA TERRA.
  • Polas veces nas que a nosa actitude pasota nos fai despreocuparnos dos problemas e dificultades que levan a moitas das persoas do noso contorno á tristura e ao abandono, SEÑOR, QUE TEÑAMOS OS PÉS NA TERRA. 

PALABRA ENRAIZADA

Na lectura do Feitos dos Apóstolos lemos que os primeiros cristiáns eran ben considerados. Hoxe en día, dicir que unha persoa ou unha institución é ou mellor dito está ben considerada, fai referencia na meirande parte dos casos a ter unha boa profesión, un prestixio social, ou unha boa situación económica. Porén, por ningún destes motivos estaban ben considerados os cristiáns, senón que a boa consideración de seguro que tería máis que ver co feito da coherencia entre o que crían e como o vivían; de xeito que aparecían coma unha testemuña crible ante o resto da sociedade, pois estaban dispostos mesmo a morrer pola súa fe. Quizás nos viría ben volver a redescubrir nas nosas vidas, nas nosas comunidades, na nosa Igrexa, a frescura, a sinxeleza e a vivencia verdadeira do Evanxeo presente nas primeiras comunidades. Hoxe é un bo día para cuestionarnos se, verdadeiramente, levamos este tesouro en vasos de barro ou se pola contra consideramos máis ben a fe coma un baúl no que gardamos as cousas vellas, que só sacamos a airear na festa do patrón ou co gallo dalgún acontecemento social.
  • E é que para ser apóstolos da Boa Nova cómpre, como nos di o Señor no Evanxeo, seguir o camiño do servizo; pero canto nos custa! Gústanos mandar, impoñer, ocuparmos os primeiros postos, que nos gaben, dicíndonos o ben que facemos as cousas ou o moito que valemos. Miremos cara dentro e convenzámonos dunha vez de que a felicidade está en entregar a nosa vida ós demais.
  • Os santos, porén, souberon manifestarse con liberdade e inculturar a súa fe, dando testemuño no seu día a día, non renunciando ás súas conviccións. Por que a nós nos dá medo ou vergoña mostrarnos como crentes e seguidores daquel que pasou polo mundo facendo o ben?. Repensemos que é o que move e ilusiona a nosa vida, e actuemos con sinceridade. 
  • Neste saber estar no mundo con actitude de participación e compromiso temos que situar a festa hoxe, coma galegos e galegas. Celebramos o día da Galicia, o día da patria, o día da comunidade autónoma. Comprometámonos, porque só deste xeito conseguiremos que a nosa comunidade, a nosa xente, a nosa cultura, a nosa Igrexa, supere o complexo de inferioridade, de atraso, de baixa autoestima, para, desde a implicación e a responsabilidade, ir facendo que as cousas cambien, que ninguén se senta desprezado, que os dereitos e as posibilidades sexan para tod@s, e non só para uns poucos “listos” que saben moverse ou están ao “sol que máis quenta”.

FRATERNIDADE ORANTE

No día da nosa terra, da nosa lingua, da nosa cultura, dicímosche agradecid@s:
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
Pola Igrexa, sobre todo hoxe pola Igrexa galega, para que nunca esqueza que a fe precisa ser inculturada desde unha fidelidade á lingua, aos costumes, ao xeito de sermos galeg@s, OREMOS.
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
Polas nosas comunidades, para que tod@s traballemos arreo e teñamos espazo no que mostrar as nosas ideas, vivencias e convicións, OREMOS.
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
Por cada un e cada unha de nós, para que nunca reneguemos nin do seguimento de Xesús nin do compromiso de traballar por unha Galiza solidaria, xusta, libre e agradecida de posuír unha lingua e unha cultura propias para expresar a súa vida, os seus sentimentos e a súa fe, OREMOS.
QUE NON RENEGUEMOS DA NOSA TERRA
Grazas, Señor, porque nos invitas hoxe, na festa do Apóstolo Santiago, a rezar desde a nosa terra e na nosa lingua xunto con todas aquelas persoas que, coma nós, queren andar polo vieiro do amor. P.X.N.S. Amén.


MIRADA ESPERANZADA

A xente.
A xente é o que importa, o que máis importa de todo.
E•a xente somos os homes e mulleres concretos
aos que cada un de nós lle podemos por nome,
porque son os nosos veciños e veciñas,
porque se cruzan con nós nos camiños da vida,
porque coñecemos de sobra as súas penas e sufrimentos,
os seus méritos e as súas bondades.
A fe que non serve á xente non vale para nada.
As oracións que non nos levan a coidar ben de nós e da xente non valen para nada.
Os grupos, xuntanzas e reunións
que non nos fan doídos das persoas máis débiles e servidores delas,
tampouco valen para nada.
Grazas, Xesús,
despois de Ti todo é máis simple e verdadeiro,
e un aire de liberdade inunda con paz as nosas vidas.
Grazas, Xesús.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Domund 2023

Corazóns aquecidos, Pés no camiño Cantos Lecturas.-  Misioneiro serás  ( 115 ) Entrada.-  Como che cantarei  (8 ) Ofertorio.-  Recibe, Señor  ( 31 )  Comuñón.-   Acharte presente  ( 51 ) Mirada agradecida             A Xornada Mundial das Misións, que en España chamamos DOMUND, é o día no que a Igrexa reza dun xeito moi especial pola evanxelización no mundo e lémbranos que todas e todos estamos chamados a participar activamente na misión.        Oración e axuda solidaria forman unha unión inseparable, porque como crentes non podemos rezar sen comprometernos solidariamente coas nosas accións, pero tampouco podemos facer accións solidarias se non as facemos xurdir da oración persoal e comunitaria.        Neste día, e do mellor das maneiras, a Igrexa mostra a súa universalidade sen fronteiras para tender a man e poñer o corazón, desde a mirada de Deus, en tódalas persoas que, dun cabo ao outro do mundo, o precisen. Palabra de misericordia ·        Porque son moitas as veces nas que nos fa

4 advento 2023

  Advento, tempo de Xenerosidade Sinal de Advento .- Engadimos un novo elemento ás miradas con corazón deste Advento, a Xenerosidade Cantos          Entrada.-   Volve, Señor ( 90 ) Lecturas.- Benaventurados ( 119   ) Ofertorio.-   Velaqui Señor o viño ( 37) Comuñón.-   Xesús chamado amigo   ( 89 ) Abrindo o corazón Chegamos ao final de traxecto deste tempo de Advento. Ao longo destas catro semanas fóisenos invitando a facer un fondo proceso de revisión das nosas actitudes e comportamentos. E non era calquera o que nos invitaba, foi a voz de Xoán Bautista a que nos ía marcando este camiño que tiñamos que preparar cada un e cada unha de nós de maneira repousada, tranquila, sincera e liberadora. E para que? Para poder chegar a esta noite co corazón preparado para acoller nel ao neno que chega para traernos ilusión, esperanza, xenerosidade e, por riba de todo, a salvación. É dicir, sentido e horizonte para a nosa vida. Unámonos logo par co

Transfiguracón 2023

  COS OLLOS ABERTOS E COS PÉS NO CHAN CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Vinde axiña (Nº 10) o     LECTURAS:  Escoita ti (Nº 26) o     OFERTORIO:  Déixate querer (Nº 61) o     COMUÑÓN:  Quédate Señor connosco  ESCOITA ACTIVA O medo a correr riscos é unha das cousas máis paralizantes. Temos medo ao novo, como se conservar o pasado garantira automaticamente a fidelidade ao Evanxeo. Por medo calamos cando teriamos que falar, desentendémonos cando deberiamos intervir, non debatemos temas importantes para evitar plantexamentos novidosos. Temos medo a revisar liturxias e ritos que valeron noutro tempo, pero que na actualidade non din nada. Temos medo a falar de dereitos humanos, de diversidade, a recoñecer o papel da muller dentro da Igrexa. Temos medo a poñer por riba de todo a misericordia...  Segundo o relato evanxélico, os discípulos caen por terra cheos de medo.... pero Xesús achégase e dilles –dinos-:  erguédevos, non teñades medo . Que a celebración deste domingo, a Transfiguración do Señor