Cando esquecemos que a fe ofrece esperanza, Deus é un recurso e as celebracións ritos baleiros
Descarga o arquivo
CANTO GOZOSO
- ENTRADA: Camiñarei
- LECTURAS: Canta o sol
- OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá
- COMUÑÓN: Quédate, Señor, connosco
ESCOITA ACTIVA
Que
fotografía máis real da nosa sociedade a que nos propoñen hoxe a
primeira e a segunda lecturas! O texto do libro primeiro dos Reis
describe perfectamente a situación de baleiro e insatisfacción
permanente pola que están a pasar moitas persoas. E como xa nada ten
sentido nin pode aportar razóns para vivir, todo vale; e ademais hai que
vivilo a “tope”; é dicir, sen preocuparse do ben ou mal que eses
comportamento e actitudes lles poidan facer aos demais. O individualismo
acampou na vida e no corazón de moitas persoas, e todo xira ao redor
dos seus propios caprichos. Como nada paga a pena, para que esforzarse
por ser xustos, honestos, alegres, esperanzados ou solidarios?
Que
mágoa, pero tamén que real! Mágoa porque vemos como toda unha xeración
de homes e mulleres van construíndo a súa vida desde a amargura, o descorazoamento
e a sensación de soidade; e o que é peor, así llo van transmitindo aos
que veñen detrás. É real porque o vemos cada día, non é esta unha
película que esteamos a inventar.
Diante
deste xeito de vivir e estar no mundo, a fe ofrécenos unha proposta
–que somos libres de acoller ou non– que nos leva por un camiño ben
distinto. A proposta na que se descubre que sempre hai unha raiola de
luz diante de moita escuridade, que paga a pena loitar e traballar por
non facer o que fan todos, que quen é capaz de non deixarse levar do
desespero acabará descubrindo sentido e razón para vivir, e facelo xunto
con outros. En fin, todo o contrario a unha fe morta, ritualista e
puramente ancorada en tradicións. Pero para iso é necesario que nós, que
nos chamamos crentes, espertemos tamén das nosas rutinas e sexamos
conscientes de que vivir sabendo que Deus non nos deixa sós,
esíxenos estar no mundo con actitude de acoller, unir, perdoar e
mostrar que a vida non é destino senón decisión e compromiso persoal por
facer dela unha experiencia de encontro de proxectos, vontades e
propostas dispostas a non deixarse secuestrar polo pesimismo nin pola
desesperanza. Que coma Elías, saibamos tamén levantarnos e poñernos en
camiño!
CORAZÓN MISERICORDIOSO
- Por deixar que a desesperación entre na nosa vida, SEÑOR, QUE SANDEMOS O NOSO CORAZÓN.
- Por permitir que en nós, o lugar de Deus o ocupe a tristura, CRISTO, QUE SANDEMOS O NOSO CORAZÓN.
- Por caer na tentación do pesimismo, que non nos deixa avanzar nin erguer a vista cara ao futuro, SEÑOR, QUE SANDEMOS O NOSO CORAZÓN.
PALABRA ENRAIZADA
- Canta actualidade ten a lectura do libro dos Reis que acabamos de escoitar! Inda que pasaron moitos anos desde que foi escrita, non por iso perdeu frescura. Todo o contrario: se lle prestamos atención vén sendo coma unha fotografía a cor do momento que todos estamos a vivir. Se fitamos a vista no que nos ocorre, no que lle ocorre ao veciño, no que imos escoitando ou vendo a través da ventá que nos ofrecen os medios de comunicación, descubriremos que tanto nós, como os veciños, e mesmo os que viven a miles de quilómetros de nós, pasan por situacións parecidas á do profeta Elías. A sensación de fracaso, de abandono, de non poder, de pensar que nada vale a pena, de... Todo ese sensentido no que ás veces caemos e nos leva a pensar e dicir que nada paga a pena, era polo que estaba a pasar o profeta. E cando parecía que xa non había máis que esperar o final, porque ningún camiño era posible nin ningún esforzo tería recompensa, Deus aparece na súa vida. Non para manipulalo, infantilizalo ou xogar con el someténdoo como se fose un monicreque, senón para dicirlle: érguete, hai moito que facer. O fácil é deixarse ir sen afrontar os problemas e dificultades. O importante e necesario é facerlles fronte para que non nos engulan. E Elías percibe que non está solo, que un Alguén se vai facendo compañeiro de camiño; que a esperanza é posible. E non só iso, senón que era importante facelo. El revive e espabila. Seremos nós capaces de facer tamén algo así? De non deixar que o “non se pode; non hai nada que facer; isto no ten amaño; total para que...” aniñen na nosa vida e nos impidan descubrir que a vida é sempre reto e tarefa que entre todos estamos chamados a construír desde a axuda, a confianza e o descubrimento das nosas propias capacidades? Se de verdade o intentamos descubriremos que non estamos solos, que Deus si é e está con nós.
- E porque está con nós, e non nos descubrimos nin como illas desertas nin coma xoguetes rotos que ninguén quere, imos saíndo da insatisfacción de que nunca nada nos chega, para comezar a camiñar xunto con outros que teñen tamén nome, historia, dificultades e alegrías, como tamén temos nós, para construír familias, parroquias, barrios ou amizades desde a solidariedade, a capacidade de axuda e a colaboración. E o máis importante: desterrando de nós a sensación de que non valemos nin nós nin o que facemos. Todos somos importantes, pero ninguén é imprescindible; por iso nos necesitamos uns aos outros. Non para ser máis ca, senón para ser coma, para ser iguais. E a isto é ao que nos invita tamén hoxe Paulo desde a carta aos Efesios que temos lido como segunda lectura. Pero non só invita, senón que ofrece camiños a través dos que poder ir acadando este ser cos outros que desterre a tentación de ser solo un e a conta dos demais. E estes camiños que el propón están marcados polo desterro da amargura –cantas veces nas nosas palabras, nas nosas miradas ou nos nosos feitos!– a ira, os insultos ou a maldade. Toda unha folla de ruta na que temos que poñernos xa, para que esa sensación de que nada paga a pena e do que por que teño que facelo se non gaño nada con iso, vaia desaparecendo do noso xeito de pensar e actuar. Porque só deixando atrás a amargura de quen se desespera, poderemos comprender e entrar no camiño da sensibilidade e da lóxica do don que nos ofrece Xesús e que nos chama ao perdón, a comprensión e a bondade –que nunca nos creamos mellores ca os demais!-.
- E porque non nos cremos nin superiores nin mellores cós demais, non caeremos nunca no que caeron aqueles que só buscaban a Xesús para criticalo e facelo de menos. O desprezo, a crítica ferinte e descualificadora, a invisibilidade dos máis pequenos e necesitados e o abuso de quen ten poder non poden aniñar no noso corazón. Diante destas actitudes dos poderosos daquel tempo, Xesús non reacciona nin con violencia, nin co rancor de quen espera que lle chegue a súa oportunidade para poder vingarse, senón que a súa resposta busca tender pontes de diálogo e comprensión. O seu non critiquedes é tamén unha chamada a escoitalo, para descubrir desde as súas palabras que o pan que El ofrece é o pan que alimenta non só os corpos –que tamén– senón que é un alimento que se expande por tódolos aspectos e facetas da vida persoal e comunitaria. É un pan de entrega, xenerosidade,misericordia e cordialidade; un pan que non se esgota na mesa da vida nin do mundo, senón que se prolonga para ser pan de eternidade. Por iso, non só enche os estómagos, tamén fai medrar a esperanza no Deus que quere facer do mundo a casa de todas as persoas.
FRATERNIDADE ORANTE
Deus
vólvenos convidar á mesa da oración comunitaria para ofrecernos o pan
que alimenta corpos, esperta solidariedades e fai medrar as esperanzas,
por iso dicimos xuntos:
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA
- Para que toda a Igrexa, desde o Papa á última persoa que foi acollida na fe da Igrexa polo bautismo, crezamos e descubramos que só quen ten esperanza e non se deixa levar polo pesimismo,que afasta de Deus e dos irmáns, pode entender e descubrir que en Xesús está no noso camiño, OREMOS.
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA
- Para que as nosas comunidades parroquiais maduren a súa fe e abran os seus corazóns ao redor da mesa do altar; mesa de pan compartido con quen non o ten, e de acollida que non exclúe, senón que acolle e se dá aos demais, OREMOS.
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA
- Para que nós sexamos capaces de converter en vida: actitudes e comportamentos, todo canto escoitamos, rezamos, compartimos e celebramos esta mañá; e deste xeito ser capaces de cambiar a amargura, a ira e os enfados en perdón, bondade e comprensión, OREMOS.
QUE O TEU PAN SEXA LEVEDO DE ESPERANZA
Grazas,
Señor, por mover o noso corazón a ser sensible a canto ocorre no noso
mundo e na nosa historia, sen deixar que se endureza e prescinda da
entrega e o servizo aos demais. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
“A
Igrexa, ao proclamar o evanxeo, raíz profunda dos dereitos humanos, non
se arroga unha tarefa allea á súa misión, senón polo contrario, obedece
ao mandato de Xesucristo
ao facer da axuda ao necesitado unha esixencia esencial da súa misión
evanxelizadora... Os dereitos humanos violéntanse non só polo
terrorismo, a represión, os asasinatos, senón tamén pola existencia de
condicións de extrema pobreza e de estruturas económicas inxustas que
orixinan grandes desigualdades. A intolerancia política e o
indiferentismo fronte á situación do empobrecemento xeneralizado mostran
un desprezo á vida humana concreta que non podemos calar. Merecen
denuncias especiais as violencias contra os dereitos dos nenos, a muller
e os grupos máis pobres da sociedade: campesiños, indíxenas e
afroamericanos. Tamén hai que denunciar o negocio do narcotráfico”.
(IV Conferencia xeral do episcopado latinoamericano. Santo Domingo. Nova evanxelización promoción humana cultura cristiana. 12-28 Outubro 1992. nºs 165 . 167).
Comentarios