Ir al contenido principal

21 domingo TO B 2015

Palabras de vida para un mundo enchoupado de morte, esquecemento, indiferenza e exclusión. Señor, que nunca deixemos de escoitar a vida que traen as túas palabras
Descarga o arquivo

RECENDOS DE SONS AGRADECIDOS

o   ENTRADA: Vinde axiña
o   LECTURAS: As túas palabras, Señor, son espírito e vida
o   OFERTORIO: Aquí están Señor
o   COMUÑÓN: O amor é o meirande

OLLOS ABERTOS

Dinos o evanxeo de hoxe que o Señor ten palabras de vida, palabras que alentan cando xa todo parece perdido, palabras que nos fan recobrar a fe no ser humano ao sentir a dor e a frustración pola capacidade que temos de facer dano uns aos outros; palabras que nos insisten, unha e outra vez, en que somos dignidade, fin e non medio, capacidade, posibilidade e proxecto sempre realizándose e nunca rematado. Deixemos que estas palabras enchoupen o noso corazón e nos fagan abandonar o noso escepticismo, a nosa mesquindade e a dúbida permanente de que todo dá o mesmo porque nada pode cambiar.

CORAZÓN MISERICORDIOSO

  • Por buscar o enfrontamento e a dureza de corazón, e non a misericordia, SEÑOR, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
  • Por volvernos desconfiados e incapaces de escoitar aos demais, CRISTO, AQUECE O NOSO CORAZÓN.
  • Por deixar que a nosa vida camiñe por vieiros nos que Deus é apartado e esquecido, SEÑOR, AQUECE O NOSO CORAZÓN.

PALABRA ACOLLIDA E PÉS NO CHAN

·      Moitas veces atopamonos con persoas que teñen vergoña das súas orixes: familia, conviccións relixiosas, lingua, cultura... é fan todo o posible, rozando case sempre o ridículo, para aparentar o que non son, o que leva a que quen as vexa disimule, ou non, o riso e a burla. Seguro que nos temos atopado máis dunha vez con xente así. Ou pode mesmo ter ocorrido que teñamos sido algunha vez destas persoas. Nun caso ou noutro: que mágoa! Quen renuncia a canto dá razón do seu ser, antes ou despois, acaba sentindo a tristura e o baleiro pola perda da súa identidade. As raíces ofrécennos a identidade desde a que crecer, desenvolvernos e ser nós mesmos; non monicreques nas mans de outros. Disto é do que fala o texto de Xosué na primeira lectura: o pobo de Israel sentía noxo, vergoña, de ser pobo de Deus, de ter a súa raíz no Deus que os acompañaba, nas dificultades e nas esperanzas, formando parte da súa historia. Diante deste querer afastarse de Deus, Xosué invítaos a clarificarse, a tomar decisións, a optar. O seu “escollede hoxe a quen ides servir” ponnos na situación de que na vida non se pode continuamente xogar a dúas bandas; poñerlle unha candea a Deus e outra ao diaño, senón que necesitamos, polo noso propio ben, e buscando a seguridade de canto nos vai conformando como somos, optar, decidir e clarificarnos. Non podemos ser cristiáns de moita misa, novena e santuarios, se logo somos violentos –de palabra ou obra-, mentireiros, corruptos, defraudadores, destrutores da natureza, pouco respectuosos cos maiores... e non podemos porque Deus chámanos a vivir en liberdade. O seu proxecto non nos obriga nin nos retén, pero se queremos dicirlle si á súa proposta, logo debemos actuar en consecuencia, coa coherencia que iso supón e esixe. Que non pretendamos enganarnos a nós mesmos, porque a Deus non imos ser capaces.
·      Ter claro cara onde e desde onde queremos ir construíndo a nosa vida vainos axudando tamén a tomar conciencia de que non somos únicos e que non hai máis coma nós no mundo. Os valores do evanxeo, as actitudes que van sacando de nós o mellor –que o temos– son vividos por moitas persoas dunha maneira gozosa, alegre e comunitaria. E o que é máis importante: sen sentir vergoña. O “sede ben guiados“ de Paulo apunta a que non esquezamos que canto fagamos, o xeito que teñamos de mostrarnos, a maneira de achegarnos aos demais é o mellor espello para manifestar que as nosas conviccións son verdadeiras, profundas e enchoupadas de confianza. Non son froito do rendemento político, económico ou de prestixio social. Por iso podemos dicir que ao mostrarnos publicamente, estamos a mostrarnos como Igrexa de Cristo, non segundo o que nos parece ou máis cómodo nos resulta, senón como seguidores de Xesús que acollendo o seu estilo de vida, ímonos esforzando por sementar o mundo con actitudes e comportamentos que humanizan ás persoas, nos humanizan a nós e fan posible que, esa casa común que chamamos mundo, sexa tamén humanizada. A cordialidade e a vocación convértense en elementos desde os que construír a antropoloxía cristiá.
·      Claro que esta proposta que Deus nos ofrece desde as páxinas dos textos que hoxe temos proclamado non é nada doada. Ao contrario, é tarefa dura, difícil e chea sempre de atrancos que poden levarnos a pensar se paga a pena seguir, ou se será mellor abandonar e deixalo. Moitos xa o teñen feito: uns de maneira silenciosa, a apostasía silenciosa dos que foron bautizados na fe da Igrexa; outros facéndoo público e reivindicando a súa liberdade para non deixar lugar a Deus na súa vida. E iso porque o seguimento de Xesús é unha opción de vida, non o cumprimento duns ritos; e toda opción de vida supón cuestionar canto un fai, e deixarse cuestionar desde fóra, sen que iso supoña sentirse nin agredido nin ridiculizado. E ese cuestionamento e coherencia non todos están/mos dispostos a entendelo e vivilo como unha experiencia de conversión e purificación persoal. De aí que, hoxe, como tamén no tempo de Xesús, a esixencia do seguimento do Evanxeo é para moitos un camiño duro que é mellor abandonar; xa que prescindindo de Deus todo é máis fácil, cren algúns, pois non hai que dar razón nin por qué a ninguén. Pensade no triste espectáculo dos que, crendo que as parroquias son supermercados e os curas os caixeiros aos que se lles paga a mercancía adquirida, achéganse a elas para comprar sacramentos: enterros con moitos curas, bautizos a calquera hora e día e cos padriños que a un lle peta, casamentos que sexan rápidos e non esixan cursiños de formación ou comuñóns e confirmacións “express”sen catequese, pero para os que logo gastamos tempo e cartos e vestidos, banquetes, fotos ou viaxes. E todo porque seica a Igrexa –entendida esta como os curas– é moi esixente. Pero parámonos a pensar o tempo dedicado a ir á piscina, escola de fútbol, actividades diversas ao longo de anos e anos ? Coma Xesús, tamén podemos preguntar: Vós tamén vos queredes ir? Ou seremos capaces de responder coma aqueles discípulos: Señor, onde iremos, ti tes palabras de vida?

FRATERNIDADE ORANTE

Agradecid@s pola forza da palabra que acabamos de escoitar, recemos xunt@s dicindo:
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
¨    Para que na Igrexa non perdamos nunca a sensibilidade de sentírmonos irmáns uns dos outr@s, e dispost@s sempre a unir e non e enfrontar, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
¨    Para que o testemuño de valentía, claridade, renovación e esperanza que cada día nos ofrece o Papa Francisco, sexa seguido por nós, os que conformamos a Igrexa, pobo de Deus sempre en camiño, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
¨    Para que nas nosas comunidades nos esforcemos por formarnos e renovar os comportamentos rancios e do pasado nos que moitas veces deixamos que se desenvolva a nosa experiencia de fe, OREMOS.
SEÑOR, GRAZAS POR CHAMARNOS A SER IRMÁNS
Señor, acolle a oración que xunt@s compartimos. Que nos esforcemos para atopar en ti azos que nos axuden a facer do que rezamos tarefa común de do noso actuar. PXNS.

OÍDOS ATENTOS

Fiados e fiadas en ti,
dispoñémonos ao traballo de cada día,
aínda que o corpo vaia canso e os ánimos afrouxen.
Seguiremos mirando de cambiar a ser mellores,
por moito que un vaia vello e pense que nada pode xa cambiar.
Apostaremos cada vez por unha parroquia máis unida,
aínda que entre nós siga habendo receos e desconfianzas.
Soñaremos cun mundo sen abusos e sen inxustizas,
por moito que o vexamos roto e tan dividido entre pobres e ricos.
Poñeremos o noso esforzo ao lado das amigas da paz,
por moito que levemos a violencia no corazón
e a vexamos tamén en tanta xente ao redor de nós.
Seguiremos defendendo as nosas casas e aldeas,
por moito que a maioría siga escapando cara ás cidades.
Creremos nunha vida feliz e completa nas mans coidadoras de Deus,
aínda que esta terra se nos faga feliz e agradable.
Apostaremos pola honradez e pola legalidade no trato cos veciños,
por moito que as trampas se nos ofrezan como camiño de éxito rápido.
Traballaremos por conseguir melloras na parroquia,
aínda que nos vexamos algo cansas e desunidas.
Loitaremos por unhas comunidades cristiás apegadas ao Evanxeo de Xesús,
por moito que a rutina nos poida e a falta de fe nos achique.
Fiarémonos de Deus en calquera circunstancia da nosa vida,
aínda que sexan moitos os que se rían da fe e da vida relixiosa.
                           (M.Regal, Xesús aquel home da aldea, p.120)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Ascensión 2025 C

  7º Domingo de pascua. Ascensión.2025 A ASCENSIÓN:  ATRÁS QUEDARON OS CENÁCULOS NOS QUE ESCONDERSE E APARTARSE DO MUNDO CANTOS · Entrada.- Con ledicia vimos ( 3 ) · Lecturas.- Cantade ao Señor ( 23 ) · Ofertorio.- Cantádelle ao Señor ( 33 ) · Comuñón.- Señor Xesús bendito sexas (52) ABRÍNDONOS AO ESPÍRITO A Ascensión do Señor é a festa coa que Xesús nos quere transmitir que unha vez que El xa non está correspóndenos a nós perder os medos, saír da casa e anunciar no medio do mundo a forza, sempre alentadora e esperanzada, da súa mensaxe. El chámanos a ser testemuñas de toda a alegría rebordante que nos ofrece coa súa Boa Nova, porque xa non é tempo de esconderse e laiarse. Agora comeza o tempo do compromiso, da presenza activa e non excluínte, no medio do mundo. E sempre desde alí onde esteamos. Atrás quedaron os cenáculos nos que esconderse e apartarse do mundo. El farase presente se nós, co noso actuar e coa coherencia e honestidade de da nosa palabra, o facemos presente. CU...

Domingo Ramos 2025

TRANSFORMEMOS A FLOR MURCHA DA CORESMA NO VERDE ESPERANZADO CARA Á PASCUA   Comézase fóra, a poder ser nun lugar un pouco afastado da Igrexa, para poder camiñar procesionalmente unha vez bendicidos os ramos.  COMEZANDO A CAMIÑAR Xesús púxose en camiño cara a Xerusalén ,escoitaremos na lectura do evanxeo de Lucas. Un camiño que se converte en sinal de contradición. En Xerusalén vivirá a morte; pero tamén alí, na mesma Xerusalén, na resurrección, mostrarase a grandeza e a fondura do Deus que envía ao seu Fillo para ser coma nós. A resurrección é, xa que logo, o triunfo, a esperanza, o punto de chegada dun camiño duro, difícil e cheo de dificultades. Nós hoxe tamén, coma Xesús, poñémonos en camiño cara esa Xerusalén que nos levará da mesa da fraternidade ao triunfo da Noite Santa da vida, pasando pola tristura e o desacougo da Paixón do Venres Santo. Dispoñámonos, poñendo o mellor de nós, a comezar esta andaina de salvación e esperanza. ACOLLENDO A BENDICIÓN DE DEUS Señor, sabénd...