Ir al contenido principal

Santa María 2016

366 DÍAS, 366 RAZÓNS PARA NON SER INDIFERENTE
 
CANTO GOZOSO
o Panxoliñas

ESCOITA ACTIVA
Bos días e feliz ano novo para tod@s!!! O mes de xaneiro que hoxe comezamos fala de inicios. E sempre que empezamos algo, facémolo con moita ilusión, con bos propósitos e co desexo de poder rematalo. Por iso vimos aquí: para agradecerlle a Deus a súa compaña e para poñer na súa man estes doce meses que temos por diante. Sabemos que teremos días bos, outros que serán regulares e mesmo pode que algún deles estea cheo de negros nubarróns; pero tan certo coma iso é que Deus estará con nós, porque nos quere, porque somos o máis importante para El, porque, a diferenza do que facemos nós, El nin quere nin pode ser indiferente diante da dor, da tristura e da desesperanza. Que, como María, a quen hoxe celebramos na súa maternidade, deixemos que a Palabra cuestione a nosa vida e nos axude a trocar a globalización da indiferenza pola revolución da tenrura. Comezamos?.

CORAZÓN MISERICORDIOSO
  Para que non sexamos indiferentes diante dos irmáns e das irmás que sofren pola falta de traballo, terra e teito; SEÑOR, QUE A INDIFERENZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
  Para que non sexamos indiferentes diante do berro que nos envía a casa común por todas as feridas que lle causamos; CRISTO, QUE A INDIFERENZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
  Para que non sexamos indiferentes diante de quen sofre porque non ten esperanza, SEÑOR, QUE A INDIFERENZA NON ANIÑE NO NOSO CORAZÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Probablemente un dos peores males que aflixen o mundo de hoxe sexa o da indiferenza. Si, porque o peor que lle pode pasar a unha persoa é ser indiferente para alguén. E canta xente metemos nós no caixón da indiferenza alegando todo tipo de insolentes pretextos: que si non é dos meus, que si o ten merecido, que si non se pode esperar nada bo dela, que si.... E xa non digamos se ese alguén non o coñecemos fisicamente, se ese alguén está a milleiros de kilómetros de nós. Entón a indiferenza acada a súa máxima intensidade: vivimos na nosa burbulla de benestar e comodidade, pechados ao berro de dor da humanidade que sofre. Ao fin e ao cabo.... eu que podo facer?, preguntámonos para tranquilizar a nosa conciencia. Si, son moitas as redes que vai tecendo esta globalización da indiferenza para levarnos ao seu terreo, que non é máis que o do deserto e a soidade.
Indiferenza foi tamén o que atoparon María e Xosé. Non había sitio para eles na pousada. Estaban lonxe da súa casa, eran estranxeiros; e de certo cando chegou a plenitude dos tempos enviou Deus ao seu Fillo ao mundo... e a indiferenza fixo que tivera que nacer nunha corte. Unha manxadoira. Velaí a clave que nos permite descubrir, hoxe coma onte, a Deus que vén a nós na febleza dun Neno. Desde aquela noite santa en Belén, xa nada nos pode resultar indiferente. Agora sabemos que podemos atopar a Deus en calquera persoa indefensa e débil que precisa da nosa acollida. Pode estar nas bágoas dun neno ou na soidade dunha persoa anciá. No rostro dos irmáns e das irmás podemos descubrir a presenza dese Deus que quixo encarnarse no humano. O noso Deus non é alguén desencarnado, lonxado e inaccesible, senón que é un Deus encarnado, próximo e cercano. Un Deus a quen podemos tocar dalgún xeito sempre que tocamos o humano, que nunca nos pode ser indiferente. 
E isto só pode ser captado pola xente sinxela, como María, coma os pastores. Hai verdades que só o pobo é quen de intuír; alegrías que só as persoas pobres poden disfrutar. Así é o nacemento do Salvador en Belén: non é algo para ricos, sabios e cultos...é unha alegría para todo o pobo. Son uns pobres pastores, considerados na sociedade xudía xente pouco estimada, pouco honrados, marxinados por impuros os primeiros destinatarios da Boa Noticia e as súas primeiras testemuñas. É esta unha liña clara de Lucas, o evanxelista da tenrura e da misericordia de Deus, especialmente sensible a dar protagonismo ás persoas marxinadas: pobres, mulleres, nenos, enfermos... É tamén un desafío sobre o noso modo de buscar e atopar a Boa Nova do Evanxeo que nos interpela, se cadra este ano máis ca nunca, no xubileu da misericordia. María garda todo e medítao no seu corazón, porque o central é o que pasa dentro do noso corazón, iso é o que temos que transmitir e anunciar. 
E que pasa dentro do noso corazón? Pois a revolución da tenrura que temos que poñer en marcha para facer fronte á globalización da indiferenza. O Señor pon diante de nós 366 días para enchelos con 366 razóns polas que podemos dicir, sen medo e con forza: STOP Á INDIFERENZA!!!!!!!.
FRATERNIDADE ORANTE
Na festa de Santa María, e neste comezo de ano que nos volve falar outra vez de paz, sentímonos fondamente achegados uns aos outros para dicirlle a Deus:
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Por unha Igrexa misericordiosa, viva, aberta, solidaria e pacífica, que cambie a indiferenza coa que castiga a moitas persoas pola tenrura, que constitúe un mellor método de achegamento e cuestionamento, OREMOS. 
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Por unhas comunidades cristiás que asentadas sobre a forza da paz e o camiño da misericordia, saiban ser testemuñas de encontro, perdón e tolerancia no medio dunha sociedade indiferente a Deus e ás persoas, OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Por nós, para que cambiemos o cruel látigo da indiferenza co que moitas veces castigamos aos demais polas flores da misericordia para dar así comezo á revolución da tenrura, OREMOS.
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Por todas aquelas persoas que comezan o ano sen motivos para a esperanza: @s parad@s, as mulleres maltratadas, @s enferm@s, @s nen@s explotad@s, @s vell@s que están solos... para que nunca nos sexan indiferentes, pois o noso compromiso cristián pasa por sermos mensaxeir@s da esperanza para eles e elas, OREMOS. 
BENDITO O QUE VÉN NO NOME DO SEÑOR
Señor, escoita as oracións que che vimos de presentar e todas aquelas que levamos dentro do noso corazón. Bendice as nosas vidas, e as daqueles que queremos ao longo deste ano que hoxe comezamos. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
A Xesús presentámoslle os nosos desexos para o ano que empeza.
Que haxa pan e paz nas nosas casas.
Que vaia adiante a unión que nos libera.
Que solezan os pobres desta terra.
Que a terra sexa fiel a tantas suores.
Que o mar cos mariñeiros se volva doce.
Que teñamos razóns para vivir cada amencer.
Que non morra a esperanza nas horas negras.
Que vexamos en cada noite a nosa estrela.
Que medren os amigos ás nosas portas.
Que a confianza abonde no noso trato.
Que morra a falsidade; pero que non morran os soños dos soñadores.
Que non se apague a vela dos que alumean.
Que non cansen da loita os loitadores.
Que aproveitemos o don de cada día.
Que fagamos render os bens xa recibidos.
Que veña a túa man, Xesús, e nos bendiga. Amén.
REGAL, M. “Un caxato...” (Pax. 250-1)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...