Ir al contenido principal

Nadal 2015

Ofrecendo sempre misericordia, chega o mensaxeiro traendo a boa nova farturenta que se fai palabra viva e acolledora para quedar entre nós


Descarga o ficheiro PDF

SINAL DO NADAL
1- Ao comezo da celebración imos ata o nacemento e colocamos a figura do Neno. Onde non haxa nacemento, pódese colocar no berce que adoita estar diante do altar a figura do Neno, e que logo se dará a bicar no remate da celebración. O que queremos significar é que o berce, antes baleiro, convértese agora en berce no que tod@s somos acolid@s, por riba de raza, xénero, relixión ou cultura. Porque confesar a fe é facer do noso actuar imaxe do Evanxeo.
2- Tamén se pode colocar, logo de mostralo a tod@s, no portal o texto coas obras de misericordia, para poñer de manifesto que o Deus Neno que chega, faino sendo testemuña da misericordia da que nos invita a dar testemuño.
CANTO AGRADECIDO
§  Panxoliñas
ESCOITA ACTIVA
É Nadal. Si, Deus nace en rúas e fogares, en actitudes e comportamentos, en sorrisos e alentos. Deus nace, e esta é a gran afirmación que nos axuda a entender o que hoxe celebramos en tódalas comunidades cristiás do mundo. Nace para quedar e acompañar; nace para denunciar as inxustizas e os abusos; nace para non calar diante da mentira dos que nos queren facer crer que todo vai ben e é moi bonito; nace para os resentidos, para os que perderon a esperanza, para os que foron desprazados, para os que... Si, nace para que non nos deixemos levar da tristura do corazón e da incapacidade para levantarnos logo dunha caída, un fracaso ou un desengano. Nace para nós e con nós. Nace para dicirnos que hai esperanza, que o futuro depende de nós, que detrás de cada persoa hai unha historia, unha vida; tamén moitas veces un berro que nos di: estou aquí, préstame a túa atención e algo do teu tempo. Nadal é nacer, e El lémbranos hoxe que naceremos cantas veces esteamos dispostos a volver a empezar e a non deixarnos levar do derrotismo. Máis alá dos focos das televisións segue habendo persoas que necesitan que sexamos as súas parteiras e lles axudemos para que o seu nacemento sexa de paz, xustiza e solidariedade. Que mellor que experimentalo desde o xa desta celebración que agora comezamos.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
Ø  Porque pasamos de ser construtores de xustiza e e paz; SEÑOR, GRAZAS POR CURAR AS NOSAS FERIDAS.
Ø  Porque desprezamos ao irmán e crémonos mellores; CRISTO, GRAZAS POR CURAR AS NOSAS FERIDAS.
Ø  Porque ignoramos que o amor só se fai rostro na misericordia vivida co irmán necesitado de ser perdoado; SEÑOR, GRAZAS POR CURAR AS NOSAS FERIDAS.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
o   Cantas veces non temos manifestado a fermosura do mundo no que vivimos! Cantas veces non temos quedado admirados ao ver unha paisaxe, ou ao contemplar unha foto ou as imaxes dunha película onde se nos mostra a fermosura de canto nos rodea! Pero tamén cantas veces temos sentido tristura ao contemplar a destrución desta mesma paisaxe por mor da acción predadora dos seres humanos. Somos sinal de contradición: tanto podemos facer cousas grandes e ao servizo e a dispor de tod@s, como tamén poñer a nosa intelixencia ao servizo da destrución da nosa casa común. Xa nolo lembraba Francisco na súa encíclica ”Laudato si”: se non termamos do que é de tod@s, que mundo lle imos deixar aos que veñen tras de nós? Para invitarnos a non esquecer que Deus nos ofrece esta casa para vivir nela do xeito máis humano e feliz posible, faise un de nós. Asume a nosa condición humana, pon os pés na terra para, como dicía Isaías, “anunciar fartura e proclamar felicidade” sen excluír a ninguén, e promovendo sempre compromisos de acollida e integración. E fronte a comportamentos que só buscan e pensan no individual, no propio, El ofrécenos a salvación sen rebaixas nin pactos, senón de xeito universal. Para iso nace, por iso está aquí e con nós quere contar. Celebremos esta Boa Nova coa ilusión de quen espera que a súa chegada nos axude a abrir ben os ollos e mirar máis alá de nós mesmos. Mensaxe e mensaxeiro xa chegaron, están aquí. Agora necesitan que este fermoso agasallo o abramos e coidemos, coma tesouro que é, para que non o estraguemos nin nos aburramos del. É que temos tantas cousas, que xa non sabemos separar o importante, o fundamental, do accesorio!
o   Desde sempre, e sen cansar, insiste unha e outra vez para agasallarnos coa súa presenza. Tamén desde sempre, e cansando moito, temos confundido, manipulado e esquecido a súa mensaxe. Nun neno que morre na praia, nunha muller que sofre violencia, nun moz@ que se sente acosado, nun pobo que é humillado e sometido, nun vello que non é atendido con cariño e tenrura, nun desprazado ao que se lle impide buscar e loitar unha vida mellor e máis digna, nun ... Destes e moitos máis xeitos nos vai falando este Deus que hoxe, de novo, peta na porta da nosa casa para que lle abramos. Ímonos limitar a non facer barullo desde dentro e axexar pola “miriña” por non ter a valentía de abrirlle e dicirlle: pasa, aquí sempre es ben acollido?
o   Porque El, como nos dicía Xoán no Evanxeo, o que quere está ben claro: acampar entre nós, ser acollido, quedar a nosa beira. Fagámoslle, logo, oco para que non se senta nin desprezado nin utilizado segundo os intereses dos que mandan e o manexan todo. Sabendo facer unha lectura crente e actual deste nacemento, nin as figuras serán bonecos nin a falsa ilusión das luces de cores e as felicidades retóricas, acamparán no noso corazón.
FRATERNIDADE ORANTE
Celebramos que Deus vén para quedar, e digamos xunt@s:
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
       Para que sexamos Igrexa de misericordia onde se acolla, se visite a quen está enfermo, se acompañe a quen está solo e non se cale diante de quen é maltratado, OREMOS.
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
       Para que non deixemos que o sentido cristián da vida esmoreza nas nosas parroquias, familias e relacións de uns para cos outros, OREMOS.
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
       Para que poidamos dicir con sinceridade nin vergoña: é Nadal! Deus nace hoxe en min para renovar o meu compromiso de ser, cada día do ano, mellor persoa, veciño, pa/nai,fillo/filla, compañeiro/ra... sabendo perdoar, escoitar e axudar, OREMOS.
QUÉDATE NA NOSA CASA, SEÑOR
Señor, hoxe naces no mundo para lembrarnos que, se queremos, é posible seguir sementando entendemento e colaboración por riba do enfrontamento e os intereses mesquiños e egoístas. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Nadal é Deus connosco, feito un de nós.
Nadal somos nós con Deus, cercanos a El e feitos rostros humanos de Deus.
Cando nós queremos ver o noso rostro necesitamos un espello.
Cando Deus quere ver o seu rostro, só necesita mirar ao seu fillo encarnado e feito un coma nós.
A palabra viu a nós para facerse dos nosos.
Por iso Nadal é comuñón e comunicación.
É festa de encontro e acollida,
é festa para dicir nós e abandonar o eu.
Festa para dicirnos papá e mamá,
festa para recibir e conceder o perdón.
Festa de luz e vida,
festa de amor e misericordia.
Nadal, nacer, renovar e vivir.
Grazas, Señor, por quedar con nós.
(Sobre unha idea do libro de Caritas, Advento e Nadal)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...