Ir al contenido principal

4 Advento 2015

-->
Deus móstrasenos, non se agocha. A pesares das dificultades e problemas; por moito que nos veña a tentación de darlle as costas, El segue a confiar en nós para ofrecernos a súa misericordia.
SINAL DE ADVENTO: Colocamos no taboleiro a derradeira silueta: os avós e as avoas. Con ela completamos o cadro que ao longo do tempo de Advento invitounos a reflexionar sobre a realidade das nosas familias; para que fosemos descubrindo que a familia ha ser o centro desde o que comecemos a aprender a vivir a misericordia que nos ofrece o Deus Neno que chega e chama, para quedar nas nosas casas.

CANTO GOZOSO
  • ENTRADA: Volve Señor (Nº 90) 
  • LECTURAS: Señor Xesús, bendito sexas (Nº 52) 
  • OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
  • COMUÑÓN: Vén axiña visitarnos (Nº 86)
ESCOITA ACTIVA
Chega a paz. Non ten outro nome. Non quere ser Deus de guerra, violencia, enfrontamento ou poder. El é a paz. A paz que camiña na xustiza, a paz que trae igualdade, a paz que acolle e non diferenza. Sendo tan clara a súa mensaxe, por que nos empeñamos en enturbala e enchela de sombras coas que poñemos por diante os nosos intereses no canto do seu proxecto de igualdade, dignidade e misericordia?
Deixemos que El remova os nosos corazóns para que latexen na acollida e escoita. E que a nosa celebración nos axude a saír dela cheos da forza que non recúa ante as dificultades nin se deixa levar polo que todos fan. Abramos camiños novos que mostren o rostro misericordioso de Deus!

CORAZÓN MISERICORDIOSO 
  • Porque deixamos que a tentación da desgana nos venza; SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS O NOSO EGOÍSMO. 
  • Porque investimos moito tempo no superficial e desaproveitamos o necesario; CRISTO, QUE DEIXEMOS ATRÁS O NOSO EGOÍSMO. 
  • Porque nos pode a comodidade e afastámonos do que nos esixe esforzo; SEÑOR, QUE DEIXEMOS ATRÁS O NOSO EGOÍSMO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
Cantamos moitas veces nas celebracións que o “ pouco con Deus é moito”. E algo así é o que tamén nos vén dicir a lectura do profeta Miqueas que acabamos de escoitar.Se contemplamos o mundo e o xeito de actuar de tantas persoas nel, esta é unha palabra que vai contracorrente. Poderiamos preguntarnos, no caso que só miraramos as cousas do lado dos triunfadores e dos que teñen poder: como Deus se vai facer presente nos perdedores, nos esquecidos, nos que nada teñen, nos que non se espera nada deles, nos... porque unha e outra vez nos teñen ensinado, e vémolo tamén nos medios de comunicación, que a felicidade e o éxito son dos triunfadores, dos que teñen moito, dos que queren sempre máis, dos que non dubidan a recorrer a calquera medio para consegui-lo que queren... Pois mira pon onde, diante desta maneira de ver e facer as cousas, Deus mándanos unha mensaxe diferente: do lugar máis pequeno e escondido, da familia onde non hai triunfo nin éxito, senón traballo e esforzo cotián, de alí é de onde vai xurdir o novo, a esperanza, o que aleda, o que nos fai ser e vivir o máis humanamente posible. De aí, do non éxito e da xenerosidade feita misericordia, vai nacer aquel que nos vén traer algo tan sinxelo, pero tan difícil de entender para quen as claves son outras, como é a salvación. É dicir: a mirada amiga, a calor da amizade, a solidariedade que brota do corazón, o sorriso que se ofrece para compartir... o sentido da vida en esperanza. Por iso ten forza e sentido para nós, os cristiáns, cantar, rezar e crer que o pouco, con El, sempre será moito; namentres telo todo non asegura nin a felicidade nin a alegría que só pode saír do corazón.
E este Deus que se nos mostra, que non se esconde, nin lle volve a cara aos problemas que imos tendo é o Deus no nome de quen nos reunimos para sentir a súa forza e celebrar que teña respectado a nosa liberdade; que nos teña invitado a crecer na autonomía; que nos siga a dar unha e outra vez oportunidades. Este é o Deus que se aleda cando nos esforzamos por vivir nun ambiente familiar onde, inda que non haxa luxo nin riqueza, hai amor, respecto, escoita e capacidade de ofrecerse como man para camiñar cara adiante e corazón incapaz de ignorar que só compartindo e axudándonos podemos e seremos capaces de entender que non é no xeito de facer as cousas, esquecendo ás persoas e poñendo no centro as ganancias; tal e como fan os que só entenden as relacións como poder e dominio, senón na xenerosidade, na gratuidade de quen comparte ou na reivindicación xusta e solidaria que se une nunha soa voz para denunciar todo atropelo das persoas, e promove a escoita activa e transformadora de actitudes e comportamentos que non se deixan vencer polo medo, senón que afrontan as dificultades e os retos, desde a loita de tod@s. Só así poderemos acadar outro mundo posible, distinto. Para iso necesitamos converternos neste tempo de Advento; pois Xesús non é unha figura tenra nun nacemento, senón a presenza que denuncia  todo sometemento e abuso. Aí ha estar sempre a nosa voz.
Por iso e para iso segue a visitarnos, non só por Nadal, senón sempre. E se estamos dispostos a facerlle oco seremos tamén ditosos e benditos, como o foron María e Sabela. Elas, mulleres nun mundo de homes, superaron prexuízos: unha xa era moi maior para ter fillos, e a outra ía ter un fillo sen vivir aínda co seu home. Pero non tiveron medo nin se deixaron levar das presións sociais e externas. Este é o reto hoxe para cantos queremos ser e vivir en familia: romper os estereotipos que moitas veces nos presentan dicindo que todo ten data de caducidade, tamén as familias, e afrontemos o reto de mostrar que desde a confianza no Deus que chega, e ao que estamos dispostos a abrirlle a porta e invitalo a pasar. Ás dificultades, que serán e virán, seremos capaces de facerlle fronte. E diante do medo ao que dirán, comezará a agromar o amor, por riba dos papeis e do que sempre se fixo, para mostrar que cando Deus está polo medio, os problemas non desaparecen, pero a esperanza alenta a que é posible loitar por superalos.
FRATERNIDADE ORANTE
Como Sabela e María, tamén nós queremos seguir poñendo a confianza en Deus,e por iso xunt@s dicimos:
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA
v Para que Igrexa, seguindo o guieiro de Xesús, e acollendo a invitación do papa Francisco de crecer en misericordia, practique o perdón e venza os seus prexuízos de querer xulgar sempre todo a tod@s, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA
v Para que nas parroquias esteamos dispostos a poñer en práctica o que lle pedimos ao papa, bispos e curas, e sexamos comunidades xenerosas, solidarias e misericordiosas, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA
v Para que nós nos deixemos enchoupar do espírito de misericordia que cambia os nosos corazóns e esíxenos poñer en práctica a compaixón desde o saber estar ao lado dos que vemos e sabemos máis necesitados, OREMOS.
SEÑOR, QUE OS PREXUÍZOS NON MATEN A NOSA ESPERANZA
Grazas, Señor, por invitarnos a vivir na misericordia e con misericordia, facendo o esforzo por superar prexuízos e achegar esperanza. P.X.N.S. Amén.
MIRADA ESPERANZADA
Deus comeza sempre polo corazón...
Pero acaba baixando aos pés.
Mellor dito: Deus ponlle pés ao corazón...
María recibiu do anxo a nova de que a súa curmá, xa moi maior, ía ter un fillo.
Non fixo falta máis: púxose en camiño e alá foi.
O amor descobre as necesidades dos demais.
O amor non necesita que ninguén lle pida favores.
O amor non necesita que alguén lle pida axuda.
María non esperou a chamada de Sabela. Foi.
Porque o amor non espera.
Onde está a mirada, o amor pasa do corazón aos pés.
E o amor pon en camiño ao corazón.
O corazón pon présa nos pés.
Amor, corazón e pés fanse servizo para os demais.
Que, do mesmo xeito que fixo María,
saibamos ir sen que nos chamen,
abrir sen que peten
e acompañar sen que nolo digan.
                                       (Parafraseando o texto da p.74 do libro de Caritas)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

Santos 2025

  BENAVENTURADAS AS XENTES DE BEN QUE, AO ESTILO DE XESÚS, PASARON SEMENTANDO XENEROSIDADE Canto para agradecer Ø    Entrada.-  Benaventurados Ø    Lecturas.-  Podo do divino e do humano Ø    Ofertorio.-  Na nosa terra Ø    Comuñón.-  No colo da miña nai Ollos para ver          Hoxe é a festa de tódolos Santos, a festa do agradecemento a tantas persoas de ben que foron deixando no medio de nós pegadas de solidariedade xenerosa e entregada. Falamos daquelas persoas, moitas delas témolas coñecido, que nos deixaron esa sementiña de esperanza en momentos nos que a vida se volvía dura e difícil.          Homes e mulleres que foron construíndo a súa santidade desde a sinxeleza e a humildade de facer canto o corazón lle pedía para construír un mundo mellor. Homes e mulleres aos que Francisco lles chamaba os santos da porta do lado, porque a ...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...