Ir al contenido principal

2 Pascua 2016 C


A COMUNIDADE, LUGAR DE ENCONTRO
Descarga o ficheiro

CANTO GOZOSO
·      ENTRADA: Vinde axiña (Nº 10)
·      ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 124)
·      LECTURAS: Xesús é Señor (Nº 16)
·      OFERTORIO: Na nosa terra (Nº 36)
·      COMUÑÓN: Pan do Ceo (Nº 53)
ESCOITA ACTIVA
Xa podemos esquecernos de pensar so en nós: na nosa fe, na nosa oración, na nosa misa, no noso domingo, no... “meu”. A Pascua que estamos celebrando invítanos a mirar en común, a expresar a nosa fe en comunidade, xa que é nesta onde se aparece o Señor Resucitado, na reunión orante dos discípulos.
E aparéceselle o primeiro día da semana, o domingo, como día por excelencia, como actualización da resurrección.
Que esta celebración nos faga ser conscientes de que só en comunidade poderemos experimentar a resurrección e a vida nova de Xesús.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
(Aspersión)
·      Porque somos moi dados a meter o dedo nas chagas dos irmáns e das irmás para causarlles máis dor, SEÑOR, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
·      Porque usamos pouco o ungüento da misericordia; CRISTO, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
·      Porque moitas veces as nosas pegadas son de indiferenza e incredulidade cara todo e cara tod@s; SEÑOR, LÁVANOS DO NOSO MEDO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
·      Neste día sería bo que nos preguntásemos se somos capaces de sorprendernos, se na nosa vida deixamos un sitio para a sorpresa, para romper a monotonía que moitas veces nos vence. Somos tan previsores, temos todo tan medido que non temos sitio para a novidade. É verdade que na vida cómpre planificar, barallar distintas posibilidades, sopesar os pros e os contras antes de actuar; pero non é menos certo que moitas veces hai que axustar plans, saírmonos do guion establecido ou repensar as nosas opcións, porque a situación cambiou. A resurrección invítanos a romper o medo diante do descoñecido, a deixarnos sorprender polas persoas, polo moito que nos poden aportar individual e comunitariamente. Acaso a resurrección de Xesús no foi unha novidade?, non foi un feito que cambiou as vidas dos apóstolos? Aínda que iso non quere dicir que non lles custase entendelo. Temos o exemplo de Tomé que ten que “ver” para crer, ten que palpar para darse conta de que é Xesús. Acaso o exemplo do apóstolo Tomé non é o noso moitas veces? Necesitamos a forza do Resucitado, unha forza que atopamos na súa palabra feita vida, no se corpo feito alimento e na comunidade reunida que é expresión unánime da nosa fe.

·      Ao longo desta cincuentena pascual, a primeira lectura, tomada do libro dos Feitos dos Apóstolos quere ser para nós e para as comunidades das que formamos parte, un espello no que mirarnos para seguir este camiño novo que comezamos hai hoxe unha semana. Estamos, pois, chamad@s a volver ás actitudes dos primeiros cristiáns: esperanza, alegría, confianza, perda de medo..... testemuñando deste xeito que é posible vivir a ledicia da resurrección na nosa vida; sabendo que é un camiño ás veces difícil. O mundo de hoxe; ese que tantas veces criticamos e queremos superar, volve as costas á Igrexa. Laiámonos de que somos poucos, maiores, sen ánimo e sen alento. Veña, vamos...que a Pascua resucite a nosa esperanza!.

·      Hai que erguer, no medio do mundo signos cribles da presenza de Deus, do amor entrañable de Xesús por toda a xente, comezando polos descartados. Ese é o signo que se está a pedir: compartir a vida, o que somos, o que sentimos, o que valemos e o que queremos. Esta é a forza dunha comunidade que quere renacer da fonte do bautismo. Si os demais, aqueles nos que nos di Xesús que temos que aprender a descubrir, ver, recoñecer, non significan nada para nós; se pasamos ao seu lado e somos incapaces de achegarnos e dicirlle como estás, que che pasa, por que choras... é que o noso corazón segue a ser de pedra e a Pascua aínda non chegou a nós. Felices os que sen veren, traballan, arriscan, loitan e se esforzan por facer familias, parroquias, barrios, países, mundo onde se busque o que une e non o que enfronta; se busque o amar e non dogmatizar; se busque propor e non impor. Benia aos que cren sen ver!.
RENOVACIÓN PROMESAS BAUTISMAIS
(Propoñemos facer a renovación das promesas bautismais durante todos os domingos da Pascua. A poder ser, farémola desde a fonte bautismal)
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
·      Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
·      Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
·      Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
·      Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
·      Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
·      Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.

Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós alento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
FRATERNIDADE ORANTE
Señor, estamos a vivir a ledicia da Pascua. O teu Fillo resucitou, e iso enche de sentido a nosa vida. Por iso, agradecidos e confiados, dicímosche:
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
·      Pola Igrexa, que vive a novidade da Pascua. Para que sexa unha fonte de graza e de frescura, que disipe dúbidas, infunda confianza nas persoas e alente na entrega xenerosa a todas as persoas, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
·      Polas nosas comunidades, para que o tempo de Pascua sexa de verdade un camiño novo no que sexamos quen de pechar vellas feridas, de esquecer antigas xenreiras e desencontros, de desinstalarnos dun pasado que foi pero xa non é, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
·      Por todos nós, para que este tempo de graza, de renovación, de acollida, de ledicia sexa pulo para dar razón da nosa esperanza alí onde estamos, OREMOS.
FELICES NÓS QUE CREMOS SEN VER!
Grazas Pai porque segues a confiar en nós, porque segues a facerte presente na nosa vida para alentala e darlle forzas. Grazas porque día a día fasnos presente ao teu Fillo no medio de nós. Por El noso Señor e amigo. Amén
MIRADA ESPERANZADA
Porque Cristo resucitou, cremos na vida para sempre.
Porque Cristo resucitou, non cremos na morte, en ningunha morte, para quen queira vivir.
Porque Cristo resucitou, cremos que as persoas somos un proceso ilimitado e que podemos conseguir aquilo que nos propomos.
Porque Cristo resucitou, cremos Nel.
Porque Cristo resucitou, a forza do presente é o futuro.
Porque Cristo resucitou, o mundo está en marcha e non o deterán nin as conquistas logradas nin os intereses dos vencedores.
Porque Cristo resucitou, hai que construír unha cidade sen clases, na que as persoas sexan compañeiras e irmás.
Porque Cristo resucitou, hai un amor e unha casa para todas as persoas.
Porque Cristo resucitou, cremos nunha terra nova.
E porque cremos e esperamos, non temos nada que conservar;
e afirmamos que o mellor xeito de conseguilo todo é perdelo todo por unha soa cousa: o Reino de Deus.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...