Ir al contenido principal

Xoves Santo

ESQUEMA

1) CANTO DE ENTRADA
2) ESCOITA ACTIVA
3) CORAZÓN MISERICORDIOSO
4) GLORIA
5) ORACIÓN COLECTA
6) PROCLAMACIÓN DA PALABRA
1ª Lectura: Ex 12,1-8.11-14
2ª Lectura: 1 Co 11,23.26.
Evanxeo: Xn 13,1-15

7) PALABRA ENRAIZADA
8) CREDO
9) FRATERNIDADE ORANTE
10) OFERTORIO
11) NOSO PAI
12) PAZ
13) COMUÑÓN
14) A LEDICIA DO DÍA QUE CAE
15) TRASLADO AO MONUMENTO
16) ALTARES: RETÍRANSE OS MANTEIS 
XOVES SANTO: 
PEGADAS DE AMOR NO SERVIZO SOLIDARIO

CANTO GOZOSO

ENTRADA: O amor é o meirande (Nº 119)
GLORIA (Nº 14)
LECTURAS: Douvos un mandato novo (Nº 18)/Xesús é Señor (Nº16)
OFERTORIO: Pan do ceo, pan de vida (Nº 53)
SANTO (Nº 39)
PAZ (Nº 46)
COMUÑÓN: Ti es o Pan do ceo (Nº 54)
ADORACIÓN SANTÍSIMO: Salve, Santo Sacramento (Nº 117)

ESCOITA ACTIVA

Nesta tarde, a mesa, o pan e os xestos de solidariedade son os que nos invitan a participar da celebración. Pan que poñemos sobre o altar como puxo Xesús na Derradeira Cea: tomade e comede, díxolles a eles, e tamén nos di a nós. Pan que nos fai pensar que no mundo segue a haber persoas necesitadas do pan que alimenta os estómagos, pero tamén do pan que alimenta as soidades, as enfermidades ou a tristura.
Facémolo desde o servizo do tempo compartido e da amizade celebrada como comunidade que se reúne no nome de Xesús. Fagamos da celebración mesa de perdón e misericordia, mesa de conversa e de tempo acompañado, mesa de xenerosidade e fraternidade, unidos a todas as persoas necesitadas do pan que pon alegría nos seus ollos e calor nos seus corazóns.


CORAZÓN MISERICORDIOSO

Por non ter sido pan de perdón para os que nolo pediron, SEÑOR, ALÉNTANOS NUN ACTUAR FRATERNO.
Por non ter sido capaces de ofrecer o noso tempo a quen estaba solo e triste, CRISTO, ALÉNTANOS NUN ACTUAR FRATERNO.
Por non saber escoitar a quen nos pedía axuda, SEÑOR, ALÉNTANOS NUN ACTUAR FRATERNO.

GLORIA
(Cantado (Nº 14))

LECTURAS

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO

O Señor díxolles en Exipto a Moisés e a Aharón: 
- "Teredes este mes polo primeiro dos meses, o mes principal de todo o ano. Dicídelle a toda a comunidade de Israel: No día dez deste mes que cada un busque un año por familia e por casa. Se a familia é moi pequena para comer o año enteiro, que se xunte co veciño máis próximo á súa casa, botando conta das persoas. O año será estimado conforme ao que cada un poida comer. O año será sen defecto, macho e dun ano. Pode ser o mesmo un año coma un cabrito. Gardarédelo ata o catorce deste mes e, entre lusco e fusco dese día, inmolarao a comunidade toda de Israel en asemblea. Colleredes o sangue e mollaredes con el as xambas e o lintel das casas nas que se vai comer. Comerdes a carne esa noite, asada no lume, con pan sen levedar e con verduras amargas. 
Comerédelo deste xeito: a cintura cinguida, as sandalias nos pés, o caxato na man. Comerédelo ás presas, pois é a Pascua do Señor. 
Esa noite pasarei eu por todo o Exipto e ferirei de morte todos os primoxénitos, desde os dos homes ata os do gando. Farei cumprida xustiza con todos os deuses de Exipto. Eu, o Señor. O sangue será o sinal das casas onde vós habitades. En vendo o sangue, pasarei sen me deter, e así, cando eu fira a Exipto, non vos tocará a vós a praga exterminadora. 


Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ó Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións. 

PALABRA DO SEÑOR

CANTO: Douvos un mandato novo (nº 18)

PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PRIMEIRA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO AOS CORINTIOS
Irmáns e irmás: 
Eu recibín do Señor, e transmitinvos tamén a vós, que o Señor Xesús, na noite en que o entregaron, colleu pan e, despois de dar grazas, partiuno e dixo: "Isto é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña". Do mesmo xeito, despois de cear, tomou a copa dicindo: "Esta copa é a Nova Alianza, no meu sangue; cada vez que a bebades, facédeo en lembranza miña". 
Polo tanto, cada vez que comedes este pan e bebedes esta copa, anunciades a morte do Señor, ata que El volte. 

PALABRA DO SEÑOR
CANTO: Xesús é Señor (Nº 16)


PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO XOÁN

Antes da festa da Pascua, sabía Xesús que lle chegara a hora de pasar deste mundo para onda o Pai; e xa que amara ós seus que estaban no mundo, amounos ata a fin. 
E mentres ceaban -xa o Satán lle movera o corazón a Xudas, o de Simón Iscariote, para que o entregase-, sabendo que o Pai lle puxera todo nas mans, e que saíra de Deus e ía onda Deus, ergueuse da mesa e deixou a túnica; e collendo unha toalla, cinguiuse con ela. Despois, botou auga nunha palangana e comezou a lavarlles os pés ós discípulos e a secárllelos coa toalla que levaba cinguida. Pero, cando chegou onda Simón Pedro, este díxolle: 
- Señor, ¿vasme lavar os pés ti a min? 
Xesús respondeulle: 
- O que eu fago, ti non o entendes agora; halo comprender despois. 
Pedro replicoulle: 
- Ti non me lavarás os pés a min endexamais. 
Xesús respondeulle: 
- Se non te lavo, non terás parte comigo. 
Exclamou Simón Pedro: 
- Señor, daquela os pés, as mans e maila cabeza. 
Dille Xesús: 
- Quen se bañou, non precisa máis que lavar os pés, pois está todo limpo; e vós estades limpos, aínda que non todos. 
Sabía quen o había de entregar: por iso dixo "non todos estades limpos". 
Despois que Xesús lles lavou os pés e vestiu a súa túnica, sentou outra vez e preguntoulles: 
-¿Comprendedes o que fixen convosco?. Vós chamádesme "Mestre" e "Señor" e dicides ben porque o son. Logo, se eu, o Señor e o Mestre, vos lavei os pés, tamén vós debedes lavarvos os pés uns a outros. Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós. 

PALABRA DO SEÑOR


PALABRA ENRAIZADA

Xoves santo é xoves de despedida e amor; de promesa e alimento repartido para compartir; de dispoñibilidade para atoparnos e agradecer que Deus quixera quedar entre nós na sinxeleza dun pan amasado en fariña e auga, pero coa fondura do cariño posto a disposición de quen se sente apartado e excluído.
Xoves santo é tamén lembranza fronte a tentación do esquecemento: facede isto en memoria de min. É dicir: non vos esquezades nin lle deades as costas ás persoas que o mundo considera perdedoras e imposibilitadas de facer nada con elas. Dádelles outra, outras, todas as oportunidades. Ninguén sobra. Todos somos importantes, inda que moitas veces non o pareza ou xa teñamos o pensamento feito na negatividade. E sendo todos importantes, ninguén é imprescindible, por iso debemos dar grazas hoxe a Deus porque nos iguala, impedíndonos caer na tentación de crernos mellores ou superiores. O Deus do amor fainos iguais ao situarnos a todos no mesmo nivel: somos irmáns. Xoves Santo é día de relembralo, non esquecelo para poñelo en práctica cada vez que abrimos os ollos a un novo día.
Pero Xoves Santo é tamén misterio que nos reúne ao redor dunha experiencia: Deus queda entre nós para que non vivamos illados, para que non nos sintamos solos, para que descubramos a forza, o sentido e a axuda de ser comunidade. Non camiñamos solos, hai moita xente, dunha punta a outra do mundo, que vive esta mesma experiencia de Deus, que se sente alegre por vivir a mensaxe de Xesús, que se sabe agarimada na tenrura de Deus. Como comunidade rezamos, pedimos e agradecemos xuntos desde o servizo aos demais. O amor que El deixou, é ese mesmo amor que nos invita a poñer en práctica cada día cos demais a través de actitudes de servizo, colaboración e busca de canto fai ás persoas sentirse queridas e acollidas.
Xoves Santo é, entón, momento de saír de nós, erguer a mirada e descubrir que o pouco con Deus é moito, é dicir, na axuda, na preocupación por quen o está a pasar mal, na cercanía cara ao necesitado, no mirar máis alá de nós, estamos descubrindo o rostro de Xesús nos rostros doloridos e excluídos de todas as persoas ás que a sociedade, e nela estamos nós, foi/mos deixando de lado. Cáritas non é unha organización con logotipo de corazóns, senón a Igrexa que se achega aos sobrantes dun mundo que pensa que por ir máis rápido, sen mirar para os lados, é máis feliz e xusto. Pénsao, pero a realidade móstranos que non é así, por iso, seguimos necesitando moitos Xoves Santo que nos axuden a camiñar no realismo, e non no idealismo do que nos gustaría, pero non está sendo. 

FRATERNIDADE ORANTE

Ergamos a vista, fitémola nos rostros que cada día vemos ao noso redor, e fagamos o esforzo de non esquecer a ninguén. Dispostos a camiñar nesta pedagoxía de Deus que non exclúe, senón que busca achegar, dicimos:

QUE A MEMORIA NOS AXUDE A VER A REALIDADE NECESITADA DE AMOR

1. Porque nos chamas a ser unha igrexa misericordiosa, acolledora e solidaria, OREMOS.

QUE A MEMORIA NOS AXUDE A VER A REALIDADE NECESITADA DE AMOR

2. Porque nos vas deixando pegadas que engrandecen o noso corazón e nos dispoñen a saír de nós mesmos para achegarnos aos máis necesitados, OREMOS

QUE A MEMORIA NOS AXUDE A VER A REALIDADE NECESITADA DE AMOR

3. Porque a túa paciencia quere ser para nós actitude que poñamos en práctica cando nos achegamos a escoitar a quen necesita falar; a quen busca un pouco de compañía porque está só; a quen se sente decepcionado polos enganos e mentiras dos que cría a súa axuda, os seus amigos, OREMOS.

QUE A MEMORIA NOS AXUDE A VER A REALIDADE NECESITADA DE AMOR

4. Porque o teu pan quere ser alimento que nos entusiasme e ilusione por compartir unha fe que non se queda no rito, senón que se achega ás persoas, OREMOS.

QUE A MEMORIA NOS AXUDE A VER A REALIDADE NECESITADA DE AMOR

5. Porque nesta tarde nos invitas a rezar polos sacerdotes, para que sexan servidores e non cumpridores de normas nin impoñedores de cargas faltas de misericordia; e polos voluntari@s que traballan na solidariedade gratuíta, ofrecendo o mellor do seu tempo e o sorriso aos esquecidos do noso mundo rico e poderoso, OREMOS.

QUE A MEMORIA NOS AXUDE A VER A REALIDADE NECESITADA DE AMOR

Grazas, Señor, por axudarnos a non perder a memoria, a través da que sempre nos lembras que as persoas están por riba dos resultados, das ganancias e das cousas. P.X.N.S.


OFERTORIO

Achegamos ao altar un bolo de pan e un cacho de uvas, que ao final da celebración poñeremos diante do lugar ao que temos trasladado o Santísimo.




ORACIÓN DIANTE DO SANTÍSIMO

O Señor está entre nós. No rostro dos irmáns magoados pola cobiza, a envexa e as ansias de dominar e mandar duns sobre os outros. El móstrase tamén na sinxeleza de quen sirve, na alegría de quen é visitado, na xustiza de quen é tratado con respecto e recoñecido como persoa; nos sorrisos do neno que pode xogar, aprender e ser querido, sen que teña medo de ser abusado, utilizado ou sometido a engano e explotación. O Señor faise presente na dor das maltratadas e no corazón de quen loita para que non sexan os maltratadores os que triúnfen na loita a favor do respecto, a igualdade e a dignidade compartida.
Grazas, Señor, porque esta tarde, volves deixar en nós pegadas de misericordia que nos axudan a entender que a fe é un compromiso de xustiza e fraternidade no traballo por recoñecerte nos rostros das persoas que sofren no noso mundo. Amén.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2025

  MENTRES HAXA PERSOAS, HAI ESPERANZA CANTO GOZOSO o     ENTRADA:  Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) o     LECTURAS:  Ti es o pan do ceo (Nº 33) o     OFERTORIO:  Quédate, Señor, connosco (Nº 63) o     COMUÑÓN:  O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe é día do Corpus Christi, festa grande. Festa da mesa preparada para compartir. Festa da mesa que acolle, reúne, escoita e acompaña. Festa da comuñón e non da soidade. Festa que nos urxe a camiñar; pero non de calquera xeito, senón polo camiño da, esperanza que, neste ano xubilar, cobra un sentido especial para as persoas cristiás, converténdose en camiño para peregrinar na súa procura, e tamén para sandar o sufrimento de tantas persoas que loitan por atopar unha saída á súa dor. O camiño da esperanza é sempre un camiño de busca. Unha busca que nos convida a ser persoas portadoras e sementadoras da bondade e da tenrura de Deus, ese Deus que h...

1 Advento 2024

Carpinteiras do berce da esperanza   CANTOS ·        ENTRADA: Volve, Señor. (Nº 90) ·        LECTURAS: Amostrame, Señor, os camiños da vida (Nº 20) ·        OFERTORIO: Velaquí Señor o viño (Nº 37) ·        COMUÑÓN: Xesús chamado amigo (Nº 89)   SINAL O sinal que utilizaremos neste tempo de Advento vai ser un berce. Berce que iremos conformando ao longo dos catro domingos, para que cando chegue o día de Nadal poidamos poñer sobre el ao Neno recén nacido.   ABRINDO O CORAZÓN             Comezamos hoxe as catro semanas de Advento previas ao tempo de Nadal. Ao longo delas invitarásenos a volver os ollos e o corazón ao Señor, de xeito que cando El chegue nos atope cos brazos abertos e toda a mellor das disposicións para que quede con e entre nós.          ...

3 Advento 2024

  CARPINTEIRAS E CARPINTEIROS DO BERCE DA XUSTIZA SINAL DE ADVENTO:  Colocamos no taboleiro a terceira parte do noso berce. CANTO GOZOSO   §      Entrada: Volve, Señor (Nº 90)  §      Lecturas: Que ledicia miña (Nº 4) §      Ofertorio: Na nosa terra (Nº 36) §      Comuñón: Ven axiña visitarnos (Nº 86)   OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN   Estamos xa no terceiro domingo do Advento. Nas semanas anteriores a Palabra de Deus invitábanos a espertar e a ir preparando o berce do noso corazón. Neste domingo, entre as palabras de ánimo do profeta Sofonías e a invitación á ledicia de Paulo, fáisenos unha nova indicación que vén responder, coma nos tempos do Bautista, á nosa pregunta de “que temos que facer?”. A indicación desta terceira semana é ben directa e clara: convértete e practica a xustiza!. Porque non nos enganemos: todas as persoas estamos necesitadas de conversión, de cambiar actitud...