ESCOITA ACTIVA
2) LITURXIA DA LUZ
BENDICIÓN DO LUME
ACENDEMOS AS VEAS
PROCESIÓN AO TEMPLO
PREGÓN PASCUAL
GLORIA
3) LITURXIA DA PALABRA
MONICIÓN
PRIMEIRA LECTURA (Xén.)
SEGUNDA LECTURA (Xén.)
TERCEIRA LECTURA (Éx.)
CUARTA LECTURA (Is.)
QUINTA LECTURA (Ez.)
SEXTA LECTURA (Rom.)
EVANXEO (Lc.)
4) LITURXIA BAUTISMAL
MONICIÓN
LADAÍÑAS
BENDICIÓN DA AUGA
RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
FRATERNIDADE ORANTE
5) LITURXIA DA EUCARISTÍA
OFERTORIO
SANTO
NOSO PAI
PAZ
COMUÑÓN
MIRADA ESPERANZADA
DESPEDIDA
6) CANTO GOZOSO
• Ao prender o lume: Lumiño de lúa clara (Nº 123)
• Na procesión cara o templo: Andarei na presenza do Señor (Nº 11)
• Lecturas
o 1º Canta o sol (Nº 22)
o 2º Aquí estou, Señor, para facer a túa vontade
o 3º Ide e pregoade (Nº 55)
o 4º Pan do ceo (Nº 53)
o 5º Danos un corazón
o 6º Canta aleluia (Nº 21
• Aspersión: A auga do Señor (Nº 124)
• Ofertorio: Eiquí están Señor (Nº 32)
• Santo: Santo es Ti Señor da vida (Nº 39)
• Noso Pai: No camiño do amor (Nº 43)
• Paz: Por riba das nosas distancias
• Comuñón: Grazas, Señor, graciñas (Nº 50)
• Canto final á Virxe: Salve, Raíña (Nº 73)
LUZ, AUGA, PALABRA E PAN PARA FACER DA MISERICORDIA COMPROMISO DE VIDA E ESPERANZA
ESCOITA ACTIVA
Escribía o Papa Francisco na súa carta Laudato si sobre a ecoloxía, que o coidado da casa común, o mundo no que vivimos é unha responsabilidade que nos atinxe a tod@s. É este un desafío urxente, diante do que temos que responder, pois nin podemos nin debemos agardar a que outros nolo manden. Coidar o que é común é unha responsabilidade da que non podemos escapar mirando para outro lado.
Nesta noite de camiño da morte á vida, da tebra á luz, da sequía ao xermolar da vida, a celebración quere que descubramos e tomemos conciencia de que tod@s estamos implicados nesta tarefa de coidar o mundo, para disfrutalo e tamén para deixarllo nas mellores condicións aos que veñen tras de nós.
Deus creador, que todo o puxo nas nosas mans, non nos abandona; ao contrario, acompáñanos e quere facer ao noso lado este camiño. Que mellor que esta noite de luz, auga, palabra e esperanza, para renovar o compromiso que desde a resurrección de Xesús, vén sendo para nós, os seus seguidores, experiencia de vida, renovación e compromiso coa casa común que compartimos.
Poñámonos en camiño para non quedar máis na tebra.
1.- Liturxia da luz
Vivir humana e solidariamente é un reto para tod@s cada día. A fe quere ser a man que nos axude no camiño por acadar ese reto, facendo da nosa vida experiencia de encontro e colaboración cos demais e co mundo do que formamos parte.
Os sinais, que tantas veces utilizamos nas celebracións, queren axudarnos e expresar a fondura das realidades que conforman a experiencia que cada día vivimos os seres humanos. Por iso, nesta noite, actualizando o paso da escuridade á luz e da morte á vida que se dá en Xesús, o lume móstranos que, por moita que sexa a tebra, sempre acaba aparecendo a luz que vai abrindo camiños de iluminación que nos permiten andar cara adiante, sen deixarnos levar da tentación de recuar. Bendigamos logo este lume para que sexa experiencia de purificación e cambio na nosa vida.
A) Bendición do lume
Señor:
por medio do teu Fillo Xesús,
déchesnos a terra, o aire, a auga e o lume.
Neles estás Ti coma principio e orixe de todo.
Coa presenza dos membros da nosa comunidade,
queremos bendicilos +,
para que sexan verdadeiro signo
de transformación renovadora das nosas vidas,
e que a pascua que agora comeza
prenda en cada un de nós
para poder abrir brazos e agarimar, no teu nome,
a tantos irmáns e irmás que agardan de nós
a aperta solidaria do teu amor. P.X.N.S. Amén.
B) Logo da bendición do lume, acénsese nel o cirio pascual. Mentres acendemos, cantamos LUMIÑO DE LÚA CLARA (Nº 123)
(Unhas poucas persoas acenden as súas candeas no cirio, e despois van acendendo coa súa candea as dos demais, ata telas todas acendidas. Se hai bautizos, é neste momento no que aos pais e padriños (que xa acenderon do cirio a candea), se lles pregunta polo nome d@ nen@ que presentan á Igrexa, e pola súa intención estando alí. A partires dese momento, comezamos a procesión cara á Igrexa.
C) Procesión e canto: ANDAREI NA PRESENZA DO SEÑOR (Nº 11)
D) Pregón pascual (con todas as luces apagadas, só mantemos prendidas a luz do cirio e as das nosas candeas)
Alédense os coros dos anxos,
alédense as xerarquías do ceo,
e pola vitoria do rei da luz
que as trompetas anuncien a salvación.
Goce tamén a terra, enchoupada de tanta claridade,
e que, radiante co fulgor do Rei eterno,
se sinta libre da tebra que cubría o mundo.
Alégrese tamén a nosa Igrexa, nai e mestra,
revestida de luz tan brillante;
resoe este templo coas aclamacións do pobo.
Por iso, queridos irmáns e irmás,
que asistides á admirable claridade desta luz santa,
invocade comigo a misericordia de Deus omnipotente,
para que con aquel que, sen mérito da nosa parte,
nos incorporou a súa casa común,
completemos a nosa loanza a este cirio,
infundindo o resplandor da súa luz.
O Señor está connosco,
está sempre entre nós,
para que ergamos os corazóns.
E deamos grazas xunt@s ao noso Deus.
Porque é bo e xusto.
Aclamémolo coas nosas voces
e con todo o afecto do corazón.
Deus é Pai todopoderoso,
que hoxe no seu Fillo, Xesucristo,
ábrenos á esperanza e á alegría.
Porque El abriunos o camiño que nos leva ao Pai,
afastando de nós o pecado.
Porque estas son as festas da Pascua
na que se entrega en xenerosidade a Año de Deus,
cuxo Sangue consagra as portas dos fieis.
Esta é a noite na que sacaches de Exipto aos israelitas,
os nosos pais,
e fixéchelos pasar a pé o mar Vermello.
Esta é a noite na que a columna de lume
esclareceu as tebras do pecado.
Esta é a noite na que por toda a terra,
os que confesamos a fe en Cristo,
somos arrancados do mal do mundo
e da escuridade do pecado,
e restituídos á graza
e incorporados á vida de santidade.
Esta é a noite na que,
rotas as cadeas da morte,
Cristo ascende vitorioso do abismo.
De que nos serviría ter nacido
se non foramos rescatados?
Que grande é o teu amor por nós !
Que incomparable tenrura e caridade!
Para rescatar ao escravo, entregaches ao Fillo!
Que noite tan ditosa!
Só ela coñeceu o momento
no que Cristo resucitou do abismo.
Esta é a noite da que se escribira:
«Será a noite clara como o día,
a noite iluminada polo meu gozo.»
E así, esta noite santa
afasta os pecados,
lava as culpas,
devolve a inocencia aos caídos,
a alegría aos tristes,
tira de nós o odio,
trae a concordia,
dobrega aos poderosos.
Nesta noite de graza,
acepta, Pai Santo,
a oración comunitaria,
que esta comunidade, Igrexa en camiño, che ofrece
na solemne ofrenda deste cirio,
que nos abrangue coa súa luz.
Que noite tan ditosa
na que se unen ceo e terra,
o humano a mailo divino!
Rogámosche, Señor, que este cirio,
consagrado ao teu nome,
para destruír a escuridade desta noite,
arda sen apagarse
e, aceptado como perfume,
se asocie ás lumieiras do ceo.
Que o lusco da mañá o atope ardendo,
ese lusco que non coñece ocaso:
Xesucristo, o teu Fillo,
que, volvendo da escuridade,
brilla sereo para toda a humanidade,
e vive e reina por séculos de séculos. Amén.
Xesús resucitou, e con nós xa vai quedar!
Aleluia, veña a luz!
Acéndense as luces e cantamos/rezamos o GLORIA (Nº 14))
2.- Liturxia da Palabra
1. PRIMEIRA LECTURA (Xén 1, 1-2, 2)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
No principio creou Deus o ceo e a terra.
Despois dixo Deus:
- “Fagamos o home á nosa imaxe e á nosa semellanza e que mande nos peixes do mar, nos paxaros do ceo, nos animais domésticos e nos réptiles todos da terra”.
E creou Deus o home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, varón e femia os creou.
E bendiciunos así:
- “Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea. Mandade nos peixes do mar, nos paxaros do ceo e nos réptiles todos da terra”.
E díxolles aínda:
- “Aí vos dou as herbas todas que hai na terra, coa súa propia semente, e tódalas arbores que dan froito, coa súa propia semente, a fin de que vos sirvan para a mantenza; ás feras todas do monte, ós paxaros do ceo e ós réptiles que viven na terra doulles a herba para a mantenza”.
E así foi.
E viu Deus canto fixera e velaí que era de verdade moi bo.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Pai, que pos diante de nós o mundo e nos convertes en señor@s de canto fixeches, aleda o noso esforzo por facer del a casa de tod@s, onde ninguén se poida sentir estraño e desprazado. P.X.N.S. Amén.
Salmo : Canto: Canta o sol (Nº 22)
2 SEGUNDA LECTURA ( Xén., 22, 1-18)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DA XÉNESE
Naqueles días, Deus puxo a proba a Abraham, chamándoo:
- Abraham!
El respondeu:
- Aquí estou!
Deus mandoulle:
- Colle o teu fillo, o único que tes e que tanto queres, Isaac, e vaite ao país de Moriah. Alí ofrecerasmo en sacrificio, no cumio dunha das montañas que eu che mostrarei.
Abraham ergueuse cedo, aparellou o burro e tomou consigo dous criados e mailo seu fillo Isaac. Coa leña cortada para o sacrificio, púxose ao camiño en dirección do lugar que Deus lle indicara. Ao terceiro día Abraham ergueu os ollos e viu o sitio desde lonxe.
Abraham colleu a leña do sacrificio e púxolla a Isaac, seu fillo, ás costas. Tomou na man o lume e o coitelo, e camiñaban os dous xuntos.
Isaac díxolle ao seu pai:
- ¡Meu pai!
El respondeu:
- Que queres, fillo?
O rapaz dixo:
- Levamos lume e leña; pero, onde está o año para o sacrificio?
Abraham respondeulle:
- Meu fillo, o año Deus o proverá.
Chegados ao lugar que Deus dixera, Abraham construíu un altar, puxo enriba del a leña, atou ao seu fillo Isaac e deitouno no altar, por enriba da leña. Despois tendeu a man e agarrou o coitelo para sacrificar ao seu fillo.
Mais o anxo do Señor chamou desde o ceo:
- ¡Abraham!, ¡Abraham!
El respondeu:
- Aquí estou
O anxo dixo:
- Non poñas a man no rapaz nin lle fagas mal ningún.
Abraham ergueu os ollos e viu un carneiro atrapado nunha silveira polos cornos. Botou man del e ofreceuno en sacrificio,no posto do seu fillo. Abraham púxolle ao lugar de nome Moria.
O anxo do Señor chamou a Abraham outra vez desde o ceo:
- Por faceres isto e non me negares ao teu fillo, o único que tes, bendicireite e farei crecer os teus descendentes coma as estrelas do ceo e as areas do mar. Todos os pobos da terra terán bendición na túa descendencia, por me teres ti obedecido.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Pai, aquí estamos, como estivo tamén Abrahám, para dicirche si; para acoller a túa invitación e poñernos en camiño. Que saibamos devolverche coa nosa vida toda a confianza que vas pondo en nós. Que ela nos axude a ir sementando de luz e vida o camiño que percorremos xunto cos nosos irm@ns. P.X.N.S. Amén.
Salmo : Canto: Aquí estou Señor para facer a túa vontade
3 TERCEIRA LECTURA ( Éx., 14, 15-15, 1)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ÉXODO
Naqueles días, o Señor díxolle a Moisés:
- “Que queixas son esas cara a min?. Manda aos israelitas que se poñan en marcha. Ti ergue a vara, alonga a man sobre o mar e párteo en dous, de xeito que os israelitas pasen polo medio a pé enxoito. Eu endurecerei o corazón dos exipcios, que seguirán perseguíndovos. E mostrareime glorioso á conta do faraón, á dos seus carros e á dos seus cabaleiros. Ao mostrar a miña gloria á conta deles, aprenderán os exipcios que eu son o Señor”.
Moisés alongou a man sobre o mar, e o Señor moveuno cun vento forte do leste, que soprou toda a noite, ata secar o mar, coas augas partidas. Os israelitas entraron polo medio do mar a pé enxoito. As augas facían muros á súa dereita e á súa esquerda. Os exipcios que os perseguían, a cabalería do faraón, os carros e os cabaleiros, entraron no mar tras deles.
Cerca da madrugada, ollou o Señor desde a columna de nube e de lume para o campamento exipcio e cubriuno de confusión. Pexou as rodas dos carros, de xeito que non podían case que andar. Os exipcios entón dixeron:
- “Fuxamos dos israelitas, pois o Señor loita por eles contra nós”.
O Señor díxolle a Moisés:
- “Estende a man cara ó mar, e as augas volveranse sobre os exipcios, os seus carros e os seus cabaleiros”.
Moisés alongou a man cara ao mar e, contra a mañá, este volveu ao seu sitio. As augas, ao xuntárense, cubriron os carros, os cabaleiros e todo o exército do faraón, que entrara no mar tras de Israel. Non quedou nin sequera un.
Os israelitas pasaron a pé enxoito polo medio do mar, mentres as augas facían muro á súa dereita e á súa esquerda.
Aquel día salvou o Señor a Israel do poder dos exipcios. Israel recoñeceu con que man poderosa o Señor tratara ós exipcios. O pobo temeu o Señor e creu nel e no seu servo Moisés.
PALABRA DO SEÑOR
ORACIÓN: Tamén nós, Señor, temos desexado moitas veces saír de Exipto, é dicir, deixar atrás escravitudes que nos van atando e impedindo ser nós mesmos e verdadeiramente felices: unhas escravitudes do efémero que van esmorecendo e deixándonos no máis absoluto dos baleiros. P.X.N.S. Amén.
Salmo: Canto: Ide e pregoade (Nº 55)
4 CUARTA LECTURA (Is. 55, 1-11)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE ISAÍAS
Isto di o Señor:
“Oíde, sedentos todos, vinde por auga!
Os que non tedes prata, vinde,
comprade comida e comede,
vinde e comprade comida;
sen prata e sen diñeiro comprade viño e leite.
Porque cambiades prata polo que non é pan
e o voso xornal polo que non farta.
Escoitádeme ben:
comede ben e que a vosa gorxa se alegre coa graxa.
Baixade o oído e vinde onda min,
facédeme caso e revivirán as vosas ilusións,
pois pactarei convosco unha alianza eterna.
Velaquí: como a chuvia e a neve baixan do ceo
e non voltan alá sen enchoupar a terra,
fecundala e facela brotar,
para que lle dea semente ao que sementou
e pan ao que come,
así tamén será a miña palabra que sae da miña boca:
non volverá a min en van,
senón que fará o que eu queira,
e conseguirá aquilo para o que a mandei”.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: Señor, aquí estamos tamén nós sedentos e famentos de paz, de consolo, de esperanza, de silencio. Si, Señor, facemos moito barullo; pero con el só conseguimos disimular as nosas incapacidades para escoitarte e descubrirte no silencio de quen non ten voz para defenderse dos que poñen por diante das persoas, os papeis, as leis ou o que deciden os que mandan e dominan. Queremos volver a ti e deixar que a túa auga e o teu pan nos sacien de esperanza, forza e solidariedade. P.X.N.S. Amén.
Salmo: Canto: Pan do ceo (Nº 53)
5 QUINTA LECTURA (Ez. 36, 16-28)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA PROFECÍA DE EZEQUIEL
Veume a palabra do Señor nestes termos:
“Fillo de Adán, cando a Casa de Israel habitaba na súa terra,
volvérona impura co seu comportamento e cos seus feitos.
Pero eu desafoguei o meu noxo neles polo sangue
que verteron sobre a terra,
e polos feitos cos que a mancharon.
Entón eu esparexinos por entre os pobos
e dispersáronse polos países;
xulgueinos conforme o seu comportamento
e conforme os seus feitos.
Ao entraren nas nacións onde foron,
profanaron o meu santo Nome.
Pero eu vou facer que se recoñeza a santidade do meu grande Nome,
profanado entre as nacións nas que vós o profanastes.
Entón recoñecerán estas nacións que eu son o Señor
-é o meu Señor quen fala-,
cando eu vos faga recoñecer a miña santidade na súa presenza.
Pois recollereivos das nacións,
xuntareivos de tódolos países
e traereivos á vosa terra.
Asperxirei sobre vós auga purificadora e quedaredes puros;
de todas as vosas impurezas
e de todas as vosas idolatrías heivos purificar.
Dareivos un corazón novo
e poñerei nas vosas entrañas un espírito novo;
sacarei da vosa carne o corazón de pedra
e poreivos un corazón de carne.
Porei nas vosas entrañas o meu espírito
e farei que camiñedes conforme os meus preceptos
e que gardedes os meus mandamentos e os cumprades.
Viviredes no país que lles dei a vosos pais:
seredes o meu pobo e eu serei o voso Deus”.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: Que duros son moitas veces os nosos corazóns: duros para chorar con quen chora, para amar a quen o necesita, para unirse a quen está fundido e necesita de nós para erguerse. Que a dureza dos nosos corazóns non impida que abramos as nosas mans e nos fundamos nunha aperta fraternal e sincera. P.X.N.S. Amén.
Salmo: Canto: Danos un corazón grande para amar
6 SEXTA LECTURA (Rom. 6, 3-11)
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE PAULO AOS ROMANOS
Irmáns e irmás:
Ignorades que a cantos nos bautizaron en Cristo Xesús, bautizáronnos na súa morte?. Enterráronnos, logo, con el polo bautismo na morte, para que, como Cristo resucitou dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova.
Pois se nos enxertaron nel pola semellanza dunha morte coma a súa, seguro que tamén o farán por unha resurrección semellante.
Pois habedes saber que o noso home vello foi crucificado para destruír o corpo pecador, de xeito que non sirvamos máis ao pecado. Porque o que morre, queda liberado do pecado.
Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ao pecado para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus.
Así tamén, vós considerádevos mortos ao pecado e vivos para Deus en Cristo Xesús.
PALABRA DO SEÑOR
ORACION: O bautismo, Señor, fai que non poidamos ser outra cousa máis ca comunidade; pero moitas veces estas nosas comunidades esmorecen pola nosa pouca alegría e a nosa indiferenza. Que está incorporación á vida nova da graza e esperanza na que fomos incorporados o día do noso bautismo, saibamos mantela viva en cada momento da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
Salmo. Canto: Canta aleluia (Nº 21)
7 EVANXEO (Lc. 24, 1-12)
PROCLAMACIÓN DA BOA NOVA DO NOSO SEÑOR XESUCRISTO SEGUNDO LUCAS
A madrugada do primeiro día da semana foron ao sepulcro, levando os perfumes que tiñan preparados. Pero atoparon quitada a lousa, arredada do sepulcro. Entraron, e viron que o corpo do Señor non estaba alí. Entón, mentres estaban todas perplexas por aquilo, apareceron dous homes con vestidos resplandecentes. Cheas de medo, miraban para o chan; pero eles preguntaron:
- Por que buscades entre os mortos a quen está vivo? Non está aquí; resucitou. Recordade o que vos dicía en Galilea: que cumpría que entregasen o Fillo do Home nas mans dos pecadores, que o crucificasen e que resucitase ao terceiro día.
A elas acordáronlles aquelas palabras súas, e, volvendo do sepulcro, anunciáronllelo aos Once e a todos os demais. Eran elas: María Magdalena, Xoana, María a de Santiago. E tamén as outras que as acompañaban lles dicían o mesmo ós apóstolos; pero eles non lles daban creto: parecíalles un desatino das mulleres.
Mesmo así, Pedro ergueuse e foi correndo ó sepulcro; abaixándose, viu as vendas soas; e, todo abraiado polo acontecido, volveu para a súa casa.
PALABRA DO SEÑOR
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
➢ As pegadas que fomos seguindo ao longo da coresma trouxéronnos ata aquí, a esta noite de luz e auga.
1. Luz que mostra o camiño e non deixa que nos perdamos. Que non caiamos no engano que nos rouba a esperanza, que nos fai insolidarios, que converte o corazón de cada un de nós en pedra imposible de romper. Esta é a luz que hoxe Xesús nos ofrece para que, se queremos -o Evanxeo non se impón, móstrase e proponse- a acollamos e a convertamos en guieiro que nos vaia levando polo compromiso de buscar o ben común; pola tarefa de facer da xustiza unha experiencia de igualdade no trato cos demais; por converter a participación que nos dá voz para denunciar enganos e inxustizas en compromiso que evite que as persoas sexan reducidas a listaxes de nomes tras dos que se esconden gozos e esperanzas, tristezas e angustias que se viven cada día por non poder para pagar a luz, a casa ou no ter alimento suficiente para alimentar a cantos conforman a familia. Queremos que esta luz que hoxe nos trae o cirio pascual non se apague nunca en nós
2. Tamén é noite de auga, a auga que limpa e seca a nosa sede; sede na que desexamos paz, tranquilidade, necesidade de ser escoitados e atendidos, urxencia por sentirnos queridos e respectados. Esta auga que hoxe bendiciremos e levaremos para as nosas casas, quere lembrarnos que a pesares dos problemas e dificultades, sempre aparecen gromos verdes que non teñen vergoña de mirarnos á cara, de tendernos a man e dicirnos: Deus é amor e quérete, non te deixes levar da desesperación. É esta auga de vida e símbolo de que as cousas poden ser distintas se non nos deixamos levar nin da rutina nin do pesimismo.
➢ Foron pegadas que simplemente nos quixeron lembrar que dentro dos moitos camiños que podemos elixir, o que nos ofrece Xesús nunca defrauda, porque está pensado desde nós, con nós e para nós. Celebrémolo nesta noite de esperanza e sentido comunitario. Non estamos solos, podemos axudarnos uns aos outros, e Xesús é unha man máis nese camiñar xunt@s, para facer da nosa vida unha experiencia de misericordia.
3.- Liturxia bautismal
MONICIÓN
A auga e un ben para tod@s, e témolo conservar coidar. É signo de vida, purificación e limpeza; por iso a liturxia desta noite quere mostrárnolo e facernos tomar conciencia de que sendo un agasallo que recibimos de Deus, debemos coidalo e non malgastalo. Ela é signo da presenza e cercanía de Deus. Entoemos agora as ladaíñas da resurrección que nos invitan a limpar o corazón coa auga fresca e clara que nos trae Xesús, véndonos reflectidos no testemuño e na vida daqueles aos que chamamos santos.
A) LADAÍÑAS
Señor, ten piedade.
Cristo, ten piedade.
Señor, ten piedade.
Santa María, Nai de Deus, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Miguel, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Xosé, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Pedro, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Paulo, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Francisco de Asís, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Santa Clara, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Andrés ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Xoán, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Santa María Magdalena, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Estevo ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Fins, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Lourenzo, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Xoán Bautista, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Santiago, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Breixo, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Mateu, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Rosendo, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Froilán, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Martiño, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Ignacio, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Santa Tareixa de Ávila, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Bieito, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Santa Catarina de Siena, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
San Xoán XXIII, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Nai Tareixa de Calcuta ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Óscar Romero, mártir da causa de Xesús, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Dom Helder Cámara, Bispo do pobres, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Ghandi, Luther King e demais testemuñas de paz e amor, enchédenos de misericordia
Tódolos homes e mulleres de ben, ENCHÉDENOS DE MISERICORDIA.
Pola túa morte e resurrección, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Pola forza do Espírito Santo cada día en nós, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
(Si hai bautizos)
Para que o bautismo incorpore a esta nen@ á túa Igrexa , ÉNCHE@ DE MISERICORDIA
Para que a auga do bautismo sexa para eles símbolo de nova vida, ÉNCHEOS DE MISERICORDIA.
Xesús, Fillo de Deus e amigo de Tod@s, ÉNCHENOS DE MISERICORDIA.
Que a túa presenza nos acompañe, Deus de vida e luz. Que o Espírito se faga presente nas nosas tarefas para alentalas e acompañalas. Que a túa man acompañe a acción das persoas que sentimos a ledicia do Evanxeo construíndo unha Igrexa fraterna e misericordiosa. P.X.N.S. Amén.
B) BENDICIÓN DA AUGA (e inmersión do cirio na pía bautismal)
Señor pegada de esperanza que nos dás a auga da vida, que realizas nos teus sacramentos obras admirables coa túa presenza invisible, e de xeitos diversos servícheste da auga para significar a graza do bautismo.
Señor pegada de novas oportunidades que nos dás a auga da vida, que desde o comezo do mundo quixeches acompañar a presenza do ser humano santificándoo coa compaña do teu Espírito.
Señor pegada de invitación a sementar solidariedade que nos dás a auga da vida, que nas augas do diluvio expresaches o teu proxecto dunha nova humanidade que fose capaz de deixar atrás a angustia, o enfrontamento e as ansias de dominio duns para cos outros.
Mira, Pai, esta comunidade que hoxe quere renovarse coa forza da oración, e abre para ela a fonte do bautismo. Que esta auga reciba , polo Espírito Santo, a graza do teu Fillo, de xeito que aqueles que creaches á túa imaxe e semellanza, polo bautismo morramos ao vello que levamos en nós e renazamos á luz dunha nova humanidade inaugurada en Xesús e plenificada na súa pascua.
Que a presenza do Espírito Santo, polo teu Fillo + descenda sobre esta auga que hoxe poñemos ao pé da pía bautismal, para que incorporados a Cristo, camiñemos cara á vida nova en esperanza. P.X.N.S. Amén.
C) RENOVACIÓN DAS PROMESAS BAUTISMAIS
Renovemos agora persoal e comunitariamente esta fe que hoxe celebramos cheos de esperanza e vida:
• Estades dipost@s a loitar contra o mal que nos fai infelices e nos pecha no egoísmo?. Si, estou dispost@.
• Estades dispost@s a non deixarvos levar de canto nos aparta de Deus e fire aos irmáns?. Si, estou dispost@.
• Estades dispost@s a que no voso corazón non aniñen a cobiza, a insolidariedade e a envexa?. Si, estou dispost@.
• Credes en Deus Pai e amigo da vida, que puxo nas nosas mans o mundo que el creou?. Si, creo.
• Credes en Xesús, o seu Fillo, que naceu de Santa María, pasou polo mundo facendo o ben, e que no seu amor e fidelidade entregou a súa vida para abrirnos a nós o camiño da resurrección?. Si, creo.
• Credes na forza e presenza do Espírito Santo, na Igrexa comunidade de fe e vida, na comuñón dos santos, no perdón e na resurrección que nos levará a gozar para sempre da presenza de Deus?. Si, creo.
Pai, que esta fe que acabamos de proclamar e confesar sexa sempre para nós a lento e esperanza no camiño da nosa vida. P.X.N.S. Amén.
(Agora tod@ nós recibimos a aspersión coa auga bendicida, que sela o noso compromiso de ser fieis á alianza bautismal)
Canto: A auga do Señor, cambioume o corazón (Nº 124)
FRATERNIDADE ORANTE
Nesta noite de esperanza e vida, queremos, Señor, presentar a nosa oración comunitaria. Facémolo dicindo xuntos:
QUE AS NOSAS PEGADAS CONSTRÚAN MISERICORDIA
Que esta noite sexa de encontro comunitario que nos leve a non caer na indiferenza cara aos demais, OREMOS.
QUE AS NOSAS PEGADAS CONSTRÚAN MISERICORDIA
Que esta noite descubramos a forza da túa luz para ser luz ante a dor dos enfermos, a soidade de quen non ten a ninguén e a incomprensión de quen se sente triste, OREMOS
QUE AS NOSAS PEGADAS CONSTRÚAN MISERICORDIA
Que esta noite fagamos do pan da Eucaristía que imos recibir, motor que non nos deixe caer no pesimismo que todo o ve desde a tebra e non desde a túa luz que nos ilumina no camiñar de cada día, OREMOS
QUE AS NOSAS PEGADAS CONSTRÚAN MISERICORDIA
Para que a auga que imos levar ás nosas casas alivie a sede de todas as persoas que son vítimas dos poderosos, que nunca escoitan e sempre impoñen, OREMOS
QUE AS NOSAS PEGADAS CONSTRÚAN MISERICORDIA
Grazas, Señor, por esta noite de pan, auga e esperanza. Que a forza da Palabra compartida e celebrada nos axude a rachar coas cadeas que buscan converternos en escravos submisos e obedientes ao poder e á desesperanza. P.X.N.S. Amén.
4.- Liturxia da Eucaristía
MIRADA ESPERANZADA
Eu andaba a buscar entre as tumbas
e só atopei baleiro.
Decidín buscar entre as persoas
e decateime de que estaba vivo.
Que Deus
non é un Deus de mortos,
senón de vivos.
Eu cría que El estaba morto
pero estaba vivo.
Críao sen vida,
pero El era a vida.
Agora, cando quero ver a Deus
non vou ao cemiterio.
Agora saio á rúa,
contemplar ás persoas que camiñan.
Porque a Pascua
é Deus que vive en nós.
Porque sei que a Pascua
é Deus camiñando con nós.
Porque sei que a Pascua
é Deus, triunfando sobre a morte
porque sei que Deus está vivo
e vive en nós.
(Cáritas. Coresma e Pascua 2016)
Comentarios