Ir al contenido principal

15 Domingo TO C 2016



No xubileu da Misericordia, é unha esixencia aprender a chegar tarde por compartir o tempo cos descartados; pero non o é chegar tarde por entreterse consumindo ritos nin costumes pseudorrelixiosas

Descarga o ficheiro



CANTO GOZOSO
ENTRADA: Vinde axiña, compañeiros (Nº 10)
LECTURAS: Benaventurados (Nº 118)
OFERTORIO: Recibe Señor (Nº 31)
COMUÑÓN: Deixade esta terra
ESCOITA ACTIVA
As persoas, se non poñemos esforzo da nosa parte para evitalo, somos moi dadas a deixarnos levar pola rutina, o cómodo, o que non nos supón o esforzo pola novidade, o cambio e a adaptación a novas situacións. E tal é así, que sempre que temos que cambiar de casa, traballo, lugar de residencia... parece que se nos vén o mundo enriba: agora que xa coñeciamos á xente, agora que xa estabamos acostumados a vivir aquí, agora que xa comezabamos a dominar o traballo... os “agora” veñen na nosa axuda coma se foran unha xustificación. Porén, na vida, tamén dicimos que o que non arrisca acaba por non acadar o que busca e quere. Sobre isto é sobre o que xira hoxe a Palabra que imos proclamar na celebración: sobre a necesidade de romper as nosas rutinas e, sen medo, apostar polo novidoso, polo cambio, polo que xera ilusión e esperanza. E facelo sen medo e sen volver a vista atrás. Apostar polo que comeza é unha tarefa ilusionante, e nesta andaina non imos solos: Xesús é o mellor dos compañeiros nesta viaxe.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
·        Por ceder a medos e rutinas que fan a vida triste e decadente; SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NO DESENCANTO.
·        Pola falta de risco e novidade no que facemos; CRISTO, QUE NON CAMIÑEMOS NO DESENCANTO.
·        Pola insistencia en mirar tanto atrás que nos incapacita para comprender o que pasa ao noso lado; SEÑOR, QUE NON CAMIÑEMOS NO DESENCANTO.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
*        "Faille caso á voz do Señor"... A palabra está moi cerca de ti: na túa boca e no teu corazón". Na primeira das lecturas de hoxe, do libro do Deuteronomio, fáísenos un chamamento ao que deberiamos prestar un pouco de atención, para non deixar que pase por ser oído, que non escoitado, e como consecuencia perder unha oportunidade de deixar que a mensaxe que Deus hoxe nos achega caia en saco roto. Dísenos que poñamos atención á voz do Señor. Unha atención que non se identifica tanto con voces -coma se foramos abducidos desde outros espazos siderais-, senón que as voces ás que se refire son as que temos preto e proveñen das situacións nas que viven moitas persoas caídas na dor e no sufrimento. Son voces de dor, incomprensión, angustia, engano, soidade... voces que se van convertendo en laios continuados e ás que, por levar tanto tempo escoitándoas, xa non se lles fai caso, pasando a ser un elemento máis do mundo no que vivimos. Ante a tentación de caer nesta indiferenza, o libro do Deutoronomio lémbranos que só prestándolles atención, identificándoas, poñéndolle imaxe, seremos capaces de facer das palabras que saen da nosa boca defensa dos débiles, para que poidan ser cribles, ao estar asentadas, e coa forza do convencemento, no noso corazón. Deixemos logo que dean froito de misericordia en nós.

*        Só se entendemos que significa e supón a afirmación que nos invita a ter un corazón misericordioso, seremos capaces de recoñecer nos demais o rostro de Xesús. A súa imaxe temos que vela reflectida nos demais, principalmente nos que día a día comparten con nós tempo, ilusións, tarefas e fracasos. Desde El as cousas teñen outro sentido, e a fe convértese nunha experiencia que dá sentido e razón da nosa vida. Porque é Señor da creación, a todos nos corresponde coidala; e como di o papa Francisco, facer desta casa común respecto e coidado na que todos teñamos cabida, e a sintamos coma nosa. Porque, se nós pensamos na casa, vénsenos á cabeza a idea dun lugar onde nos sentimos a gusto, contentos, tranquilos... Poderiamos dicir o mesmo do mundo do que formamos parte? Entendémola como casa común ou como territorio que hai que conquistar, dominar e someter... para acabar por destruílo? Volvamos logo a repensar as palabras deste texto da carta aos Colosenses, e poñámolas en relación con nós e a responsabilidade que temos por esforzarnos para que do mesmo modo que todos poñemos o mellor de nós en amañar as nosas casas para poder vivir a gusto nelas, poñamos tamén esa mesma esixencia para face do coidado ecolóxico o esforzo que converta o mundo en espazo de encontro e non de destrución.

*        Deste xeito, a vida eterna non será unha idea á que hai que esperar, senón un ir construíndoa desde xa a través da sensibilidade que vaiamos poñendo en achegarnos, coa man tendida e solidaria, aos demais; o esforzo por converter o mundo en praza na que poidamos atoparnos, dialogar, facer proxectos xunt@s, á vez que cultivamos por el o máis grande dos respectos. Que non nos pase coma o sacerdote e o levita, que por chegar tarde ao templo non quixeron achegarse a quen estaba tendido e sufrindo. Ao mellor nós, por gañar máis, por dominar o mercado, por aparecer no mundo como potencia, por facer da rendibilidade e do capital o máis importante, acabamos destruíndo este gran presente cheo de tenrura que Deus puxo nas nosas mans: o mundo. Que a nosa misericordia se expanda tamén ao coidado da natureza, onde nós vivimos e onde queremos –supoñemos- que vivan tamén as xeracións que agora son máis novas e as que están por vir. Aquí é onde temos que concretar as palabras de Xesús: "vai e fai ti outro tanto".
FRATERNIDADE ORANTE
O Deus amor e misericordia invítanos agora a compartir este momento de oración comunitaria. Respondemos con gozo e sinceridade dicindo:
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TENRURA O CAMIÑO DA MISERICORDIA
  • Para que a Igrexa non deixe pasar esta oportunidade de ser verdadeiramente misericordiosa coidando do mundo nas súas accións, e denunciando a quen o estraga, contamina e destrúe, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TENRURA O CAMIÑO DA MISERICORDIA
  • Para que nas nosas comunidades espertemos á realidade de que temos que esforzarnos para que o que escoitamos e rezamos o poñamos en práctica: que coidemos nas nosas parroquias, e nos nosos barrios a natureza, esforzándonos por educar neste respecto aos máis novos, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TENRURA O CAMIÑO DA MISERICORDIA
  • Para que o noso actuar sexa coherente coa fe que confesamos e vivimos, de xeito que fagamos un esforzo por ser misericordiosos coidando ás persoas e o espazos nos que vivimos e desenvolvemos as nosas relacións duns cos outros, OREMOS.
SEÑOR, QUE FAGAMOS DA TENRURA O CAMIÑO DA MISERICORDIA
Grazas, Pai, porque espertas en nós a chamada a ter unha actitude activa na defensa desta casa común na que todos vivimos, e que estamos chamados a coidar e respectar para que os que estamos e os que veñan despois de nós, poidan vivir en paz e harmonía entre eles e co mundo. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Vivir a misericordia coa Terra, coas súas criaturas e cos nosos irmáns/ás empobrecidos esixe de nós unha auténtica CONVERSIÓN, un profundo cambio no noso modo de vivir, irresponsable e estragador dos recursos do planeta, e un COMPROMISO máis firme na transformación do sistema económico e da cultura consumista na que estamos inmersos. A iso chámanos o Papa Francisco na súa Encíclica Laudato si. Camiñar na dirección que nos propón é unha tarefa de longo percorrido que urxe emprender xa con pasos e decisións concretas que cambien os nosos hábitos. Necesitamos cultivar unha nova maneira de mirar a realidade e a nós mesmos nela, que nos impulse a modificar o noso modo de vivir. O proxecto de Deus mestúranos con toda a comunidade da vida. Temos que recoñecernos como parte desa rede interdependente que constitúen tódalas criaturas.
(www.ofminmaculada.org/organismos/jpic/1234-practicar-la-misericordia-en-el-cuidado-de-la-casa-comun)

Comentarios

Entradas populares de este blog

Corpus 2026

ELIXE AMAR. ELIXE COMUNIDADE... ASÍ NINGUNHA PERSOA TERÁ QUE RECIBIR MIGALLAS. CANTO GOZOSO ENTRADA: Pan do ceo, pan da vida (Nº 54) LECTURAS: Ti es o pan do ceo (Nº 33) OFERTORIO: Quédate, Señor, connosco (Nº 63) COMUÑÓN: O amor é o meirande (Nº 120) PARA NON PERDER O PASO Hoxe celebramos o Corpus Christi, o Día da Caridade, e facémolo co corazón de festa pero cos pés afincados no chan. Moitas veces corremos o perigo de reducir este día a unha procesión fermosa, a custodias brillantes e a efémeras alfombras de flores. Pero o Corpus é o recordatorio de que Deus non quedou nunha teoría, senón que se fixo pan para poder ser alimento e para poder ser compartido. Non o esquezamos: o deserto segue aí fóra. O deserto da soidade da xente maior, o deserto da falta de oportunidades da mocidade, o deserto de tantas familias que non teñen vivenda ou que non chegan a fin de mes. E neses desertos resoa con forza a chamada deste ano: Elixe amar, elixe comunidade. Porque a caridade non é dar as sobr...

Igrexa Diocesana 2025

  DEDICACIÓN DA BASÍLICA DE LETRÁN (DÍA DA IGREXA DIOCESANA) UN CHAMADO Á SANTIDADE CANTO GOZOSO      ENTRADA:  Non vou so    LECTURAS:  Eu sei de quen me fiei    OFERTORIO:  Cantádelle ao Señor    COMUÑÓN:  Acharte presente   PÓRTICO Hoxe a Igrexa celebra a festa da dedicación da basílica de Letrán, catedral de Roma e signo visible da comuñón de cada diocese co papa. Neste día, convídasenos tamén a facer memoria agradecida das persoas santas que floreceron nas nosas Igrexas particulares, testemuñas de que a santidade é posible en cada tempo e lugar. Coincidindo con esta festa, celebramos o Día da Igrexa Diocesana, unha Xornada para lembrar que as persoas cristiás somos parte dunha gran familia que é a Igrexa, en comuñón co noso bispo e con toda a comunidade diocesana. Dispoñamos o noso corazón para celebrar con gozo esta celebración. O PERDÓN   Por esquecer que somos parte dunha gran familia, coa que temos ...

Pentecostes 2026

PENTECOSTES: O MILAGRE DE NON SER LADRILLOS IGUAIS SENÓN PEZAS VIVAS DA DIVERSIDADE CANTO GOZOSO   ö ENTRADA: Vinde axiña (   10     ) ö ASPERSIÓN: A auga do Señor (Nº 125) ö LECTURAS: Manda o teu Espírito ö OFERTORIO: Sementar, sementarei ö COMUÑÓN: Ide e pregoade (Nº 55) MIRADA AGRADECIDA Hoxe pechamos o tempo de Pascua, e facémolo do mellor xeito posible: co cumprimento por parte de Xesús da súa promesa de non deixarnos na orfandade, senón de agasallarnos co Espírito Santo. E se pensamos neste Espírito, a mellor imaxe non é a dun coro onde todas as persoas cantan a mesma melodía coa mesma voz. O Espírito parécese máis a unha gran orquestra, onde cada instrumento é totalmente diferente, ten o seu propio timbre, o seu propio xeito de soar e o seu propio acento. O milagre non é que o violín soe a trompeta, senón que cadaquén, estando ben afinada e ben afinado na súa propia identidade, contribúa a crear unha música final que a ningun...