A FORMACIÓN AXUDA A ROMPER CLICHÉS QUE ATENTAN CONTRA O REINO DE
DEUS
Descarga o ficheiro* ENTRADA: Camiñando pola vida (Nº 9)
* LECTURAS: Canta aleluia (Nº 21)
* OFERTORIO: Grazas, Señor, na mañá (Nº 34)
* COMUÑÓN: Seguirei os teus pasos (Nº 103)
ESCOITA ACTIVA
Hoxe
apenas nos decatamos do carácter revolucionario do comportamento de Xesús
diante das mulleres, atentando contra os costumes máis venerables daquela
sociedade. Rompendo os prexuízos e as costumes de manter ás mulleres á marxe da
Escritura, Xesús acéptaas entre os seus seguidores e discípulos, nunha actitude
nova para un xudeu.
Aínda
hoxe temos moito que aprender deste comportamento, tanto a nivel institucional
como a nivel persoal. E é que calquera tipo de discriminación e marxinación, ás
que seguimos sendo tan propensos, atenta contra o novo proxecto de relacións
humanas que se inaugura coa chegada do Reino. O evanxeo que hoxe proclamamos
lémbranos que para Xesús o xénero non é a liña divisoria para acoller e
traballar polo Reino. Quen apela a iso segue aferrado a leis e costumes antigas
e está ben lonxe de entender a súa mensaxe. Oxalá, formándonos, traballemos
para romper clichés que atentan contra a dignidade das persoas.
CORAZÓN MISERICORDIOSO
· Porque
vivimos tan ás carreiras que non buscamos tempos de silencio, que nos axuden a
escoitar as ledicias e as tristuras dos demais e a captar a túa tenrura, SEÑOR, QUE NON DESCUIDEMOS A
FORMACIÓN.
· Porque son moitas as veces nas
que só pedimos dereitos, pero esquecemos as nosas obrigas para cos demais, CRISTO, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.
· Por ter relegado ás mulleres a
un papel secundario na sociedade, na cultura, na Igrexa, facendo noso aquilo de
“a muller e a “sartén” na cociña é onde están ben”, SEÑOR, QUE NON DESCUIDEMOS A FORMACIÓN.
OLLOS ABERTOS E PÉS NO CHAN
* UNHA
OPCIÓN PERSOAL: Son moitas as ocasións nas que reducimos a nosa fe a un
costume, un conxunto de ritos ou unhas prácticas sociais. A tradición, a presión
familiar, o socialmente ben visto... fan que nos deixemos levar e que non
paremos a pensar seria e fondamente qué papel xoga a fe na nosa vida.
Convertémonos en cristiáns e cristiás infantís, sen criterio propio, sen
autonomía. Porén, a Palabra que hoxe vimos de proclamar, sacúdenos do noso
sopor e fálanos da fe coma UNHA OPCIÓN PERSOAL, que require de nós unha
formación continua. Si, aínda que a moitos lles soe estraño, necesitamos
formarmos... tamén no eido da fe. E necesitámolo porque a ignorancia diante do
descoñecido xera medo, e, froitos do medo (sabémolo ben!) son a violencia, a
crispación e o inmobilismo. É verdade que durante moito tempo a formación
dentro da Igrexa estivo e está reservada só para os cregos e, como moito, para
os relixiosos. Os segrares, canto menos coñezan, mellor, non vaia ser que dean
problemas. Isto deu como resultado unha fe con toques de superstición, maxia e
adobada co ingrediente indispensable: o medo. Así, todos calados, todos
contentos, todos respondemos amén-amén, si, señor cura. Que tempos
aqueles!!!!!!!!!!!!!!: Pero chegou o Vaticano II, e o Papa Bo mandou abrir as
fiestras para que entrase aire limpo que levase o tufo e o po que se acumulara
na Igrexa. Porén, a chamada á formación que se nos facía desde os distintos documentos
non sempre foi ben acollida, nin pola xerarquía, que vía unha perda do poder,
nin polos propios segrares, pois acomodados nunha fe desmigallada para eles
polo clero, resultaba difícil comezar a comer mastigando e dixerindo de motu
propio. Así foi pasando o tempo e daqueles ventos veñen estas tempestades que
estamos a vivir. A xente foise formando noutros eidos e a relixión seguiu nun
infantilismo perpetuo que estorbaba no desenvolvemento da persoa, polo que era
mellor deixar aquela pesada canga que tiñamos que transportar. Outro galo nos
tería cantado se apostásemos pola formación en lugar de pola ignorancia e o
escurantismo, polo amor en lugar da imposición, pola liberdade en lugar da
obriga!!!!!!!!!!!!.
* QUE
ABRANGUE A NOSA VIDA: Porque acollida de xeito libre e persoal, a Palabra
achégase a nós para ser vida, alegría... esperanza, como nos di Paulo. Non é,
pois, algo teórico, senón que ten que ser o motor da nosa vida que nos abra a
confiar en Deus.... mesmo no que a priori se nos presenta como algo imposible,
como lle ocorreu a Abrahán e Sara. Dicir si a Deus é facer propia a súa
salvación, é comprometer a nosa vida a prol da xustiza, é traballar para que no
haxa discriminación.
* COMO
HOMES E MULLERES: Pois nesta tarefa estamos todos implicados: homes e mulleres.
Nos tempos de Xesús, os mestres da lei xulgaban que non lle cumpría ás mulleres
afondar nas ensinanzas da lei de Deus (que familiar nos soa, despois de 2000
anos, verdade?). Iso era tarefa e responsabilidade dos homes. María, co
beneplácito do Señor, rompe esa norma e, sentada aos seus pés, reclama o seu
dereito a ser discípula, a coñecer directamente, de beizos de Xesús, a boa
nova. Marta, en troques, non o entende (non hai peor astilla que a do mesmo
pau), ela vive atarefada cos moitos quefaceres domésticos. E busca apoio en
Xesús. E non o atopa, porque El critica o feito de que sexa prisioneira do que
ela considera o papel propio da muller. E Xesús chámaa (pásmate!!!) a que rompa
esta concepción que sitúa á muller en condición de persoa confinada aos
traballos caseiros. Como muller, tamén ten dereito a outras preocupacións.
Marta, como María, debe reivindicar e ocupar plenamente o seu lugar de
discípula. Cos seus xestos e palabras, Xesús libera á muller dunha concepción
que a mantén nunha situación de segundo plano, de simple ama de casa. A
importancia da formación, a importancia de traballar pola igualdade, unha
lección de Xesús para a sociedade e a Igrexa de hoxe. Que nos parece?.
FRATERNIDADE ORANTE
Como seguidores de Xesús, sabemos que a nosa
vida debe ser un camiñar no servizo, na igualdade e na gratuidade. Porque
estamos dispostos a seguir neste camiño, compartimos a fe uníndonos nunha soa
voz e dicindo:
GRAZAS
POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Por unha
Igrexa sempre disposta a apostar pola
formación para traballar por liberar de cangas pesadas a cantos se senten
apesarados pola dor, a tristura, a desesperanza e o desamor, OREMOS.
GRAZAS
POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Por
unhas comunidades parroquiais que descubran que xa non é tempo de criticar,
senón de unir, achegar e alentar, para que quen o necesite descubra ao seu lado
mans amigas e rostros acolledores, capaces de implicarse no compromiso de facer
felices aos demais, OREMOS.
GRAZAS
POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Por uns discípulos e unhas discípulas de Xesús,
nós, para que perdendo medos e superando desconfianzas, sexamos capaces de
buscar tempos e grupos que nos axuden a formarmos como cristiáns, para que a
autonomía e a igualdade sexan a nosa meta, OREMOS
GRAZAS
POR HOSPEDARNOS NA TÚA TENDA
Grazas, Xesús, por poñer diante de nós a túa
Boa Nova de salvación, que nos invita a formarnos para renovarnos
constantemente con actitudes e valores que dan vida e ilusión ao noso camiñar
cotián. P.X.N.S. Amén.
MIRADA DE ESPERANZA
Coñecerte, Señor, é
aprender a escoitar a túa voz,
que nos fala na
historia, nos acontecementos, na vida.
É descubrir a túa
presenza nos sinxelos e desvalidos,
nos que non teñen voz
nin sitio na sociedade dos nosos días.
É atender á túa palabra
e intentar vivir conforme a ela,
facendo o ben,
preocupándonos dos demais,
sendo honestos, xustos
e sinceros.
Coñecerte é practicar
as túas ensinanzas,
non quedar na teoría,
nun saber estéril.
É ser misericordioso,
compasivo, atento para co outro,
disposto sempre a
compartir penas e ledicias.
É ter sentimentos,
tendo cada día un corazón coma o teu.
Axúdanos a coñecerte
mellor,
converte as nosas
falsas crenzas,
destrúe as falsas
imaxes túas que facemos
para evitar o
compromiso que significa seguirte.
Dános coherencia para
vivir como aprendemos de ti.
Que o noso coñecemento
sexa fonte de vida.
Que nunca descoidemos a
nosa formación no eido da fe.
Comentarios